Baixo Miño - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño

COMARCA
A Deputación redobra o seu apoio aos clubs femininos de élite da provincia coa equiparación económica cos equipos masculinos
Baixo Miño, 25 de marzo de 2021. “Non se pode ser profesional sen recursos”. Así se manifestou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na recepción na sede provincial de Vigo ás representantes das xogadoras e dirixentes dos clubs de elite femininos da provincia, o balonmán Atlético Guardés , o Balonmán Porriño e o de fútbol sala Poio Pescamar. No acto, ao que tamén asistiu o deputado de Deportes, Gorka Gómez,  participaron as capitanas do Guardés, Lorena Pérez, e do Balonmán Porriño, Sarai Sanmartín, así como a xogadora Lucía Gómez do Poio Pescamar, acompañadas dos presidentes dos clubs.
A institución provincial ven de redobrar este ano o seu apoio aos clubs deportivos femininos de elite coa equiparación económica co deporte masculino. A presidenta provincial foi incluso máis alo ao anunciar que para o vindeiro ano este respaldo irá a máis. “Xa anuncio que para o ano que ven financiaremos un pouco máis os femininos que os masculinos. Non temos capacidade de grandes aumentos pero hai que seguir facendo xestos, e o asumo como un reto propio. Non valen as palabras, dixo, hai que apostar. E como teñen moitas máis dificultades e máis discriminación, pois haberá que facer discriminación positiva, ata cando todos esteamos igualados.  Así que para o ano 22 os equipos femininos que estean na elite van recibir máis recursos por unha cuestión de xustiza e obriga das administracións”.
Carmela Silva lembrou que desde o acceso do actual Goberno provincial, tomouse a decisión de aumentar os recursos ao deporte feminino así como as bases para financiar en maior medida aos equipos que o promoven. “Pero  faltaba un paso por dar que demandaban os equipos e tiñan razón –explicou-. Pedían que se equipararan os recursos dos equipos de elite masculinos e femininos, e este ano no actual orzamento o temos feito”. A presidenta agradeceu ás e aos representantes dos clubs esa reclamación “por algo que é xusto”. “É importante tomar conciencia –engadiu Silva- e apoiar ás mulleres no mundo do deporte. Sodes un exemplo e a Deputación non fai nada que non teña que facer, é unha obriga. Tedes que ser reivindicativas e esixir que os apoiemos, e quen ten que estar agradecida somos as administracións, aos clubs e a vosoutras, porque este esforzo o facedes dedicándolle moitas horas da vosa vida. E imos apoiarvos máis porque todo é pouco para que se poida seguir avanzando, e somos conscientes”.  
As tres deportistas, “mulleres potentísimas, dixo Silva, que xa son referentes para futuras deportistas”,  agradeceron á institución provincial o seu respaldo ao deporte feminino. Lorena Pérez, do Guardés, incidiu en que “é importante sentirnos apoiadas porque non é un camiño fácil e ver que as cousas van mellorando e que estades aí e fundamental”. “É o camiño a seguir e deberiamos continuar para que a igualdade sexa un feito e teñamos que deixar de facer comparacións entre o masculino e o feminino e, para que sexamos un referente para os nenos e sobre todo as nenas –agregou-.  Ao final, cando tes o apoio e  iguais oportunidades sempre é moito máis fácil decidirte a practicar deporte e cumprir un sono, o de chegar a ser deportista profesional con todas as letras”.
Sarai Sanmartín, do Balonmán Porriño, tamén destacou a equiparación co deporte masculino e subliñou que “para o club e para as que formamos parte del vainos axudar nesta temporada e en anos posteriores seguro; ogallá que se sumen moitas máis”. “Nós temos moita ilusión por un bo proxecto e así poñédesnolo moito máis fácil”. Finalmente, Lucía Gómez, do Poio Pescamar, destacou que “estes recursos nos van axudar; necesitamos de institucións,  patrocinadores, recursos que nos fagan crecer para, entre todas e todos, facer máis grande o deporte feminino”.
