Don Nicolás Gutiérrez Campo - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Don Nicolás Gutiérrez Campo

PUBLICADAS

Nicolás Gutiérrez Campo
(Segovia, 1909-A Guarda, 1964):
un mestre bejarano que Galicia gañou para sí
por Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez
 
(1)
 
Nicolás Gutiérrez Campo naceu en Segovia, o 13 de outubro de 1909, no nº 4 da rúa Doctor Pichardo, onde a súa familia residía naquel momento . O seu pai, Sadot Gutiérrez, casado con Anastasia Campo, era funcionario xefe de prisións, e esa circunstancia obrigouno a pasar por diversos destinos antes de asentar definitivamente en Béjar, provincia de Salamanca. Alí permaneceu o resto da súa infancia e xuventude, na vivenda familiar dentro da vella casona do cárcere, actualmente convertido en Consistorio e Casa de Cultura.
 
Nicolás Gutiérrez naceu nun contorno acomodado, e iso permitiulle acceder aos estudos medios e superiores nun tempo en que ir á escola era un privilexio fóra do alcance de moitas persoas.[1].

En Béjar, onde se tiña trasladado a familia, escolarizouse no Colexio Salesiano (1915-1921)[2], cursou o bacharelato medio no Instituto de Ávila (1921-1925) e o bacharelato superior no Instituto Cardenal Cisneros, en Madrid (1925-1927), o que xa o capacitaba como mestre bacharel. Nicolás continuou con proveito estudos de maxisterio na Escola Normal de Salamanca, matriculado por libre durante os dous cursos seguintes e rematou en 1929 co título de Mestre. Durante ese tempo tivo ocasión de coñecer o modelo de ensino da Institución Libre de Enseñanza (ILE), un proxecto pedagóxico que, entre 1876 e 1936, tratou de promover a rexeneración moral, intelectual e social do país.
 
A ILE nacía a raíz da expulsión dun grupo de profesores tras o intento de limitar a liberdade de cátedra nas universidades ao prohibir a difusión de calquera doutrina contraria á Igrexa católica e a monarquía, baixo o reinado de Isabel II co Goberno de Narváez. Fundouse en Madrid como sociedade por accións o 10 de marzo de 1876 coa dirección de Francisco Giner de los Ríos (1839-1915),[3] catedrático de Dereito na Universidade Central, e consagrouse «al cultivo y propagación de la ciencia en sus diversos órdenes», como reza o Artigo 1 dos seus Estatutos.[4].

Para o seu discípulo Antonio Machado, Francisco Giner foi “el maestro”;[5] para o seu amigo Miguel de Unamuno, o “Sócrates español”. Joaquín Costa dixo que, “más que un hombre, Giner es una categoría”.[6] “La obra de Giner es tan considerable, que cuanto existe en España de pulcritud moral lo ha creado él”, escribiu Manuel Azaña. A súa solvencia e prestixio facilitou que figuras como os mencionados Joaquín Costa e Antonio Machado; o escritor Leopoldo Alas, o pintor Joaquín Sorolla, o xeólogo e zoólogo Augusto González de Linares, o médico e investigador Santiago Ramón y Cajal ou o político Federico Rubio entre moitos outros, prestaran á ILE o seu apoio moral e económico. Os primeiros accionistas, en número de 201 entre os que se atopa algún dos mencionados, representaban a sectores da sociedade liberal e rexeneracionista, comprometidos co seu avance social e educativo. Entre tantos homes ilustres tamén se atopaban dúas mulleres destacadas: a ferrolá Concepción Arenal e a coruñesa Emilia Pardo Bazán, con quen Giner mantivo unha amizade moi achegada.[7] A ILE pasou por varios locais ata establecerse nun edificio construído no actual Paseo de Martínez Campos.
 

FOTO 10. Patio interior nas instalacións da Fundación Francisco Giner, que ocupan parte dos edificios históricos da ILE no madrileño Paseo de Martínez Campos
 
Esta Institución, que desenvolveu o seu labor educativo á marxe do Estado e situou o seu ideario lonxe de calquera dogma político ou relixioso, influíu decisivamente na modernización do ensino entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX. Integrou no seu claustro membros destacados da chamada Xeración do 98, que formaron aos mozos da Xeración do 14, entre os que se atopaban Manuel Azaña e José Ortega y Gasset, Gregorio Marañón ou Ramón Pérez de Ayala. Giner escribía en 1906: «España carece hoy de un personal directivo, lo cual exige que se prepare un nuevo personal superior del modo más intensivo y rápido. Mas también aprovechar lo mejor del antiguo hasta el último límite».[8]
 
Con ese obxectivo naceron, baixo a súa iniciativa, a Junta de Ampliación de Estudios (1907), a Residencia de Estudiantes (1910), a Residencia de Señoritas (1915) e o Instituto-Escuela (1918) destinados a formar un feixe de mulleres e homes que habían destacar no mundo das letras, da ciencia, das diversas artes ou da política, agrupados despois na Xeración do 27 como foron, entre outros, o poeta Federico García Lorca, o pintor Salvador Dalí, a avogada e política Victoria Kent, o cineasta Luis Buñuel, a filófosa e escritora María Zambrano, o científico Severo Ochoa ou a pintora Maruja Mallo.
 
Foron o froito da rexeneración pretendida polo “maestro”, no eido da cultura, a ciencia, a arte e a sociedade, destinados a dirixir o país desde diferentes esferas durante o primeiro terzo do século XX. Por iso, as directrices da política educativa que se quixo implantar na República tiñan unha forte pegada institucionista. Desde a súa fundación en 1876, o espírito da ILE prendeu nas xeracións de docentes e educadores que como Nicolás Gutiérrez habían exercer entre finais do século XIX e a fin da Segunda República, e adiantouse a case todas as innovacións introducidas pola pedagoxía moderna.
  
O seu método intuitivo, precursor da aprendizaxe significativa, iniciou un cambio profundo nos anticuados modelos pedagóxicos, e ata a o golpe de estado, o institucionismo veu impregnar dun novo espírito o panorama educativo ao introducir o ensino da ciencia desde idades temperás e promover un modelo de escola neutral e respectuosa coa conciencia relixiosa do alumnado. A ILE ampliou nas súas aulas a duración da escolaridade desde os 6 aos 14 anos, e a continuidade entre os estudos primarios e o bacharelato. Adoptou o modelo de coeducación, recomendou a avaliación continua antes que os exames finais e preferiu a confianza e a responsabilidade, como pauta educativa, no canto da disciplina e o castigo. Ademais, os e as institucionistas foron uns decididos partidarios da incorporación da muller con plena igualdade de xénero na extensión universitaria e na formación profesional: elocuente resulta Francisco Giner ao afirmar naquel tempo que “la mujer debe educarse no como el hombre, sino con el hombre”.
 
Fronte á tradición memorística e rutinaria, os institucionistas aplicaron a intuición como procedemento metodolóxico e introduciron outras innovacións como a educación física, os xogos na escola, as ensinanzas plásticas, a música, os traballos manuais ou o contacto coa natureza como un recurso habitual na aprendizaxe. Se foi Rousseau quen afirmou que a mellor lección é a que se dá á sombra dunha árbore, Francisco Giner engadíu que era máis proveitoso un día no campo que na clase. E o seu discípulo Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935), Director do Museo Pedagógico Nacional e máis tarde Presidente do Patronato de Misiones Pedagógicas insistía en que “hay que llevar al niño al taller, al museo, al campo. Que conozca la realidad en la realidad, y que luego entre en el aula para reflexionar sobre lo que ha visto, para plasmarlo por escrito y transformarlo en conocimiento”.[9] . Dese modo, as constantes visitas aos museos, as excursións e saídas á natureza, a organización de colonias estivais[10] e de viaxes didácticas definían un determinado modelo de renovación pedagóxica co que o mozo Nicolás se identificou de contado, aplicándoo desde entón, e ao longo da súa vida. E, malia o labor da ILE non ser visto con bos ollos desde a meirande parte das entidades políticas e relixiosas que gobernaban o país, en anos posteriores serviu como inspiración para unha esperada e necesaria reforma no sistema educativo.[11].
   
_____________________
[1] Narciso de Gabriel, «O soño da escola pública», Eduga. Revista galega do ensino 49 (2007): 50-56.
[2] “En  1905-1906  se aproxima  su  número al  de  300, consecuencia evidente de pasar de ser escuelas de pago a escuelas gratuitas. Son niños con edades comprendidas entre los seis y los catorce años, distribuidos en  cinco  aulas, la  primera  de ellas  destinada  a los  párvulos (esta desaparecerá en 1908)”. José María Hernández Díaz, «Educación y sociedad en Béjar en el primer tercio del siglo XX (1900-1936)», en Historia de Béjar, Vol. 2, coord. José María Hernández Díaz, Antonio Avilés Amat, (Salamanca: Diputación de Salamanca, 2012), 381.
[3]  “Francisco Giner fue un jurista de formación y profesión, con amplios conocimientos en varios campos  del saber,  una fundamentación  filosófica sistemática,  una  gran sensibilidad artística, una  curiosidad intelectual  múltiple  y grandes  exigencias éticas, que  destacó  especialmente como  uno de  los  grandes innovadores  pedagógicos  y como  un  educador nacional”. Pódese acceder ao coidado perfil que elaborou en 1993 o profesor Julio Ruíz Berrio:
[5] Antonio Machado, que foi persoa moi próxima a ILE por ser alumno de Giner e posteriormente formar parte do Padroado das Misións Pedagóxicas, compuxo un fermoso poema con motivo do seu pasamento, do que reproducimos os primeiros versos: “Como se fue el maestro / la luz de esta mañana / me dijo: Van tres días / que mi hermano Francisco no trabaja. / ¿Murió?... Sólo sabemos / que se nos fue por una senda clara, / diciéndonos: Hacedme / un duelo de labores y esperanzas. / Sed buenos y no más, sed lo que he sido entre vosotros: alma”.
[6] Sobre a relación de Joaquín Costa con Giner de los Ríos e a ILE: JoaquinCostaEnElRecuerdoDeLaInstitucionLibreDeEnse-104982.pdf
[7] Raquel Vázquez Ramil, «Las mujeres gallegas y la Institución Libre de Enseñanza: de Concepción Arenal a las universitarias de la Residencia de Señoritas», en As mulleres na historia de Galicia, coord. Miguel García-Fernández, Silvia Cernadas Martínez, Aurora Ballesteros Fernández, Vol. 1, (Santiago de Compostela: Andavira, 2012), 165-196.
[8] Juan Marichal, «Presencia de Giner (1898-1998)». Revista Residencia 5 (1998).
[9] Eugenio Otero Urtaza, Manuel Bartolomé Cossío: pensamiento pedagógico y acción educativa (Madrid: MEC, 1994).
[10] As colonias  escolares  de  vacacións organizadas pola ILE,  dirixidas  inicialmente aos rapaces de contextos urbanos marxinais, tiñan a finalidade de ofrecerlles unha educación adecuada e un positivo  paréntese estival,  dándolles a oportunidade  de pasar varias semanas  vivindo en contacto coa Natureza e recibindo uns coidados e atencións básicas das que a cotío non gozaban.

