Baixo Miño, maio 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, maio 2020

PUBLICADAS
BAIXO MIÑO

A Guarda e O Rosal reciben novas axudas da Deputación
Baixo Miño, 31 de maio de 2020. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de novas achegas para distintos concellos do Baixo Miño, dentro da Liña 2 do Plan Concellos, das que nesta comarca se beneficiarán, O Rosal e A Guarda, ademais doutos seis concellos, que recibirán en conxunto 253.281,58 euros destinados ao pago de gastos correntes e á realización de obradoiros e actividades teatrais, musicais e deportivas.

As alcaldías da fronteira do Miño reúnense este luns para concretar “accións de protesta contundentes e inminentes” coas que reclamar a apertura de pasos

 
Baixo Miño, 30 de maio de 2020. Alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño esgotaron a paciencia. Este luns, tal e como tiñan anunciado esta semana, as e os mandatarios de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço, xunto co AECT Rio Minho reuniranse para concretar as accións de protesta que desenvolverán de maneira conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido.
 
Como paso previo ás mobilizacións que se realizarán nesta semana que entra, o AECT Rio Minho vén de colocar nas principais pontes entre Pontevedra e Portugal pancartas solicitando a reapertura dos pasos fronteirizos. O obxectivo destas faixas (colocadas nas varandas e nos valados que cortan a circulación nos viadutos) é facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia’, que en moitos casos está obrigada a dar rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos postos de traballo, ve como non ten público nos seus negocios, e sufre de separación social a pesares de que no día a día a súa relación é tan estreita como dentro dun mesmo municipio.
 
Como xa dixeran as e os rexedores das Eurocidades do Miño, nestes momentos o territorio está totalmente asfixiado, e non se entende como, a pesares da singularidade das relacións (é o treito de fronteira con máis mobilidade entre ambos estados e o que suma máis poboación), as administracións competentes non teñen movido ‘ficha’ e flexibilizado o peche dos pasos. A gota que vén de colmar o vaso, segundo explica o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, foi o anuncio da apertura doutros tres pasos a partires do vindeiro luns a nivel estatal, un deles en Ourense, entre os municipios de Tourém e Calvos de Randín, onde a veciñanza poderá circular sen restricións en determinados días e franxas horarias.
 
“Como é posible que se abran pasos noutros lugares, e na franxa máis activa social e economicamente falando sigan e sigan as limitacións nun momento no que a situación sanitaria é xa moito mellor e igual en ambas marxes do río? As consecuencias económicas están a ser incalculables”, subliñou Benítez. O nacionalista, en contacto directo con todos e todas as alcaldesas destaca que o sentir dos mandatarios é de “total frustración” ante a ausencia de resposta tanto polo Goberno central como por parte da Xunta de Galicia, que non intercedeu nin deu pasos para solucionar a problemática.
 
Benítez manifestou o apoio total ás reividicacións que onte realizaron o alcalde de Tui e o presidente da Câmara de Valença pedindo a apertura peonil da ponte vella. Destacou que ambos rexedores estarán presentes tamén nas protestas conxuntas que se desenvolverán esta semana.
 
Hai que lembrar que o AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. O AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter unha resposta frutífera.

___________________________

Os concellos do Baixo Miño reclaman colaboración da Xunta na xestións das praias

 
A Guarda a 28 de maio de 2020. Na ultima xuntanza por videoconferencia dos alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño, celebrada o pasado luns día 25 de maio, o tema da apertura das praias foi un dos que ocupou boa parte das intervencións.
 
Coa entrada na fase 2 da desescalada autorízase a apertura das praias e zonas de baño a vez que se establecen unha serie de recomendacións para o seu uso en condicións de seguridade. No caso do Baixo Miño atópanse praias e zonas de baño de moi diferentes características e todas teñen en común a dificultade na súa xestión. Hai praias marítimas, como a Area Grande,  fluviais, como as do esteiro do Miño, a de Eiras ou Goián, e tamén hai zonas de baño como as Aceñas ou a Pesqueira no concello do Rosal.
 
As diferentes características destas praias e zonas de baño fan que os elementos de risco nelas sexan moi diferentes. Dado que estes varían segundo a extensión da praia, a salubridade das súas augas e incluso o caudal que as zonas de baño teñen en cada caso.
 
Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño apelan, en calquera caso, a responsabilidade da cidadanía dadas as dificultades para levar a cabo calquera forma de xestión das recomendadas polas distintas administracións. Para todas se necesita, ademais dun importante investimento económico en sinalización, a dotación de persoal suficiente para levar o control das persoas. Neste sentido os concellos decláranse desasistidos pola Xunta de Galicia, dado que o solo feito de sinalizar as praias para dar as recomendacións á poboación resulta moi gravoso e, de momento, non recibiron para este fin, nin para outros relacionados co estado de alarma e de crise sanitaria ningunha partida económica adicional por parte da Xunta.
 
Tamén resulta chamativo que a estas alturas non se fixo, por parte da Xunta de Galicia, a previsión para a contratación de socorristas para as praias sabendo que serían necesarios unha vez que se permitira o baño, sobre todo, contando co remate da actividade escolar antes de tempo debido as condicións excepcionais deste curso. Por contra, ademais de non ter resolta a subvención que permite a contratación de socorristas, non permiten que os concellos os contraten con cargo a esta subvención. Despois de feitas as consultas, por parte do concello da Guarda, a Xunta informa que no caso de contratar persoal antes de chegar a resolución da subvención pérdese a mesma.
 
En contraposición por parte dos concellos si se ten traballado para ter habilitados os espazos das praias e zonas de baño. En concreto o concello da Guarda iniciou hai varias semanas as tarefas de adecuación, sobre todo nas praias da fluviais, xa que son as máis extensas e a limpeza realízase con medios manuais por persoal municipal adscrito a este servizo, para o que non se recibe ningunha axuda por parte de Medio Ambiente da Xunta a pesar de ser un entorno natural protexido. En concreto este ano, debido ao mal tempo de inverno, recolléronse máis de 10 toneladas de refugallos depositados sobre os areais.
 
Os concellos do Baixo Miño solicitan da Xunta de Galicia colaboración na xestión  e nos gastos derivados da crise sanitaria por causa do COVID-19 e pídenlle responsabilidade e dilixencia para resolver cuestións das que os concellos se están facendo cargo sen axuda, dada a urxencia da situación.
 
 
A Xunta e o norte de Portugal apostan por abrir máis pasos fronteirizos para reactivar a actividade económica

 
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron hoxe unha xuntanza por videoconferencia co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Fernando Freire de Sousa, para analizar as diferentes liñas de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal de cara a reactivar a economía na Eurorrexión.
 
A Xunta e o Norte de Portugal apostan por flexibilizar de forma gradual os controis fronteirizos debido á particular permeabilidade da “Raia”, á relevancia das eurocidades na recuperación económica e a que a incidencia sanitaria do coronavirus é similar nestas áreas de fronteira. Por iso, solicitarán a través dun comunicado conxunto aos Gobernos de España e Portugal que se habiliten máis pasos fronteirizos a maiores dos dous que existen na actualidade para “evitar que moitos traballadores que cada día cruzan a fronteira teñan que realizar desprazamentos moi longos que nalgúns casos superan os 100 quilómetros”.
 
O vicepresidente da Xunta sinalou tras o encontro que, dos 27 pasos fronteirizos existentes entre Galicia e o Norte de Portugal, só están abertos o que comunica as localidades de Tui e Valença e entre Chaves e Verín, que están a concentrar máis da metade do tráfico entre España e Portugal desde o inicio do estado de alarma. Aínda que 22 dos pasos corresponden á provincia de Ourense, a maior parte son de pouco tránsito, e a circulación concéntrase nos cinco da provincia de Pontevedra.
 
Así, explicou que da mesma forma que o Goberno galego vén solicitando a mobilidade entre as catro provincias galegas debido a que teñen a mesma situación epidemiolóxica, demanda unha maior permeabilidade dos controis nestas áreas de fronteira para o tránsito dos traballadores transfronteirizos e de mercadorías.
 
Na reunión tamén se abordou a necesidade de retomar as relacións económicas e sociais “a ambos lados da fronteira”. Alfonso Rueda anunciou que se deseñará un plan de investimentos transfronteirizos post-covid con tódolos axentes implicados co obxectivo de “identificar as actuacións que precisan máis celeridade neste novo escenario”. No marco deste plan está prevista a celebración dunha reunión no mes de xuño para detectar os elementos claves nos que comezar a traballar.
 
Desta forma, incidiu na importancia de manter e reforzar esta colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, afianzada durante anos, para afrontar os futuros retos e mellorar a calidade de vida dos veciños que residen a ambos lados da “Raia” e que esa “unión” permita “máis posibilidades de obter financiamento exterior para proxectos de cooperación transfronteiriza”.
 
