Fuxidos na Gandra e Pintán - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Fuxidos na Gandra e Pintán

Arquivo 2020
Fuxidos na Gandra e Pintán
por Victoriano Rodríguez
 
 
Agustín da Crangosta e Guillermo Vicente Santiago
 
Nesta historia, trátase de rescatar a tráxica situación vivida por estes dous veciños nosos que polos seus ideais foron perseguidos, tendo que esconderse e pasar grandes sufrimentos eles e as súas familias.
 
Agustín Da Crangosta
 
Agustín González Otero, Agustín da Crangosta, nace en 1905, sendo fillo de Manuel e de Tía Juana da Crangosta, que tamén tiveron a Soledad, Virginia e a Leoncio “O Mudo. Viviron en dúas casas pegadas na carretera da Gandra, entre a das Paleonas e a de Casiano. Estas vivendas foron compradas, a de Soledad por Chelo de Teodora, que na actualidade está totalmente reformada, e a “do mudo” por Eladio de Rosina, que aínda conserva a fachada no seu estado orixinal.
 
A que ven interesarse por este esquecido veciño de A Gandra? Para min sempre foron un misterio as lendas e fama atribuídas a Agustín da Crangosta de bandoleiro e lavixante. Que pode haber de certo e de mentira nesta fama? Cando daquela non había liberdade de expresión e a información era manipulada aos intereses do Réxime. Era moi fácil atribuírlle as culpas de tódolos males, naqueles anos de fame, a quen non podía defenderse, por estar proscrito polo sistema.
 
Agustín González Otero cásase con Herminia, irmán xemela de Pepe Revella, e tiveron dúas fillas: Olga e Libertad (Libertad que na actualidade vive en Vigo, me aporta datos e testemuñas a esta historia). Vivía esta familia nunha casa ao lado da fonte de Pintán. Aínda que a tráxica vida que sufriría Agustín desenrolase na casa dos seus pais e de seus irmáns na Gandra.
    
O matrimonio Herminia e Agustín
      
Agustín González Otero, popularmente coñecido por Agustín da Crangosta, sobrenome este que ven da súa nai Tía Juana da Crangosta, traballaba nas Cachadas de torneiro-alfareiro; empresa na que tamén traballaba o seu irmán “O Mudo, a quen os rapaces chamabámoslle “O Ata. Era Agustín sindicalista da C.N.T. nas Cachadas e home de esquerdas, polo que cando se deu o golpe de Estado no ano 36, e ante os abusos que cometen as tropas nacionais xunto cos falanxistas e as novas autoridades, decide esconderse, hasta que pasaran aquelas “augas envoltas”. Pensando el, coma outros moitos, que os rebeldes poderían perder a Guerra, ou que fosen clementes coas xentes de esquerdas que apoiaron ao Goberno da República; cousa que non se deu, sendo a represión brutal e sen piedade, para os republicanos e as súas familias. A este respecto escribe J. M. Villa (2002) no libro Sindicalismo no Baixo Miño (1930-1936), pax. 212:
 
A considerable presencia do sindicalismo no Baixo Miño na década de 1930 e o seu alto grado de participación na política facía dos sindicalistas un dos maiores mobilizadores sociais e políticos daquela época. Esta circunstancia explicaría que cando estoupou a Guerra Civil, a primeira represión se dirixira directamente sobre eles, especialmente sobre os sindicatos obreiros que permaneceron en plena actividade despois da vitoria electoral do Frente Popular en febreiro de 1936. Fixémonos tan só no mes que seguiu ó alzamento: o 4 de agosto de 1936 foi "paseado" nos arredores de Mondariz Francisco Rodríguez Otero; o 10 de Agosto eran fusilados na Guarda os irmáns, e sindicalistas guardeses, Antonio e Angel Domínguez Pacheco, xunto cos tres obreiros da localidade: José Alonso Portela, Herminio Domínguez Pérez e Julio Saavedra Galiñanes; o final dese mes, o 25 de Agosto de 1936, Manuel Noia Gil era paseado nas rochas de San Xián (Oia); e a comezos de setembro era fusilado no Rosal o sindicalista goianés Daniel Carrera Martínez. Algúns caerían máis tarde, como o caso dos camposinos Nemesio Álvarez e Eladio Álvarez. Outros conseguiron sobrevivir, ben pasando polo cárcere, ben como fuxidos. Este ultimo foi o caso do significado agrario e deputado a Cortes, Antonio Alonso Ríos.
 
Agustín sobrevive fuxido 9 anos, hasta o ano 1945 que tras un accidente e detido e encarcerado. Durante estes 9 anos que estivo escondido foi sometido a unha persecución e caza por parte da Garda Civil e dos falanxistas que, tras moitas pericias e axudado pola súa familia, logra burlar.
Como a súa casa en Pintán era pequena e estaba moi vixiada, escondeuse na Gandra, nas casas de seus pais e de súa irmán Soledad, facendo entre os pisos, fallados e os baixos das dúas casas unha serie de comunicacións e de escondites camuflados; coa complicidade dos da casa, evitou ser descuberto ante os rexistros a que eran sometidas estas vivendas. A este respecto, outro celebre fuxido, Juan Noia, escribiu no seu libro Fuxidos, pax. 259: “Fue peligrosísima mi estancia en Pancenteno. Y lo fue porque las huestes del terror le dedicaron a aquellos contornos una atención desmedida, a causa de que en sus cercanías residía la familia del Alcalde de Tuy, Guillermo Vicente Santiago, así como la de Agustín González, ambos "trofeos" muy solicitados y de incalculable valor para obtener la alta recompensa...

