Baixo Miño, maio 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, maio 2021

Arquivo 2021
O AECT Rio Miño anuncia que presentará aos fondos europeos un ‘plan de choque’ ambicioso para compensar o peche da fronteira no territorio miñoto
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. O AECT Río Miño está a traballar e presentará de maneira inminente un plan propio para reactivar económicamente da fronteira o Río Miño que compense o peche da fronteira con fondos europeos. Así o anunciou hoxe o vicedirector da agrupación, Uxío Benítez, quen valorou positivamente a apertura da raia con Portugal, mais destacou que “hoxe non é un día para conmemorar, senón para reivindicar”.
Benítez recoñeceu que “sempre é mellor abrir un día antes que un día despois”, mais lembrou que o dano económico está feito  por estar tres meses coas fronteiras pechadas: “Nesta historia hai persoas que foron directamente perxudicadas e tamén houbo un dano indirecto ao territorio. Iso é o que hai que sinalar”.
Mirando cara o futuro, o nacionalista subliñou que “agora ábrese un novo tempo, o da xustiza e a reivindicación e a reparación dos danos creados”. Confirmou que o AECT vai demandar compensación económica directa para o territorio no que definiu como “un escenario extraordinario” para elo, o creado pola Unión Europea para reactivar economicamente aos estados membros con motivo da pandemia cos fondos europeos do Next Generation.
Toda vez que as fronteiras -nomeadamente a do río Miño- tiveron un perxuízo económico maior que se constatou e probou con estudos científicos realizados pola Universidade de Vigo, Benítez reclamou que no Next Generation ten que haber partidas específicas concretas para reactivar económicamente o territorio. “Se se crean os Next Generation para reactivar os estados membros hai que reactivar doblemente os territorios que foron doblemente danados. “ Esa vai ser a nosa reivindicación”, insistiu.
O deputado lembrou que en breve vaise abrir tamén a execución do Cadro comunitario 2021-2027, no que normalmente xa hai partidas de cooperación transfroneririza. Eses fondos, dixo, tamén deben ter en conta a situación do Miño e incluír partidas específicas para o Miño. “Hai que redoblar esforzos e os recursos económicos da cooperación transfronteiriza na fronteira”, fixo finapé.
Para optar a todos eses recursos europeos, Benítez manifestou que nos vindeiros meses o AECT vai presentar “os nosos propios proxectos, o noso propio plan” para a reactivación da fronteira económica do Río Miño “de maneira ambiciosa”.
Por outra parte, pediu axuda aos estados centrais para que poñan en marcha instrumentos de compensación directa, axudas económicas, ás persoas traballadoras que de media gastaron entre 200 e 300 euros en combustible e perderon o tempo en colas e rodeos durante o peche da fronteira.
A presidenta da Deputación Carmela Silva tamén quixo hoxe manifestarse en relación á apertura da raia. Sumouse ás reivindicacións do territorio miñoto e destacou que hai moita xente que vive da interrelación económicoa de proximidade na zona, unha das máis relevantes da fronteira en todo o Estado. “Cando se toman decisións, hai que ter en conta a realidade dos territorios”, puntualizou Silva.
Cruzar a fronteira, permitido para toda a cidadanía
O AECT Río Miño, en boca do seu vicedirector, manifestou que a súa interpretación dos últimos cambios sobre a fronteira, que segundo dixo, permiten que calquera persoa se pode mover pola fronteira do Miño: “Non só os traballadores, senón tamén as persoas que desenvolven a súa vida cotiá ou queren acceder a todo o comercio transfronteirizo, etc”, dixo.
Explicou que o AECT interpreta que as competencias para rexer a mobilidade na fronteira do Río Miño son de nivel estatal, xa que a Xunta ten competencias para perimetrar fronteiras entre comunidades autónomas, pero non fronteiras entre estados.
Benitez indicou que na mañá de hoxe tratou este tema co director xeral de Relacións Exteriores  do goberno galego, Jesús Gamallo, quen corrobourou que a interpretación que fai a Xunta de Galicia é a mesma que a do AECT.
 En todo caso Benítez pediu á Xunta que aclare as dúbidas xeradas polas interpretacións e emita un comunicado “porque quedaría todo mellor para que a cidadanía o entendese ben”.
    
