Baixo Miño, xuño 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, xuño 2020

PUBLICADAS

Bará comprométese a integrar o Baixo Miño no transporte metropolitano de Vigo para que a veciñanza dispoña de máis frecuencias e mellores prezos

Baixo Miño, 29 de xuño de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse hoxe a integrar a comarca do Baixo Miño no transporte metropolitano de Vigo para que a súa veciñanza se beneficie de maiores frecuencias e prezos máis baixos. O nacionalista realizou esta proposta nun acto hoxe en Tomiño xunto ao tamén candidato da comarca Xose Manuel Méndez, ás alcaldesas de Tomiño e O Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, o portavoz municipal de A Guarda Anxo Baz, o concelleiro en Tui Xosé Martínez Tato, e a membro do consello local de Oia Marisa Guerra. Destacou que é preciso rematar co agravio que supón o actual plan da Xunta de Galiza para a veciñanza da zona, que a diferencia da doutros concellos do Condado ou o Val Miñor, ten que pagar elevados prezos polo seu desprazamento á area de referencia sanitaria e universitaria.
Bará anunciou, así mesmo, que o BNG desenvolverá un Plan de Mobilidade Sustentable consensuado cos concellos e mancomunidades comarcais en toda Galiza que integre todas as formas de transporte tanto por estrada, ferrocarril -fundamental na comarca do Baixo Miño-, de ría, e tamén o fomento da mobilidade natural peonil e ciclista en áreas urbanas e periurbanas. Sinalou que no caso do transporte por estrada  é necesario desenvolvelo en tres niveis: local-comarcal con transporte a demanda, metropolitano e interurbano para comunicar as principais vilas do país.
Na xuntanza coas alcaldías e grupos do BNG na comarca do Baixo Miño o cabeza de lista analizou a situación do Plan de Transporte da Xunta de Galiza e comprobou que hai unha discriminación evidente destes concellos no actual plan deseñado polo Partido Popular, a pesares de que nestes momentos para os concellos con dispersión de poboación e rurais como os municipios do Baixo Miño é imprescindible ter unha boa comunicación a través da rede viaria e tamén a través das redes de telecomunicacións.
Bará destacou que, no transporte metropolitano, é fundamental a conexión dos concellos miñotos con Vigo como cabeceira e tamén núcleo onde están o hospital de referencia ou a universidade. Avogou por facer un plan integral de transporte, sustentable, eficiente, e seguro integrando tamén o transporte ferroviario, porque a comarca ten moi preto as estacións da liña de Vigo-Porto, que debería ser un eixo fundamental de conexión e comunicación co exterior. “Por iso nós apostamos pola promoción e potenciación da liña Vigo-Porto coa saída sur e coa ampliación e mellora das frecuencias”, afirmou.
“Non se pode explicar de ningunha maneira que o PP exclúa a esta comarca do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo de maneira que unha persoa de 20 anos estudante teña que pagar 12 euros para trasladarase desde A Guarda a Vigo, mentres un mozo de A Cañiza ou de Baiona vaia gratis porque teñen un transporte gratuíto. O mesmo podemos dicir de persoas maiores que teñen que recorrer ao transporte público como única solución para chegar a Vigo, ao hospital por exemplo, co que non teñen frecuencias e e non teñen un trasnporte extremadamente caro”, insistiu.
Bará destacou que é o momento de facer un cambio de raíz na Xunta de Galiza e nas súas políticas. Afirmou que o BNG de Ana Pontón ten un proxecto claro, serio e solvente para poñer en marcha e activar o país fronte “á parálise dos últimos once anos”, subliñando que o 12X poderase dar un resultado histórico que permita o cambio galego se todas as persoas galeguistas e que lle queren a Galiza concentran o voto no BNG: “Quedar na casa é darlle o voto ao PP. Ninguén que estea farto deste goberno pode quedar sen votar”, finalizou.



Partido Popular: “Os alcaldes do Rosal, da Guarda, de Tui, e de Tomiño evidencian un completo descoñecemento do Plan de Transporte Público de Galicia”
A posta en marcha do Plan de Transporte Público de Galicia suporá unha mellora substancial dos servizos para os veciños dos concellos do Baixo Miño. As manifestacións feitas públicas polos alcaldes da Guarda, Tomiño e O Rosal evidencian un completo descoñecemento das liñas de autobús que proximamente entrarán en funcionamento nos seus municipios.
Os contratos, que están en fase de adxudicación crean novas liñas de autobús máis directas desde os concellos da Guarda, Tui, O Rosal e Tomiño cara á Universidade de Vigo e aos Hospitais, como o Álvaro Cunqueiro ou Povisa, tendo en conta que se manteñen os servizos ao Hospital Meixoeiro que xa existen desde eses concellos.
Ademais, créase unha nova liña entre A Guarda, O Rosal e Oia, con 2 expedicións diarias en días lectivos.
A oferta de servizos queda da seguinte maneira:
Entre A Guarda e Vigo:
Actualmente hai 14 liñas entre A Guarda e Vigo, cun total de 45 expedicións diarias. Co novo Plan de transporte pasará a haber un total de 16 liñas con 57 expedicións diarias. Isto supón un incremento do servizo diario dun 27%.
Ademais melloran os servizos entre A Guarda co CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro. Actualmente existen 5 liñas con 12 expedicións de luns a venres. Coa implantación do Plan de transporte pasarase a 7 liñas con 19 expedicións de luns a venres.
Entre Tomiño e Vigo:
Na actual oferta de servizos, existen 14 liñas que conectaban Tomiño con Vigo cun total de 48 expedicións/día. O novo contrato ten 15 liñas que conectan Tomiño con Vigo cun total de 54 expedicións /día. Supón un incremento dun 12,5% nas expedicións diarias.
Ademais, un total de 24 expedicións (diarias) unirán Tomiño co CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro.
 