 
Neste lugar na carretera da Gándara, esconderíase Agustín 9 anos. A casa do medio aínda conserva a súa fachada co
seu estado orixinal, era da súa nai, Tía Juana de Crangosta. A de máis abaixo está totalmente reformada, sendo naqueles
tempos case que igual á anterior, e era a de Soledad da Crangosta.

 
Durante todo este tempo destacou a valentía e coraxe que Ile botou a súa irmán Soledad da Crangosta na protección e defensa do seu irmán; esta muller de "novelos"; cando a Garda Civil e os falanxistas irrompían na casa, enfrontábase a eles e armaba un alboroto para ganar tempo, e que Agustín puidera esconderse ou fuxir polos Matos de Muniño. Tamén, cando pasaban o portal da eira, tiña un gran manoxo de chaves coas que facía que non acertaba coa chave no buraco da fechadura, e facendo ruído, para advertir a Agustín da presencia dos perseguidores. Nunha ocasión viñeron moitos Gardas Civís, que se dividiron uns por arriba e outros por abaixo, e non o atoparon tampouco, xa que se metera no escondite; o escondite era nunha pilla de argazo seco que tiñan sempre na corte da casa de Soledad, na que había un zulo no medio, ao cal se chegaba por un túnel de táboas camuflado; nunha ocasión chegaron a ter medo xa que pincharon a pilla do argazo cos sables. Tamén noutra ocasión estiveron moi preocupados bastante tempo, xa que Agustín que pasaba o tempo lendo, se puña a ler, a tomar o sol e pasalo tempo nunha ventana do fallado que daba para atrás; un día un fillo de Casiano subiu ao tellado desde onde o descubre. Pero esta familia, nunca delataría ao seu veciño. A súa cama sempre estaba feita, para non levantar sospeitas, e moitas veces durmía “co mudo”. Agustín dentro da casa facíalle a comida para Soledad e arranxaba a casa; tamén estaba ao corrente da evolución dos veciños, xa que por un mainel que tiñan no baixo que daba para a carretera, miraba pasar a xente e escoitábaas falar, así como tamén vía e coñecía aos rapaces que xogaban á pelota diante da súa casa. No Carnaval disfrazábase de entroido e saía ás rúas. Conta Libertad que sendo nenas ían á “Doutrina” á parroquia, e ese día puxeran as nenas en fila para facerlles un sorteo dunha moneca. O catequista don... utilizou o sorteo polo sistema de... Chiribitón... pelo gato 1,2,3,4, que Ile foi a tocar a Libertad; entón o coñecido catequista dixo: Non vale!, como lle tocou á filla do “rojo” que está en Rusia, vólvese a sortear de novo! Viñeron as nenas desconsoladas, que contan o feito na casa, o cal o comunican a Agustín, quen Iles di que non manden máis ás raparigas á "Doutrina". Por este tempo, as fillas aínda non coñecían ao seu pai. As nenas viñan dende Pintán á casa da tía Soledad a folgar coas primas América e Alicia, e para que o seu pai puidera velas e collelas no colo, os da casa facían a “escena, que aquel home era un pobre que chegaba a pedir esmola. Ía a xogar con elas Chelo de Teodora, e en ocasións Soledad Ile dicía: Vaite que anda o trasno por aí! Tempo despois, Chelo daríase conta que era para que non vise a Agustín que andaba pola casa.
 
Nunha ocasión chaman ao cuartel a Herminia para que "cantara" onde estaba o seu home Agustín (a crenza era que escapara para Rusia). Herminia tiña moito medo, xa que era interrogada polo tristemente célebre Capitán... temido polo trato vexatorio e despiadado cara ás persoas de esquerdas e aos seus familiares cando eran chamados ao Cuartel. Tódalas testemuñas din que o saúdo era abofetear aos alí chamados; Herminia tiña moito medo a que Ile cortasen o pelo ao "cero", como tiñan feito con outras mulleres dos "rojos". Herminia co medo que levaba dilles ás súas fillas Liberia e Olga (dúas crías) que a acompañarían: Filliñas, a min alí (no Cuartel) agarraime cada unha por un brazo e non soltarme nunca! Cóntame hoxe Libertad que tiñan elas máis medo ca súa nai; di que en vez de protexer á súa nai, agarrábanse máis forte a ela ao ver diante a aquel tirano. O irmán de Agustín, “o mudo”, tamén o presionaran para que descubrise o paradoiro de Agustín.
No ano 1945, é detido Agustín, cerca da casa de Clavelina. Segundo versión popular, entrara nunha casa en Pías, e fora descuberto; ao escapar e saltar unha parede, partiu unha perna, vindo arrastro polas bouzas para chegar ata rego fondo da Lameira e atravesar a carretera pola pontella da Xeixenta, e vir cara a casa; escondérase nunha pilla de tonas, o cal foi visto por (...) que avisou ao Cuartel. Moitos veciños presenciaron esta detención, e me conta máis de un, que chamaran ao médico D. (...) que Ile di aos Gardas: iPara esto me llaman, para que lo cure, péguenle un tiro aquí mismo! Sobre este caso, a versión que me dá a familia é máis ou menos a mesma, pero que os motivos de ir a unha casa de Pías foran outros: era que estaba tratando a súa fuxida cara a Portugal polo río nunha barca. Agustín bota un ano nas cárceres de Tui e Vigo, onde é curado e xulgado, sendo absolto ao non encontrárenlle delito de ningún tipo; digamos que a sorte de Agustín foi que o colleran 9 anos despois de comezada a Guerra, que se cae nas mans daqueles verdugos que o primeiro o perseguían, con delito ou sen el, cheifábano igual. Así a todo, o sistema demonizara ás xentes que destacaran de esquerdas na República; contaba Agustín coma un chiste, que cando se casou a súa sobriña América, el foi de padriño de voda, e que ao velo dentro da igrexa, unha beata fuxiu espantada pola porta travesa cara á Abadía a voces: Señor Abá, señor Abá , está o demo dentro da igrexa!
 