A presidenta da Deputación agradeceu tamén aos dirixentes dos clubs (Jesús López no caso do Guardés, Abel Estévez no Porriño e Juan José García polo Poio Pescamar) o seu enorme esforzo para manter aos seus equipos na elite, máis na actual situación de pandemia “onde caeron os patrocinios privados porque a xente está como está”. Destacou que levan os equipos “a cambio de nada con vontade e fan un enorme esforzo e traballo para que o noso deporte sexa un gran exemplo a nivel nacional e internacional”.
 

O Camiño e a enogastronomía, protagonistas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño neste 2021
Baixo Miño, 24 de marzo de 2021.- O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para converter o territorio nun polo de atracción turística. Alcaldes e alcaldesas e concelleiros e concelleiras dos 14 concellos que conforman o xeodestino reuníronse este mércores no Pazo de Mos para facer balance dos proxectos realizados no 2020, no que se seguiu traballando para crear novos produtos turísticos e artellar ferramentas clave para a interacción coas persoas visitantes.
Nese camiño por desenvolver produtos turísticos de calidade baseados nos recursos, identidade e tradición do territorio, o ano pasado creáronse catro novas rutas centradas na pedra e no patrimonio oculto, deseñáronse dúas novas postais sonoras coa illa de San Simón e a Virxe da Rocha como protagonistas, artellouse un banco de imaxes con 350 fotografías, puxéronse en marcha a web e redes sociais do xeodestino e elaborouse un novo vídeo que, baixo o lema ‘Toda Galicia na túa man’, servirá para promocionar o territorio.
Na reunión acordouse por unanimidade a reelección da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, como representante institucional do Xeodestino tras estar no cargo un ano no que a pandemia freou de xeito importante a actividade turística. No encontro tamén participaron Antonio Lomba, rexedor da Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Juan A. González, rexedor de Nigrán; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, rexedora de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Sandra González, alcaldesa de Tomiño, e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, así como Sara Cebreiro, concelleira de Política social, Igualdade, Cultura e Turismo de Mos; Eloísa Nogueira, concelleira e tenente de alcalde de Pazos de Borbén; David Alonso, concelleiro de Deportes, Benestar Social, Igualdade, Formación, Emprego, Novas Tecnoloxías e Turismo do Porriño; Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura e Turismo de Redondela, e Cristina González, a concelleira de Soutomaior.
Novos proxectos
Durante o 2021 o xeodestino dará continuidade ás actuacións xa postas en marcha o pasado ano, con especial énfase na creación de contidos turísticos e novos formatos. Así, tendo en conta o Xacobeo 2021-2022, este ano o Camiño de Santiago terá un especial protagonismo con accións encamiñadas a aumentar a estancia posterior no territorio de peregrinos e peregrinas, visibilizando os principais atractivos da contorna das dúas variantes oficiais que pasan polos concellos do Xeodestino. Tamén apostarase pola enogastronomía como eixo central de novos produtos turísticos en base ao potencial vitivinícola e ás festas gastronómicas do territorio, conformando unha oferta singular, sustentable e desestacionalizadora que combine tradición e innovación.
Por outra banda, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño porá en marcha tamén liñas de traballo que faciliten ás empresas o deseño de produto turístico comercializable, fomentando o traballo en rede e a creación de sinerxías. Ademais continuarase coa actualización de contidos, crearase novo material audiovisual, ampliarase o banco de imaxes e desenvolverase material para que as oficinas de turismo acheguen o territorio a todas as persoas visitantes.
Dende o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quérese agradecer a implicación do Pazo de Mos, que cedeu as súas instalacións para poder celebrar esta reunión de balance e programación de traballos para o 2021 cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade.
 

Muller e con traballo na industria, perfil maioritario das persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal
Baixo Miño, 22 de marzo de 2021. Muller e con traballao na industria. Ese é o perfil maioritario das persoas do Miño transfronteirizo afectadas polo peche da fronteira con Portugal segundo o análise realizado polo AECT Río Miño sobre o seu rexistro de persoas prexudicadas. A mostra, que estudou os datos achegados voluntariamente entre o 2 e o 18 de marzo, preséntase como representativa da situación pola que está a pasar a xeralidade de traballadoras e traballadores transfronteirizos no territorio.