Entre o Rosal e Vigo
O novo contrato conecta O Rosal con Vigo, cun total de 54 expedicións /día, das cales 3 son de nova creación, o que supón un aumento de 14 expedicións diarias en relación á situación actual. Ademais, un total de 10 expedicións (diarias) unirán O Rosal co CUVI.
Entre Tui e Vigo
No novo conectan Tui con Vigo un total de 35 expedicións /día, das cales 6 terán parada no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Melloras nos prezos
Coa implantación desta fase do Plan de transporte, xeraranse bonos mensuais de 50 viaxes para calquera das relacións de tráfico entre calquera par de termos municipais que formen parte do ámbito territorial do contrato (incluíndo as viaxes dentro do mesmo termo municipal).
Ademais, no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, está previsto que unha vez implantados estes, estenderase a Tarxeta Xente Nova e a Tarxeta TMG aos concellos do Baixo Miño.



A Xunta deixa incomunicado ao Baixo Miño ao non incluílo no transporte metropolitano
O Rosal, 19 de xuño de 2020.- A decisión da Xunta de Galicia de non incluír ao Baixo Miño no transporte metropolitano da área de Vigo causará importantes prexuízos aos veciños e veciñas da comarca. Os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada pola Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, lamentan esta decisión e alertan de que “suporá un importante deterioro dun servizo fundamental nunha contorna rural cun alto índice de poboación envellecida”.
 
Esta exclusión da comarca do Plan de Transporte Metropolitano reduce de forma importante as frecuencias horarias, eliminando as existentes entre as 09.00 e as 12.00 horas, e deixa ao Baixo Miño incomunicado e illado da súa área sanitaria de referencia, Vigo, así como do campus da Universidade de Vigo. Unha situación que tamén repercutirá negativamente na economía de toda a veciñanza da comarca, xa que ao quedar fóra do transporte metropolitano non poderán beneficiarse das tarifas bonificadas, dos diferentes descontos ou da posibilidade de facer transbordo.
O pasado verán a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño xa deu resposta á esta precarización do transporte e interpuxo de forma conxunta alegacións ao anteproxecto do Plan de Transporte Metropolitano presentado pola Xunta, dando resposta a todas as eivas detectadas no servizo en caso de aplicación. Nestas alegacións incluíase tamén o deseño das liñas concretas coa Universidade ou a área sanitaria ou as liñas circulares entre os núcleos para poder trasladar ao goberno autonómico solucións concretas e acordes ás necesidades dos concellos do Baixo Miño. Os rexedores e rexedoras da comarca piden á Xunta “que atenda a todas estas demandas que foron claramente especificadas nas alegacións que presentou o conxunto da Mancomunidade”.
Os rexedores e rexedoras dos concellos do Baixo Miño consideran un agravio que a Xunta non inclúa aos concellos da comarca nunha rede de transporte metropolitano do que si forman parte Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior. “En lugar de aproveitar a oportunidade e apostar polo servizo público o que se está a facer é precarizalo, co que terá menos viaxeiros e resultará cada vez menos rendible”, salientan.



A Deputación envórcase no apoio ao viveirismo da planta ornamental e da flor cortada do Baixo Miño duramente castigado pola Covid19