No ano 1949 trasládanse a vivir para Vigo, onde Agustín e as fillas traballarían na fábrica de Álvarez. Despois traballaría nunha cerámica no Cerquido, ata o ano 1952 que se van para Bilbao, empregándose nos Altos Hornos de Vizcaya, onde traballaría ata a súa xubilación. No ano 1955 cásase Libertad e marcha para Brasil; ese mesmo ano, tamén marcha Olga para Venezuela. Leoncio “o mudo vaise a vivir para Mazaracos, para a casa de Virginia. No tempo que eu tamén vivín naquel barrio, cada vez que nos atopábamos, acercábase a min e coa súa forma de expresarse me sinalaba coa man cara á Gandra, entendendo eu que me preguntaría como andaban as cousas pola Gandra e por miña nai Saladina. A esta familia aconséllanlles que Ile cambien o nome a Libertad, como xa o fixeran outros, xa que ese nome era unha provocación ao Réxime. Non o fixeron, claro. Hoxe en día Libertad aínda di que se sinte e sentiron moi orgullosos de levar este nome, polo bonito que é, porque llo puxeran seus pais, e polo seu significado.

Foto na Catedral de Bilbao, ano 1970, na voda de Manuel e Mercedes. De esquerda a dereita están: Agustín, Herminia, Jesús, Mercedes, Manuel, Hermelinda e Valentín
 
No ano 1949, Soledad tamén se vai para Venezuela, onde xa estaban as súas fillas América e Alicia. Falece Soledad González Otero no ano 1995. Do home de Soledad perderían o contacto con el, ao pouco de marchar para o Brasil. Esta valerosa muller, Soledá da Crangosta "a rosquilleira", merece extraordinaria mención, xa que coa súa valentía e sacrificio, Ile fixo máis levadeira a penosa odisea sufrida por seu irmán Agustín da Crangosta (irmáns dos de antes, unha auténtica heroína).
 
Falece súa muller Herminia no ano 1974 no País Vasco. Agustín vense para Vigo no ano 1989, falecendo no ano 1999 con 93 anos de idade. Conta seu parente Jesús de Pancenteo, que cando ía a visitalo á Residencia, xa nos últimos tempos da súa azarosa vida, Agustín González Otero, Agustín da Crangosta, aínda Ile dicía que o sistema ideal era o da igualdade e da solidariedade, pensamento e ideal que morrerían con el.
 
Juan Noia Gil escribe no seu libro Fuxidos, pax. 324:
"Pasamos por Torroña muy cerquita de la casa de Donata donde habían estado escondidos el diputado agrario Antón Alonso Ríos y el alcalde de Tuy Guillermo Vicente Santiago, que, con Juan Noya, primer teniente alcalde del Ayuntamiento de La Guardia, eran los tres cuyas cabezas las habían puesto a buen precio, quienes seguían en ignorado paradero".
 

De esquerda a dereita, o alcalde de Tui, Guillermo Vicente Santiago; o deputado a Cortes da República, Antón Alonso Ríos; o tenente alcalde do Concello de A Guarda, Juan Noia e Agustín González Otero ; “trofeos” moi buscados polas forzas franquistas e falanxistas, que nunca os puideron localizar, burlando a morte de mans de criminais despiadadas.
Guillermo de Pintán
por Victoriano Rodríguez

Guillermo Vicente Santiago era fillo de María Santiago dos Loureiro e de Florindo Vicente. Estando estes na emigración no Brasil nace Guillermo no ano 1896; sendo aínda pequeno Guillermo, vanse para Bos Aires, onde estudia o Bacharelato (Bachiller), e as especialidades de taquígrafo e mecanógrafo e traballa no Banco Nacional de Arxentina. Tiña tres nacionalidades: Española, Brasileira e Arxentina, sabía inglés e francés. Viñeron para España e deu escola en Pintán. Tamén traballou na Sucursal de Banco que tiña a familia Nandín na Guarda. O 11 de decembro de 1924, cásase con María Álvarez en Salcidos, e do seu matrimonio tiveron tres fillos: Marina, Laureano e César.
 

Guillermo no Viso coa súa tía Florinda e a súa muller María (vese a sensibilidade de Guillermo polos animais en moitas fotos coma esta).
 
A actividade de Guillermo desenrolouse principalmente en Tui, onde se emprega nunha sucursal bancaria. Foi Director e propietario da imprenta onde se publicaba o semanario “Tribuna e “La lntegridad. A este respecto escribe Ernesto Iglesias Almeida (1995), no libro LA IMPRENTA EN TUY, pax. 78 e 79:


"Este periódico (Tribuna, que se subtitulaba como "Semanario Popular de Tuy", vio la luz su primer número el 19 de marzo de 1933, siendo su propietario D. Guillermo Vicente de Santiago.
 