Un dos datos estatísticos máis relevantes é a diferencia significativa con respecto ao xénero das persoas rexistradas, xa que un 62% son mulleres e un 37% son homes. Isto podo explicarse por dúas causas: unha maior decisión á hora de rexistrarse e reclamar os seus dereitos, prexudicados polo peche das pontes; ou ben, o feito de
que a man de obra transfronteiriza, especificamente, entre o Baixo Miño e o Alto Minho, ten unha maioría de xénero feminino. En todo caso, esta poboación foi a máis prexudicada porque a ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, sendo a quinta ponte en mobilidade entre España e Portugal, con 5.812 vehículos medios diarios , foi a única que, por non abrires, deixou incomunicados a dous concellos.
No relativo á procedencia por sector económico a análise dos datos leva a apreciar que o sector industrial é o que ocupa a un maior número de persoas (50%). En menor medida, están as persoas ocupadas do sector servizos, no comercio e, finalmente, na administración e servicios públicos.
En consideración ao prexuízo provocado, e dentro da lista de causas alegadas, en primeiro lugar destacase o grave aumento de distancia e tempo no percorrido entre a residencia dos afectados ao seu traballo e viceversa. O peche da ponte internacional, que obriga ao desvío da rota, así como a agarda para cruzar os controis, fan deste factor o máis salientable no prexuízo ás persoas traballadoras transfronteirizas.
En segundo lugar, o 25.29% dos afectados acusan un incremento notable no custo dos seus desprazamentos, algo compatible coa primeira das causas presentadas. En terceiro lugar, un 12.94% das persoas comunican que a situación impediulles, de  facto, poder cruzar a fronteira para desprazarse ao seu posto de traballo.
Por último, o 1,76% da mostra alegou un prexuízo puramente económico, derivado da diminución do número de clientes procedentes da outra marxe. Este caso é moi común, aínda que non o é nesta lista, dado que o prexuízo para moitos negocios de ambas as dúas beiras do Miño depende dos clientes dos dous países. Neste caso, a mobilidade que condiciona a actividade económica non é a do traballador, senón a dos clientes.
O análise do rexistro, así, desvela novamente que o restablecemento da fronteira entre os dous Estados ibéricos, acordado a partir do 31 de xaneiro de 2021, supuxo un retroceso, a todos os efectos, para o territorio do río Miño transfronteirizo, singularmente nas limitacións sociais e económicas.
Dentro do dano causado por unha decisión política refréndase que un dos conxuntos máis prexudicados é o das e dos traballadores transfronteirizos, persoas que, con independencia da súa nacionalidade, residen nun país e traballan noutro. Ademais de salientar os custes económicos e de tempo boa parte das persoas rexistradas mencionaron tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.
O formulario aínda se pode cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que estes datos poidan servir de base para reclamar compensacións para o territorio, para o que serán remitidas ás administracións competentes na materia.
O peche da fronteria con Portugal, decretado o 31 de xaneiro deste ano, seguirá en vigor alomentos ata despois do 5 de abril. Mentres unicamente estará aberto 24 horas o paso de Tui e os de Arbo e Salvaterra seis horas diarias (tres de mañá e tres de tarde), e só para persoas con necesidade acreditada para cruzar a raia.
 

A Deputación inicia o programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia con primeiras solicitudes para 71 instalacións de 29 concellos
Baixo Miño, 21 de marzo de 2021. O Plan de Mantemento de Campos de Fútbol da Deputación de Pontevedra iníciase un ano máis co fin de conservar nas mellores condicións os terreos de xogo da provincia. Ata o de agora o ente provincial xa recibiu solicitudes para 71 instalacións deportivas correspondentes a 29 concellos a fin de levar a cabo os traballos de acondicionamento. Nos últimos días a Deputación xa actuou nos campos de herba sintética de Ribadelouro, no concello de Tui, e Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, e fará o propio con outros 48 terreos deste tipo e 21 de herba natural. A vindeira semana continuarán os traballos en tres instalacións de Vilagarcía, concretamente nos campos municipais de Berdón, María Paz Vilas e Manuel Jiménez Abalo.
