Joaquín Cadilla Castro, "Xoquín" - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Joaquín Cadilla Castro, "Xoquín"

ENTREVISTA
Joaquín Cadilla Castro, Xoquín”, presidente da Organización de Palangreiros Guardeses



Joaquín Cadilla Castro, Xoquín, mariñeiro e fillo e neto de mariñeiros, é, en sociedade co seu irmán Manuel, armador dos buques Balueiro Segundo, Balueiro e Sempre Juan Luís.
A primeira vez que se embarcou foi no verán do ano 82; tiña 14 anos e acaba de rematar o 8º de EXB, opoñéndose a decisión dos pais que querían que o fillo estudase, pero el prefería o mar. Aquela primeira experiencia foi unha a proba. O “Balueiro”, alcume do pai, “non mo puxo fácil, aínda que eu non o pensara, el sabía que era un crío”. Antes de rematar a marea xa pediu a Joaquín “pai”, que o matriculara en BUP, “ser mariñeiro non era para min. Despois a vida devolveume ao océano, ese parecía ser o meu lugar, ata hoxe”.
En 2008 accede á presidencia de Orpagu, “Oganización de Palangreiro Guardeses” que este ano volverá a convocar eleccións, xa que os mandatos duran tres anos. O sistema funciona marcando 10 nomes na lista na que entran todos os asociados. Os dez máis votados asumen a responsabilidade de traballar polo presente e o futuro da organización.

Estamos vivindo una epidemia que nos obrigou a estar un “longo” tempo pechados. Moi curto se pensamos nas condicións dos mariñeiros nun barco da Guarda. Como se vive esta situación a bordo dun barco de Orpagu?
Na normalidade do illamento, como maneira cotiá de vivir, na mestura de traballo e descansos rotativos. Nada é diferente (salvo as precaucións en porto) a antes do COVID19, máis que as preocupacións sobre o que acontece en terra, cos familiares, en especial cos maiores.

Con que medios de seguridade e prevención, que poidan dar tamén tranquilidade á tripulación, se conta nos barcos?
Unha vez se espertou esta besta microscópica encendéronsenos tódalas alarmas. Convivimos co risco habitualmente, e iso, quizais, fixo que fóramos conscientes do perigo desde o primeiro minuto e cazounos no Ribel Terceiro. Estábamos a traballar arreo na busca de medidas de protección e precaución dentro das limitacións que nos transmitían os médicos e laboratorios cos que contactamos. Hoxe temos preparadas actuacións no eido das analíticas e tests para tódalas tripulacións que se embarquen, EPIs especializados na limpeza, desinfección e precaución a disposición dos barcos.

E estamos falando de que media de tripulantes por barco?
De 14

Esta tripulación ten que compartir que superficie?
Non sabería decilo exactamente, porque depende do barco, pero falamos de espazos compartidos: camarotes, comedor, cociña, baños, etc. Nun barco todo son espazos comúns. O distanciamento é literalmente imposíbel, de aí que tódalas precaucións no contacto con terra sexan poucas.

Nalgúns barcos conviven xentes de diferente cultura, lingua, costumes, crenzas... Que nacionalidades encontramos a bordo? E non se producen conflitos con esa diversidade?
Efectivamente conviven todo tipo de culturas, relixións e idiomas. Normalmente sen ningún tipo de problema. Na miña propia experiencia estou en condicións de dicir que das mellores mareas que lembro son as de maior diversidade. As veces, ao ver as novas nos medios de comunicación, fáisenos incomprensíbel o nivel de conflicto e odio por razóns de crenza ou raza, porque se é posíbel convivir nun espazo tan reducido e tenso como un barco en actividade pesqueira, como no o é no mundo?. Non é lóxico no eido da razón. Simplemente cun chisco de respeto e empatía co compañeiro xa se xenera espazo para a convivencia. Conservo unha foto dunha das miñas marés. Dan (senegalés) permitiume inmortalizar algo que facía cada amencer: no seu camarote, de xeonllos, orando ao seu Deus. Na porta do armario, xusto enfronte, Xosé tiña un poster de san Caetano. Son amigos.

E como se entenden uns con outros?
No idioma do respeto, a cooperación e a solidaridade mútua no traballo. A comunicación entre dúas persoas está moi por enriba das linguas.

Falamos de “confinamento” os que vivimos en terra, nas nosas casas, aínda que con posibilidade des saír a facer compras. Canto dura o “confinamento” dunha tripulación antes de volver a terra?
Dependendo do barco e a zona onde traballe: desde dous meses a cinco. Nestes intres, máis doloroso que o confinamento está a ser a imposibilidade de voltar a casa no remate da campaña debido as restricións de movilidade.
Un barco require de moitas tarefas a bordo, aínda así hai tempo libre. En que se invirte o tempo de lecer habitualmente?
Vai na persoa, pero básicamente, hoxe en día, cine e series, videos da familia, fotos, etc. Cada tripulante soe ter o seu disco duro cos seus arquivos. Compartir charlas e letura quedaron noutros tempos. Desapareceu, practicamente o momento da partida de cartas, pero nos últimos tempos, coa mellora dos equipos satelitais, tamén se incorporou o whasapp cos familiares e amigos.

