Baixo Miño, xaneiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, xaneiro 2021

Arquivo 2021
O AECT Rio Miño advirte de que o peche de fronteiras de Portugal non debe repetir o erro de dificultar a circulación de persoas traballadoras na raia   
Baixo Miño, 28 de xaneiro de 2021. O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño advertiu hoxe, logo de que Portugal anunciase o seu peche de fronteiras con España, que non debe repetir o erro de limitar e dificultar o paso pola raia das persoas traballadoras como aconteceu tralo confinamento de marzo. Así o manifestou o vicedirector da entidade e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, quen instou a manter abertos todos os pasos nas estradas, principalmente os das Eurocidades, coas medidas de control que sexan necesarias para facilitar a circulación das persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río.
Benítez recoñeceu que a decisión adoptada polo goberno portugués pon en alerta aos concellos do territorio transfronteirizo, que dende o 17 de marzo e ata o mes  de xuño viron limitado o tránsito a un único paso, Tui-Valença, creando importantes problemáticas para as persoas traballadoras transfronteirizas. Indicou, de feito, que este novo paso supón un chanzo máis na improvisación das medidas adoptadas contra a COVID-19 mais subliñou que “agardamos que aprenderan algo da situación creada na fronteira a outra vez”, lembrando que alcaldes e alcaldesas chegaran a manifestarse en varias ocasións.
Benítez tamén sinalou que a estas alturas da pandemia xa debería estar operativa a tarxeta de ‘cidadanía transfronteiriza’ para cando volvera haber unha situación coma esta. Lembrou que esa proposta do AECT fora proposta ante o último Cumio Ibérico entre España e Portugal e tamén ante o Parlamento Galego, que a aprobou por unanimidade. “Ata o de agora a Xunta non fixo nada, e nestes momentos ese carné transfronteirizo serviría para vixiar máis eficazmente o tránsito de persoas na raia”, destacou Benítez.
O deputado lembrou unha vez máis que a fronteira de Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente de toda a península, xa que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o paso do 50% dos vehículos.
 

Concellos do Baixo Miño recibirán axudas da Deputación destinadas aos servizos sociais comunitarios
Baixo Miño, 26 de xaneiro de 2021. Trala publicación das bases reguladoras no Boletín da Provincia, os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes xa poden solicitar desde o martes, 26 de xaneiro, a súa adhesión ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, ao que a Deputación de Pontevedra destina neste ano un orzamento de 2,5 millóns de euros, o maior investimento realizado pola institución ata agora destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar nos domicilios por parte de persoal especializado e para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios.
Para a comarca do Baixo Miño destínanse 251.204,65 euros, que se repartirán entre A Guarda, 59.866,12 euros; Oia, 25.541,24 euros; O Rosal, 27.847,29; Tomiño, 59.042, e Tui, 78.908 euros.
  

A Deputación leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño ás escolas da raia
Baixo Miño, 20 de xaneiro de 2021. A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño.  
Respecto ao Baixo Miño, o mércores. 27 de xaneiro, o itinerario chegará ao Colexio Padres Somascos da Guarda e ao CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, e na seguinte semana a actividade estará nos colexios de Tomiño e Tui.
“Tesouros humanos vivos”, é un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre o alumnado, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río, evitando a súa perda, pois como apuntou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, os coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual.
Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.
O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos Tesouros Humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.
A actividade enmárcase no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 por cento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.
Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación “Ponte... nas Ondas!” que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o interesado na canle de youtube do smartminho (https://cutt.ly/ojeC3xD) así como nas diferentes redes sociais do proxecto para  garantir a súa divulgación e transmisión.
Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.
  