Entre as actuacións máis demandadas atópanse a limpeza, descompactación, cepillado, reposición de caucho ou área e picado. Todos os concellos da provincia que o desexen poden solicitar este servicio provincial que, polo de agora, dará mantemento a instalacións dos 29 concellos que xa o demandaron: A Estrada, Arbo, Baiona, Barro, Cambados, Covelo, Gondomar, Lalín, Moaña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
A través desta iniciativa, a Deputación acondicionou o ano pasado un total 88 campos de fútbol, dos que 61 correspondían a instalacións de herba sintética e os 27 restantes a canchas de herba natural. Deste xeito, o plan de mantemento garante a recuperación das instalacións proporcionándolle aos concellos a maquinaria e a man de obra precisa para poder levar a cabo labores de conservación e estender así a súa vida útil.
 

Preto de 200 persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal apúntanse no rexistro do AECT Río Miño para pedir posibles compensacións
Baixo Miño, 16 de marzo de 2021. O peche dos pasos transfronteirizos, en vigor dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterá aló menos ata despois de Semana Santa, supón un importante prexuízo para centos de persoas traballadoras que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos. Entre eles hai xa preto de 200 traballadores e traballadoras da zona transfronteiriza que se inscribiron no rexistro posto en marcha hai tan só 15 días pola AECT Río Miño onde salientan os custes económicos e de tempo pero tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.
O formulario pódese cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que eses datos poidan servir de base para reclamar posibles indenmizacións. De feito, o vicedirector Uxío Benítez, insiste na necesaria compensación das institucións (a través de fondos europeos) polo dobre impacto que sufre a fronteira: o da COVID e o do peche dos pasos.
Nalgúns casos, as persoas traballadoras rexistradas explican que teñen que facer ducias de quilómetros a maiores, con conseguinte gasto en combustible e tempo ao que hai que engadir as esperas que se producen en Tui, un auténtico funil nalgunhas horas do día ao teren os condutores que agardar a que as autoridades fronteirizas comproben o permiso que lles autoriza cruzar ao outro lado da ponte.
As queixas rexistradas pertencen a persoas residentes en diferentes concellos, tanto de Galiza como de Portugal, malia que son maioría as que viven no sur de Pontevedra e teñen que desprazarse ao norte do país luso, principalmente Valença, Vilanova de Cerveira e Monçao.
Unha das reclamacións máis repetidas é a de veciños e veciñas que sendo de Salvaterra traballan en Monçao ou residindo en Tomiño se desprazan diariamente a Vilanova de Cerveira. En ambos os dous casos teñen que dar un rodeo de ducias de quilómetros  ata chegar a Tui para poder cruzar ao outro lado da fronteira. Un traxecto que de estaren abertos tanto a Ponte da Amizade en Goián como os pasos de Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço sería cuestión de minutos.
Prexuízos que están a relatar cada unha das persoas afectadas por este peche quen subliñan que se ven obrigadas a percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, que están a padecer un aumento do custo do desprazamento ou mesmo unha redución de clientes procedentes da outra marxe. Persoas que falan de custes económicos pero tamén de cansazo físico e moral por unha situación que se repite e que lles afecta a súa vida laboral e familiar “a saúde mental vese claramente afectada pola ansiedade e o estres diario que isto provoca”.
Neste sentido algunha das queixas máis repetidas falan de que “dende que pecharon a fronteira temos que facer 100 quilómetros mais, o que significa botar unha hora mais de viaxe; os gastos ocasionados andan a volta dos 350€ mensuais cando da outra maneira non chegaban a 100€” ou explican que “debido ao peche fronteirizo, un camiño de 25 minutos ata o traballo tense convertido nun traxecto de 50 minutos a ida e case dúas horas de camiño de volta polos controis”.
Mesmo quen ademais de relatar a súa situación particular lembra que se sinte “novamente prexudicada a nivel persoal, psicolóxico e económico como xa o fora entre o 16 de abril e o 1 de xullo 2020, repetíndose unha situación que provoca un inevitable aumento do cansazo físico e psicolóxico”.