O AECT Rio Miño esixe á Xunta que non poña novos problemas aos desprazamentos a Portugal
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. Lonxe de solucionarse a situación na fronteira entre Galiza e Portugal xorden novos contratempos. Unha vez os gobernos portugués e español dedicidon levantar o peche na raia a partir de mañá sábado, xorde agora un novo axente -a Xunta- que interpreta que por mor do peche perimetral decretado polo goberno galego e pese a levantarse os controis estatais, únicamente poderán desprazarse entre a comunidade e o país luso as persoas que teñen causas xustificadas.
Esta situación vén de xerar un profundo malestar no Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño, que da man do seu vicedirector Uxío Benítez, pediu á Xunta que non continúe marxinando ao territorio miñoto logo de tres meses coa fronteira pechada. “Isto son máis paus nas rodas”, lamentouse.
Segundo Benítez, a Xunta de Galicia non ten competencias nin poder de decisión sobre as fronteiras exteriores, como é a do Miño, polo que non pode impoñer ordes sobre a mobilidade argumentando o seu peche perimentral autonómico.  Insiste en que únicamente o pode facer o Goberno central. “Se iso fose así estaríamos ante a paradoxa dun territorio con dúas fronteiras simultáneas, unha autonómica e outra estatal”, salientou.
Como exemplo claro de que a interpretación do vicepresidente Alfonso Rueda de manter o peche perimetral autonómico é un erro, Benítez menciona o que acontece na fronteira España-Francia. Alí, relata, a cidadanía pode cruzar libremente entre os dous países presentando unha PCR negativa, sen ningunha xustificación mais que a vontade de pasar por ocio, pero non pode facelo dunha comunidade lindeira a outra salvo por cuestións laborais ou de forza maior debidamente acreditadas.
Para o vicedirector do AECT Río Miño, logo das últimas decisións dos gobernos portugués e español calquera persoa pódese mover tamén pola fronteira do Miño: “Non só os traballadores, senón tamén as persoas que desenvolven a súa vida cotiá ou queren acceder a todo o comercio transfronteirizo”, dixo.
Benitez quixo poñer de manifesto a súa sorpresa polo cambio de interpretación do goberno galego, xa que a primeira hora de hoxe o director xeral de Relacións Exteriores  do goberno galego, Jesús Gamallo, corroboraba directamente ao vicedirector que o peche perimetral quedaba sen efecto. “Pediamos esta mañá unha aclaración pública, pero atopámonos cun cambio de opinión. Non entendemos que foi o que cambiou na visión da Xunta porque están xerando moita confusión e enfado entre a veciñanza e as persoas afectadas”, finalizou.
 