Sendo neno, Nicolás debeu rebrincar pola Cuesta de San Juan e as inmediacións do acueduto, nunha Segovia similar á que amosan estas imaxes dos anos vinte, de Otto Wunderlich. (Arquivo Wunderlich, Instituto del Patrimonio Cultural de España)


Edificio do vello cárcere, hoxe Casa do Concello na Praza Maior de Béjar
 

Nicolás gozou dunha infancia acomodada


Colexio Salesiano de Béjar

O bacharel Nicolás Gutiérrez
 

Madrid, 1926, Rúa Amaniel. Ao fondo esquerda, o edificio do Instituto Cardenal Cisneros


Autorretrato de xuventude


Francisco Giner de los Ríos, entre Ricardo Rubio e Manuel Bartolomé Cossío en 1892


Os e as institucionistas foron uns decididos partidarios da incorporación da muller como a plena igualdade de xénero da extensión universitaria e da formación profesional obreira
 
Manuel Bartolomé Cossío, por Joaquín Sorolla. Cossío foi un estudoso da figura e da obra de El Greco, trazo que Sorolla quixo reflectir alegoricamente neste retrato
 

Colonia da ILE. Praia de San Vicente de la Barquera, Cantabria, agosto de 1930
 

Colonia  da  ILE. Prado  de  San  Vicente  de  la  Barquera,  Cantabria , agosto de 1930
[11] Para afondar no que foi o proxecto educativo da ILE, e entre a extraordinaria cantidade de libros e artigos publicados, achégase o texto de Herminio Barreiro, «A Institución Libre de Enseñanza, unha política da pedagoxía», Sarmiento. Revista galego portuguesa de Historia da educación 5 (2001): 7-20.

(2)

Despois de rematar a carreira e de opositar en Madrid, temos a certeza de que Nicolás chegou Galicia o ano 1933, destinado á escola de Souto, no concello da Estrada (Pontevedra), onde permaneceu ata maio de 1934. De alí pasou a Castrogudín (Vilagarcía de Arousa), desde maio a setembro dese ano;[1] e seguidamente á escola de Zamáns, naquel momento concello de Lavadores. Alí exerceu ata o golpe de estado do 18 de xullo de 1936. En todas elas había atoparse unha realidade amarga, definida pola miseria e o abandono en que estaba sumida a sociedade campesiña e mariñeira, así como a escaseza de medios e recursos que padecía a escola no mundo rural para desenvolver axeitadamente o seu cometido.
   
Non temos ningunha imaxe de Nicolás Gutiérrez co seu alumnado naqueles anos, pero non debía ser moi diferente, por exemplo, á de Manuel García Barros na escola de Curantes (A Estrada, 1927), ou á de Tomás Peiteado Mariñas na escola “Rosalía de Castro”, levantada por emigrantes silledáns desde Buenos Aires, na parroquia de Laro (Silleda, 1923).[2] Ambos, por certo, depurados en 1936 como Nicolás. O que si nos queda son estes fermosos retratos de varios alumnos que compuxo estando en Zamáns: fillos de labradores, traballadores sufridos da terra e do monte, coidadores do contorno. Portadores dunha vasta e riquísima cultura, aínda que probablemente condenados ao abandono e á falta de oportunidades a causa da súa deficiente escolaridade.
 
Para achegarnos á realidade escolar que atopou en Galicia, abonda ler a carta coa que o mestre estradense Manuel García Barros,[3] contemporáneo de Nicolás, se dirixía en 1927 desde o xornal El Pueblo Gallego aos mozos e mozas recén saídos da Escola Normal. O panorama que aquí describe pode aproximarse ao que Nicolás atopou no seu primeiro destino en Souto: “Te estoy viendo, maestro novel, con una llave en el bolsillo junto al título administrativo que tantas amarguras y sinsabores te ha costado conquistar, orientándote por cerros y cañadas camino de tu escuela. Llegarás por fin a una aldea; te señalarán un portalón que da a un corral. Subirás unas escaleras descarnadas, meterás una llave y empujarás una puerta que se abre trabajosamente. Eso que allí ves, es el salón de clase de tu escuela, de aquella que has visto por fin en la Gaceta[4] como coronamiento a tus arduos afanes. Mírale bien, si puedes. Por luz, una sola ventana del tamaño de una plana de periódico; si acaso, una puerta que da al corral y por cuyas junturas entra el sol a raudales, pero por la que también entra el agua y el aire helado.  
 
Si quieres saber lo que hay detrás del tablado que divide o separa la estancia de otra que nada tendrá que ver con ella, mira por cualquiera de las rendijas y observarás que se trata de un dormitorio, que al mismo tiempo es depósito de trastos viejos. Mira hacia arriba y verás el tejado escueto con las señales evidentes de las cien goteras con que serás obsequiado en la primera invernada y en las que siguen. Mira hacia abajo: por las resquebrajaduras abiertas del piso verás que estás sobre una cuadra y tal vez te entretenga el zumbido de las moscas que suben y en que vinieron envueltos los animales que acaban de llegar del pasto.
 
Fíjate en el moblaje: cuatro o seis bancos largos y estrechos, criminalmente construidos, con seis agujeros que te indican que serán seis, por lo menos, los niños que habrán de sentarse en cada uno: para ti verás destinado un taburete tras una mesa, toda de la misma época y del mismo estilo artístico que los bancos. Y no se te ocurra poner reparos a nada, porque te dirán: ¡Ay, señor, se vira logo a de Marxadelos ou a de Trabamarcos, ou a de Cangalleiros! Iste local, en comparación con aqueles élle a gloria”. Escenas similares ás que o activo mestre e xornalista describe nestas liñas cargadas de ironía habían conformar o seu medio inicial de traballo, como amosan as paisaxes naturais e humanas que plasmou con sensibilidade na súa pintura. Con todo, aquela realidade tivo visos de mudar, pouco a pouco, coa instauración da Segunda República, a que o Ministro Marcelino Domingo chamou “República de los maestros”.
 
República de mestres, denominación que casa coa vontade dos seus dirixentes, formados ou militantes da ILE, nos que primaba o convicción de que só un pobo formado podía garantir a estabilidade política e o progreso social. Era, por tanto, un labor do profesorado, máis nomeadamente do maxisterio, educar as clases populares, de sempre abandonadas polas oligarquías. Era ese profesorado o encargado de sentar os cimentos da educación primaria, da educación das clases humildes daquela “República democrática de trabajadores de toda clase” —como dicta o Artigo 1 da Constitución de 1931— sobre as que debería erguerse o edificio republicano. Un gran exército composto por 40.000 efectivos, segundo contaba o pedagogo institucionista Lorenzo Luzuriaga,[5] máis tarde exiliado á Arxentina. Efectivos carentes de recoñecemento gobernamental nas súas continuas reclamacións de mellora e dignificación, que prestaron ilusionada atención á chamada republicana e emprenderon a “misión pedagóxica” de educar aos labregos, mariñeiros e incipientes proletarios industriais. Cumpría dotalos dos instrumentos intelectuais e ideolóxicos necesarios para liberarse das cadeas da ignorancia e iniciar un proceso de rexeneración capaz de acadar a transformación profunda da realidade socio-política e cultural dun estado empobrecido, atrasado e corrompido por gobernantes ineptos.
 
O trunfo das candidaturas republicanas nas cidades precipitou a súa proclamación o 14 de abril de 1931, o que, en opinión de Emilio Grandío, suscitou unha serie de expectativas e proxectos en certos sectores da sociedade civil. Profesións liberais, nova burguesía comercial, movemento obreiro, sectores nacionalistas, novas elites políticas… tiñan, no seu conxunto, un proxecto de República. Malia non ser totalmente coincidente, todos compartían a urxencia contida durante anos para levar á práctica unha necesaria rexeneración da sociedade.[6] “Fue un día profundamente alegre —muchos, que ya éramos viejos, no recordamos otro más alegre— un día maravilloso en que la naturaleza y la historia parecían fundirse para vibrar juntas en el alma de los poetas y en los labios de los niños”, como escribiu no seu momento Antonio Machado.[7]
_______________________
[1] Cómpre sinalar que o mestre que ocupou despois esta escola, Segundo Abal Padín, foi asesinado en 1938.
[2] Sobre a intervención escolar realizada en Galicia desde América pola nosa emigración, pode consultarse o traballo. «As escolas da emigración». EDUGA. Revista galega do ensino 52 (2008): 50-54.
[3] Manuel García Barros, tamén coñecido polo alcume Ken Keirades (A Estrada, 1876-1972), foi mestre, e xornalista, contemporáneo de Nicolás Gutiérrez. Colaborou co El Estradense, e posteriormente foi un dos fundadores de El Emigrado, ambos xornais de signo agrarista. Foi depurado a partir do golpe de estado con suspensión de emprego e soldo, que xa nunca lle foi restablecido. No ano 1957 incorporouse á Real Academia Galega.
[4] La Gaceta de Madrid era o órgano oficial do goberno, antecedente do actual Boletín Oficial del Estado, no que se publicaban as leis, decretos, regulamentos e demais disposicións e resolucións do poder executivo e do Tribunal Supremo e oficinas centrais.
[5] Alumno da ILE e militante socialista, foi o redactor do anteproxecto de reforma educativa, por encargo do primeiro goberno republicano. Fundou e dirixiu a Revista de Pedagogía e despois da rebelión militar exiliouse a Bos Aires, onde traballou na coñecida Editorial Losada traducindo a importantes autores, moitos deles prohibidos pola ditadura franquista [https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=1368979]. Convén anotar ademais que, grazas á Editorial Losada, iniciativa empresarial dun insigne emigrante de orixe galega, Juan Losada Benítez (1894-1981), a metrópole do Prata convertiuse na capital da cultura galega. Ademais, Losada publicou a autores prohibidos en España como Federico García Lorca, Antonio Machado, Rafael Alberti, León Felipe e Juan Ramón Jiménez. Moitos deses libros ingresaban clandestinamente á Península burlando a censura da dictadura. No seu prestixioso selo Austral, de ampla difusión popular, podía atoparse a Pablo Neruda, Roberto Arlt, Jorge Amado, Oliverio Girondo, Carl Jung, William Faulkner, Albert Camus, Pablo Neruda, Miguel Ángel Asturias, Kenzaburo Oé y Harold Pinter, entre otros. Algúns deles traducidos por Lorenzo Luzuriaga.