Arestora, con cantos barcos conta Orpagu?
Desde que adquirimos o recoñecemento de Organización transnacional por parte da UE, o Goberno español e o Goberno portugués, falamos de 60 barcos : 40 de bandeira española e 20 de bandeira portuguesa.

E se falamos de número de tripulación total, de canta xente estamos a falar? A maioría galegos?
Non sabería decircho con exactitude, pero por enriba dos 600. Galegos na práctica totalidade dos mandos. Despois, dependendo dos caladoiros e das obrigas vencelladas as licencias varía. Quizais hoxe ao país que máis se acude a buscar tripulacións e Indonesia, pero podemos atopar tripulantes dunha ducia de nacionalidades.

Unha tripulación exclusivamente masculina?
Poderíamos dicir que si. Só atopamos presencia de mulleres no eido biolóxico e científico. Temos o compromiso de embarcar mulleres biólogas tanto como o soliciten as empresas encargadas do control científico da nosa actividade.

En que mares faenan os barcos de Orpagu?
Na totalidade dos océanos regulados polas organizacións internacionais, isto é Atlantico, Índico e Pacífico

Sería posible especificar o número de barcos por océanos ou zonas de pesca?
No Océano Índico, 6 barcos; 8 no Océano pacífico, arredor de 18 no Atlántico Sur e o resto no Atlántico norte.

Cal é a maior problemática coa que se enfronta actualmente a flota pesqueira?
De forma inmediata, sen lugar a dúbidas, a xudida pola crise do COVID19. No noso caso os prezos do peixe, con toda a restauración pechada, os hoteis, o turismo parado, e sobre todo, que as zonas máis castigadas polo virus coinciden cos nosos principais mercados: madrid, Costa Mediterranea, Italia.
De forma máis ampla, todo o relacionado cos recursos, coa pesca ilegal admitida, ou calada, por pertencer básicamente a primeira potencia económica do mundo da pesca, que non é outra que China, se conte o que se conte. É unha loita de David contra Goliat, pero aínda non atopamos a onda coa que vencelo. Isto fai, que nos vexamos atacados e perxudicados unha e outra vez pola posición, as veces, indoente, da UE, que pensa que con machacarnos a nós soluciona o problema, e non é certo. O único certo coa súa postura é que si salva o seu problema, que se resume nun slogan fermoso válido para o que desexan oír en Bruxelas, pero intranscendente para os océanos e letal para a nosa flota. Veuse agora coas sobadas máscaras, da inverosímil dependencia do exterior para algo tan fútil desde o punto de vista da produción. Que pasará cando en vez de ser máscaras teñamos que comprarlle os alimentos?

E para facer fronte a ese problema, por onde pasan as solucións?
Creo que é algo tan sinxelo como o que están a entender algúns países importantes do mundo: Calquer sector relacionado coa alimentación da poboación é estratéxico. Non pode dar o mesmo telo que non telo. Protexer a sostenibilidade, a igualdade nas esixencias responsabeis do sector primario que actúa sobre recursos naturais. Non é admisíbel que nos atopemos con milleiros de barcos sen control polo mar, polo feito de ter unha bandeira que o mundo teme polas débedas adquiridas, mentres nos miden os segundos cada día de actividade aos que non somos máis cunha mota de pó no circo internacional que nos regula.

Orpagu ten, e xa fixo realidade, algúns proxectos importantes. Un deses proxectos que se pensaba para o bienio 2019-2020, ademais para “levantar” na Guarda, era crear unha fábrica de envasado dos produtos que captura Orpagu. ¿En que situación se encontra agora mesmo esta iniciativa?
Temos nas mans o desenvolvemento técnico, despois de que a Asamblea Xeral de Orpagu lle dese a xunta directiva e á xerencia o visto bo para seguir dando pasos. O calado do proxecto lévanos a ser cautos, pisar firme e tratar de non cometer erros. Nestes intres estamos a espera de que nos entreguen o estudo económico, vital para a consecución do proxecto. Como é habitual neste tipo de estudos, poñeránnos sobre a mesa varias opcións sobre as que a Asamblea deberá decidir. Neste ano, aínda cos atrasos producidos por esta crise na que aínda estamos inmersos, teremos que ter a decisión tomada.

A Guarda, 13 de maio de 2020
Regreso al contenido