Tráiler de ‘Confinados no Río Miño’
Que a problemática do peche da fronteira segue a ser un tema de actualidade no territorio miñoto tamén está a ser confirmado pola grande cantidade de visualizacións do tráiler do documental producido polo AECT Río Miño ‘Confinados no Río Miño’. En apenas unha semana, esta peza audiovisual que conta a historia de tres mulleres que viron alterada a súa vida diaria polo peche da fronteira, leva xa acumuladas nas diferentes redes sociais da Deputación e do Smart Minho preto de 60.000 visualizacións.
Tal e como explicou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, esta iniciativa pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás difentes casuísticas e problemas que viven as persoas afectadas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”.
 

Eurodeputadxs galegxs e portuguesxs presentarán unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para pedir compensacións económicas para o territorio do Miño polo peche da fronteira
Baixo Miño, 12 de marzo de 2021. Eurodeputados e eurodeputadas de todos os partidos políticos de Galiza e Portugal comprometéronse hoxe a presentar unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para reclamar compensacións económicas ao territorio do Miño polo peche da fronteira con Portugal. Así se acordou nunha reunión convocada polo AECT Río Miño, no que representantes do agrupamento transmitiron a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir pola decisión de só ter aberto un paso 24 horas na fronteira.
O vicedirector do AECT Uxío Benítez  manifestou tralo encontro a súa grande satisfacción pola reunión, da que xurdiron importantes decisións de apoio á causa do territorio miñoto. De feito, houbo unanimidade por parte de todos os grupos en traballar pola compensación ao territorio, en entender que existe un problema e en que non ten sentido a redución dos pasos habilitados na ‘raia’.
En concreto, acordouse presentar unha iniciativa conxunta de todas as forzas políticas no Parlamento Europeo para que a Comisión Europea poida transmitir aos estados membros a singularidade das zonas transfronteirizas, e as consecuencias de pechar fronteiras nelas. Así mesmo,  destacouse a necesidade de establecer mecanismos de compensación a través dos fondos europeos e dos plans de resiliencia aos territorios que están sendo doblemente afectados pola pandemia e o peche de fronteiras.
Acordouse tamén volver reunirse e crear un foro estable de todos os eurodeputados e eurodeputadas para poder facer un seguimento á problemática que está a afectar a milleiros de persoas no territorio transfronteirizo. Tamén se puxo sobre a mesa a visita dunha delegación das e dos europarlamentarios aos concellos do Miño para coñecer de primeira man a situación das persoas afectadas.
No encontro estiveron presentes o director do AECT do Río Minho e  presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira Fernando Noguera; o vicedirector e deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e, dos grupos do Europarlamento, Francisco Millán Mon (Partido Popular), un representante  de Nicolás González Casares (PSOE); Ana Miranda en representación do grupo Os Verdes ALE; Jose Manuel Fernandes, do  PSD ; e Maria Manuel Rola deputada nacional en representación das euroedeputadas do BE; e Joao Fereira, do PCP.
Peche ata despois de Pascua
Sobre o mantemento do peche de fronteiras con Portugal ata despois de Semana Santa anunciado onte polo primeiro ministro portugués Antonio Costa, o vicedirector do AECT Uxío Benítez subliñou que se volve producir un “escándalo”.
Insistiu en que esa decisión vai levar á ruína económica ao territorio do río Miño e a obrigar a moitos traballadores a abandonar os seus postos de traballo ao manter a decisión de só deixar un paso no Miño e seguir co funil no paso de Tui-Valença. “Séguese obrigando ás persoas traballadoras a percorrer distancias quilométricas, a ter gastos de entre 200 e 300 euros ao mes máis en combustible para acceder aos postos de traballo”, lembrou, ao tempo que advertiu que o AECT ten xa constancia de casos de persoas que pediron a excedencia dos seus postos de traballo porque non poden asumir o custe.