Salía todos los lunes, variando su número de páginas entre cuatro y ocho, con un formato de 34 x 25 cms. y precio de 10 céntimos. Su impresión se realizaba en la lmprenta de D. Manuel Álvarez, calle Martínez Padín, n.° 4, en donde tenía también su redacción y administración. Tuvo una duración de dos años, siendo el último número publicado el 77, correspondiente al 16 de septiembre de 1934.
 
Este semanario se definía como independiente, republicano de izquierdas y anticlerical. Además de las noticias y asuntos locales traía muchas noticias de A Guarda y O Rosal".
Exercía Guillermo Vicente de Santiago, alcalde de Tui cando o día 18 de Xulio de 1936, o Xeneral Franco, apoiado por unha parte do Exército, polas dereitas, o clero e o capital, dan un golpe de estado contra o Goberno legalmente constituído da República, dando lugar a unha tráxica guerra civil entre españoles, na que se cometerían todo tipo de inxusticias por ambos bandos. Gañada a guerra polos insurrectos "nacionales" impuxeron unha férrea ditadura, na que se eliminarían as liberdades democráticas, e se vería unha España sumida nunha longa noite de pedra durante corenta anos, regresando a unhas situacións de atraso económico, cultural, social, o illamento internacional, e a unha brutal e sanguinaria represión cara as xentes de esquerdas e aos seus familiares, das que non se libra o noso veciño Guillermo e familia.
 

Cruce a Portugal na rúa Martínez Padín en 1970. No canto da rúa, xunto ao actual Banco de Santander,
estaba a Imprenta de D. Guillermo Vicente.
 
Ante os acontecementos, fórmase en Tui o Comité de Defensa da República, presidido polo alcalde Guillermo Vicente Santiago (tamén Presidente do Partido de Izquierda Republicana de Tui), polo médico don Hermenegildo Losada (presidente do Frente Popular), o deputado Antón Alonso Ríos, o farmacéutico Ulpiano Piña, o comerciante Manuel Romero e o panadeiro Gumersindo Rodríguez da C.N.T. (este último fusilado nos primeiros días). As primeiras medidas deste Comité foron: xuntar e organizar as forzas dispoñibles entre Gardas Civís, Carabineiros dos postos do Río Miño, as forzas do Cabo Fradera e de paisanos leais á República, para facerlle fronte ás tropas sublevadas. Ponse á fronte o Capitán de Carabineiros D. Marcelino Rodríguez Blanco, aínda que recibira por teléfono a orde desde Vigo: "que tomara presos a todos los significados de izquierdas, sin distinción, fueran rojos o no, y si eran muchos que los despachara, que en todo caso esto era lo más aconsejable"... Esta milicia montou o seu cuartel no edificio do Seminario e para que non se sumaran á conspiración, os milicianos deteñen ao cura de Budiño, por pegarlle un tiro a bocaxarro coa súa escopeta de caza a un dos milicianos; preguntándolle D. Guillermo ao bispo Don Antonio García, onde quería que estivese custodiado para evitar que se cometeran desmáns con el, sería levado para o palacio episcopal. O Secretario do bispo, envíalle unha carta persoal a Don Guillermo na que Ile daba as gracias pola "forma delicada que el Sr. Alcalde había tratado a los sacerdotes". O señor bispo don Antonio García y García que dá unha de cal e outra de area, en Crónicas Diocesanas, do boletín da Diocese de Tui, do segundo semestre de 1936 di: Poner en tela de juicio la legitimidad del alzamiento militar nacional sería como poner en tela de juicio si el sol es o no esplendoroso. El Señor libró a la Diócesis de Tuy de todo desmán antirreligioso de importancia. Ni un sacerdote o religioso o religiosa o seminarista fue muerto o herido o en otra forma personalmente atropellado. Ningún templo, ni capilla, ni casa religiosa... Ni un sagrario, ni una imagen... profanados. Ni el menor robo ni... En verdad, grande ha sido, grandísima, la misericordia del Corazón Sacratísimo de Jesucristo sobre esta diócesis, sin duda por la intercesión del Apóstol Santiago y de San Telmo, patrono celestial vigilantísimo de la ciudad y diócesis de Tuy. Ben, entendamos que con toda a protección Divina que o Sr. bispo atribúe a que os republicanos en aquelas fechas non cometeran desmáns contra da Igrexa, haberá que dicir tamén, que as xentes de esquerdas afíns á República non deberían ser tan malas. Non tiveron a mesma sorte as xentes das esquerdas do Baixo Miño cando caeu na man dos sediciosos (esta zona sería a última da provincia en ser tomada polos rebeldes o 26 de xullo), as persecucións, represións e asasinatos foron xeneralizados e sen piedade.

Acta da sesión do Axuntamento de Tui en Xullo de 1936, onde destaca a firma de Guillermo Vicente de Santiago pola súa "elegancia".
 
O tenente de carabineiros Buhigas sería confinado na súa casa por opoñerse á defensa de Tui. Este Buhigas destacaríase despois na Guarda polas atrocidades cometidas: formou parte do "Tribunal" como fiscal acusador contra os irmáns guardeses Domínguez Pacheco, Galiñanes, Xosé Portela e Herminio, de 35, 32, 26, 24 e 22 anos de idade, respectivamente, que serían condenados a morte, e entregados a os falanxistas... Os cales os matarían no lugar de Paraños, A Sangriña. Cando o día 26 entran na Guarda os "nacionales", se Ile suman os falanxistas da zona, no Coruto. Fai referencia a este episodio Juan Noia en Fuxidos pax. 253, onde di: "Al teniente de carabineros Salvador Buhigas que venía al frente de aquella heterogénea columna de... facinerosos. Este dio, posesión a la primera Gestora de los sembradores del terror, que quedó constituida así: Acalde: (...), Teniente alcalde (...), etc."
 