 
Baixo Miño, 23 de xuño de 2020. Cos hashtags #PonteEnFlor e #FloresDoBaixoMiño e lemas como #ConectaCoVerde, #RodéateDeVida e #ViveEnColor, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Cultivos de Baixo Miño, ACUBAM, presentaron hoxe, na Praza do Seixo de Tomiño, a campaña de promoción que a institución provincial pon en marcha para apoiar ao sector da planta ornamental e flor cortada e, consecuentemente, a todos os concellos onde se produce da comarca do Baixo Miño, que tanto sufriron a crise sanitaria ao coincidir o máis duro da pandemia co momento das ventas e exportacións do sector.
Nun acto cheo de flores e cores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada das alcaldesas de Tomiño e do Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a presidenta de Acubam, Patricia Rodríguez, e a deputada provincial Ana Mejías, amais de mulleres e homes viveiristas, destacou que “apoiar esta iniciativa é unha obriga para a institución” e engadiu “non hai outra forma de manter o territorio se non é con economía, apoiarvos agora é apoiar o futuro da xente de aquí”. Neste eido, Carmela Silva sinalou que se trata dunha campaña de proximidade, “unha campaña para que merquemos produto local e para que teñamos compromiso individual, temos que comprar plantas e flores e apostar por este sector”. A presidenta provincial explicou que esta pandemia global foi moi complicada para todo o sector económico, “pero moi particularmente para aqueles sectores como o que representa ACUBAM, o viveirismo. É durísimo facer fronte a unha situación así”. Carmela Silva reclamou por iso ás administracións que teñen competencias “que poñan recursos a disposición deste sector, porque falamos de futuro, de emprego, de actividade económica e dun territorio que despois de moito tempo estaba a coller impulso”.
A presidenta da Deputación tamén tivo unhas palabras para facer un recoñecemento ao papel fundamental das “moitas mulleres que traballan neste sector e no crecemento económico e actividade económica”. Por último, Carmela Silva quixo enviar unha mensaxe optimista a todas e todos os viveiristas do Baixo Miño alí presentes, sector moi afectado pola crise da Covid ao estallar en plena campaña de ventas. “Somos  un pobo de xente loitadora, superaremos esta pandemia, e o viveirismo tamén o superará e sairemos reforzadas e reforzados, aínda que non será fácil”.
Pola súa banda, as alcaldesas de Tomiño e do Rosal, o alcalde da Guarda, e a presidenta de Acubam agradeceron e puxeron en valor a gran implicación e compromiso da Deputación e da presidenta “en primeira persoa”. Neste senso, Sandra González destacou “que Carmela Silva estivo pendente en todo momento do sector e dos prexuízos económicos, comprometeuse que ía poñer en marcha esta campaña e hoxe cumpre a súa promesa”. O alcalde da Guarda tamén enxalzou que “a Deputación sempre apoia as iniciativas que temos nesta comarca”. Pola súa parte, Ánxela Fernández coincidiu no “apoio fundamental da Deputación” e lembrou que detrás do viveirismo  “hai moitas familias e unha presenza da muller no sector fundamental”, “algo que é moi importante xa que quen afronta as consecuencias da crise adoitan ser as mulleres”. Finalmente, a presidenta de Acubam, Patricia Rodríguez, fixo fincapé en que “é fundamental que as institucións públicas tendan a man a sectores estratéxicos como é o noso para a comarca, e que está a ser duramente castigado nesta pandemia”.
A campaña, que busca impulsar e animar á cidadanía a mercar plantas e flores do Baixo Miño, está centrada en catro accións concretas. En primeiro lugar, crearase o selo “Planta do Baixo Miño” e “Flor do Baixo Miño” como elemento promocional e garantía de orixe e calidade. Amais, con este selo tamén se farán elementos de sinalización para instalar en Garden Centers e floristerías que vendan plantan e flores desta comarca. Por outra banda, realizarase un vídeo promocional de planta e flor do Baixo Miño inspirador, que anime ás persoas a mercar as plantas e flores desta zona da provincia, centrándose na relación entre flores e plantas e a mellora da calidade de vida das persoas. E, por último, levarase a cabo a campaña en Redes Sociais a través de FacebookAds e Instagram Ads con hashtags como #ConectaCoVerde e #PlantaDoBaixoMiño, #PonteEnFlor e #FloresDoBaixoMiño, #RodéateDeVida, #ViveEnColor.



O BNG mostra a súa oposición á transformación da Valga e a Groba
Baixo Miño, 19 de xuño de 2010. O 30 de abril deste ano, no medio da grave crise sanitaria e socioeconómica provocada pola COVID 19, o Consello da Xunta acordou reactivar a tramitación administrativa dos procedementos de avaliación ambiental de 975 proxectos industriais que se viron suspendidos pola declaración do estado de alarma. Esta decisión foi cuestionada e criticada duramente polo movemento ambiental e ecoloxista galego, que denunciou o interese da Xunta por seguir coa tramitación de proxectos, algúns moi controvertidos e de forte impacto ambiental, en pleno estado de alarma e baixo medidas de resttrición de movementos e de distanciamento social, cando non están garantidos plenamente os dereitos de información e participación pública. Semella que o Goberno galego pretende con esta medida procurar atallos e favorecer a tramitación destes proxectos nunha situación de excepción e indefensión da poboación afectada e, no caso dos proxectos dos parques eólicos nas serras do Galiñeiro e a Groba, sen ter en conta a opinión das comunidades de montes onde se atopan. Proxectos dun plan depredador que destrúe, degrada e desfai o territorio, no que prevalecen os intereses de grandes empresas e corporacións sobre os intereses da veciñanza e sobre a defensa do territorio e do medio ambiente. Nos caso concreto da Serra da Groba os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, namentres que na Serra do Galiñeiro irían 13 torres aeroxeneradoras. Hai que ter en conta que ambas serras constitúen uns espazos de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística. Para o BNG a aposta por enerxías limpas e renovábeis como a eólica debe ser compatíbel na súa ubicación tanto co entorno como co uso multifuncional do monte, na procura do menor impacto medioambiental posíbel . Un novo modelo de produción enerxética a encaixar nun plan de ordenación do territorio froito do consenso entre o goberno galego, concellos e sociedade, que concilie ecoloxía e economía. No caso da Serra do Galiñeiro convén lembrar que o BNG presentou en novembro de 2012 alegacións ante a xefatura territorial de Pontevedra da Consellaría de Economía e Industria contra da instalación dun parque eólico nesta serra, así como esiximos mediante mocións nos concellos e iniciativas no Parlamento Galego reclamando que se declarase área protexida e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia. Neste escenario atopámonos cun Goberno da Xunta inoperante que non foi quen de dotar á Serra do Galiñeiro da protección legal demandada, a pesar que en 2013 anunciou a súa decisión de ampliar a súa protección como “espazo natural local” toda vez que descartaba a súa integración no Parque Natural do monte Aloia, feito este que impediría o desenvolvemento de calquera proxecto deste tipo na serra. No tocante á Serra da Groba a ubicación dalgúns dos aeroxeneradores coincidiría dentro, ou estaría nos límites, da área proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000. Por todo o exposto, desde o BNG das comarcas de Vigo e Baixo Miño manifestamos a nosa posición contraria aos proxectos de parques eólicos en tramitación na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba. Por último, tendo en conta o agravante de que a reactivación dos procedementos de avaliación ambiental durante o Estado de Alarma non garante a defensa dos intereses cidadás e os dereitos de información e participación da poboación afectada, esiximos a paralización inmediata do efecto da orde ditada pola Xunta.