Porta e entrada ao local que foi escola na parroquia de Souto (A Estrada-Pontevedra).
 

Vista actual do local que foi escola na parroquia de Castrogudín (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra).


Vista actual do local que foi escola de Zamáns (Lavadores, Vigo).


Manuel García Barros e alumnado na escola de Curantes (A Estrada), en 1927.


Tomás Peiteado Mariñas e alumnado na escola “Rosalía de Castro” (Laro, Silleda), en 1923.





Fillos de labradores, traballadores sufridos, coidadores da terra, do monte, do gando.
[6] Emilio Grandío, «Estratexias de control dun conflicto civil: Galicia, 1936-1939», en A Represión franquista en Galicia. Actas do Congreso da Memoria (Narón: Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2003), 64-80.
[7] “El 14 de abril de 1931 en Segovia”. La Voz de España, abril de 1937.

(3)

E Nicolás tamén fixo súa a consigna máis popular entre os educadores republicanos que traballaron, gozaron e se apaixonaron intensamente entre 1931 e 1936 por todas as terras do estado español: a loita por unha escola pública, activa, unificada e laica. Pública e non privilexiada, activa e non disciplinaria, unificada e non segregada, laica e non confesional.[1] Unha nova escola que tratou de poñer en marcha de inmediato un equipo formado por Marcelino Domingo, mestre e xornalista, Ministro de Instrucción Pública durante o primeiro bienio; Fernando de los Ríos, ideólogo socialista e Ministro de Xustiza no primeiro goberno; Domingo Barnés, pedagogo institucionista e Ministro de Instrucción Pública en 1933 ou Rodolfo Llopis, pedagogo socialista e Director Xeral de Ensino Primario con Marcelino Domingo (1895-1983).[2] Algúns de marcado perfil socialista e outros de longa traxectoria institucionista.[3]
 
Cumpría ademais o tratamento das linguas, en especial a catalá; a urxente construción de infraestruturas escolares, a mellora económica e o estatuto do profesorado, ou a creación das Misións Pedagóxicas. Durante os dous primeiros anos da República –entre 1931 e 1933– aumentouse o salario dos mestres, aprobouse un plan quinquenal de construción de 27.000 escolas, das que tan só puideron levantarse finalmente unhas 16.000; os estudos de Maxisterio pasaron a ser carreira universitaria, tratou de dignificarse a figura do mestre, e moitos convertéronse nunha especie de ‘sacerdotes laicos’ coa misión de “redimir a España por la escuela”.[4] Algúns destes aspectos formaron parte do carreiro pedagóxico polo que Nicolás transitou ao longo da súa vida profesional. Unha mostra é a súa colaboración coas Misións Pedagóxicas sendo mestre na Estrada.
 
O proxecto das Misións Pedagóxicas representou un dos maiores esforzos realizado polo primeiro goberno da Segunda República para suprimir a fenda cultural —en termos educativos de alfabetización e escolarización— e, por tanto, o atraso material que impedía o desenvolvemento do mundo rural fronte ao urbano. Neste tempo, o púlpito seguía a ser a verdadeira escola de adultos. Aproximadamente o 40% da poboación española no seu conxunto, e preto da metade da infantil era analfabeta —unha porcentaxe aínda maior tratándose das nenas—, pero as igrexas enchíanse os días festivos e os sermóns dos párrocos orientaban a vida cotiá das aldeas. Xa sinalara Rodolfo Llopis, o mesmo 14 de abril de 1931, que as urnas viñan de reflectir a realidade da sociedade española: «Las grandes ciudades son republicanas, mientras que el campo sigue aferrado a la tradición». Por tanto, a República debía conquistar ideoloxicamente o campo ao tempo que achegaba instrumentos liberadores de cultura e educación.
 
Dese modo, mediante o fomento da cultura xeral, a orientación pedagóxica das escolas e a educación cidadá baseada nos principios democráticos, pretendeuse crear unha rede de comunicación e intercambio que permitira ao mundo rural acceder ao modelo de cultura que tiña feito evolucionar ás cidades en Europa a partir da Ilustración e, ao mesmo tempo, respectar e conxugar o riquísimo e variado acervo cultural do que a xente do campo era depositaria e portadora. O Patronato de Misiones Pedagógicas creouse por decreto o 29 de maio de 1931, inspirado nas ideas de Manuel Bartolomé Cossío, reitor da Institución Libre de Enseñanza e primeiro catedrático de Pedagoxía da Universidade española.[5]
 
As Misións Pedagóxicas contaron coa participación voluntaria e entusiasta dun grupo de intelectuais e artistas —persoas vinculadas ao mundo científico e profesorado e alumnado universitario, ademais do propio maxisterio local—, que se achegaban a zonas illadas do Estado, previa petición municipal, para organizar charlas ou montar representacións teatrais, exposicións de pintura, audicións musicais e proxeccións cinematográficas. Entre 1931 e 1936, aquel precedente do que hoxe coñecemos como intervención sociocultural, desenvolvida polo voluntariado do Padroado das Misións Pedagóxicas, chegou a preto de 7.000 vilas e aldeas onde participaron 600 misioneiros e misioneiras. Ata el 31 de marzo de 1937, repartíronse 5.522 bibliotecas, que en conxunto sumaban máis de 600.000 libros.[6] O Coro y Teatro del Pueblo realizou 286 actuacións, e as exposicións itinerantes de pintura do Museo del Pueblo con reproducións de obras do Museo del Prado, puideron contemplarse en 179 localidades.[7].
 
Nese marco de educación popular, as Misións Pedagóxicas realizaron un interesante programa tamén en Galicia, desde Ribadeo á Guarda e desde Xinzo a Malpica. Foi recollido polo profesor Eugenio Otero nun valioso traballo: Las Misiones Pedagógicas, una experiencia de educación popular.[8] No Baixo Miño programáronse diferentes conferencias pedagóxicas na Guarda e no Rosal en 1932, e destináronse seis bibliotecas populares, que se distribuiron na Guarda,[9] Guillarei, Goián, Malvas, San Salvador de Tebra e Estás.[10]
 
Como dicía Manuel Bartolomé Cossío en decembro de 1931, “Somos una escuela ambulante que quiere ir de pueblo en pueblo. Pero una escuela donde no hay libros de matrícula, donde no hay que aprender con lágrimas, donde no se pondrá a nadie de rodillas como en otro tiempo. Porque el gobierno de la República que nos envía, nos ha dicho que vengamos, ante todo, a las aldeas, a las más pobres, a las más escondidas y abandonadas, y que vengamos a enseñaros algo, algo que no sabéis por estar siempre tan solos y tan lejos de donde otros lo aprenden, y porque nadie hasta ahora ha venido a enseñároslo; pero que vengamos también, y lo primero, a divertiros”. Como tamén sinalaba El Noticiero Gallego en xuño de 1934, “Las Misiones Pedagógicas en todas partes son ocio espiritual deseado, remanso de paz altísima en las parroquias perdidas, aliento cálido, fervoroso, que reconfortan entre tanto desencanto diario”.
 
Nese grupo de voluntarios destacan, en Galicia, o escritor Rafael Dieste, xornalista e dramaturgo máis tarde exiliado en Buenos Aires; o profesor, científico e escritor Xosé Otero Espasandín, tamén exiliado en Europa e Arxentina; o poeta, ensaísta e dramaturgo Manuel Lugrís Freire, cofundador e presidente da Real Academia Galega, ademais de corredactor do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1932, ou o agrónomo e xenetista, director da Misión Biolóxica de Galicia e membro do Seminario de Estudos Galegos, Cruz Ángel Gallástegui. Tamén participaron moi activamente os inspectores de primeiro ensino Roxelio Pérez González “Roxerius”, galeguista e un dos impulsores da política educativa na provincia de Pontevedra naqueles anos de efervescencia republicana, e Manuel Díaz Rozas, outro defensor da autonomización e galeguización do ensino desde A Coruña.
 