A trail league volve ao Baixo Miño cargada de enerxía con tres probas que conxugan deporte, natureza e turismo
Baixo Miño, 30 de abril de 2021. As persoas amentes do trail están de parabéns, a Pontevedra Trail League chega este 2021 ao Baixo Miño cunha atractiva programación coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os concellos do Rosal, A Guarda e Tui e a empresa NOKO 360. A competición volverá a contar co Trail Adventure Muíños do Folón (no Rosal) e o Trail do Trega (na Guarda) aos que se suma este ano o Trail do Aloia (en Tui), que chega como novidade desta segunda edición. O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación destas probas, na que  estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a concelleira de deportes da Guarda, Monserrat Magallanes, o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, e o director deportivo da Pontevedra Trail League, Serafín Martínez.
A presidenta provincial subliñou que a provincia de Pontevedra é “unha grande referencia na capacidade para unir a diferentes concellos cun obxectivo común”, tal e como evidencia a organización desta proba. Segundo indicou, a Trail League “non soamente potencia os valores do deporte senón que tamén fomenta o turismo deportivo” nun territorio cuns “valores paisaxísticos e unha beleza comparables cos lugares máis fermosos do mundo e cuns valores medioambientais que fan que o evento estea chamado a medrar cada ano máis”. O trail é un deporte que “cada vez ten a máis persoas que o practican, o seguen e o apoian e que son unha mostra de que esta é unha provincia é moi dinámica”, destacou Carmela Silva na súa intervención.
A primeira das probas será o Trail Adventure Muiños do Folón, que se levará a cabo o domingo 9 de maio e cuxas prazas esgotáronse en menos de 24 horas. O percorrido transcorrerá polos Muíños do Folón e do Picón, un lugar que forma “parte da identidade dos rosaleiros e das rosaleiras”, tal e como indicou Ánxela Fernández. Para a alcaldesa do Rosal “a Trail League supón un paso adiante no traballo conxunto que estamos a facer na comarca para transformar a nosa realidade”. Fernández destacou tamén que a pandemia fixo “que moitas cuestións que xa eran relevantes colleron un peso especial”. Neste senso referiuse ao “espazo natural e a valorización do patrimonio”, dúas das liñas nas que se desenvolve esta proba deportiva.
Será o 17 de outubro cando chegue á Guarda o Trail do Trega, no que as e os participantes percorrerán o Castro, do que este ano se celebra o centenario do seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural. Neste senso, a concelleira de deportes da Guarda agradeceu “de maneira moi expresa” á Deputación o ter feito “nos últimos anos as inversións máis impotentes para por en valor un dos bens máis relevantes da provincia”. Montse Magallanes lembrou que unha das obrigas das administracións públicas é “facer felices ás persoas”, algo que se fai posible coa celebración desta proba porque “facer deporte nun territorio como é o Baixo Miño é todo un espectáculo ao combinar actividade física, natureza e patrimonio”.
A derradeira das probas será o Trail do Aloia, a novidade deste ano, que se celebrará o 7 de novembro “nun parque natural ao que lle imos a sacar un partido impresionante”, tal e como indicou Rafael Estévez. O concelleiro de deportes de Tui amosouse moi agradecido coa organización desta proba, a cal sinte moi de preto.
Todas as probas contan cunha distancia entre 15 e 18 quilómetros e un límite de 400 participantes en cada unha. Ademais, seguiranse nelas todos os protocolos de hixiene sanitaria. Serafín Martínez aproveitou a súa quenda de palabra para resaltar o éxito que teñen estes eventos a pesar de realizarse “en plena pandemia”. Para o director deportivo da Pontevedra Trail League é “fantástico que haxa un 42% de mulleres participando na proba”, un dato que pon de manifesto que a competición cumpre cun obxectivo de “abrir a todo o mundo este tipo de actividades”. Ademais, con esta competición “non pensamos só no deporte, tamén o facemos na economía local e no conxunto da cidadanía” destes tres concellos.
 

O AECT Rio Miño pide “coherencia” á Xunta sobre a apertura da fronteira con Portugal
Baixo Miño, 5 de maio de 2021. O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia “coherencia” sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados “non ten sentido” por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.
Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.
O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.
“Por que cambiaron de opinión? Se hai unha semana estaban a favor de abrir, por que piden agora ao goberno central que manteña os controis? Entendemos esa contradición obedece a un xogo político partidario e espúreo con Madrid, que nada ten que ver coa realidade e as necesidades da sociedade miñota galego-portuguesa”, insistiu o nacionalista.
Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e “deixe de afogar” a un territorio que estivo os tres últimos meses na “ruína” por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.
“Antes tomaban as decisións en Madrid e Lisboa, onde non coñecían o territorio. Agora quen debe tomar as decisións sanitarias unha vez abertas as fronteiras é a Xunta de Galicia, á que presupoñiamos que coñece o territorio e entende a situación do territorio. Agardemos, tendo en conta tamén que o día 9 finaliza o estado de alarma, que a Xunta sexa coherente e actúe seguindo parámetros sanitarios porque a cidadanía está moi confundida coa situación”, finalizou.
 