A Xunta destinará 725.158 euros para mellorar infraestruturas turísticas en 32 concellos da provincia de pontevedra
Baixo Miño, 19 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura notificou aos concellos que o solicitaron que son beneficiarios das axudas para a posta en valor da riqueza histórica e paisaxística na comarca do Baixo Miño, das que se beneficiarán Tui e Oia, con case 50.000 euros entre os dous concellos.
O concello de Tui recibirá 17.846 euros para mellorar infraestruturas turísticas, e Oia terá 29.650 euros para promover roteiros pola Valga.
Estas axudas permitirán seguir impulsando Galicia como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago.



A Xunta subvenciona a contratación de socorristas no Baixo Miño
Baixo Miño, 16 de xuño de 2020. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou ós concellos da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios do Baixo Miño e o Condado-Paradanta poidan contratar durante os meses de xullo e agosto a un total de 16 persoas socorristas, destinando para ambas as comarcas 50.357,14 euros.
Concretamente no Baixo Miño poderá contratar dous socorristas o concello de Tomiño e seis disporá A Guarda. Desde a Xunta de Galicia lembran que a contratación de socorristas para praias e piscinas non é competencia autonómica e deben ser os propios concellos os que realizan directamente estes contratos, que posibilitarán tamén que as persoas desempregadas teñan unha oportunidade de adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo.



A Xunta destina más de 300 mil euros aos concellos do Baixo Miño para a contratación de perceptores da Risga
Baixo Miño, 12 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios do Baixo Miño poidan contratar a 24 persoas perceptoras da Risga, que serán destinadas a executar labores de construción, xardinería e oficina.
Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse aso concellos de Tomiño, coa contratación de 5 traballadores; A Guarda, con outros 5;  Oia e O Rosal, que poderán contratar a 2 traballadores cada municipio, e Tui poderá dispoñer de 10 traballadores. En total, a Xunta destinará a estes municipios 316.774 euros.
Estas axudas están dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para axudarlles e facilitarlles a súa inserción laboral.
As contratacións deberán ter como obxectivo a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais, e os traballadores e traballadoras contratadas deberán estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como perosas demandantes non ocupadas e ser perceptoras da Risga.
Estas medidas, enmarcadas nas políticas de emprego da Xunta, teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como apoiar a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.



O Baixo Miño terá a súa propia Unidade de Atención Temperá para menores de 6 anos