Todos eles traballaban aquí baixo a coordinación do Consello Universitario de Ensino Primario. O mestre Gutiérrez había formar parte dese voluntariado entusiasta e tivo ocasión de colaborar pronunciando dúas conferencias no veciño concello de Forcarei: unha na escola de Pardesoa e outra na de Dúas Igrexas, co título de “La urgente necesidad de intensificar la cultura popular”. O tema escollido fala da súa identificación institucionista e unha gran sensibilidade cara as necesidades dos máis desfavorecidos, preocupación que había de acompañalo ao longo da súa vida.
___________________
[1] Seguindo o relato dos profesores Francisco de Luis, Antonio Molero e Juan Manuel Fernández Soria, o documental La República de los maestros (Arturo Villacorta, 2004) realiza un percorrido polas medidas educativas, sen eludir as dirixidas directamente contra as congregacións relixiosas, a catástrofe da guerra e a represión que padeceron os mestres e mestras republicanos. Máis recentemente, Las maestras de la República (Pilar Pérez Solano, 2013) amosa con imaxes de arquivo inéditas, a aquelas mestras republicanas, decididas e comprometidas cos seus ideais na conquista dos dereitos das mulleres e un sistema educativo moderno, público e democrático. Foi gañadora dun premio Goya en 2014 á mellor película documental. Acceso ao tráiler: [https://www.youtube.com/watch?v=p7s58S1iwSE]. Máis información sobre documentais que tratan desde diversas perspectivas a educación durante a Segunda República: [https://laescueladelarepublica.es/videoteca/]
[2] Dirixente socialista, pedagogo de formación e Director Xeral de Ensino Primario no primeiro bienio republicano. Rodolfo Llopis asumiu a presidencia do Goberno da República española, a presidencia da UGT e a Secretaría xeral do PSOE durante o seu exilio en Francia ata o famoso congreso de Suresnes (1974), onde “Isidoro”, alcume dun mozo chamado Felipe González, provocou a escisión do partido en dúas correntes, impoñéndose a orientación “renovadora”. No seu libro La revolución en la escuela (1933), Llopis escribíu: “En el fondo de todo revolucionario auténtico hay siempre un educador, como en el fondo de todo educador hay siempre un revolucionario. Por eso, en todas partes, la escuela ha sido el arma ideológica de la revolución. Por eso no hay revolución que no lleve en sus entrañas una reforma pedagógica”. Existe unha edición recente:  La revolución en la escuela. Dos años en la Dirección General de Primera Enseñanza, Edición de Antonio Molero Pintado, (Madrid: Biblioteca Nueva, 2005). (Serie Clásicos de la Educación, nº 9).
[3] Mariano Pérez Galán, «La enseñanza en la Segunda República», Revista de Educación, número  extraordinario (2000): 317-332
[4] “El advenimiento de la República ha tenido la virtud de despertar la conciencia de los pueblos. Sus Ayuntamientos se reúnen en sesión extraordinaria para tratar de cuestiones de enseñanza. Todos desean acabar con el analfabetismo. Todos aspiran a crear las Escuelas necesarias. Todos se dirigen al Gobierno provisional de la República en demanda de escuelas, convencidos, no sin fundamento, de que ha llegado el momento de redimir a España por la Escuela”. Gaceta de  Madrid, nº. 175, 24 xuño de 1931, p. 1612 (Decreto plan quinquenal creación de escolas, asinado polo Presidente do Goberno provisional da República, Niceto Alcalá-Zamora e o Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, Marcelino Domingo y Sanjuán).
[5] Sobre as Misións Pedagóxicas: Azucena López Cobo, «Por caminos de piedra, charcos y olvido. Repertorios de la cultura universal: las Misiones Pedagógicas de la II República española». Pandora: revue d'etudes hispaniques 7 (2007): 83-98. Con motivo motivo do 75 aniversario da creación das Misións Pedagóxicas, o Ministerio de Cultura organizou unha serie de actividades en memoria do fundador e presidente do seu Padroado, Manuel Bartolomé Cossío, entre as que destacou a exposición Las Misiones Pedagógicas, 1931-1936, que foi proxectada pola Fundación Francisco Giner de los Ríos, producida pola Residencia de Estudiantes coa colaboración do Concello de Madrid e inaugurada en decembro de 2006. No marco dese proxecto, o director Gonzalo Tapia realizou un magnífico documental, Misiones Pedagógicas (2006) que ofrece unha visión completa e moi entrañable daquel movemento solidario, un antecedente do que hoxe coñecemos como voluntariado social.

Representación de El juez de los divorcios, de Cervantes, en Mombeltrán


Marca-páxinas que formaba parte do material distribuído polo Padroado das Misións Pedagóxicas xunto ás bibliotecas populares


Grupo de espectadores diante dunha copia de Las Hilanderas, de Velázquez, en Cebreros (Ávila), o 15 de novembro de 1932


Misión transportando material. Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria septiembre 1931-diciembre 1933. (Madrid: S. Aguirre Impresor, 1934), 15
    

Alpujarras (Granada). Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria septiembre 1931-diciembre 1933. (Madrid: S. Aguirre Impresor, 1934) 85.
      

Beteta (Cuenca). Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria septiembre 1931-diciembre 1933. (Madrid: S. Aguirre Impresor, 1934), 63.


Cartel do pintor Ramón Gaya, encargado do Museo del Pueblo


Representación de fantoches a cargo de Rafael Dieste. Malpica, 1933


Transportando caixas con cadros do Museo del Pueblo,, 36.9 de Corcubion ao Pindo. Ría do Pindo, 1933


Esta escena, que ben puido ter vivido Nicolás Gutiérrez en Couso, recolle a curiosidade de pequenos e maiores dunha aldea remota ante a presenza dos voluntarios que chegan para organizar as actividades da misión
[6] Ana Martínez Rus, La política del libro durante la Segunda República. Socialización de la lectura. (Gijón: Ediciones Trea, 2003). Da mesma autora: «La República de los libros». HISPANIA NOVA. Revista de Historia Contemporánea 11 (2013)
[7] Pódese acceder á ficha técnica da Exposición Las Misiones Pedagógicas, 1931-1936, que contén información interesante do seu paso por Galicia. Véxase tamén: Las Misiones Pedagógicas, 1931-1936. Catálogo General de la Exposición (Madrid: Publicaciones de la Residencia de Estudiantes, 2006).
[8] Eugenio Otero Urtaza, Las Misiones Pedagógicas, una experiencia de educación popular. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1982).
[9] A meirande parte dos libros enviados á Guarda polo Padroado das Misións consérvase na biblioteca escolar do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, grazas á custodia, o coidado e interese do seu profesorado.
[10] Unha parte da Biblioteca concedida a Estás, solicitada polo mestre da escola de Fundación Peirópolis Domingo Garcés, consérvase na exposición visitable denominada “Aula Abdón Alonso”, ubicada no local escolar do CRA Manuel Garcés desa parroquia, que a historiadora Natalia Jorge Pereira organizou con esmero.

(4)


Despois de pasar por Souto e Castrogudín, o seu seguinte destino en Galicia foi a parroquia de Lavadores —hoxe viguesa— de Zamáns.
 
Despois de pasar por Souto e Castrogudín ―e tamén probablemente por O Covelo sen que de momento se poida documentar―, o seu seguinte destino en Galicia foi Lavadores, na parroquia —hoxe viguesa— de Zamáns. Alí permaneceu desde setembro de 1934 ata finais do curso 1935-1936. Zamáns foi un destino razoablemente cómodo e tranquilo onde gozou dun contorno apracible e un clima suave, en contraste cos rigores de Souto, nas frías e remotas ―se falamos dos anos trinta― Terras de Tabeirós e Montes.

Os meses de 1936 antes da rebelión foron un tempo feliz e extraordinariamente creativo, segundo revelan os cadros pintados nese momento: paisaxes que expresan a súa sensibilidade ‘institucionista’ ante unha natureza plena de beleza e harmonía; retratos de alumnos e escenas escolares que transmiten a empatía e o afecto por aquela infancia campesiña, a súa paixón pola escola rural e unha visión innovadora do oficio de ensinar. Unha obra, en fin, que proxecta a curiosidade iniciática do mozo castelán polo contorno que ven de acubillalo comezando a vida profesional, e onde tamén atopa o amor.[1]. Non se enganou Manuel Bartolomé Cossío ao afirmar, na súa preocupación pola escolaridade do mundo rural, que non era suficiente con enviar alí ensinantes: “No basta con enviar maestros, es preciso también enviar a los mejores maestros. Investigadores del alma campesina, hombres que vayan no solo a enseñar sino a aprender”.
   
Ata a chegada da Segunda República, a maior parte do ensino nas escolas primarias en Galicia estivo marcado por unha orientación tradicional e, en moitos casos, artesanal das materias instrumentais —ler, escribir e calcular— e centrada nos aspectos mecánicos máis que nos comprensivos. Orientación que se observaba nas estruturas físicas, na moblaxe e a súa disposición; nos rudimentarios manuais e outros materiais ao servizo da práctica escolar cunha ampla tradición, como catecismos, silabarios ou ‘catóns’. Toda unha liturxia que tiña o seu modo de expresión e desenvolvemento na memorización, no copiado e na declamación, acompañando en moitos casos un estilo docente escasamente profesional, rudo e autoritario, que se impartía inmisericorde a base de “jarabe de palo”. Ademais, e especialmente no mundo rural, os mestres e mestras habían de loitar contra o absentismo escolar, pois os infantes desempeñaban un papel fundamental en certas tarefas domésticas, sempre prioritarias fronte á asistencia ás clases, que contribuían a mitigar a miseria das familias extensas nunha situación crónica de precariedade e subsistencia. A miúdo, a propia iniciativa comunal trataba de paliar a carencia de instrución grazas as ‘escolas de ferrado’, tamén chamadas ‘de temporada’.[2]
   
Xunto dese contorno amable, aínda que limitado polas eivas materiais propias do contexto, Zamáns proporciónalle unha certa proximidade a Vigo e Pontevedra, onde pode compartir as súas inquedanzas profesionais con outros profesores e profesoras e participar no mundo asociativo do maxisterio, que naquel momento experimentaba unha notable efervescencia. Un ambiente no que probablemente foi introducido polo seu amigo e parente político Pedro Caselles Rollán.[3] Nicolas afiliouse á asociación Casa del Maestro[4] en xaneiro de 1935, e no seu voceiro Escuela Vivida[5] publicou un artigo no que expoñía, desde a súa experiencia nas sucesivas escoliñas galegas polas que pasara, as dificultades que atopaban os rapaces, e por extensión os propios mestres e mestras, para afrontar o problema do absentismo escolar. Este é un tema concorrente nas súas preocupacións:


Escuela Vivida. Órgano de la casa del Maestro. A estética e a simboloxía da cabeceira como nome escollido da publicación reflicten plenamente o sopro de modernidade e de renovación pedagóxica que viviu naqueles anos o maxisterio pontevedrés republicano
   
“Tal vez parezca temerario que nosotros, los maestros, último término de una abigarrada jerarquía técnica y administrativa, critiquemos y señalemos deficiencias y lleguemos hasta a apuntar, aunque muy tímidamente, alguna idea; pero es necesario que así sea, porque vivimos en contacto íntimo y sostenido con la realidad escolar y la conocemos y sentimos en toda su profundidad. La pobreza de las familias campesinas y el trabajo en común de sus miembros, necesario siempre para su sustento, son una realidad anterior y preferente, por lo inmediato de sus resultados, a la escuela”. Nicolás admitía que, “lejos de adaptarse a este primario orden de cosas, se sitúa ajena y opuesta a él, con unas horas de trabajo fijadas según un criterio único y erróneo, desconocedor de las modalidades comarcales o regionales, que hace incompatibles la asistencia a la escuela con las necesidades de trabajo o de ayuda a los menesteres campesinos o domésticos que han de prestar los niños, de cuya pugna, claro está, ha de salir perjudicada”. Nicolás recoñece a súa impotencia diante desta situación, restándolle somentes aproveitar “las escasas veces que el niño viene y tratar de conseguir que por lo menos al cumplir los catorce años y finalizar su vida escolar sepa leer y escribir y los escasos conocimientos de aritmética y cálculo que necesita más tarde para defenderse en la vida”.
    