O AECT Río Miño presenta as súas prioridades á Comisión de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal   
Baixo Miño, 13 de xaneiro de 2021. O AECT Río Miño reuniuse esta semana co presidente e vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDRN), Antonio Cunha e Beraldino Pinto, para tratar a Estratexia do Rio Minho Transfronteirizo 2030 e a necesidade da creación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI), un mecanismo da Unión Europea para a xestión dos fondos transfronteirizos. No encontro participou o director da entidade, Fernando Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño Sandra González.
Durante a reunión, Nogueira salientou o activo e fundamental papel do AECT na xestión dos fondos europeos e presentou a dinámica de traballo desenvolvido pola entidade transfronteiriza dende a súa constitución en 2018, a nivel de accións, actividades e proxectos, así como o forte impacto que estas tiveron entre a poboación dos concellos do Miño e o recoñecemento que as mesmas están a ter por parte dos membros do Goberno de ambos países.
Na xuntanza abordouse a Estratexia do Río Miño transfronteirizo 2030, subliñando a súa importancia para a planificación da futura cooperación transfronteiriza entre o sur da provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal. Un documento que se presenta como un verdadeiro estudo do territorio, no que se recoñecen as debilidades e potencialidade do mesmo, permitindo deseñar conxuntamente un plan de acción cara o futuro.
A posibilidade de que os territorios tranfronteirizos apliquen a figura da ITI (Intervención Territorial Integrada) para o período 2021-2027 foi outro dos asuntos abordados, co obxectivo de aprobar un programa de accións de cara o próximo período de fondos comunitarios en colaboración coas Eurocidades do Río Miño- Eurocidade Cerveira-Tomiño, Valença-Tui e Monção- Salvaterra -. Como exemplo presentouse o proxecto do Parque da Amizade Cerveira-Tomiño, inserido na Rede de Recursos Verdes Transfronteirizos do Río Minho.
O AECT Río Miño foi creada en 2018, comprende un total de 26 municipios portugueses e galegos –xunto coa Deputación de Pontevedra- e ten, entre os seus obxectivos primordiais, a defensa e resolución de problemas relacionados coa mobilidade transfronteiriza para o desenvolvemento conxunto do territorio.
  

Máis de corenta casos detectados nos cribados masivos aos que se someteron vecinos de Tomiño e Oia
Baixo Miño, 11 de xaneiro de 2021. 43 positivos de covid-19 detectáronse no cribado masivo realizado polo Sergas nos concellos de Tomiño e Oia, pertencentes a área sanitaria de Vigo. No primeiro dos concellos confirmáronse 18 positivos entre os 1.606 persoas voluntarias presentadas ás probas, o 73,10 por cento das citadas (2.197) polo Servizo Galego de Saúde.
En Oia, dos 2.124 citados polo Sergas para realizar o test PCR, presentáronse 1.284 persoas, o 60,45 por cento dos chamados, sendo positivos 25.
Os test foron realizados no hospital Álvaro Cunqueiro e no Meixoeiro. Cos cribados masivos trátase de localizar positivos asintomáticos, aos que se considera máis perigosos á hora dunha potencial transmisión do virus.
A día de onte, Tomiño elevaba os casos de coronavitus a 82, e Oia alcanzaba os 32.
     
O Revitaliza retoma con forza a actividade escolar tras as festas levando obradoiros sobre compostaxe a cinco comarcas en só unha semana
Baixo Miño, 11 de xaneiro de 2021. Despois do parón das festas, o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra inicia as actividades lúdicas en centros de ensino coa axenda completa en cinco comarcas,entre elas Val Miñor, Condado e Baixo Miño.
Os obradoiros didácticos sobre compostaxe estiveron xa presentes no CEIP Serra de Vincios de Gondomar, onde as crianzas de Infantil e de primeiro de Primaria gozaron con ‘Os bichocos e a composteca’ e co xa coñecido e reclamado ‘Xogo da miñoca’.
As actividades continúan hoxe no CEIP Serra de Vincios de Gondomar, onde lle tocará ás clases de segundo de Primaria aprender máis sobre como se produce compost cos biorresiduos. O xoves será a quenda dos alumnos do CEIP nº1 de Tui, con formación da ANPA e o profesorado.
Tal e como aconteceu no primeiro trimestre do curso todas as actividades didácticas sobre compostaxe están adaptadas ao ‘momento Covid-19’, reducindo o número de persoas participantes, mantendo a distancia física e as medidas sanitarias correspondentes co fin de evitar os posibles contaxios dentro do ámbito educativo.
As actividades dispoñibles para os centros de ensino poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado a pesares da pandemia. A grandes liñas mantense o perfil dos obradoiros do curso pasado, pero sendo aínda máis demostrativos e sen movementos e interaccións entre as e os participantes, dividindo os grupos noutros mais pequenos no caso de ser necesario, e ampliando o número de persoal de monitorado, cunha proposta personalizada tanto na duración, número de participantes, espazos a empregar e circunstancias de cada centro.
O interese polo programa Revitaliza nos centros de ensino está claramente ‘in crescendo’. As actividades para escolares chegaron no ano 2020 a máis de 8.000 escolares, unha cifra considerada como todo un éxito por parte da Deputación xa que, ademais, aumenta ao contabilizar os datos por cursos escolares: no 2019-2020 celebráronse 420 obradoiros para 9.628 crianzas -a pesares de que o terceiro trimestre non foi operativo-, e só no primeiro trimeste do vixente curso  contabilizáronse 2.055 nenos e nenas en 138 actividades.
  