Baixo Miño, 11 de xuño de 2020.- A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui,.acordou esta semana dar luz verde á creación dunha Unidade de Atención Temperá para a comarca; unha iniciativa que permitirá ás familias de calquera deste catro municipios con menores con dificultades de aprendizaxe, ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse ata Vigo.
Trátase dun proxecto destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo de profesionais interdisciplinar.
Tendo en conta que a familia é o axente socializante máis significativo, especialmente nos seus primeiros anos de vida. "Entendemos que a estimulación temperá permite detectar e traballar de maneira coordenada e integrada coa familia, facer as derivacións oportunas e dotar dos recursos necesarios, para evitar custosos desprazamentos que son moi gravosos para as familias con menos recursos", explican dende o Servizo de Educación e Apoio Familiar de Tomiño, que foi o redactor do proxecto para toda a Mancomunidade.
O proxecto alcanzará á Comarca do Baixo Miño, que conta cunha poboación total de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.
A implantación desta Unidade de Atención Temperá na comarca supón un avance na coordinación entre todos os servizos e recursos de atención á infancia, tendo en conta as necesidades das familias e favorecendo a igualdade de oportunidades e a participación social  xa que debido a ubicación xeográfica, os recursos dos que se dispón xeralmente quedan moi lonxe da área.
O traballo será establecido en rede, de xeito que a derivación dos casos á Unidade de Atención Temperá virá dada por un protocolo consensuado polas técnicas do Servizo de Educación e Apoio Familiar dos distintos concellos que a conforman, e será a vía de acceso,permitindo ter un coñecemnto sobre @s usuari@s beneficiarios e así poder detectar casos susceptibles de apoio e/ou intervención, dotando á mesma dun carácter eminentemente preventivo, sen prexuicio do establecer unha coordinación e supervisión da unidade e da xestión que o funcionamento da mesma require.
A subvención achegada pola Xunta de Galicia e polos propios concellos permitirá contratar a tres profesionais dos campos da psicopedagoxía, psicoloxía e logopedia.
O AECT Rio Minho considera “unha grande vitoria do territorio” a decisión de abrir tres novos pasos na fronteira
Baixo Miño, 11 de xuño de 2020.- O AECT Rio Minho considerou hoxe “unha grande vitoria do territorio” a decisión dos gobernos españois e portugués de abrir tres novos pasos para traballadores e traballadoras transfronteirizos en Tomiño, Salvaterra e Arbo. Segundo destacou o director da agrupación europea, Uxío Benítez, esta decisión é resultado da presión pública e social liderada polo AECT e os concellos miñotos dun e doutro lado da fronteira. “Conseguimos facer visible en Madrid e Lisboa a realidade transfronteiriza, que dous gobernos de dous estados acordaran unha solución para os traballadores transfronteirizos”, destacou.
O nacionalista indicou, así mesmo, a unión de todos os rexedores e rexedoras dos concellos do Miño que, sen diferenciación de siglas políticas, se puxeron de acordo para realizar dúas protestas simbólicas de grande repercusión nas pontes de Tomiño e Salvaterra co fin de poñer en evidencia unha situación “ilóxica e inxusta”.  Lembrou que dende o inicio do peche de fronteiras se pediu unha maior mobilidade, pero que a petición de apertura de máis pasos foi un “clamor” dende finais de abril, cando alcaldes e alcaldesas asinaron un manifesto pedindo máis puntos de paso autorizados e trasladaron un informe da Universidade de Vigo a todos os niveis da administración central e da Xunta de Galicia.
Neste sentido, Benítez foi especialmente duro co papel xogado polo presidente Núñez Feijóo, “totalmente ausente” ante as reclamacións de concellos e das persoas afectadas. “Houbo unha inacción absoluta. O presidente desentendeuse totalmente da situación deixando nas mans dos concellos toda a reivindicación, a pesares de que debería ter activado a súa figura dentro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, poñéndose á fronte. Abandonou á súa sorte esta parte do país nun momento de crise moi grave. Nin visitou a zona nin atendeu á nosa demanda de reunión. Iso di moito da importancia que para el teñen as relacións con Portugal”, subliñou.
Segundo di o director do AECT, esta medida tiña que ter chegado antes xa que “algúns traballadores e traballadoras se viron obrigados a non seguir nos seus postos”. En calquera caso, agradeceu que se tivera “recapacitado” por parte dos gobernos centrais e comprendido o “ilóxico e inxusto” de que un só punto de pasaxe autorizada tivera que asumir o 50% dos tráficos entre Portugal e España. Lembrou, de feito, que dende o peche das fronteiras ata onte 10 de xuño pasaron polo control de Tui-Valença arredor de 260.000 persoas. “Tomar decisións sobre un lugar como a fronteira do Miño a 600 quilómetros terra adentro sen coñecer as súas peculiaridades non é axeitado, mais valoramos o cambio de postura”, destacou.
Ademais, Benítez tamén quixo sinalar que a apertura de novos pasos non soluciona o problema do comercio transfronteirizo, xa que a meirande parte dos negocios da fronteira do Miño dependen da poboación e clientela do outro lado, polo que concellos e AECT seguirán coas reivindicacións.


Concellos do Baixo Miño contarán con axuda da Xunta para contratar persoal nas oficinas de turismo
Baixo Miño, 5 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia notificou a 12 de concellos da provincia de Pontevedra, entre eles A Guarda e Tui, que poderán optar ás axudas que o Goberno galego reserva para a contratación de persoal durante o verán para as oficinas de turismo, recibindo cada concello 5.500€ euros.
Con esta medida búscase, en liña co previsto no Plan de Reactivación do sector turístico, fomentar o emprego, así como a colaboración cos concellos a través da contratación de persoal cualificado e profesionalizado que contribúa a blindar a calidade na atención turística no territorio galego.



O AECT Rio Minho reivindica que abrir pasos na fronteira con Portugal para persoas traballadoras “é máis urxente que a apertura xeral para o turismo”
Baixo Miño, 4 de maio de 2020. O AECT Rio Minho, a través do seu director Uxío Benítez, reivindicou hoxe novamente que a apertura de pasos na fronteira con Portugal para as persoas traballadoras transfronteirizas “é máis urxente que a apertura xeral para o turismo”. O nacionalista foi así de contundente logo do anuncio e corrección por parte do goberno central do adianto da data de autorización de fluxos de turistas vía terrestre entre España e Portugal.
Benítez, que manifestou está á espera dunha confirmación oficial de se se mantén o 1 de xullo ou o 22 de xuño para a libre circulación entre ambos países, destacou que ese anuncio, en calquera caso, non é suficiente para solucionar os problemas que vive a cidadanía da ‘raia’. Destacou que, independentemente de que se adiante ou non para o turismo a data de apertura das fronteiras entre España e Portugal, “a situación máis inxusta é a do persoal laboral transfronteirizo”.
“Hai unha serie de traballadores e traballadoras que non poden acceder aos seus postos de traballo, teñen que percorrer distancias quilométricas e iso é prioritario da apertura xeral que se está a valorar por parte dos estados. Iso é máis urxente, atende a unha realidade imperiosa, que é a do rio Miño transfronteirizo, onde hai Eurocidades nas que hai relación comercial, económica e social a ambos lados moi intensa”, insistiu.
O director do AECT subliñou que a apertura dos pasos para as e os traballadores debe facerse de maneira inmediata e gradual e, en ningún caso, pode agardar nin ao 22 de xuño nin ao 1 de xullo. Puxo sobre a mesa a posibilidade de que os estados español e portugués habiliten incluso a apertura da fronteira en franxas horarias que faciliten a mobilidade laboral, marcando horas no primeiro momento da mañá, no mediodía e a última hora da tarde.
“Precisamos unha solución inmediata. Traballadoras e traballadores téñense que mover por obriga e estase a cargar sobre eles o custe de non habilitar uns xendarmes e gardas civís por parte do Estado. É unha situación inxusta”, insistiu, lembrando que alcaldes e alcaldesas do Alto e Baixo Miño continuarán as mobilizacións se non se dan solucións á situación que se leva reivindicando dende o mes de abril.
En calquera caso, e de confirmarse o adianto da apertura xeral de fronteiras, dende o AECT valórase positivamente porque en certa medida os gobernos percibiron a indignación da fronteira polas protestas realizadas. “Agardamos confirmación oficial”, subliñou Benítez.