O mestre denuncia a inxustiza que provocaba esta situación: “Pensamos en aquellas otras cosas que nos hubiera gustado enseñar y en aquellos métodos de enseñanza y trabajo escolar que nunca podemos llevar a la práctica. Pensamos también en los pobres muchachos aldeanos condenados a vivir en un nivel mental inferior que se traduce más tarde en el desprecio y la superioridad cultural de los hombres de ciudad. Y sentimos horror ante la rutina, el amaneramiento, la anquilosis profesional en la que fatalmente hemos de caer”. Para Nicolás, a solución consistía en “desdoblar la matrícula en dos grupos que asistirían a la escuela con independencia, unos por la mañana y otros por la tarde. Haría compatible la asistencia a la escuela con el trabajo o menesteres que se encargan a los niños y las faltas se reducirían considerablemente. Permitiría formar grupos más homogéneos y de constante asistencia. No se perderían tantos esfuerzos del Maestro y la labor de la clase sería más eficaz y fecunda en resultados y realizaciones. De este modo los niños vendrían a una sola sesión (ya lo hacen ahora irregularmente) pero vendrían siempre; se provecharía por entero el tiempo de su permanencia trabajando bajo la vigilante atención del Maestro que no se vería como antes obligado a dejar algunos niños sin hacer nada, con los perjuicios para la clase que esto trae, o encomendados a algún otro mayor, remedio también ineficaz”.[6] Así mesmo, forma parte do comité de mestres que se constituíu en febreiro de 1936, promovido desde a Asociación, co obxecto de defender intereses corporativos que non lles eran recoñecidos, referidos á categoría e outras melloras na súa actividade profesional.
   
Naquela época, e a través de Pedro Caselles Rollán e a súa dona Margarita Beltrán, vai coñecer a outra mestra, Ana Marina Melero Fernández, natural de Camposancos. Unha moza chea de vida, alegre e atractiva, coa que acaba casando despois dalgún tempo de noivado. A voda celebrouse na Guarda, vila natal de Marina, tal como estaba previsto, o 20 de xullo de 1936, pese a que, dous días antes, o xeneral Franco viña de dar un golpe de Estado que desembocou nunha cruenta guerra, que algúns denominan civil, con resultado coñecido. Foi a ruptura violenta do réxime político constitucional e o comezo, a partir dese momento, dun período de represión con resultado de castigos administrativos por depuración, ademais de ‘paseos’, torturas, procesos extraxudiciais confinamentos e asasinatos. Período que durou con especial crueza toda a etapa de rebelión armada e os primeiros anos da ditadura, e prolongouse na primeira etapa do franquismo. No caso de Nicolás, pouco tempo despois chegaría o “presente de voda”, como lembraba Marina: o mestre era depurado e inhabilitado sendo suspenso de emprego e soldo.
    
Aínda que moitos mozos galegos foron chamados ás filas fóra de Galicia, aquí non chegou a haber guerra porque os sublevados fixéronse de inmediato co control do país, xa nos primeiros momentos, desde entidades militares e civís. Pero isto provocou unha feroz represión con carácter sistemático e unha brutalidade inhumana contra os afiliados, militantes e familiares de todas as forzas integrantes da Fronte Popular, así como sindicatos e asociacións civís de signo progresista. Estes feitos tiveron unha das súas extensións máis crueis nos cárceres e nos campos de confinamento e concentración.[7].  Aos miles de castigos administrativos, encarceramentos e asasinatos de persoas inocentes —moitos deles aínda seguen desaparecidos, soterrados en foxas comúns sen identificar— debe sumarse o exilio e, no seu conxunto, afectaron de forma dramática aos diferentes colectivos sociais, culturais e intelectuais de Galicia próximos á República.[8] Unha situación que veu alterar as dinámicas de convivencia, especialmente no mundo rural, onde a cultura comunal tiña acadado unha proxección singular a través do sindicalismo agrario de diferente signo, ben fora católico, socialista ou galeguista.[9]
 
Dos listados de afiliados e militantes das diversas asociacións profesionais do maxisterio, sindicatos, organizacións agrarias e partidos políticos... como das delacións de curas e veciños tomaron os falanxistas a información pertinente para sospeitar, molestar, ameazar, acusar, imputar, ‘pasear’ ou mesmo executar. A xeneralización da práctica delatora puxo en evidencia que calquera podía ser sinalado; ou que calquera podía ser delator baixo presión. E sobre a sociedade galega comezou a caer unha densa poalla de receo e desconfianza que en moitos casos acabou por destruír a tradición comunal do amparo mutuo, cerne antropolóxico no que asentaba a economía rural de subsistencia. Porque ninguén se sentía a salvo do veciño: detrás de cada porta, de cada fiestra podía axexar un presunto traidor.  
   
E malia admitir que nunha situación de emerxencia como a que se vivía no bando gobernamental fronte aos sublevados, houbo purgas entre o maxisterio non republicano aínda non suficientemente estudadas, no bando “nacional” o proceso de depuración emprendido polos sublevados franquistas desenvolveuse nun auténtico réxime de terror, a fin de asegurar a súa eficacia punitiva, mais tamén preventiva, mediante o castigo e o escarmento. Incluso rematada a guerra, as depuracións continuaron con forza. Aínda foi preciso agardar ao Decreto 2824/1966, de 10 de novembro, para que se declarase a extinción definitiva das sancións pendentes de cumprimento derivadas da lexislación especial de responsabilidades políticas. Nese clima, o terror axudaba a previr, incidindo non só nos ‘culpables’, senón tamén nos sospeitosos e nos que se mantiñan neutrais.[10] Porque ser mestre durante a República foi considerado, cando menos, sospeitoso. No estado español, entre 1936 e 1942, o 40% da inspección de ensino primario, por exemplo, foi sancionada; e aproximadamente o 25% do maxisterio oficial, que sumaba entre quince e dezaseis mil persoas.
   