No encontro tamén se abordou a importancia dos proxectos do programa de cooperación transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e analizouse o traballo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), que está a atender as consultas dos cidadáns da Eurorrexión sobre temas  sanitarios e laborais e sobre o peche de fronteiras e controles fronteirizos. ​
__________________________


Bará reclama á Xunta que apoie aos concellos do Miño e se poña á fronte da reivindicación de máis pasos na fronteira para os traballadores transfronteirizos

Baixo Miño, 26 de maio de 2010. “Irracional e absurda”. Así cualificou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, a situación que están a vivir os concellos do Miño pola existencia dun único paso na fronteira con Portugal que está a crear grandes sobrecustos económicos e de tempo ás traballadoras e traballadores transfronteirizos para acudir aos seus postos.
O nacionalista, que mantivo un encontro virtual co director do AECT Rio Minho Uxñio Benítez, así como coas alcaldesas de Tomiño Sandra González, O Rosal Ánxela Fernández, e As Neves Xosé Manuel Rodríguez, destacou que para o BNG a relación entre Galiza e Portugal é “esencial”. Por iso instou ao Goberno central a tomar medidas inmediatas e á Xunta de Galiza a poñerse á fronte das reivindicacións, apoiando aos concellos para que de xeito inmediato haxa unha apertura de novos pasos fronteirizos que faciliten a mobilidade e eviten que a cidadanía teña que dar rodeos de máis de 100 quilómetros para ir traballar.
Ademais, subliñou que tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria semellante a unha e outra banda do Miño, tamén é aconsellable que se vaia abrindo gradualmente e de forma coordinada entre ambos estados outro tipo de relacións dende o punto de vista económico, comercial e tamén da hostalería. Así mesmo, Bará reclamou que se traballe dun xeito participado na elaboración dun Plan de reactivación de toda a rexión Galiza-Norte de Portugal, un documento que –a xuizo do cabeza de lista- debe liderar a Xunta, xa que o presidente galego é o presidente da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal.
Segundo afirmou Bará, a problemática derivada do peche da fronteira e a existencia dun único paso “pon de relevo o descoñecemento absoluto por parte dos gobernos de Lisboa e de Madrid da situación demográfica, económica e social da zona”. Cualificou, así mesmo, a actuación tanto do goberno central como do galego de “desleixo absoluto” e desinterese por resolver os problemas que hai. “Existe unha desaparición total da Xunta de Galiza, que se desentende da problemática e deixa nas mans dos concellos facer fronte á situación”, criticou.
O nacionalista lembrou que os concellos de ribeira directa co Miño supoñen unha poboación de máis de 150.000 persoas, e subliñou o treito pontevedrés de fronteira, sendo 70 quilómetros dos 1.200 de toda a raia entre España e Portugal, rexistrou o 44% de todo o tránsito entre ambos países durante o estado de alarma. Tendo en conta as cifras previas á pandemia, a cifra incluso é máis alta, xa que o paso de Tui é o que recibe máis vehículos, sendo o cuarto o de Salvaterra e o quinto o de Tomiño, sumando entre eles o 49% dos fluxos.
“Isto ten que ver coas relacións históricas e culturais e sociais que se deron nesta fronteira, que ten unha absoluta continuidade –algunhas Eurocidades pódense considerar un só concello- e un grande dinamismo económico e social, o maior de toda a Unión Europea”, salientou.
Finalmente, destacou que se está a producir unha situación de agravio e discriminación, xa que noutros lugares do Estado Español como Extremadura abríronse novos pasos pola presión política e o peso político da comunidade no goberno central. “Aquí estamos a sufrir un impacto que sobre todo afectando á xente traballadora que ten que engadir elevados custos económicos e de tempo para desprazamentos de moitos quilómetros, co que significa isto para salarios que están moi axustados entre 600 e 700 euros”, destacou, ao tempo que volveu criticar a inacción da Xunta de Galicia.
Os concellos da zona
Pola súa banda o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, destacou que a agrupación transfronteiriza que dirixe leva reclamando solucións dende hai semanas. Indicou que o peche dos pasos é un “escándalo” xa dende o primeiro día, aínda que inicialmente foi comprendido pola gravidade da pandemia. “Agora a situación mudou e é preciso abrir, xa que a indignación medra día a día”.
Pola súa parte, as alcaldesas do Miño fixeron fincapé na problemática que supón a existencia dun só paso para a economía das persoas traballadoras. “Estase a trasladar o custe de poñer unhas patrullas máis na fronteira ás persoas que teñen salarios precarios. Hai un ‘colo de botella’ en Tui, e xente que ten que entrar ás 8 da mañá ten que se erguer ás cinco para chegar a tempo”, destacou a alcaldesa de Tomiño.
A rexedora do Rosal tamén puxo o centro do debate en que a afección ás persoas traballadoras é cada día maior, xa que moitas empresas que antes estaban pechadas están reactivándose e, polo tanto, é maior o fluxo de persoas que debe cruzar a fronteira. “Cada vez custa máis ir a traballar, e hai que pensar que o virus non entende de fronteiras, senón de zonas de afección, e aquí a situación é practicamente a mesma a cada lado da raia”.
Pola súa banda, o alcalde de As Neves puxo o foco nas consecuencias non só económicas senón tamén sociais que está deixando o peche de pasos. Destacou que o territorio do Miño vive a súa vida de igual maneira a ambos lados do río porque hai intereses comúns e dependencia mutua.