Os concellos do Miño lanzan un S.O.S. simbólico dende a ponte da amizade para abrir máis pasos na fronteira que faciliten a mobilidade das e dos traballadores

Baixo Miño, 03 de xuño de 2020. Os concellos da fronteira do Miño, da man dos seus alcaldes e alcaldesas e do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, lanzaron hoxe un S.O.S. simbólico dende a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos que faciliten a mobilidade das e dos traballadores transfronteirizos a ambos lados da ‘raia’. A de hoxe foi a primeira protesta das e dos rexedores, que consideran “inxusto” que a fronteira que asume o 50% de todos os tránsitos en España e Portugal só teña habilitado un paso en Tui-Valença. Aseguran que a solución pasa se unicamente por poñer medios: controis da Garda Civil e dos GNR. “Mantendo todas as garantías, todos os controis sanitarios, pedimos máis pasos abertos”, subliñaron.
O acto reivindicativo destacou por ser a primeira acción conxunta das e dos 13 rexedores de ambos lados da fronteira (mandatarixs de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço), ao que tamén se sumou o de Paredes de Coura (o ‘14’). A través dos seus voceiros manifestaron que continuarán coas protestas ata seren escoitados, tamén implicando á cidadanía, e incluso se negarán a celebrar a centenaria tradición do Acto de Recoñecemento de Fronteiras, ata que os gobernos centrais e responsables políticos escoiten e dean solucións ás súas reivindicacións.
O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, lembrou que O 17 de marzo pecharon as fronteiras deixando unicamente 9 pasos abertos entre ambos estados, só permitindo o de Tui-Valença no Miño pontevedrés. Destacou a importancia da fronteira do Miño, que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o paso do 50% dos vehículos de España e Portugal. “ Estes alcaldes e alcaldesas representan unha poboación de 150.000 habitantes. Estamos a falar da fronteira con maior dinamismo social e económico de toda Europa”, subliñou.
Benítez destacou que a apertura de pasos para traballadores e traballadores vén xa do 28 de abril, cando os concellos fixeron unha declaración conxunta que se remitiu á Xunta, e aos gobernos centrais español e portugueses. “Queremos a apertura total para os traballadores transfronteirizos nos pasos. É unha cuestión de medios, de ter gardas civiles e GNR a controlar o paso transfronteirizo igual que en Tui e Valença”, destacou o nacionalista, que subliñou que nestes momentos estase a trasladar á xente traballadora o custe económico de aumentar en centos os quilómetros para ir traballar.
Outras das demandas é que a desescalada se faga coordinadamente para que haxa coherencia entre un lado e outro da fronteira. “Non ten sentido que se permita abrir a Fortaleza de Valença do Miño cando non poden pasar os clientes de toda a vida que son a xente galega”, explicou Benítez.
Pola súa parte, o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira. Fernando Nogueira, destacou que a protesta se debe a que “sentimos que estamos a ser obxecto dunha inxustiza tremenda por parte dos nosos Estados. Non están a darnos a atención que merecemos”. Salientou que dos 64 pasos que existen entre España e Portugal 0s cinco con máis movemento de vehículos están no río Miño: a primeira Tui-Valença, a segunda Salvaterra-Monçao e a quinta Tomiño-Vilanova de Cerveira.
“Na miña opinión non estamos a salvagardar nin cuestións económicas, dende logo, nin moito menos cuestións sanitarias, porque se tivemos máis fronteiras abertas poderíanse controlar moito mellor quen pasa que xuntando todo nun único paso, coas aglomeracións e as colas interminables que vemos en Valença Tui”, insistiu, para finalizar asegurando que a día de hoxe “as dúas marxes están totalmente espidas. Os galegos non viven sen os portugueses e os portugueses non viven sen os galegos. A nosa economía está completamente morta. Os nosos traballadores pasan calvarios para ir traballar. Canto máis deixemos caír a nosa economía máis difícil será o retorno. Queremos que haxa controis sanitarios, queremos que haxa seguridade, pero esiximos que nos deixen pasar, como mínimo aos traballadores de todos os sectores”, dixo.
En canto ás cifras de impacto económico, Nogueira salientou que o AECT Rio Minho encargou un estudo á Universidade de Vigo, pero á falta dos resultados, dixo, “basta ser observadores para ver que está todo parado”. Indicou que só en Vila Nova de Cerveira hai 4.000 traballadores directos dos que mais do 20% son traballadores de Galicia. “Estes peches da fronteira son un problema. Os nosos gobernantes que están en Lisboa e Madrid aínda non coñecen esta realidade  e non o ven como algo prioritario. A maioría das fronteiras non teñen a importancia económica que ten a do Miño”, finalizou.
Pola súa banda, alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, destacou dende a Ponte da Amizade que polo viaduto pasan 6.000 vehículos diariamente de xente que vai traballar, recibir servizos e comprar. “Moitos nestes momentos están obrigados a trasladarse 100 quilómetro para ir a traballar, a pasar unha hora e media ou dúas horas na retención do control do paso, madrugar… Non pedimos excepcionalidades. Sabemos que a sanidade e a saúde é o primeiro. O que queremos é que non se repercutan os custes de non poñer uns guardas na fronteira sobre os traballadores transfronteirizos. Son eles os que pagan ese custe”, insistiu.