Dese modo, durante o verán de 1936, o mestre converteuse nunha das pezas máis cobizadas dos militares, falanxistas, requetés e, en xeral, de todos aqueles que, máis ou menos organizadamente, asasinaron sen medida na Galicia “nacional”, secuestrada polo terror. Foron castigados tanto os mestres nacionais, propietarios ou interinos, como alumnos de Escolas Normais, pois sen ter superado o trámite depurador ninguén estaba habilitado —rehabilitación foi o termo para denominar a reposición no cargo— para exercer como docente. Cómpre non esquecer aos mestres das escolas racionalistas, dos ateneos, das escolas populares socialistas, das universidades populares, das escolas laicas que os emigrantes galegos radicados en América fixeran construír durante o primeiro terzo do século XX e espallaron pola nosa xeografía. Mestres castigados e aulas intervidas, clausuradas, confiscadas ou abandonadas. Moitos daqueles primorosos “templos de saber” tornaron en pantasmas arruinados polo esquecemento e o silencio. Xunto con elas, as súas bibliotecas expurgadas, ou directamente queimadas e os seus enxovais derramados. Moitas reconvertidas, máis tarde, no instrumento ideolóxico do novo réxime, pasando do laicismo ou a neutralidade ás ladaíñas relixiosas, ás virxes e aos crucifixos; da selección de plantas para o herbario escolar á recollida de flores para “o mes de María”; das campañas festivas das Misións Pedagóxicas á violencia simbólica do Cara al Sol e outras consignas patrióticas.[11].
__________________
[1] A súa afección pola pintura, e en especial a dedicada a retratar ao seu alumnado e a reproducir escenas escolares é un aspecto singular do que non se teñen máis rexistros entre os mestres e mestras que desempeñaron o seu labor en Galicia naquel tempo. Véxase: Antón Costa Rico, «Os ensinantes e a renovación social en Galicia no primeiro terzo do século XX», en Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936) I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-1936), coords. Xosé M. Malheiro Gutiérrez e Carlos Méixome Quinteiro, (Gondomar/Santiago de Compostela: IEM/Consello da Cultura Galega, 2011), 287-296.
[2] Narciso de Gabriel, «Escolantes e escolas de ferrado», Sarmiento, Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación 3 (1999): 93-132.
[3] Pedro Caselles Rollán (1903-1983), de procedencia bejarana como Nicolás, incorporouse como xefe da Inspección de Pontevedra despois de aprobar a oposición en Madrid, en 1932. Foi depurado tras a rebelión militar encabezada polo xeneral Franco, e confinado na prisión da illa de San Simón (Arcade, Pontevedra)  durante a guerra civil. Afortunadamente logrou saír con vida, pero foi apartado do cargo ata 1954, cando o ministro Joaquín Ruíz Giménez (1951-1956) procedeu á revisión dos expedientes de depuración dos educadores superviventes, sancionados durante a guerra civil, e á súa rehabilitación. Isto permitiu que Pedro Caselles Rollán aínda puidera desenvolver unha extensa carreira no ámbito da inspección educativa ata a súa xubilación en 1973.
[4] Asociación profesional progresista que nacía en Pontevedra, integrada por profesores afiliados á Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE) ―cuxo secretario foi o mestre Víctor Fráiz Villanueva, asasinado en Castrelos en 1937― e membros á súa vez da Asociación Provincial de Maestros. Casa del Maestro comezou as súas actividades na primavera de 1934 e un ano despois dinamizaba a un número importante de mestres e mestras, inquedos cos problemas do maxisterio e comprometidos coa súa dignificación e mellora. Véxase o recente traballo de Anxo Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil, A “Casa del maestro” de Pontevedra: Organización societaria e depuración do maxisterio (1934-1936). (Santiago: Fundación Luis Tilve, 2020).
[5] Como salientaba o inspector “Roxerius”, “Casa del Maestro fundou unha revista profesional, Escuela Vivida, que recollía os máis vivos e fundamentais problemas escolares, tratados pola intelixente experiencia de aqueles que sentían a misión transcendental da Escola e a súa aspiración investigadora e renovadora”. Ao longo dos seus 53 números ―o derradeiro, con data 16 de xullo de 1936― converteuse no máximo expoñente entre as revistas progresistas e de renovación pedagóxica en Galicia. Como afirma Costa Rico, non se trataba do boletín ou revistiña “de provincias”, senón dun deses raros tesouros pedagóxicos que cómpre citar á hora de falar da dinámica pedagóxica galega durante a Segunda República.
[6] Nicolás Gutiérrez Campo, «“El problema de la asistencia escolar». Escuela Vivida. Órgano de la Casa del Maestro 30, 9 de decembro de 1935, p. 3; e nº 31, de 16 de decembro de 1935, pp. 3-10.
[7] Xesús Alonso Montero, (ed. lit.) Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2009) . Carlos Hernández de Miguel, Los campos de concentración de Franco. Sometimiento, torturas y muerte tras las alambradas (Barcelona: Ediciones B., 2019). Sobre este tema é coñecido o documental Memorial de Camposancos (José Ballesta, 2006) e o artigo sobre este campo, de José Ballesta e Ángel Rodríguez Gallardo: «Camposancos: Una ‘imprenta’ de los presos del franquismo», Complutum 19 no. 2 (2008): 197-211.
[8] O documental Flores tristes (Teo Manuel Abad, 2008)  é o resultado dun minucioso labor de investigación que dá voz aos represaliados e represaliadas a través do testemuño dos seus familiares, e ademais, é un recoñecemento moral aos represaliados, moitos deles aínda desaparecidos. Flores tristes mereceu o premio á longametraxe documental na VII Edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual en 2008.
[9] No seu libro Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España (Vigo: Edicións Xerais, 2011), o xornalista Federico Cocho reúne e analiza os diversos aspectos da contenda que, na súa opinión enfrontou a tres Españas: a reformista, a revolucionaria e a reaccionaria. Ao profesor e investigador Ángel Viñas debémoslle un feixe de traballos imprescindibles, entre os que citamos: La República en guerra contra Franco, Hitler, Mussolini y la hostilidad británica (Barcelona: Crítica, 2012); La otra cara del caudillo. Mitos y realidades en la biografía de Franco (Barcelona: Crítica, 2015) e ¿Quién quiso la guerra civil?. Historia de una conspiración (Barcelona: Crítica, 2019).
[10] Sobre a depuración do maxisterio en Galicia, debe consultarse o monográfico de Sarmiento. Revista galego-portuguesa de historia da educación (Vol. 21, 2017), que reúne os traballos de varios especialistas sobre o tema.
[11] Véxase: «Las bibliotecas escolares en la primera década del franquismo: entre el amanecer y la luz cegada», História da Educação 21 no. 53 (2017): 239-266. Este traballo permite documentar o proceso de depuración que se levou a cabo nas bibliotecas públicas, analizando o expurgo da escola da Fundación Peirópolis, en Estás (Tomiño, Pontevedra) como exemplo do perpetrado en todo el Estado por parte dos golpistas; permite observar, tamén, algúns trazos na orientación da política educativa franquista e analizar o papel que se viron obrigados a desempeñar, a partir dese momento, moitos mestres e mestras nun violento escenario de ruptura social, persecución política e substitución ideolóxica. Tamén: Francisco Xabier Redondo Abal, Bibliotecarios e bibliotecarias “infames”. A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego. (Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 2014).
Retratos de alumnos e escenas escolares de trazo institucionista que nos transmiten a paixón de Nicolás polo maxisterio





Paisaxes que amosan a sensibilidade e respecto, como castelán afincado, polo contorno pleno de beleza e harmonía que o acaba de afillar



Rudimentarios manuais e outros materiais ao servizo da práctica escolar decimonónica


Os mestres e mestras habían loitar contra o absentismo escolar, xa que a infancia desempeñaba un papel fundamental de apoio na economía doméstica de subsistencia


“Villa Tablada”, sé da Asociación Casa del Maestro, na rúa Curros Enríquez, nº 4 da cidade de Pontevedra, e Xunta directiva no ano 1935. A meirande parte dos seus membros foros depurados, e nalgún caso asasinados despois do golpe de estado

Marina Melero e Nicolás Gutiérrez


“Los pueblos sin instrucción son esclavos y victimas de los tiranos”. Festa escolar en Campo Lameiro (Pontevedra), 1926. A cultura comunal tiña acadado unha proxección singular a través do sindicalismo agrario e o seu vigor reivindicativo

(5)

Nun traballo recente, en perspectiva comparada, a profesora Margarita Ibáñez afirma que tanto en España como en Portugal e en Italia, a represión do profesorado disidente formou parte dun mesmo conxunto de medidas encamiñadas ao adestramento ideolóxico masivo dos escolares, especialmente bachareis. Un sector educativo que se consideraba estratéxico e fundamental para o sostemento dos novos réximes políticos, xa que se ocupaba da formación das flamantes elites reitoras. Os tres países implementaron programas dirixidos á transmisión de ideais patrióticos e relixiosos.[1]
 
A resolución, asinada polo Tenente Coronel da Garda civil e xefe da Comandancia de Pontevedra, nomeado delegado de orde público en Vigo, Ricardo Macarrón Puido foi só o comezo.[2] A aquela seguiron moitas máis. Seis mil mestres e mestras foron separados forzosamente do seu traballo docente, mentres que máis de tres mil, entre os que se atopaba Nicolás Gutiérrez, foron suspendidos de emprego e soldo por períodos variables de tempo. Outros, arredor de seis mil perderon a súa praza ao seren trasladados de localidade; a inmensa maioría de todos os anteriores foron inhabilitados para cargos directivos, pero ademais case dous mil recibiron esa sanción exclusiva; finalmente, preto de dous mil docentes padeceron algunha das restantes sancións posibles: xubilacións forzosas, expedientes de disciplina, etc. A fórmula era idéntica en todos os casos: “A propuesta del Delegado Militar de Instrucción Pública y en uso de las atribuciones que me han sido conferidas, y mientras la  Junta de Defensa Nacional resuelva definitivamente, vengo en imponer...”.
 
Aparecen como causas máis frecuentes, a militancia en organizacións afectas á República; nacional/separatismo catalán, vasco ou galego; actitudes contrarias á Causa Nacional, simpatías de esquerda, irrelixiosidade, pertenza á masonería, conduta privada inmoral, desidia e/ou incompetencia profesional, propostas pedagóxicas inaceptables..., e algunhas outras, derivándose do anterior as diversas resolucións: desde a confirmación no cargo e nos seus dereitos, coa habilitación para o ensino caso de non atopar cargos, ata as posibles sancións: leves, menos leves, graves e moi graves. As leves podían consistir nunha amoestación ou unha sanción económica sen suspensión de emprego; as menos leves podían supoñer un traslado, a inhabilitación para cargos directivos ou de confianza, ou a suspensión de emprego e soldo por un período de 1 a 6 meses; as graves podían reportar a perda da escola desempeñada interinamente e mesmo a inhabilitación de 1 a 6 meses, o traslado e suspensión de emprego e soldo de 1  a 6 meses, a inhabilitación por un período de 1 a 2 anos caso de ser interino, a suspensión de emprego e soldo como no caso anterior e mesmo o traslado; mentres que as moi graves implicaban a xubilación e a expulsión e inhabilitación total.
 
Como explica Emilio Grandío, entre mediados de xullo e mediados de setembro realizouse una purga de todo elemento político republicano, estritamente dentro dun contexto de trincheira, é dicir, sen garantías nin dereitos xurídicos de ningún tipo. De tal modo que os avances iniciados polo primeiro goberno reformista republicano de Manuel Azaña foron tapados pola mordaza social dos vencedores, e a máis dura represión, física e simbólica, contra os que acabaron perdendo a guerra. Limitáronse os dereitos fundamentais, parouse o progreso nas ciencias e nas artes, así como as reformas emprendidas no campo educativo ou económico. E truncáronse as perspectivas de poder consolidar unha República federal que dera voz ás nacións que nela habitan. No caso de Galicia, e en concreto arredor da represión dunha manifestación tan xenuína como o idioma, Henrique Monteagudo menciona varios feitos, como foi a clausura, incautación e saqueo da imprenta/editora Nós —principal vehículo de publicación en lingua galega nas décadas anteriores— despois do asasinato ‘exemplarizante’ do seu propietario, Ánxel Casal; a desaparición do semanario A Nosa Terra e da revista Nós; a clausura e incautación do Seminario de Estudos Galegos —a única institución que levou a cabo dun xeito continuado en Galicia investigacións en Historia, Prehistoria, Arqueoloxía, Historia da Arte, Etnografía e Folclore, colaborando coas entidades científico-culturais máis renovadoras da España do momento e enchendo o baleiro investigador naquelas materias que non podía cubrir a Universidade»—[3] e paralización da publicación dos seus Arquivos; aniquilación do Partido Galeguista e persecución dos seus principais dirixentes mediante a eliminación, encarceramento ou condena ao exilio. Como consecuencia, a mordaza pública do galego foi case total na década dos corenta e impúxose o castelán como único idioma da Administración e do sistema educativo, o que deu como resultado a exclusión das linguas ‘periféricas’ da expresión pública e un rexo control sobre o seu uso culto. [4]
 