Benítez criticou que mantendo a decisión de pechar fronteiras os gobernos seguen a demostrar que descoñecen a situación transfronteiriza na que hai unha vida económica, unhas relacións laborais e empresariais que dependen da apertura da fronteira e dos pasos. “Pensan en declaracións grandilocuentes de cara ao turismo estranxeiro traendo o virus. Pero pechar a fronteira non só é iso, pechar a fronteira é afectar a un territorio cunha realidade propia. Están levandoo á ruína”, insistiu.
“Esixiremos que haxa compensación económica para o territorio e que os fondos comunitarios do Next Generation contemplen partidas específicas porque cada día que pasa coa decisión do peche e só un paso no Miño crean maior perxuízo económico. Ten que haber compensación económica ao territorio e ás persoas traballadoras perxudicadas”, finalizou o vicedirector do AECT.
 

O AECT Rio Miño lanza o documental ‘Confinados no Río Miño’ para visibilizar o problema do peche da fronteira con Portugal durante a pandemia
Baixo Miño, 5 de marzo de 2021. Persoas traballadoras, autónomas, empresas, veciñas e veciños do territorio do Río Miño están a sufrir un doble impacto nas súas vidas: o da COVID e o do peche da fronteira con Portugal. Detrás das perdas económicas, dos rodeos de centos de quilómetros para ir traballar, e dos gastos en combustible e de tempo hai historias persoais que son exemplo do que acontece a máis de 6.000 afectados e afectadas e o AECT Río Miño quere darlles voz, polo que vai lanzar un documental, ‘Confinados no Río Miño’, que se estreará nas vindeiras semanas e do que xa está a circular un tráiler nas Redes Sociais da Deputación e do Smart Minho.
Esta iniciativa, segundo explica o vicedirector Uxío Benítez, pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás difentes casuísticas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”, inisiste Benítez, explicando que a intención é chegar coa peza audiovisual ao maior número de xente e ás autoridades galegas, estatais e tamén da Comisión Europea –polo que ademáis de utilizar o galego e portugués tamén se subtitulará en inglés-.
O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Ten unha duración de arredor dunha hora e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas directas de persoas que viviron o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento. Cunha visión económica e institucional de como se reivindicou a apertura dos pasos, insistindo en que o do Miño é un territorio moi dinámico económicamente, cunha interdependencia moi grande entre ambas beiras do río, e cunha fronteira que supón o 5% do total de quilómetros entre España e Portugal pero que asume o 50% do tráfico de vehículos.
Noelia Salgueiro, veciña de Valença e traballadora en Tui,  é Unha das persoas nas que se exemplifica a situación e explica que durante o primeiro confinamento e peche de fronteira tivo que marchar da súa residencia habitual, volver á parte española co seu fillo máis pequeño, e instalarse na casa de seus pais durante mes e medio porque por problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mezclados, involucrados. Non saben as autoridades como se vive nesta zona”, criticou.
Outro dos casos narrados é o o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço, ata onde diariamente percorre apenas 8 quilómetros que se converteron en centos ao ter que pasar polo paso de Tui obrigatoriamente durante o ‘encerramento’. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan medios, porque se eu soubera isto nunca tería montado o meu negocio do outro lado”, explica.
Finalmente, Andreia Costa, veciña de Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas ribeiras é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia queda destruid” co peche da fronteira.
O documental será presentado oficialmente de maneira presencial no territorio do Miño en canto se alivien as restricións da pandemia e os peches fronteirizos. Mentres tanto, nas redes sociais tanto da Deputación como do Smart Minho estase a difundir un ‘tráiler’ reivindicativo.
Rexistro
A posta no foco das persoas afectadas polo peche de fronteira é un dos obxectivos do AECT Rio Minho dende todos os ámbitos. Nestes momentos está activo un rexistro de persoas afectadas co fin de cuantificar as perdas das para reclamar indemnizacións.
No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.