A alcaldesa destacou que a día de hoxe, ante as manifestacións dos gobernantes dos gobernos centrais “non vemos visos de solución”. “Só pedimos unha decisión administrativa: habilitar uns pasos transfronteirizos máis, sobre todo os de máis tráficos. É só poñer medios, incluso se pode poñer un horario. Calquera cousa que facilite que un traballador non teña que facer rodeos e retencións”, destacou, advertindo que é normal que haxa retencións, porque a medida que aumenta a actividade económica “cada vez máis tráfico, máis atasco, e a ponte de Tui Valença non dá para máis”.
Opinión dos alcaldes da Guarda e do Rosal
Para Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, que lembra que moitos rosaleiros traballan na beira portuguesa, como pode ser Vila Nova de Cerveira ou Viana do Castelo, non se entende que poidamos desprazarnos con normalidade a Vigo ou Pontevedra para traballar, e malia as vinculacións laborais coa marxe portuguesa, non se poida facer “cando o virus non entende de fronteiras físicas, de modo que garantindo todas as medidas sanitarias é un sinsentido que dada a comunicación existente entre as dúas beiras, se teñan pechadas as fronteiras”. Para a rexidora rosaleira, garantindo e prevalecendo a cuestión sanitaria, hai que favorecer a apertura dos pasos fronteirizos “pois as economías de ambas beiras non se entenden unha sen a outra”, e do mesmo xeito que podemos desprazarnos a Tui para pasear, mantendo as medidas de seguridade aconselladas, “deberíamos poder ir a Cerveira, a Camiha ou a Valença”. O acto levado a cabo na Ponte da Amizade, coa unión dos alcaldes galegos e os presidentes das cámaras, revela “o descoñecemento total que existe por parte das autoridades de Galicia, e dos estados español e portugués, da realidade da vida transfronteiriza a ámbolos dous lados das beiras do Miño”.
Pola súa banda Antonio Lomba, alcalde da Guarda, fai fincapé en que na provincia de Pontevedra de cinco pasos fronteirizos a través de pontes, só hai aberto un, e se temos en conta o ferri da Guarda-Caminha, serían seis pasos, cinco pechados. “Ninguén nos explica cal é o criterio para facelo así; o que sí sabemos, porque eso nolo trasladan, son os prexuízos que este peche dos pasos está provocando na nosa poboación”, nos traballadores que o fan en cada parte contraria do lugar no que viven e que para moitos veciños supón ter que percorrer distancias que están entre 60 e 100 km a maiores, ou esperar na cola de Tui ata máis de dúas horas para cruzar a ponte, motvando incluso que “haxa traballadores que se plantexan xa deixar de desprazarse a traballar a Portugal”, pois hai que ter en conta que os salarios son máis baixos e os desprazamentos, por ese peche fronteirizo, encarecen os gastos en transporte.
Tamén coincide Antonio Lomba en non ver motivo “de inseguridade medica” para este peche e insiste que “o único motivo que visualizamos é un motivo de aforro económico”, que se solucionaría con sendas parellas da Policía Nacional e da GNR en cada paso fronteirizo, facendo os mesmos controis que en Tui, e que desconxestionarían aquel único paso.
Tamén coincide coa rexidora rosaleira en considerar “que tanto en Madrid coma en Lisboa non son conscientes de que estamos falando da zona máis permeable entre España e Portugal. A diario, entre os cinco pasos fronteirizos da provincia de Pontevedra, sen a pandemia, pasan máis de 30.000 vehículos lixeiros”. Despois de Tui, que é o primeiro paso por fluxo de viaxeiros, situánse Salvaterra-Monçao, en terceiro lugar; e Goián-Cerveira, que ocupa o quinto lugar, “estamos a falar dos pasos fronteirizos con máis densidade de circulación entre Galicia e Portugal”. E insiste Antonio Lomba en que “nin Madrid nin Lisboa son conscientes do prexuízo que están provocando á xente que menos pode, a xente máis desfavorecida”.



Os 13 concellos do Miño realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a apertura da fronteira

Baixo Miño, 2 de xuño de 2020. Era inevitable pola indignación acumulada na ‘raia’ e aconteceu. Os alcaldes e alcaldesas dos doce concellos do Miño na provincia e no norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.
Na reunión celebrada na noite de onte as e os rexedores acordaron de maneira unánime que é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía en xeral fronte ao afogo actual. “Precisamos un balón de osíxeno”, “este é un territorio seguro” ou “hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible” foron algunhas das frases que se escoitaron no encontro de concellos, no que tamén estivo presente a directiva do AECT Rio Minho.
Alcaldes e alcaldesas, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado. Subliñan principalmente o agravio comparativo que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos.
“Vese que o goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento... a Xunta non está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT, Uxío Benítez. Este lembrou que Núñez Feijóo está na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, pero non moveu ficha para defender nin ás empresas nin ás e ós traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita cos responsables do propio AECT para solucionar a situación.
“Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda”, afirmou Benítez.
As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldes e alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.