Luisa Piñeiro anuncia que a Xunta concede 192.000€ en subvencións a seis asociacións e dez comercios do Baixo Miño, o Condado e a Paradanta para impulsar o sector
Baixo Miño, 4 de xaneiro de 2021.- A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou hoxe que o Goberno galego vén de conceder, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, 192.414€ a seis asociacións e dez comercios das bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta para impulsar investimentos por 289.375€ no marco de senllas liñas habilitadas para apoiar ao sector a través dos colectivos e da orde de impulso á innovación, a dixitalización e as novas formas de comercialización dos establecementos.
En concreto, o executivo galego concedeu 124.091€ en subvencións ás entidades Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (Acitui), Centro Comercial Aberto da Guarda, Adeto Tomiño, Mercado Municipal de Tomiño, Asociación Local de Comerciantes de Ponteareas e Praza de Abastos de Ponteareas para o desenvolvemento de diversos proxectos que mobilizarán 169.514€ para a promoción deste ramo.
Paralelamente, tamén se outorgaron 68.323€ en axudas a dez establecementos comerciais destas bisbarras para a execución de iniciativas de innovación, dixitalización e novas formas de comercialización que contribuirán á modernización dos seus negocios cun investimento global de 119.861€. Entre os beneficiarios figuran catro establecementos de Tui, dous da Guarda e un de Tomiño, Ponteareas, Mondariz-Balneario e Crecente.
Por este motivo, Luisa Piñeiro desprazouse, xunto ao director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, ata a vila tudense para manter un encontro co presidente de Acitui, Juan Carlos Blanco Lorenzo, e outros representantes do colectivo, xa que é unha das entidades beneficiarias dos apoios da Xunta ao recibir unha das máximas achegas, 25.523€, para impulsar ao sector no municipio cun investimento de 34.030€. Esta contía orientarase a gastos de funcionamento –incluíndo medidas de protección fronte á covid-19-, accións de dinamización comercial, como un vehículo de reparto, e campañas de fidelización como as do Venres Negro, o Nadal, o Día dos Namorados, os desfiles solidarios ou a feira de oportunidades.
Os representantes autonómicos, que visitaron a sede da asociación no centro da localidade, interesáronse polos proxectos impulsados e amosaron a súa confianza en que “sirvan, co apoio do Goberno galego, para manter unha boa actividade comercial malia os difíciles momentos actuais pola crise da covid-19 e para colaborar cunha entidade que está a piques de cumprir o seu 25 aniversario e que rebasa o cento de asociados, que teñen a súa propia historia cada un e aos que lles queremos amosar toda a nosa proximidade e colaboración”.
“Estamos a apoiar decididamente ao comercio, porque cremos que é un sector estratéxico e fundamental tanto para Tui como para os demais municipios das bisbarras do sur de Galicia. E por iso sostemos e reafirmamos o noso compromiso con eles, xa que xeran moito emprego e riqueza, son os que dan vida ás nosas vilas e ademais, no caso do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, demostran unha gran valentía e emprendemento, xa que coas axudas recibidas pretenden impulsar investimentos por preto de 300.000€”, detallou a delegada territorial.
Regreso al contenido