  


O AECT Miño reivindica ante a Xunta e a CCDR-N que os territorios do Miño afectados polo peche da fronteira teñan prioridade para recibir fondos europeos do ‘POCTEP’ e do ‘Next Generation’
Baixo Miño, 3 de marzo de 2021. O AECT Rio Miño reclamou hoxe á Xunta de Galicia e Á CCDR-N de Portugal que os concellos do territorio do Miño afectados polo peche da fronteira con Portugal “teñan prioridade” á hora de recibir fondos europeos. O agrupamento insiste en que o prexuízo económico que está a sufrir a zona debe terse en conta na distribución dos fondos que agora se están a xestionar: os do ‘Next Generation’ e os do próximo cadro comunitario, do programa POCTEP 2021-2027, no que tanto Xunta como CCDR-N teñen capacidade de xestión.
O AECT Rio Miño fixo esta reclamación hoxe  nun foro convocado polo goberno galego e a Comisión de Coordinação e  Desenvolvemento da Region Norte de Portugal (CCDR-N) –o seu equivalente luso- na que participaron os tres agrupamentos europeos de cooperación territorial (AECT) existentes en Galicia, o AECT Galiza-Norte de Portugal  que xestionan as dúas entidades (Xunta e CCDR-N),e os propios da fronteira, o AECT Verín Chaves e AECT Rio Miño. No encontro estiveron presentes tanto os directivos dos AECT como o vicepresidente Alfonso Rueda e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallo cunha única  temática na mesa: o actual peche de fronteiras e o horizonte dos fondos europeos.
O vicepresidente do AECT Rio Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez,  fixo fincapé unha vez máis na idea de que os concellos da fronteira teñen que ser compensados polo impacto económico ‘extra’ que está a supoñer o peche dos pasos sobre sumado ao que acumulan empresas, traballadorxs e autónomxs pola COVID . Lembrou que no estudo elaborado pola Universidade de Vigo e dirixido polo profesor Xavier Cobas apúntase que hai un ‘efecto fronteira’ que se estima no 12% no comercio e no 19% na hostelería a maiores do xa creado pola pandemia noutros territorios. “Ese ‘efecto fronteira’ foi creado por decisións políticas, e agora que hai uns fondos económicos europeos, ten que terse en conta para que eses territorios que sufriron doblemente teñan partidas específicas para poder revitalizar e recuperar a súa economía”, afirmou Benítez, engadindo que esa é unha petición que o AECT levará a diferentes foros e que se presentou ante a Xunta porque está en debate como vai ser a xestión do POCTEP 2021-2027 do cal a Xunta e a CCDN-R teñen capacidade de xestión.
O matiz importante, subliñou Benítez, é que os esforzos económicos “se centren aínda máis no territorio de fronteira” e non en territorios tan extensos como os que veñen sendo habituais para eses programas, que actualmente chegan a toda Galiza e a case todo Portugal menos Lisboa. “Eses fondos teñen que usarse para compensar os territorios que sufriron o prexuizo económico de non poder relacionarse cos do lado por haber unha fronteira. Sempre houbo un prexuízo económico histórico, por iso naceron os fondos transfronteirizos: foron creados para os territorios que durante centos de anos tiveron unha fronteira que impediu a relación e desenvolverse económicamente como se non fosen da ‘raia’. Durante moitos anos  eses  fondos empregáronse para moitos proxectos que non tiñan que ver coa fronteira, pero creemos que esta volta ao peche de fronteiras pola COVID debe facer volver á orixe, á concepción deses fondos: a atender prioritariamente a fronteira”, insistiu o deputado.
Benítez expuxo na reunión outras iniciativas que está a desenvolver o AECT Rio Miño pola problemática do peche da fronteira con Portugal. A última é a creación dun rexistro de persoas afectadas para reclamar posibles indemnizacións polos rodeos derivados de que haxa só un paso 24 horas aberto na fronteira, o gasto de tempo extra, o gasto en combustible, a perda de clientes ou a imposibilidade de cruzar no control.
 

O AECT Río Minho habilita un rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal para reclamar indemnizacións
Baixo Miño, 2 de marzo de 2021. O AECT Río Minho ten operativo dende hoxe o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Nas primeiras horas dende a súa posta, sen aínda difusión oficial, o rexistro xa recibiu máis dunha ducia de reclamacións, que se prevé aumenten considerablemente nos vindeiros días.
