Baixo Miño - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño

COMARCA
O AECT Rio Miño anuncia que presentará aos fondos europeos un ‘plan de choque’ ambicioso para compensar o peche da fronteira no territorio miñoto
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. O AECT Río Miño está a traballar e presentará de maneira inminente un plan propio para reactivar económicamente da fronteira o Río Miño que compense o peche da fronteira con fondos europeos. Así o anunciou hoxe o vicedirector da agrupación, Uxío Benítez, quen valorou positivamente a apertura da raia con Portugal, mais destacou que “hoxe non é un día para conmemorar, senón para reivindicar”.
Benítez recoñeceu que “sempre é mellor abrir un día antes que un día despois”, mais lembrou que o dano económico está feito  por estar tres meses coas fronteiras pechadas: “Nesta historia hai persoas que foron directamente perxudicadas e tamén houbo un dano indirecto ao territorio. Iso é o que hai que sinalar”.
Mirando cara o futuro, o nacionalista subliñou que “agora ábrese un novo tempo, o da xustiza e a reivindicación e a reparación dos danos creados”. Confirmou que o AECT vai demandar compensación económica directa para o territorio no que definiu como “un escenario extraordinario” para elo, o creado pola Unión Europea para reactivar economicamente aos estados membros con motivo da pandemia cos fondos europeos do Next Generation.
Toda vez que as fronteiras -nomeadamente a do río Miño- tiveron un perxuízo económico maior que se constatou e probou con estudos científicos realizados pola Universidade de Vigo, Benítez reclamou que no Next Generation ten que haber partidas específicas concretas para reactivar económicamente o territorio. “Se se crean os Next Generation para reactivar os estados membros hai que reactivar doblemente os territorios que foron doblemente danados. “ Esa vai ser a nosa reivindicación”, insistiu.
O deputado lembrou que en breve vaise abrir tamén a execución do Cadro comunitario 2021-2027, no que normalmente xa hai partidas de cooperación transfroneririza. Eses fondos, dixo, tamén deben ter en conta a situación do Miño e incluír partidas específicas para o Miño. “Hai que redoblar esforzos e os recursos económicos da cooperación transfronteiriza na fronteira”, fixo finapé.
Para optar a todos eses recursos europeos, Benítez manifestou que nos vindeiros meses o AECT vai presentar “os nosos propios proxectos, o noso propio plan” para a reactivación da fronteira económica do Río Miño “de maneira ambiciosa”.
Por outra parte, pediu axuda aos estados centrais para que poñan en marcha instrumentos de compensación directa, axudas económicas, ás persoas traballadoras que de media gastaron entre 200 e 300 euros en combustible e perderon o tempo en colas e rodeos durante o peche da fronteira.
A presidenta da Deputación Carmela Silva tamén quixo hoxe manifestarse en relación á apertura da raia. Sumouse ás reivindicacións do territorio miñoto e destacou que hai moita xente que vive da interrelación económicoa de proximidade na zona, unha das máis relevantes da fronteira en todo o Estado. “Cando se toman decisións, hai que ter en conta a realidade dos territorios”, puntualizou Silva.
Cruzar a fronteira, permitido para toda a cidadanía
O AECT Río Miño, en boca do seu vicedirector, manifestou que a súa interpretación dos últimos cambios sobre a fronteira, que segundo dixo, permiten que calquera persoa se pode mover pola fronteira do Miño: “Non só os traballadores, senón tamén as persoas que desenvolven a súa vida cotiá ou queren acceder a todo o comercio transfronteirizo, etc”, dixo.
Explicou que o AECT interpreta que as competencias para rexer a mobilidade na fronteira do Río Miño son de nivel estatal, xa que a Xunta ten competencias para perimetrar fronteiras entre comunidades autónomas, pero non fronteiras entre estados.
Benitez indicou que na mañá de hoxe tratou este tema co director xeral de Relacións Exteriores  do goberno galego, Jesús Gamallo, quen corrobourou que a interpretación que fai a Xunta de Galicia é a mesma que a do AECT.
 En todo caso Benítez pediu á Xunta que aclare as dúbidas xeradas polas interpretacións e emita un comunicado “porque quedaría todo mellor para que a cidadanía o entendese ben”.
    