Arranca o ‘II Culturmiño’ co obxectivo crear novos actos culturais conxuntos no Miño transfronteirizo
Baixo Miño, 6 de maio de 2021. O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho’ que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.
Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un ‘brainstorming’ sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran en formato telemático por motivo da pandemia.
A idea é que neste segundo foro se  desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxias creadas en ámbalas beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equivamentos e actividades xa existentes.
As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comenzando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo’ e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.
O vindeiro 21 de maio (P. Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión’e ‘Orzamento, financiamento e comunicación’. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos’ por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega.
Como peche e conclusión do ‘II Culturminho’, o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente de O Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.
Neste sentido, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, subliñando que dende o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.
“A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.
 

Tui concentrará as reivindicacións dos salóns de perruquería e estética da comarca pola baixada do Ive
Baixo Miño, 6 de maio de 2021. As perruquerías, barberías e centros de estética de España retoman a súa loita cunha nova xornada de protesta nas 17 CC.AA. españolas.
Os profesionais da perruquería e estética de Vigo, realizarán unha concentración na Praza do Rei (diante do Concello) e os da comarca do Baixo Miño farano na Corredoira (Tui) sumándose á mobilización sectorial en todo o territorio nacional que terá lugar o vindeiro luns, 17 de maio. Trátase da cuarta xornada de protesta, organizada pola plataforma de imaxe persoal CREER EN NOSOTROS, que terá lugar en máis de 70 localidades españolas para dar visibilidade da situación económica de extrema gravidade pola que atravesa a imaxe persoal, e reclamar a redución do IVE ao 10%. Unha reivindicación que forma parte do seu plan de rescate ante o risco de peche de decenas de miles salóns de perruquería e estética en toda España nos próximos meses.
Hai que lembrar que no ano 2012, durante o Goberno de Mariano Rajoy, o IVE no sector pasou do 8% ao 21%, o que provocou un profundo retroceso e a degradación do mesmo, e o peche de miles de salóns de perruquería e estética nos anos seguintes. Neste contexto, cun sector precarizado, que apenas recuperara a senda da rendibilidade, a crise económica e de consumo xerada pola COVID-19, provocou un especial impacto nas pemes da imaxe persoal que seguen pedindo un SOS ao Goberno e recuperar o IVE reducido que ha de ter un servizo esencial.
A xornada de protesta continuará visibilizando a agónica situación dun sector sometido a unha dobre crise, a provocada pola sangría fiscal que supón soportar un IVE ao 21%, e o colapso da actividade provocado pola crise do COVID.
Segundo os datos da V Onda do Estudo de Impacto Económico da crise do COVID na imaxe persoal realizada en abril pola “Alianza por la  bajada  del  IVA al 10% en la peluquería y estética”, no primeiro trimestre de 2021 houbo un descenso da facturación de case un 40% respecto ao mesmo período do 2019 e estímase que durante a pandemia pecharon o 30% dos  salóns de perruquería e estética.
O sector non se está recuperando e a situación cando finalicen os ERTES vai ser catastrófica.
Estas accións de protesta están dirixidas a solicitar axuda ao Partido Socialista (PSOE) para que faga efectivas canto antes as 3 PNL aprobadas no Congreso e no Senado o pasado mes de marzo que instaban o Goberno a implementar xa o IVE reducido ao sector.
Esta nova xornada, organizada pola plataforma CREER EN NOSOTROS, conta co apoio do conxunto de asociacións, entidades, clubs profesionais e marcas  integradas na “Alianza por la bajada del  IVA al  10%  en la peluquería y  estética”.
  