Guillermo é o que está sentado con traxe negro, na primeira fila ao lado do neno. O comentario superior é de seu puño e letra,
onde se ve a brillante caligrafía que tiña.
 
En Tomiño, encabezada polo Deputado Antón Alonso Ríos, tamén se organiza o Comité de Defensa, detendo ao cura de Tebra, o Paco Pino, e a outros que mandan para a cadea de Tui. Como na Guarda non se organizara a defensa armada, o día 25 de Xullo ven Alonso Ríos con dez carabineiros, dez soldados do Cabo Fradera e vinte paisanos armados, estes con escopetas de caza, para facerlle fronte ás tropas si entraban pola zona de Oia. Entón, chama Guillermo por teléfono a Brasilino para que envíe para Tui a eses voluntarios, xa que se estaba librando batalla na Costa da Moura, no Cerquido, contra as tropas rebeldes, e nada máis chegar pasan á liña de fogo. As cinco da tarde, os atacantes puxéronse en retirada, tendo sete mortos e trinta feridos. A xente de Guillermo e Alonso Ríos tiveron dous mortos e sete feridos. O domingo 26, chegan máis tropas rebeldes en tren a Guillarei, os atacantes apoiados por artillaría, obrigan aos resistentes a abandonar a costa da Moura, retirándose para o monte Aloia, en dous turismos, dous autobuses e un camión; eran unhas oitenta persoas, entre as que tamén ía María, a muller de Guillermo. Desde aquí comezaría o drama para todos eles, un grupo cando se rendeu foi ametrallado alí no mesmo sitio, outros fóronnos "cazando" e foron atopados mortos polas cunetas. Os que escaparon tiveron fatal e distinta sorte, despois de andar fuxidos, cando os colleron ou se entregaron, foron asasinados ou encarcerados.

Foto de veciños de Pintán feita por Guillermo. De pé, na fila de atrás, de esquerda a dereita están, primeiro Clementina,
nai de María (muller de Manuel “o cachuzo). A terceira muller é a Tía Basilia, a cuarta tía Martina (muller de Tío José
“o cachuzo da Proba) e a quinta é María, a muller de Guillermo
 
Desta situación, escribe Josefa G. Segret, (vda. de Hipólito Gallego, mestre de Forcadela, asasinado á baioneta o día 15 de Agosto) no libro Abajo las Dictaduras, pax. 206-207:
 
"Días y días se suceden de espanto, de terror, ante el bandidaje, el saqueo, la amenaza constante de aquellos perros miserables, babeantes de deseo y de ansias de destrucción.
No, no hay frases que puedan expresar el estado de tribulación, que el ánimo se ve obligado a soportar cuando aquellas partidas de bandoleros, en sus diarias tropelías, asaltaban los hogares con el derecho que le daban los fusiles, apuntando a los pechos indefensos y rastreando los lugares donde podían encontrar los seres que uno idolatraba y que ellos gozaban con poderlos a su gusto asesinar.
Aquellos seres, cuya persecución alcanzaba a quienes les prestaba ayuda, quedaban por tanto condenados a las torturas que las necesidades producen en el organismo, cuando no son reparadas.
Aquellos seres, en su caso tenían todas las necesidades cubiertas y las comodidades necesarias, se ven obligados a vivir entre brellas, como cualquier salvaje animal, perseguidos como alimañas por unas hordas de asesinos que asolaban al país Llevando por emblema una medalla pendiente de la solapa y un fusil que utilizaban para cazar a esos seres humanos, que eran honra y prez de la nación".
 
Destes fuxidos, o dia 27, Guillermo Santiago, Alonso Rios e María, escapan cara a Tebra e pasan a noite nun cabanón. María vaise para Tomiño, ao día seguinte van para Cristelos e dormen na casa do Bouzada. A muller de Bouzada, que ven de Tomiño, avísalles que os veñen perseguindo, polo que á noite do día 30 dormen nunha leira de millo; ao día seguinte o Gradín acompáñaos a Torroña, á casa de Donata, onde están escondidos hasta o 10 de Agosto, chegándolles noticias, que escoitaran na tenda de Burgueira, de que había fuxidos na zona. Volven a Vilachán e pasan dous días nun cabanón, e o día 30 voltan a Torroña e no monte en Bonabal atópanse cunha vella que andaba ás piñas, e que ao velos escapou asustada para o pobo; pouco despois, aparece o pedáneo e dous homes, aos que os fuxidos cóntanlle a verdade, traéndolles despois a estes pan e auga, e non os delatan. Estiveron cobixados na casa da Donata do 14 ao 19 de agosto ata que subiu a madriña de Guillermo a informarlles dos que habían matado pola Guarda e O Rosal, e que saíran os falanxistas detrás deles dende a Guarda e Tui, e que xa os estaban buscando en Burgueira. O día 19 de agosto ás11 da mañá, ante o acoso ao que estaban sometidos, e para non prexudicar aos seus protectores, abandonan ese lugar. Ao lado do curro de Torroña, despídense estes dous infortunados compañeiros, a cal ía a ser a última vez que se verían, collendo cada un seu camiño, marcados ámbolos dous pola traxedia e o sufrimento.
 