En Galicia, segundo investigacións de Antón Costa, o 25% do Maxisterio foi sancionado e castigado; case en 700 casos con destitución e cese, acadándose de xeito semellante porcentaxes tamén importantes nos demais sectores do profesorado. En 100 casos con asasinato: mestres e mestras sufriron a pena máxima pagando coa súa vida a defensa das propias ideas ligadas ao socialismo, ao galeguismo, ao laicismo escolar e ao anticlericalismo. Moitos outros acabaron optando polo exilio.[5]
 
No caso de Nicolás Gutiérrez, os cargos que se lle imputaron foron literalmente “militancia en organizaciones afectas a la República” e “ideología/simpatías de izquierdas”. No seu prego de descargo afirma ter desenvolvido con responsabilidade e entrega o seu labor docente en Zamáns sen facer nunca proselitismo das súas ideas, como así o recoñecían os informes, asinados a tal efecto, do xefe da garda civil de Lavadores e do cura párroco de Zamáns. Con todo, a proposta de sanción formulada pola comisión depuradora foi a separación do servizo e baixa no escalafón, sendo a resolución definitiva, publicada no Boletín Oficial da provincia con data 11 de maio de 1940 “inhabilitación para el desempeño de cargos directivos” e “traslado dentro de la provincia” por un período de dous anos, como así consta no seu expediente de depuración, e o sinala Francisco Morente no seu documentado estudo sobre a represión do maxisterio no estado español.[6] En realidade, a sanción había durar algúns anos máis, sen que puidera reincorporarse ata avanzada a década dos anos corenta.
 
Nicolás Gutiérrez e Ana Marina Melero, xa casados, teñen que alterar os plans de futuro previstos para iniciar unha vida moi diferente a causa da rebelión e a represalia política. O mestre destituído arranxa un traballo como contable de “Los Castellanos”, unha empresa familiar que administraba unha fábrica de xabóns e despacho de produtos coloniais en Pontevedra, no cruce das rúas Oliva e García Camba. Preto de alí, na mesma rúa, instalouse a parella nunha modesta residencia cedida polos seus xefes. Mentres tanto, continuaba a vida prolongándose a situación de castigo e incerteza.
 
En xullo de 1937, de paso para Camposancos onde Marina e a primeira filla recén nacida pasaban o verán, escrébelle a un amigo da infancia, Luis Cabrera, e infórmalle do seu novo emprego e do tempo escaso que lle resta, “haciendo números a cuenta del jabón y los bidones de aceite”. Amosaba pouca esperanza en reorientar o seu futuro inmediato cara o mundo do ensino, e coméntalle: “Tengo algunos proyectos que no sé si se materializarán; pero seguidamente cambiaré el jabón por los azulejos. He hecho amistad con un señor de La Guardia, amigo de la familia de mi mujer, que tiene importantes fábricas de cerámica en Valencia, y es posible que me caiga por allá”. Referíase a Eloy Domínguez Veiga, empresario camposino propietario dun aserradoiro na Pasaxe, que contra 1909 iniciara negocios en Valencia, onde fundou empresas importantes ligadas á industria da cerámica.[7]
 
Pese á guerra, á depuración, ao traballo fóra das aulas, e de estar separado da familia, Nicolás tiña motivos para estar “encantado”, como literalmente lle confesa: “Tengo una chiquilla que es algo formidable, pasión de padre aparte. Es bonita y simpática y lista como nadie”. As responsabilidades son a causa, como tamén lle confesa, de que “ya con familia, como yo, hay que tratar de estabilizarse y no danzar”. Durante ese verán, pasaba a semana en Pontevedra, mentres a muller e a filla permanecían en Camposancos: “Ya ves, ahora estoy separado de ellas, pues sólo voy los sábados y regreso los lunes, y si vieras con qué impaciencia espero la hora de llegar a su lado. En fin...” .
 
Novamente altéranse os seus plans ao ter que incorporarse a filas ficando sen efecto a posibilidade de traballar nos negocios de D. Eloy Domínguez. Permanece no Ebro ata o final do conflito e será entón cando decida trasladarse a Valencia coa súa muller e a nena, “Nenuca”, aceptando a oferta do industrial guardés. Pese ao inxusto desterro, foi un xesto que a parella había lembrar con gratitude e agradecemento o resto da vida. Alí ocúpase en tarefas de contabilidade e instálanse nunha casa que tamén lle facilita o seu benfeitor, no número 19 da rúa Conde Montornés. En Valencia permanece a familia ata a súa reincorporación, logo de varias reclamacións formuladas ao Tribunal de Reposición de Recursos. Entretanto, van nacendo os restantes fillos: María Jesús, José Florencio e Joaquín Ramón.
 
Coa posguerra viñeron tempos de illamento social, de amputación política, de nacional-catolicismo e Igrexa omnipresente; de miseria cultural e educativa.[8] O derrube da obra escolar republicana foi o labor prioritario emprendido polos responsables franquistas do ensino, e con iso frustrouse a posibilidade de implantar un sistema educativo universal e democrático, entrando no que o poeta Celso Emilio Ferreiro, máis tarde tamén exiliado, denominou unha “longa noite de pedra”.[9] A violencia dun réxime xurdido das armas proxectouse contra aquelas persoas, institucións e ideas que representaban en si mesmas o ‘mal’ a erradicar: a escola pública, activa, unificada, laica, e tamén “revolucionaria” soñada por Rodolfo Llopis —que en Galicia tivo a súa particular visión a través de, entre outros, o mestre agrarista Antón Alonso Ríos e os inspectores Roxerius e Díaz Rozas—, foi obxecto dun premeditado desmantelamento por quen ía dirixir a política educativa franquista desde o Ministerio de Educación Nacional —nova denominación, acorde coa ideoloxía españolista, que sustitúe a de Instrucción Pública y Bellas Artes—, isto é, os sectores máis reaccionarios afíns á Igrexa católica baixo o mando inicial de Pedro Sáinz Rodríguez no Ministerio e Romualdo de Toledo na Dirección General de Primera Enseñanza, obsesionados en segar de raíz todo gromo institucionista.[10] Lémbrense as palabras do ‘renovado’ catecismo Ripalda: “Hai otras liberdades perniciosas? Si señor, la libertad de enseñanza, la libertad de propaganda y de reunión. Por qué son perniciosas esas liberdades? Porque sirven para enseñar el error y propagar el vicio”.
 
Foi unha política que se iniciara xa en 1936 na zona ocupada polos rebeldes, e que supuxo a derrogación da coeducación, a implantación do ensino obrigatorio da relixión católica, o dereito de inspección da Igrexa sobre todo o sistema educativo, a supresión dos Consellos escolares, o peche dos institutos de bacharelato creados durante a República, etc. Unha política que se estendeu ás persoas que encarnaban aquel ideario, cuxa influencia debía ser aniquilada, ben por eliminación física nos momentos máis violentos, ou ben mediante o illamento, o exilio e a depuración. Sería o que o profesor Antón Costa denominou, utilizando expresións xa recoñecidas, a ‘noite de voraces sombras’[11] contra ‘a lingua das bolboretas’ que, como continúa a dicir, “aínda máis que ao conto de Manuel Rivas nos leva á imaxe e ao xesto do mestre republicano (Fernando Fernán Gómez) na cálida película de José Luis Cuerda, para podermos falar da fin da esperanza educativa republicana a mans dos franquistas, que abriron un período de mortes, encadeamentos, castigos e exilios, prexudicando gravemente aos corpos docentes en toda España e así tamén en Galicia” Foto Don Gregorio.[12]


´




Cerámica modernista procedente das fábricas de Eloy Domínguez Veiga en Onda e Manises, Alicante. (Museu de Tarrasa)


Aínda que moitos mozos foron chamados ás filas fóra de Galicia, aquí non chegou a haber guerra porque os sublevados fixéronse de inmediato co control do país


Fronte do Ebro. Debuxo a plumiña realizado por Nicolás en 1938


Catecismo do Padre Ripalda


A ‘noite de voraces sombras’ contra ‘a lingua das bolboretas’