_____________________________

O AECT e as eurocidades do Miño estudan medidas de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal

Baixo Miño. Xoves, 21 de maio de 2020.  O AECT Rio Minho e as Eurocidades do Miño acordaron hoxe nun encontro adoptar medidas contundentes de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal. Segundo explica o director da agrupación transfronteiriza e deputado provincial Uxío Benítez, a situación estase volvendo “insostible”, xa que o territorio do Miño está ‘afogado’ pola existencia dun único paso na fronteira en Tui-Valença debido ás restricións de mobilidade impostas pola COVID-19, o que imposibilita o mantemento das intensas relacións socioeconómicas entre ambas marxes do río.
Na reunión estiveron presentes o director do AECT, Uxío Benítez; o vicedirector, Fernando Brito Nogueira, así como alcaldes e alcaldesas dos concellos de Tui (Enrique Cabaleiro), Tomiño (Sandra González) e Salvaterra (Marta Valcárcel), así como o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira (Fernando Nogueira) e os vice-presidentes de Valença (Jose Temporão Monte), e Monçao (João Oliveira). Todos os dixirixentes amosaron o seu fondo malestar pola restrición e a existencia dun único paso na fronteira, o que obriga a moitos traballadores e traballadoras transfronteirizos a dar rodeos  de ata 200 quilómetros para acudir aos seus postos, coas perdas económicas e de tempo conseguintes.
Os mandatarios consideran que non é de recibo que a situación siga igual a día de hoxe que dende o inicio do estado de alarma, cando era preciso un confinamento estrito e unha restrición clara da mobilidade. Agora, subliñan, a situación tense modificado en xeral para alixeirar a mobilidade en ambos estados e tense demostrado a necesidade de máis pasos entre ambos países polo seu dinamismo económico conxunto.
Como argumento desa actividade, na reunión presentáronse os datos do último Observatorio Transfronteirizo España-Portugal (OTEP) publicado polos gobernos español e luso a finais de 2019 sobre a mobilidade na fronteira, que revelan que dos 60 pasos existentes entre España e Portugal, os de Tui-Valença, Tomiño-Vila Nova, e Salvaterra Monçao están entre os seis máis poboados e suman, entre os tres, máis do 50% do tránsito de vehículos total.
Con este plantexamento, tanto o AECT como as Eurocidades, adoptaron o acordo de pasar á acción e plantexar medidas de protesta contundentes e  visibles que chamen a atención sobre a situación - ademais de seguir traballando na vía administrativa para conseguir abrir un maior número de pasos e permeabilizar a fronteira-. Neste sentido, estanse a estudiar fórmulas que, cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada, poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto das e dos dirixentes como da cidadanía afectada. De feito, nos vindeiros días convocarase ao resto das cidades da ‘raia’ para consensuar as medidas de presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior respaldo.
As e os dirixentes, subliñaron que a situación agrávase cada vez máis para toda a cidadanía transfronteiriza producíndose colas de ata dúas horas para realizar o paso entre ambos paíes, á vez que denunciaron que non hai coordinación entre os corpos policiais, así como que os problemas no sector do transporte son continuos. Lembran que non só están afectados polo peche da fronteira os traballadores e traballadoras, senón que tamén a cidadanía xeral, que habitualmente mantén relacións económicas e sociais estreitas que se ven imposibilitadas.
Hai que lembrar que o AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter aínda unha resposta frutífera. Tamén se realizou un encontro co secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, quen confirmou o traslado da protesta polo peche da fronteira á propia responsable da CE, Ursula Von der Leyen
O AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica.
_____________________________

Alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño reclaman que se abran as fronteiras con todos os medios de control e seguridade

 
O Rosal, 20 de maio de 2020.- As alcaldesas e alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestes catro municipios o peche das fronteiras entre España e Portugal, concellos cun alto número de traballadoras e traballadores que cada día deben cruzar o Miño para acudir ao seu posto no país veciño. Por este motivo, as rexedoras e rexedores da Mancomunidade reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para as e os empregados como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.
 
Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadores e traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.
 
A situación actual que están a vivir moitos veciños e veciñas é complicada, con longas colas para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que “en moitos casos son inasumibles cuns salarios que en moitos casos son baixos”.
 
As alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores e traballadoras, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença dende o inicio da crise sanitaria, “garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento.

____________________________

O Baixo Miño incorporará dúas novas mestras e mestres composteiros para atender os centros de compostaxe comunitaria na comarca a partir do día 15

Baixo Miño, 14 de maio de 2020. O Baixo Miño contará con dúas novas mestras e mestres composteiros para atender os centros de compostaxe comunitaria na comarca a partires do vindeiro día 15 de maio.  Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, este persoal pasará a ser laboral interino nos concellos de A Guarda e Tui, se ben será a propia institución provincial a que, por medio dunha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza, fará fronte ao salario íntegro dos oito meses que quedan este ano, e a parte nos dous exercicios seguintes (50% no 2021 e 30% no 2022).
 
Así, a partir de mediados de mes, ademais de ter o asesoramento e colaboración da equipa provincial do plan de compostaxe, os concellos ‘Revitaliza’ da comarca estarán atendidos por persoal propio, xa que O Rosal conta cun técnico ‘adxudicado’ na anterior liña de axudas, e Tomiño con dous. Nos primeiros días a previsión é que as e os mestres (MECOS) realicen tarefas de ‘achegamento’, para despois realizar un labor moito máis exhaustivo de control ‘in situ’, así como de seguimento tamén dos composteiros individuais e promoción da compostaxe en xeral.
 
Dado que o tratamento de lixo está considerado un servizo esencial, nestes momentos de crise sanitaria están activos todos os centros de compostaxe da provincia dependentes do Revitaliza. Estes son atendidos por un servizo básico de mestras e mestres composteiros da Deputación que realiza os labores de control do proceso así como de mantemento das garantías sanitarias. Durante as semanas do estado de alarma a equipa do Revitaliza ten constatado un aumento moi significativo das achegas de residuos orgánicos nos composteiros. De feito, o nivel de enchido tense duplicado como media e case cuatriplicado nalgúns centros de compostaxe comunitaria.
 
Segundo lembrou o deputado responsable do Revitaliza Uxío Benítez, para a concesión das subvencións da Deputación aos concellos tivéronse en conta diferentes parámetros. Principalmente, a experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) como a través de composteiros individuais de exterior (COIN), ademais da realización doutras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións. Tamén se valorou a posibilidade de que os concellos teñan posibilidade de acadar o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais por medio de composteiros.
 
No día de hoxe celebrouse a selección de destino dos mestres e mestras baixo a supervisión do deputado, do asesor Carlos Pérez, así como doutro persoal técnico provincial. Os MECOS irán tamén a outros concellos: Illa de Arousa, O Grove e Valga na zona do Salnés; Bueu, Cangas, Vilaboa e a Mancomunidade no Morrazo; Mondariz e As Neves no Condado; Gondomar no Val Miñor; e Poio e Ponte Caldelas na comarca de Pontevedra. Finalmente, ademais, foi preciso seleccionar outra persoa máis para cubrir a baixa do mestre composteiro do Concello de Ponteareas, concedido na anterior subvención da Deputación.
 
Hai que lembrar que na primeira axuda á contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial puxéronse en marcha trece postos técnicos para os concellos de Tomiño (2), Soutomaior, Moaña, O Grove, Illa de Arousa, Cambados, Baiona, Mondariz, Sanxenxo, Ponteareas, As Neves e O Rosal. Todos eles están sufragados económicamente en parte aínda agora pola Deputación.
Regreso al contenido