O AECT Rio Miño esixe á Xunta que non poña novos problemas aos desprazamentos a Portugal
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. Lonxe de solucionarse a situación na fronteira entre Galiza e Portugal xorden novos contratempos. Unha vez os gobernos portugués e español dedicidon levantar o peche na raia a partir de mañá sábado, xorde agora un novo axente -a Xunta- que interpreta que por mor do peche perimetral decretado polo goberno galego e pese a levantarse os controis estatais, únicamente poderán desprazarse entre a comunidade e o país luso as persoas que teñen causas xustificadas.
Esta situación vén de xerar un profundo malestar no Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño, que da man do seu vicedirector Uxío Benítez, pediu á Xunta que non continúe marxinando ao territorio miñoto logo de tres meses coa fronteira pechada. “Isto son máis paus nas rodas”, lamentouse.
Segundo Benítez, a Xunta de Galicia non ten competencias nin poder de decisión sobre as fronteiras exteriores, como é a do Miño, polo que non pode impoñer ordes sobre a mobilidade argumentando o seu peche perimentral autonómico.  Insiste en que únicamente o pode facer o Goberno central. “Se iso fose así estaríamos ante a paradoxa dun territorio con dúas fronteiras simultáneas, unha autonómica e outra estatal”, salientou.
Como exemplo claro de que a interpretación do vicepresidente Alfonso Rueda de manter o peche perimetral autonómico é un erro, Benítez menciona o que acontece na fronteira España-Francia. Alí, relata, a cidadanía pode cruzar libremente entre os dous países presentando unha PCR negativa, sen ningunha xustificación mais que a vontade de pasar por ocio, pero non pode facelo dunha comunidade lindeira a outra salvo por cuestións laborais ou de forza maior debidamente acreditadas.
Para o vicedirector do AECT Río Miño, logo das últimas decisións dos gobernos portugués e español calquera persoa pódese mover tamén pola fronteira do Miño: “Non só os traballadores, senón tamén as persoas que desenvolven a súa vida cotiá ou queren acceder a todo o comercio transfronteirizo”, dixo.
Benitez quixo poñer de manifesto a súa sorpresa polo cambio de interpretación do goberno galego, xa que a primeira hora de hoxe o director xeral de Relacións Exteriores  do goberno galego, Jesús Gamallo, corroboraba directamente ao vicedirector que o peche perimetral quedaba sen efecto. “Pediamos esta mañá unha aclaración pública, pero atopámonos cun cambio de opinión. Non entendemos que foi o que cambiou na visión da Xunta porque están xerando moita confusión e enfado entre a veciñanza e as persoas afectadas”, finalizou.
 