Antón Alonso Ríos marcha cara ás Tebras, a noite do día 20 fai unha cama de feitos, na que durmiría 15 días. Estivo sen comer durante este tempo, ata que foi a unha leira de millo e colleu espigas verdes que comeu. Tamén meteu algunhas nunha saca que fixo cunha manga do abrigo que Ile deran na casa en Torroña cando marchara. O día 4 diríxese de noite a Torroña e, na casa de Donata, dinlle que os veciños foran ameazados se daban cobixo aos fuxidos; polo que Antón decide vestirse alí mesmo con roupas vellas, aparentando un pobre, e diríxese cara ao sur pedindo esmola. Seguiu por Tebra, Porriño, Salceda, A Cañiza, Melón, Maside, Carballiño… ata chegar a Moreiras. Durante dous anos fíxose pasar por pobre pedindo esmola polas aldeas e durmindo nos cabanóns e nas cortes. Levaba sobresaltos cando a Garda Civil ou os falanxistas o interrogaban, dicíndolles que era Afranio do Amaral e que viñera de Tras Os Montes (Portugal) co seu pai de esmoleiro para León, e que ao morrer seu pai, el quedou na España e seguiu pedindo esmola, non tendo documentos, nin sabendo de familia, nin de onde era. Ademais, deixara unha longa barba para esta futura situación. Venme ao recordo, un parecido con Jesús o Monte. No ano 1939, cando pedía esmola en Moreiras, ofrécenlle quedar de criado nunha casa de campo. Acepta gustoso e traballa facendo as tarefas dun criado... arrancando esterco, cavando, cortando gateño,... Un día estaba mallando na herba cando chegan uns segadores do centeo que se coñecían de antes. Antón, para non ser descuberto, marcha para Forcarei, onde ca "experiencia" pide traballo de criado nunha casa, onde é moi ben tratado. Estivo tres meses nesa casa, e despois diríxese cara a Portugal, tratando de conseguir pasar para as Américas. Despois de moitas peripecias, atópase na Serra da Peneda en Portugal, onde pasa dous meses escondido nunha cova entre peñascos, chamada a Cova dos Lobos. Tapaba a boca da cova desde dentro cunha pedra. Como no inverno e cando non andan os pastores co gando, era o tobo (madrigueira) dos lobos. Nese lugar cumpriría os 51 anos. Consegue chegar ata Lisboa e é axudado por uns industriais de Tomiño, que estaban nesa cidade. Finalmente consigue embarcar, chegando o 29 de xuño de 1939 a Bos Aires, rispándose así das gadoupas da morte.
A Guillermo se Ile agrava o mal do peito que padecía ao vivir en aquelas precarias condicións e por non recibir o tratamento axeitado. Acompañado de Lola e Donata, achégase cara abaixo, indo a recollelo súa cuñada Martina nun burro, para esconderse na casa dos pais en Pintán. Nesta casa fan un alzapón debaixo dunha cama que comunicaba coa corte da vaca, onde cavaran un refuxio que tiña unha tapa e que disfrazaban con gateño e esterco. Neste zulo escondíase Guillermo para non ser detido polos Gardas Civís e os falanxistas que frecuentemente allanaban e rexistraban a casa de día e de noite.

 
A humidade do sitio e a falta de medicinas, íanlle minando a saúde a Guillermo, tanto que cando rexistraban a casa tiña que meter un trapo na boca, para que non Ile escoitaran os tusidos. Dentro dos perseguidores, había un bo home que Ile avisaba á familia de Guillermo cando "ían a ir os escopeteiros na súa caza". Cando os perseguidores se acercaban polo camiño da Fontebieita, na casa da súa tía Basilia, o seu can “o Burca” xa os delataba pola súa maneira de ladrar. Polo que nunha desas, os falanxistas quixéronlle matar o Burca, a tía Basilia colleu o Burca entro os brazos e Iles dixo que terían que matar a ela tamén. Ao pouco tempo o Burca aparecería morto. Tamén Iles foi de gran axuda o canciño León, que cando Guillermo estaba escondido polo día nalgunha leira de millo ou na casa dos Cachuzos, na Bisorca, decaínlle León, busca a Guillermo! Entón o Leonciño ía a dar con Guillermo no seu escondite. Nun papeliño que levaba escondido debaixo do cinto, Guillermo escribía onde se atopaba, para que Ile levaran a comida.

 
A súa nai ía aos mercados cun burriño, saídas que aproveita para ir a Tui ao médico don Darío Álvarez Blázquez, fillo de D. Darío Álvarez Limeses, coñecido como "médico dos pobres" (fusilado o 30 de outubro do 36). Ambos eran amigos de Guillermo. De forma secreta e con grande risco, D. Darío atendía a Guillermo a través das visitas de María, enviándolles as escasas e pouco eficaces medicinas existentes para a tuberculose que padecía.

 
A muller de Guillermo, María é encarcerada en Tui, onde tamén estaba Josefa García Segret (que máis tarde sería condenada a morte); esta valente muller finxe estar embarazada, e coa complicidade do médico D. Darío e con altísimo risco, certifica o ficticio embarazo, librándose da morte. Sen embargo, pasaría ata o 22 de Marzo de 1944 en varias prisións por toda España. Despois do calvario pasado, Josefa ven a recuperarse para A Guarda. Meten a María nun local ao lado do de Josefa. Como facía moito frío aquela noite, María estaba acurrunchada chorando, polo que Josefa pásalle unha manta por medio do cabo de garda. Ao marchar este, pregúntalle - quen era? Estes feitos relátaos Josefa no seu libro Abajo las dictaduras, pax. 233:

 
¡Soy María! ¡La de Guillermo!
 