Don Gregorio
Nestas circunstancias de morte,  castigo ou de terror, para case todos aqueles que conseguiron marchar fóra conservando o corazón republicano, comezou unha longa noite de exilio. Pero non debemos esquecer que tamén se produciu un exilio interior, moito máis difícil de cuantificar e cualificar, como consecuencia do silencio provocado pola auto-represión e auto-censura que, desde dentro, moitos galegos e galegas demócratas tiveron que afrontar durante a longa noite que durou a ditadura franquista.
_________________________
[1] Margarita Ibáñez Tarín, Apóstoles de la razón. La represión política en la educación (Madrid: Los libros de la Catarata, 2020).
[2] Comezaba dicindo: “Al producirse el actual movimiento del Ejército, secundado felizmente por la Nación, ha podido observarse que las actividades políticas y sociales de buen número de Maestros, su falta de respeto a la moral cristiana y su comportamiento profesional de los mismos en las Escuelas, han sido factores que contribuyeron con punible eficacia a fomentar el estado caótico y anárquico del país, grave mal que va poniendo remedio ese movimiento salvador que ha de acentuarse en todos los organismos nacionales, y de modo especial en las Escuelas de Primera enseñanza”.
[3] Alfonso Mato, «A desfeita no Seminario de Estudos Galegos» Grial: revista galega de cultura 163 (2004): 34-37.
[5] Pode consultarse o listado da centena de mestres e mestras asasinados, elaborado por Antón Costa Rico, «As varias paisaxes da escola en Galicia», en Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra. (Catálogo da exposición) (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2018), 105-108. Outro traballo interesante é o que ofrece Narciso de Gabriel sobre a represión perpetrada contra o mestre tudense Xosé María Álvarez Blázquez, mestre republicano. Diario escolar e desterro (Vigo: Editorial Galaxia, 2019). O documental La escuela fusilada (2006), dirixido por Iñaki Pinedo e Daniel Álvarez, describe a violencia desatada contra o maxisterio despois da sublevación militar. Sete décadas despois, momento da súa realización, non existe unha cifra exacta nin definitiva de docentes represaliados. A xuízo dos realizadores, non foi o único golpe que recibiu a escola, pois o franquismo iniciou un proceso de depuración que se estendeu ata os anos 60, no que varios milleiros de mestres foron expulsados do ensino.
[6] Francisco Morente Valero, La escuela y el Estado Nuevo. La depuración del Magisterio Nacional (1936-1943) (Valladolid: Ámbito Ediciones, 1997). Para a provincia de Pontevedra, pode consultarse: Anxo Porto Ucha, Historias de vida: O Maxisterio pontevedrés na Segunda República, Guerra Civil e Franquismo (Pontevedra: Alén Miño, 2003).
[7] Ángel Ignacio Fernández González, «Eloy Domínguez Veiga, 1881-1959, un dos grandes da industria cerámica en España» en Empresarios de Galicia, coord. Xán Carmona Badía, Vol. 2, (A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2009), 362-397.
[8] Véxase, de Ramón Navarro Saladrinas, «El franquismo, la escuela y el maestro (1936-1975)».
[9] Longa noite de pedra é o título do poema que forma parte do libro homónimo do poeta e escritor galego antifranquista Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Un exemplo da poesía social de posguerra, que reflicte a miseria das clases traballadoras, a emigración, a opresión política, a ansia de liberdade e o antibelicismo. Longa Noite de Pedra (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1962) alude metaforicamente ao tempo que durou, e foi soportada por una parte da poboación, a ditadura de Franco.
[10] Romualdo de Toledo, «Más organismos creados por la República», en: Una poderosa junta secreta. La Institución Libre de Enseñanza, (San Sebastián: Editorial Española, 1940), 213-217.
[11] Agustín Fernández Paz. Noite de voraces sombras (Vigo: Xerais, 2002). Extraordinario relato construído por este escritor varias veces galardoado, ademais de mestre comprometido e lamentablemente xa desaparecido, a partir dunha noticia de prensa que informaba da descuberta dunha biblioteca que se atopaba agochada detrás dun falso tabique, propiedade dun mestre republicano asasinado.
[12] Xosé M. Malheiro Gutiérrez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, «Franquismo», Gran Enciclopedia Gallega, Anexo 48, (A Coruña: Novos Vieiros, 2011), 189-223.

(e 6)


 
Escenas familiares
Desde a súa rehabilitación, Nicolás e Marina instaláronse en Camposancos, na casa familiar da Pasaxe. Alí dedicouse por enteiro á familia e o maxisterio como a única forma de afrontar o seu propio exilio. Reincorporouse ao ensino e, como consecuencia quizais da dramática experiencia, abandonou definitivamente a pintura e o debuxo como canle de expresión anímica. A escola graduada de A Guarda era un vello edificio onde compartía aulas cos mestres Víctor Touriño López e Martín Álvarez Álvarez. Este encargábase dos alumnos máis cativos, Touriño dos cursos medios e Nicolás Gutiérrez dos superiores. A finais dos anos sesenta, aquela escola foi derrubada para construír o Grupo Escolar Manuel Rodríguez Sinde.
 
Nicolás ensinaba de xeito familiar, afectivo, nun esforzo por ampliar os intereses e a comprensión dos seus estudantes. Aplicaba métodos demostrativos para captar a curiosidade dos rapaces, rescatando a moderna orientación herdada dos institucionistas e considerando que o aprendido na escola debía superar a transmisión mecánica de determinados rudimentos funcionais para acadar, como sinalou Giner, unha verdadeira formación que incluíra o concurso de todas as enerxías do corpo e da ‘alma’: instruíndo nos conceptos, pero sobre todo educando nos valores. Demostrando a súa confianza no inmenso potencial que gardaban aqueles cativos: “De la educación proviene todo”, insistíalles tratando de encamiñalos cara o mundo da cultura e do proveito intelectual. Ensinando a través do propio exemplo de modestia, honestidade persoal, solidariedade e compromiso profesional, coherencia vital e desapego material, segundo testemuña quen o coñeceu. Cultivando, en fin, a súa colleita coa sabenza, a constancia e paciencia propias dun home de campo que coñece a arbitrariedade das ‘inclemencias’. Unha sementeira que había dar, cos anos, froito escollido e abundante, como amosa a pegada que o mestre deixou entre o seu alumnado na vila mariñeira.
 
Moitos deles conservan o recordo dunha persoa entregada ao maxisterio sen renunciar ás súas propias conviccións, dentro dos límites que permitían as circunstancias políticas. Co seu carácter recto, austero e consecuente ten que sobrevivir nun espazo novo, certamente hostil, polo que non era doado camiñar baixo a tutela do xefe local do Movimiento, o mestre falanxista Braulio González. Pero iso non impide que conserve a súa esencia e que siga, con discreción, os seus propios ditados á marxe das consignas oficiais. Por exemplo, optando por un modelo neutral, aínda nos anos máis duros do franquismo, pois Nicolás Gutiérrez era pouco achegado ás manifestacións externas do réxime, pero sobre todo nada partidario da súa instrumentalización nas aulas. Ademais, trataba de non someterse á interpretación oficial dos vencedores que, por exemplo, se facían nas clases de Historia, onde lles aclaraba ao explicar certas pasaxes: “Esta es la Historia que quieren que aprendais, pero no es la verdadera Historia”. Ou que de xeito reiterado se negue a facer cantar o Cara al Sol aos seus alumnos, segundo lle tratou de impoñer o mencionado xefe local do Movimiento: “¡Braulio! A los niños hay que enseñarles, no obligarles... lo que ellos necesitan son menos cánticos y mejor alimentación”, como lembraron os que noutrora foron seus alumnos, José Antonio Uris e Tomás Ríos.
 
Desde a rehabilitación ata a súa morte acontecida en 1964, Nicolás Gutiérrez dedicouse por enteiro ao ensino e á familia. El e Marina tiñan que sacar adiante catro fillos co cativo salario do maxisterio da posguerra. Na súa bicicleta subía a diario desde a casa familiar ata a escola nacional. Alí permanecía a xornada completa, onde complementaba os seus ingresos de mestre con clases particulares para preparar aos bachareis que se examinaban no Instituto Santa Irene; tamén ás xentes modestas que tomaban o camiño da emigración, ou como lembra o seu alumno Domingo Gómez, aos mozos do barrio da Mariña que precisaban tirar un título oficial para enrolarse nos buques pesqueiros.
 
Como salienta José Antonio Uris, educou a varias xeracións de alumnos, e “a primeiros dos cincuenta preparou a ducias de rapaces que hoxe están nas Américas, outros foron concelleiros, algún alcalde, empresarios, traballadores cualificados, armadores ou profesores”. Tamén, nalgunha época, a dirección do colexio privado dos PP. Somascos solicitou os seus servizos ante a escaseza na vila de cadros docentes cualificados para impartir algunhas materias.
 
Ao tempo, Nicolás Gutiérrez aprendía inglés, a través das clases que impartía a BBC, durante as madrugadas de inverno, para logo poder ensinárllelo aos seus alumnos. Algúns deles aínda recordan as revistas da National Geographic Society, coas súas extraordinarias fotografías que ilustraban reportaxes sobre as máis remotas terras do planeta e os seus moradores. Leccións inesquecibles de antropoloxía, de xeografía, de historia ou de ciencias naturais, repletas de coloridas imaxes que excitaban a imaxinación dos cativos e, ao tempo que iluminaban as grises estancias e as rudimentarias enciclopedias, ían ensanchando o horizonte infantil, marcando apreciables distancias con aquela cultura rancia, memorística e autoritaria da escola franquista.
 
Fóra do ámbito escolar, Nicolás Gutiérrez ocupou o cargo de presidente da Entidade Local Menor de Camposancos entre xuño de 1963 e outubro de 1964, data na que decidiu renunciar. Morrería dous meses despois, o 9 de decembro. O desempeño do cargo, aceptando sen moito entusiasmo a oferta do gobernador civil de Pontevedra, ocasionaríalle algún desgusto por mor de contrapostos intereses, que non ven ao caso comentar aquí. Pero o certo é que aquela situación había deixar un gusto amargo na conciencia recta dun home de principios. Isto acelerou, probablemente, a súa morte.
 
Como quedou reflectido na Acta da sesión extraordinaria celebrada o día 10 de decembro de 1964 na dita Entidade, redactada por algúns dos seus compañeiros, alí o definiron como “hombre de clara y sólida mentalidad en la que el sentido del bien y de la justicia, de la bondad y de la dignidad se manifestaron ininterrumpidamente durante toda su vida, tanto pública como privada, a través de su proverbial humildad; maestro nacional ejemplar, tanto por su preparación intelectual como por sus dotes pedagódicas”. Palabras que, sen dúbida, subscriben os seus ex-alumnos, os mesmos que nunha mostra de recoñecemento e gratitude promoveron ―mediante unha comisión formada por Domingo Gómez Rodríguez, Jesús Adrover Pérez, Abelardo López Martínez, Rogelio Vicente Lomba, Manuel Martín Baz e Luis Alberto Franco Lomba― unha entrañable homenaxe na primavera de 1987. Eles quixeron que o colexio recentemente construído no lugar de As Solanas do barrio guardés de Ribadavila se chamase “Nicolás Gutiérrez Campo”, e encarregaron no seu recordo un busto que alí permanece. Na memoria dun bo mestre, dun home bo que Galicia gañou para si.

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez

Rúa Puerto Rico, coa escola graduada. Imaxe que debo á amabilidade de Antonio Martínez
A través da National Geographic amosaba imaxes que ilustraban reportaxes sobre as máis remotas terras do planeta e os seus habitantes



Así quiero ser (El niño del nuevo Estado). Lecturas Cívicas. (Burgos: Hijos de Santiago Rodríguez, 1940). Algúns materiais escolares da época franquista destilaban unha cultura rancia, memorística e autoritaria.

Placa que da nome ao C.P. Nocolás Gutiérrez Campo, en Solanas e busto do recordado mestre
Regreso al contenido