O obxecto deste rexistro é coñecer a casuística de cada unha das persoas afectadas e poñerlle nome e apelidos a unha situación que está a prexudicar a un elevado número de persoas que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos.
“Sabemos que hai moitas persoas afectadas e ata o de agora dirixíanse aos seus concellos, as administracións máis cercanas, para queixarse e saber como actuar. Con esta iniciativa do AECT queremos centralizar as reclamacións nunha ‘oficina de afectadas’ conxunta e traballar co fin de tramitar posibles indemnizacións, xa que entendemos que o territorio do Miño debe ser compensado economicamente pola decisión dos estados de pechar a fronteira e non deixar máis que un paso. Hai un grande impacto que iso está a ter na economía”, explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez.
No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.
Todos estes prexuízos que xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota. As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano. “Para este novo peche de fronteiras -lembrou Benítez- prevese que ‘Efecto Fronteira’ sexa maior, xa que hai máis actividade económica aberta”.
Benítez lembrou que o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública para que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño. Tamén se prevé aprobar unha moción sobre este tema nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.
 

O territorio do Miño reclama cunha pancarta xigante na Ponte da Amizade a apertura da fronteira con Portugal e compensación polo dano económico
Baixo Miño, 1 de marzo de 2021. Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.
O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.
Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo (presentado o pasaro venres), a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.
O mandatario destacou que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”. “Este é  un momento axeitado, hai que habilitar partidas específicas para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico foi maior, garantindo que os fondos se destinan ás zonas de raia e non se deturpen”, dixo, criticando que nestes momentos case toda Galiza e todo Portugal menos a zona de Lisboa teña dereito a acceder a eses fondos a pesares de non estar na ‘raia’.
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “Persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación”, dixo.
Tamén subliñou que resulta “lamentable” esta situación porque “este erro” xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. “Estamos convencidos de que é unha cuestión efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é poñer controis nas cinco pontes internacionais, é moi fácil”, insistiu, engadindo que neste caso o que fixeron é dividir un territorio. “É como se nos quitasen a metade do territorio, a metade dos clientes, a metade dos empresarios, a metade dos traballadores… Ao pechalo, que se nos compense. Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo. E iso tense que facer efectivo no próximo cadro comunitarios”, finalizou.
Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do Agrupamento e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para ter o refrendo e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.
Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço. Nesta ocasión non foi posible desenvolver o acto simbólido de maneira conxunta por impedimento expreso da GNR e da Guarda Civil, que non autorizaron á comitiva galega e á portuguesa a xuntarse no medio da Ponte da Amizade: cada parte escenificou a queixa do seu lado. “Esta ponte chámase da Amizade, moi simbólico, pero agora esa amizade está rota non por vontade dos seus veciños e veciñas, senón das autoridades”, criticou a alcaldesa de Tomiño.
  
Os concellos do Grupo de Desenvolvemento Eu Rural únense para conmemorar o 8M
Baixo Miño, 1 de marzo de 2021.- Os 13 concellos que forman parte do territorio da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural únense este mes de marzo pola igualdade. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, o grupo de desenvolvemento rural porá en marcha unha campaña a través da súa web e das redes sociais coa que continuar dando pasos cara a visibilización da muller e na loita contra a desigualdade de oportunidades por cuestións de xénero.
Farao coa difusión do vídeo ‘Nos espellos’, unha peza audiovisual que recolle a historia das participantes na última edición do obradoiro ‘Namórate de ti’ celebrado o pasado ano en Mos e no que elas relatan en primeira persoa as súas experiencias, as súas historias de vida e os seus esforzos por superar as dificultades coas que se atoparon. Durante toda esta semana Eu Rural irá publicando nas súas redes diferentes pílulas promocionais para difundir o vídeo íntegro o luns 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller.
Por outra banda, este vídeo poderá servir como material didáctico a empregar nos centros de ensino dos concellos do territorio (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) para traballar co alumnado nas aulas calquera temática relacionada co 8M.
Malia que cada municipio conta con actividades propias para conmemorar o 8M, tamén se implicaron nesta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos.
Regreso al contenido