Aberta a convocatoria da submedida Leader para as anualidades 2021-2022 no Grupo de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural
7 de maio de 2021.- Xa está aberta a nova convocatoria de axudas para a execución de proxectos ao abeiro da submedida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Esta convocatoria conta cunha contía global de 13 millóns de euros (5,2 millóns para a anualidade 2021 e 7,8 millóns na de 2022) para toda Galicia, dos que arredor de 468.000 euros irán destinados a proxectos postos en marcha no GDR 14.
As axudas están dirixidas a persoas emprendedoras, empresas existentes no territorio de todos os sectores, comunidades de montes veciñais en man común, entidades sen ánimo de lucro, así como entidades públicas de carácter local que teñan previsto a posta en marcha de proxectos de carácter produtivo e non produtivo no territorio de actuación de Eu Rural.
As persoas ou entidades interesadas terán de prazo ata o vindeiro 3 de xuño para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria, tramitada por concorrencia competitiva, é dicir, na que se valorará a calidade e viabilidade do proxecto, entre outros indicadores.
Poden atoparse as bases completas da convocatoria na web de Eu Rural (www.eurural.org) , así como o enlace directo á sede electrónica para proceder á tramitación da solicitude.
 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño prepárase cos seus novos produtos en FITUR
14 de maio de 2021.- O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta motores para participar por segunda vez consecutiva na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate para darse a coñecer. O xeodestino sorprenderá ao público participante cos seus novos produtos, con todos os recursos desenvolvidos durante este último ano para chegar ás persoas visitantes e coa súa última campaña, ‘Toda Galicia na túa man’.
A alcaldesa de Mos e representante institucional do Xeodestino, Nidia Arévalo, e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Garrido, serán as encargadas de facer balance dos dous anos de bagaxe do xeodestino e adiantar a dirección que seguirán os próximos produtos turísticos. Será o vindeiro 20 de maio ás 17.00 horas no stand oficial de Galicia en FITUR.
No último ano o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño traballou para a posta en marcha de catro novas rutas turísticas centradas na pedra e no patrimonio oculto para visibilizar as posibilidades turísticas do territorio, composto por 14 concellos (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui). A pesar das diferentes realidades de todos estes municipios, o xeodestino consigue aglutinalos a todos para unha xestión turística unificada, optimizando recursos e creando produtos turísticos diferenciados.
 

A andaina “de Monumento a Monumento” conmemorará o 90 aniversario da declaración de Ben de Interese Cultural do Mosteiro de Oia e o Monte de Santa Trega
A Guarda, 20 de maio de 2021. O obxectivo desta conmemoración é o mesmo que en orixe motivou aos que loitaron pola proclamación destes monumentos como parte do Patrimonio Nacional hai 90 anos, e non é outro que poñer en valor estes tesouros nacionais.
Descuberto en 1913, o enorme poboado castrexo que compón o Castro de Santa Trega supuxo unha das primeiras campañas turísticas lanzadas en España, chegando a ser o segundo lugar máis visitado en Galicia trala Catedral de Santiago. O indiano portorriqueño Manuel Lomba Peña é a quen se lle debe en maior medida dito logro.
O Mosteiro de Oia que data do século XII, é o único da Orde do Císter pegado ao Océano Atlántico. Dirixido polos benedictinos que foron monxes artilleiros e cultivaron as vides e as terras durante sete séculos, pasou, trala desamortización a mans privadas pertencendo ata 1945 á familia do segundo propietario, outro indiano portorriqueño veciño de A Guarda, Joaquín Alonso Martínez.
Por todos estes motivos, o Mosteiro de Oia tomou a iniciativa de conmemorar tal acontecemento organizando a Andaina coa colaboración dos concellos de Oia e A Guarda, e contando ademais co patrocinio de Frutas Neves. Baixo o nome ‘de Monumento a Monumento’, a andaina terá lugar o próximo 5 de xuño, saíndo as 10 da mañá do Mosteiro de Oia para percorrer 12,5 Kms pola costa ata O Montiño na Guarda. As inscrición poderán facerse no Concello de Oia, o Centro Cultural da Guarda ou no email info@mosteirodeoia.com ata esgotar as prazas.
Os participantes poderán desfrutar dunha ruta chea de encanto pegada á agreste Costa que une estes dous puntos do Camiño.
 

Regreso al contenido