O empresariado da provincia e do Alto Minho únese á reivindicación de abrir xa a fronteira con Portugal e activar instrumentos de compensación económica

Baixo Miño, 1 de xuño de 2020. O empresariado da provincia de Pontevedra e do Alto Minho uniuse hoxe á reivindicación do AECT Rio Minho de abrir urxentemente todos os pasos da fronteira con Portugal facilitando a mobilidade co país veciño. Tamén apostan pola activación de instrumentos de compensación económica polas perdas producidas no territorio ‘raiano’ con motivo da crise derivada da COVID-19, que a agrupación transfronteiriza pretende concretar nun Investimento Territorial Integrado (ITI) para o territorio do Miño.
O “apoio total” ás reivindicacións púxose de manifesto hoxe nun encontro virtual no que participaron o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, co presidente da Confederación de Empresarios da Provincia (CEP), Jorge Cebreiros; o presidente da CEVAL (Confederación Empresarial do Alto Minho) Luis Ceia; e o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, xunto co profesor Martínez Cobas, autor do estudo de impacto económico encargado polo AECT á Universidade de Vigo. Todos eles coincidiron na situación “tremenda” que están a vivir empresarios e empresarias da fronteira, así como as súas traballadoras e traballadores, xa que sofren unha actividade totalmente mermada pola existencia dun único paso transfronteirizo, e a obriga de dar rodeos de 100 quilómetros para acudir aos seus postos de traballo.
Jorge Cebreiros felicitou ao AECT pola iniciativa de ter encargado o estudo, e destacou que a realidade económica da fronteira do Miño revela o seu dinamismo. Subliñou que os 70 quilómetros dos 2.000 de toda a fronteira entre España e Portugal concentran o 50% do tráfico transfronteirizo. “Este dinamismo xa debería ser suficiente para ter un tratamento asimétrico. Que só estea habilitado un paso en Tui-Valença para o 50% do tránsito non é nin xusto nin proporcional”, subliñou, lembrando que a situación crea transtornos tanto para o tráfico de persoas, como de mercadorías como, nomeadamente, do turismo.
“Téñense que abrir xa todos os pasos da fronteira. Non hai razóns obxectivas para o peche”, subliñou, para insistir en que se están a poñer trabas continuas á potencia económica que é a provincia. “Por unha vez non estamos nun problema norte/sur. Estamos nun problema centro/periferia, porque nin Lisboa nin Madrid saben o que é a fronteira. Non coñecen o grandísimo dinamismo nin a nosa realidade económica. Está claro que logo de avaliar o impacto económico, haberá que habilitar instrumentos de compensación”, finalizou.
Pola súa banda, Luis Ceia, presidente de CEVAL, tamén manifestou o seu total acordo coa necesidade de apertura inminente da fronteira. Destacou que é preciso mellorar a mobilidade raiana con urxencia porque según os datos publicados, entre o 16 de marzo e o 29 de maio cruzaron o único paso habilitado unhas 200.000 persoas. “As empresas e as actividades na fronteira están a ter problemas. Está claro o exemplo do comercio da Fortaleza, que non ten clientes. A esa xente haina que compensar dalgún xeito”, sinalou.
Tamén na mesma liña se significou o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, quen puxo sobre a mesa as constantes dificultades que supón a volta á normalidade nunha situación de peche da fronteira. “É lamentable que a grande mobilidade que temos, máis do 50% do tráfico, non teña peso específico para que se abran máis pasos”, destacou, para facer fincapé no custe de tempo e cartos que supón a existencia dun só paso para persoas traballadoras da ‘raia’ e as súas empresas.
Alonso puxo tamén o foco no turismo e salientou que supón o 13% do PIB en Galiza e o 12% da ocupación, datos que segundo dixo son máis significativos se se cinguen á provincia de Pontevedra. “A tempada está aí. Non hai peregrinos, non hai xente de fóra. Temos que coidar o transfronteirizo e facer unha grande campaña de promoción turística para animar á xente da Eurorrexión”, finalizou.
Pola súa parte, o director do AECT Uxío Benítez, manifestou o seu agrado pola reunión co empresariado. Destacou que o posicionamento conxunto de todos os sectores afectados polo peche da fronteira fará unha maior forza ante “os e as que teñen que dar a solución deste ‘sen sentido’”. Insistiu en que o AECT seguirá dando os pasos precisos en todos os ámbitos.
Ademais da reunión de hoxe entre o AECT Rio Minho e o empresariado, o director do agrupamento tamén manterá esta tarde un encontro cos alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño tanto da parte pontevedresa como lusa. Reuniranse para concretar as accións de protesta conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido por ningunha das administracións competentes (abrindo, sen embargo, pasos con menos actividade en Ourense este luns). Como paso previo ás mobilizacións esta fin de semana o AECT colocou pancartas na ponte da Amizade en Goián co fin de facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia’.
Regreso al contenido