A trail league volve ao Baixo Miño cargada de enerxía con tres probas que conxugan deporte, natureza e turismo
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. As persoas amentes do trail están de parabéns, a Pontevedra Trail League chega este 2021 ao Baixo Miño cunha atractiva programación coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os concellos do Rosal, A Guarda e Tui e a empresa NOKO 360. A competición volverá a contar co Trail Adventure Muíños do Folón (no Rosal) e o Trail do Trega (na Guarda) aos que se suma este ano o Trail do Aloia (en Tui), que chega como novidade desta segunda edición. O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación destas probas, na que  estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a concelleira de deportes da Guarda, Monserrat Magallanes, o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, e o director deportivo da Pontevedra Trail League, Serafín Martínez.
A presidenta provincial subliñou que a provincia de Pontevedra é “unha grande referencia na capacidade para unir a diferentes concellos cun obxectivo común”, tal e como evidencia a organización desta proba. Segundo indicou, a Trail League “non soamente potencia os valores do deporte senón que tamén fomenta o turismo deportivo” nun territorio cuns “valores paisaxísticos e unha beleza comparables cos lugares máis fermosos do mundo e cuns valores medioambientais que fan que o evento estea chamado a medrar cada ano máis”. O trail é un deporte que “cada vez ten a máis persoas que o practican, o seguen e o apoian e que son unha mostra de que esta é unha provincia é moi dinámica”, destacou Carmela Silva na súa intervención.
A primeira das probas será o Trail Adventure Muiños do Folón, que se levará a cabo o domingo 9 de maio e cuxas prazas esgotáronse en menos de 24 horas. O percorrido transcorrerá polos Muíños do Folón e do Picón, un lugar que forma “parte da identidade dos rosaleiros e das rosaleiras”, tal e como indicou Ánxela Fernández. Para a alcaldesa do Rosal “a Trail League supón un paso adiante no traballo conxunto que estamos a facer na comarca para transformar a nosa realidade”. Fernández destacou tamén que a pandemia fixo “que moitas cuestións que xa eran relevantes colleron un peso especial”. Neste senso referiuse ao “espazo natural e a valorización do patrimonio”, dúas das liñas nas que se desenvolve esta proba deportiva.
Será o 17 de outubro cando chegue á Guarda o Trail do Trega, no que as e os participantes percorrerán o Castro, do que este ano se celebra o centenario do seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural. Neste senso, a concelleira de deportes da Guarda agradeceu “de maneira moi expresa” á Deputación o ter feito “nos últimos anos as inversións máis impotentes para por en valor un dos bens máis relevantes da provincia”. Montse Magallanes lembrou que unha das obrigas das administracións públicas é “facer felices ás persoas”, algo que se fai posible coa celebración desta proba porque “facer deporte nun territorio como é o Baixo Miño é todo un espectáculo ao combinar actividade física, natureza e patrimonio”.
A derradeira das probas será o Trail do Aloia, a novidade deste ano, que se celebrará o 7 de novembro “nun parque natural ao que lle imos a sacar un partido impresionante”, tal e como indicou Rafael Estévez. O concelleiro de deportes de Tui amosouse moi agradecido coa organización desta proba, a cal sinte moi de preto.
Todas as probas contan cunha distancia entre 15 e 18 quilómetros e un límite de 400 participantes en cada unha. Ademais, seguiranse nelas todos os protocolos de hixiene sanitaria. Serafín Martínez aproveitou a súa quenda de palabra para resaltar o éxito que teñen estes eventos a pesar de realizarse “en plena pandemia”. Para o director deportivo da Pontevedra Trail League é “fantástico que haxa un 42% de mulleres participando na proba”, un dato que pon de manifesto que a competición cumpre cun obxectivo de “abrir a todo o mundo este tipo de actividades”. Ademais, con esta competición “non pensamos só no deporte, tamén o facemos na economía local e no conxunto da cidadanía” destes tres concellos.
 

O AECT Rio Miño pide “coherencia” á Xunta sobre a apertura da fronteira con Portugal
Baixo Miño, 5 de maio de 2021. O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia “coherencia” sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados “non ten sentido” por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.
Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.
O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.
“Por que cambiaron de opinión? Se hai unha semana estaban a favor de abrir, por que piden agora ao goberno central que manteña os controis? Entendemos esa contradición obedece a un xogo político partidario e espúreo con Madrid, que nada ten que ver coa realidade e as necesidades da sociedade miñota galego-portuguesa”, insistiu o nacionalista.
Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e “deixe de afogar” a un territorio que estivo os tres últimos meses na “ruína” por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.
“Antes tomaban as decisións en Madrid e Lisboa, onde non coñecían o territorio. Agora quen debe tomar as decisións sanitarias unha vez abertas as fronteiras é a Xunta de Galicia, á que presupoñiamos que coñece o territorio e entende a situación do territorio. Agardemos, tendo en conta tamén que o día 9 finaliza o estado de alarma, que a Xunta sexa coherente e actúe seguindo parámetros sanitarios porque a cidadanía está moi confundida coa situación”, finalizou.
 

Regreso al contenido