¡¡Lastimero sollozo!! ...  . ¡sofocado en mi garganta! Corriendo amargo Ilanto, al choque violento de polos tan opuestos. ¡Aquel presente de ceniza!... ¡Y el pletórico ayer, rebosante de felicidad y de vida!...
 
¡Guillermo! ¡Guillermo! ¡Íntimo amigo de mi esposo! ¡Presidente de Izquierda Republicana y Alcalde de Tuy!
 
"Guillermo!... Huido como tantos otros, perseguido inhumanamente, y cuya muerte, más tarde, encerrada en el mayor secreto, escapó a los villanos de aquella malhadada persecución!
 
¡Guillermo! ¡Paquito! ¡Gumersindo! ¡Cortés! ¡Guinde!  ¡Antonio! ¡Todos!... ¡Todos!... ¿Dónde estáis caros amigos del pasado?
 
¡Poblabais la inmensidad del espacio en puras y luminosas
 
vidas, que aletean primorosas al bien del Gran Hacedor!...

 
Aquella explosión de Ilanto, al oir - "Soy María, la de Guillermo", fue como un dique, cuyas compuertas son arrancadas por la violencia del agua acumulada…
 
Polo ano 1939, foi a xunto Guillermo outro celebre fuxido, Juan Noia. Guillermo coméntalle de entregarse, o que Juan Noia Ile recomenda que non o faga, xa que ían a celebrar con el un escarnio. Outros que non cometeran ningún delito foran asesinados conensaña. O seu irmán Manolo, que non quixo fuxir entendendo que non fixera dano a ninguén, foi martirizado, mutilado e ao final asasinado en San Xián. Que non Ile farían a el, que había organizado a defensa armada contra os facciosos? Ao pouco tempo deterían a Noia, sendo encarcerado e condenado a morte.


Guillermo Vicente Santiago na eira da súa casa en Pintán coa súa tía Florinda. A velliña do medio é Tía María e a da esquerda Tía María do Loureiro, nai de Guillermo. Detrás está o cabanón onde sería enterrado Guillermo (quen diría que vendo esa cara irradiando vitalidade e felicidade, alí nese mesmo sitio sería a súa tumba durante 35 anos).
 
A consecuencia desta penosa situación, e despois de catro anos de privacións e sufrimentos, falece Guillermo o día 1° de maio de 1940, con 46 anos de idade, liberándose así daquel calvario e burlando as ansias de darlle caza, por parte de aqueles que Juan Noia relataba en Fuxidos, pag. 259 - A Guillermo Vicente y a Agustín González, ambos "trofeos" muy solicitados y de incalculable valor para las huestes del terror. Sempre dicían María e Martina "Aquela mañanciña que finou o noso Guillermo, pola cereixeira e arredor da casa os paxariños cantaron máis ca nunca" (sería que o non poder tocar as campás, os seres da natureza veneraban aquela inocente vítima humana). Pero non acabarían aquí as penurias para os seus familiares, xa que para non verse sometidos a represalias, por haber ocultado a Guillermo durante 4 anos, deciden seguir co secreto do seu paradoiro, ocultando o seu cadáver. Pola calada, para que non se enterasen os veciños, Martina e María nunha esquina do cabanón da casa cavan unha cova, e mándanlle facer unha caixa ao Tío Ricardo da Cunchada, na que enterran a Guillermo, poñéndolle enriba unha pilla de leña, para disimular. Neste lugar permanecería 35 anos enterrado, hasta fai pouco tempo, ata o ano 1975 en que os seus restos sufrirían outra patética situación. Aínda que daquela o loito era sagrado, esta familia non o vestiu por medo, desorientando máis aos perseguidores que seguiron allanando e rexistrando esta casa. Con todo este panorama a súa sufrida nai, a Tía María (Santa María!) ponse mal da cabeza e tamén morre pouco tempo despois. A viúva María ten que sacar aos fillos pequenos para adiante e, ademais de traballar no campo, ía cun burriño á zona do monte a vender café, azucre... e traía centeo e mel.
 

Estado actual (2005) do antigo cabanón onde estivo enterrado 35 anos Guillermo. Hoxe é o garaxe da casa.
 
Di Cesar que sendo rapaces sempre vían chorar á súa nai naquel cabanón. E Ile preguntaban - Mamá, por que chora? Tiña que ser moi duro para aquela nai, non poder dicirlle que debaixo dos seus pes, onde xogaban, tiñan enterrado ao seu pai.
  
Sendo Cesar mozo, necesitaba un certificado de "boa conduta" para o Servicio, e foino a solicitar José María Peniza “o Junio, home de Marina, a tal autoridade (Don ...) dille - para o fillo do rojo que estaba en Rusia, non Ile daban o devandito certificado. Junío, ao chegar á casa cóntalle a María que non Ile deran o tal documento, por o “rojo” estar en Rusia. Ao que María exclamou - Xa ben quixera eu que o meu Guillermo estivera en Rusia! Os fillos, cando ían á escola, eran insultados por outros rapaces e raparigas, chamándolles “rojos” comunistas. Ao Tío José do Cachuzo, méteno nunha camioneta para darlle “o paseo e matalo na Regueira. Toda a familia foi detrás del e métese na camioneta, impedindo así aos falanxistas cometer tal macabro fin. Cando chegan á Vila (A Guarda) con el vivo e toda familia arroupando ao Cachuzo, o cabecilla local, o tal... recrimínalles aos da camioneta, de non haber cumprido coas órdenes dadas, ao que estes Ile sinalan cara aos familiares protectores do Tío José. Tiveron máis intentos de "glorificarse" matando a este bo veciño, que parece que os "graves" delitos de que se Ile acusaban era que ía pouco á misa e ser tío da muller de Guillermo. Noutra ocasión que o levaban a dar “o paseo intercedeu por el o veciño Antonio Morales, que fixo dar volta á comitiva terrorista e levounos a casa do Tío José, onde Iles mostraron que na casa tiñan unha imaxe da Virxe. Salvouse de milagre!
Con toda esta dolorosa vida, María (Santa María, mártir) ponse mal da cabeza e falece o 24 de febreiro de 1975. O relato que ven a continuación contáramo Francisco o Cachuzo (q.e.p.d.), hai moitos anos, unha noite de tertulia facendo augardente, deixándome arrepiado. Aproveitando a morte e enterro de María, el (Francisco o Cachuzo), Junío e Martina, que era esta a que coñecía o sitio onde ela había enterrado a Guillermo facía 35 anos, volven a cavar no cabanón, no sitio en que estaban os restos de Guillermo. En secreto, métennos no fondo da caixa, xunto coa súa defunta muller, María Álvarez; recibindo así humana e cristián sepultura, no cemiterio de Salcidos, 35 anos despois da súa morte. Daquela aínda gobernaba Franco (que morrería ese mesmo ano), polo que o temor aínda existía. Polo tanto, fixeron todo este patético proceso en secreto, e nin sequera llo dixeron ao Sr. Abade.
 

Foto en Torroña, na casa de Donata, "santuario" onde estivo escondido Guillermo e Antón Alonso Ríos nos primeiros días da guerra.
De esquerda a dereita Marina (filla de Guillermo), Carmiña (filla de Marina), María (viúva de Guillermo), José M. Peniza (o Junio) e Adelina (irmán de Donata).
 
Destacar a figura da súa cuñada Martina da Proba, que coa súa coraxe e valentía axudou a sacar adiante aquela amarga traxedia.
 
Os descendentes de Guillermo non recuperaron nada do material espoliado na súa imprenta de Tui. A día de hoxe, as autoridades tudenses nun tiveron a dignidade de facer mención a quen fora Alcalde dese Concello, adicándolle unha praza, rúa... ou distinción ben merecida.
 
A motivación de rescatar estes dramáticos relatos acaecidos no noso pobo de A Gandra e Pintán pretende:
 
-       Sacar á luz uns feitos reais que foron ocultos e manipulados durante o Réxime, e nos trinta anos de Democracia tampouco se fixo ningunha mención para a rehabilitación da imaxe e honra destes dous esquecidos demócratas veciños nosos. Os asasinos, verdugos e delatores daquela negra etapa, camparon con total impunidade, amparados polo Réxime. Namentres, as vítimas eran consideradas como apestados. Os criminais, verdugos e cómplices, teñen nome e apelidos e todo o mundo os coñecía. nesta historia omítense todos estes nomes, para non relacionar aos descendentes destes detestables personaxes, xa que pasadas algunhas xeracións, nada tiveron que ver con aqueles feitos. Tamén deixar claro que a actuación das forzas do Orde e das da Administración na represión naqueles acontecementos, son expostos nunha etapa moi lonxana, e naquelas circunstancias. Hoxe en día, a Administración Democrática, a Institución da Garda Civil, e a Igrexa gozan dunha alta estima por parte da sociedade en xeral.
 
Que este escrito sirva de recoñecemento e homenaxe a aquelas vítimas inocentes Agustín e Guillermo, e súas sufridas familias. Mencionar a labor de dúas extraordinarias mulleres, Soledá da Crangosta e Martina da Proba. DÚAS HEROÍNAS. E reflexionar para que situacións como estas, non ocorran nunca máis.
 
FONTES E BIBLIOGRAFÍA
- O Señor Afranio. ANTÓN ALONSO RÍOS. Ediciones Castrelos, 1979.
- Fuxidos (Memorial de un republicano perseguido por el franquismo). XOAN NOIA XIL. Casuz Editores, Venezuela, 1976.
- Abajo las dictaduras. JOSEFA GARCÍA SEGREL. Vigo, 1982.
- La imprenta en Tuy. ERNESTO IGLESIAS. Tui, 1995.
- O Tui esquecido. SUSO VILA-BOTANES. Tui, 1999.
- Memoria histórica. Concello de Narón.
- Cuando la sangre llegó al Miño. Historia 16. Nov. 1977.
- Sindicalismo no Baixo Miño (1930-1936). JOAQUÍN VILLA ÁLVAREZ. A Guarda, 2002.
Agradecer a familiares e paisanos que me aportaron datos e testemuñas para esta historia, así como tamén a J. A. Uris Guisantes e J. Antonio Vicente (Toñito Mariano), polos datos das súas bibliotecas particulares.
 
Victoriano de Saladina Xunqueiriñas
A Gandra 18 de Xullo de 2005
Regreso al contenido