Baixo Miño, decembro 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, decembro 2020

Arquivo 2020
A Mancomunidade do Baixo Miño urxe á Xunta aclarar o novo servizo de transporte público
Baixo Miño, 29 de decembro de 2020.- A Mancomunidade do Baixo Miño amosa o seu malestar pola falta de información da Xunta de Galicia no referido ao inicio da nova concesión de transporte público na comarca. A complexidade da páxina ofrecida polo ente autonómico para informarse das novas rutas e horarios resulta flagrante, especialmente para a xente maior que emprega o servizo.
Xa son varios os veciños que transmitiron as súas queixas logo de estar esperando na súa parada debido ao descoñecemento dos novos horarios e á confusión que xera a deficiente información que se lles ofrece, dada a inexistencia de folletos nin outro tipo de material informativo nas estacións de autobuses nin nas paradas.
A información só é accesible para o público de xeito online, o que non ten en conta a fenda dixital que padecen boa parte das persoas que empregan o servizo. Mesmo así, se un usuario quere informarse a través do sitio web da empresa concesionaria, Lugove, este só verá unha mensaxe que o informa de que o sitio web se atopa en construcción. O único xeito que a Xunta de Galicia ofrece para coñecer as novas rutas e horarios é mediante a web bus.gal. Esta só ofrece uns documentos descargables que presentan unha complexidade manifesta na estrutura na que aparecen organizadas as liñas e horarios, convertendo o acceso á información dos usuarios nunha experiencia insatisfactoria.
Con respecto á nova organización do transporte, desde a Mancomunidade valoran positivamente que se tivesen en conta no novo plan algunhas das alegacións presentadas pola entidade o pasado ano, como por exemplo a diminución do prezo dos billetes ou o aumento de frecuencias cara o Hospital Álvaro Cunqueiro e o CUVI. Non obstante, consideran que desde a Xunta non se están solucionando os problemas que impiden que a comarca estea ben comunicada, especialmente no que se refire á cuestión das frecuencias, onde hai unha diminución clara nalgunhas liñas, especialmente no horario de mañá.
Asemade, a petición de ofrecer unha solución para que alumnado do IES da Sangriña procedente doutros concellos puidese ir ao centro escolar cumpriuse só parcialmente, dado que os residentes de moitas zonas da ribeira do Miño non poderán acceder a este servizo pola incompatibilidade existente entre as liñas que cubren estes territorios e o horario escolar. Ademais, tamén se detectan eivas en moitas das liñas circulares, onde as frecuencias son moi insuficientes, o que impide que moita xente que as emprega para poder facer xestións nas vilas logo non teña xeito de volver.
  

A Xunta porá en servizo o vindeiro mércores 3 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público nas comarcas do Baixo Miño, do Condado e da Paradanta
Baixo Miño, 21 de decembro de 2020.- A Xunta porá en servizo o vindeiro mércores os 3 novos contratos que completan a renovación integral do transporte público nas comarcas do Baixo Miño, do Condado e da Paradanta.
Os tres novos contratos supoñen o incremento da cobertura da rede de transporte a máis núcleos de poboación e das frecuencias dos horarios.
Os servizos que botan a andar esta semana permiten unha mellora das conexións dos municipios destas áreas coa cidade de Vigo, pero tamén reforzan a rede interna entre centros urbanos e parroquias.
Neste sentido, os contratos inclúen novas conexións máis directas con puntos de referencia como o Campus Universitario de Vigo (CUVI) e o Hospital Álvaro Cunqueiro.
Comarca do Baixo Miño
O contrato que operará na comarca do Baixo Miño e no sur da bisbarra de Vigo abrangue os concellos da Guarda, Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.
As liñas deste contrato contemplan comunicacións directas co Campus Universitario de Vigo (CUVI),  o Hospital Álvaro Cunqueiro ou no Parque Tecnolóxico e Loxístico.
A conexión das áreas do Baixo Miño e do Val Miñor con Vigo incorpora tres novas liñas: unha (a 25), con cabeceira en Fornelos (O Rosal), discorre por Tomiño e Gondomar ata Vigo pasando polo CUVI e hospitais. As outras dúas (26 e 27) teñen a cabeceira na Guarda e un itinerario por Oia, Baiona e Nigrán, ata chegar a Vigo e aos hospitais, pasando polo CUVI.
Estas tres rutas terán entre 4 e 6 frecuencias diarias e contan cun número reducido de paradas, o que contribúe a minimizar a duración das viaxes.
Ademais do aforro de tempo nestes traxectos, cómpre salientar a importante rebaixa das tarifas asociadas ao novo contrato, tal como se amosa no seguinte cadro:

Melloras entre o Baixo Miño e o Val Miñor
Ademais dos enlaces con Vigo, tamén se crea unha nova liña circular, Baiona-Nigrán-Gondomar, que conecta os núcleos de poboación da comarca do Val Miñor. Contará con 5 expedicións diarias desde a primeira hora da mañá para atender os desprazamentos a centros de saúde, polígonos e centros educativos.
A habilitación de novas rutas desde Oia e O Rosal ata a Guarda permite dar servizo ao alumnado que non goza do dereito a transporte subvencionado, á vez que facilita os desprazamentos dos seus veciños entre os concellos e as súas parroquias.
Entre Tui e Salceda de Caselas, adaptáronse as liñas con prolongacións para facilitar os traslados dos estudantes en autobús para asistir ás clases.
Condado e Paradanta
O novo contrato que operará no sur da comarca do Condado e no centro da da Paradanta inclúe os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra do Miño.
Esta área disporá dunha maior conexión con Vigo, a través de servizos adicionais nalgunhas liñas. Deste xeito, Ponteareas terá unha expedición de ida e outra de volta ao CUVI.
Estas bisbarras amplían os enlaces co Hospital Álvaro Cunqueiro e garanten a conexión coa futura estación intermodal de Vigo.
No marco dos límites municipais, a integración de rutas escolares da zona das Neves e Arbo amplían a rede interna entre as parroquias e os centros urbanos.
Termo municipal de Tui
O terceiro contrato que se pon en marcha é o relativo ao termo municipal de Tui, que contempla unha optimización dos itinerarios das rutas escolares e adapta as liñas para estender a cobertura do transporte público.
A prolongación de liñas acada a ampliación dos servizos ao centro de saúde e dá servizo ao alumnado sen dereito a transporte gratuíto entre Tui e Salceda de Caselas.
19 contratos completan o mapa de transporte de Galicia
Estes 3 novos contratos forman parte dos 19 que o día 23 se poñen en servizo en toda Galicia. No seu conxunto suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.
A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.  
Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.
A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.
Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia
A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina es mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.
Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.
Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.
Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal
Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.
Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.
Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.
En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.
   
A Deputación concede subvencións para actividades de lingua a Tomiño e Oia no Baixo Miño
Baixo Miño, 21 de decembro de 2020. A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Tomiño e Oia no Baixo Miño e Ponteareas, Mondariz, Cañiza e Covelo no Condado-Paradanta. A deputada responsable da área, María Ortega, subliñou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de “dar prestixio ao galego”, tendo unha partida inicial de 100.000 euros.
O Concello de Tomiño destinou a súa subvención de 4.482 euros á conmemoración do día das letras galegas coa convocatoria do ’Concurso de deseño da camiseta do día das Letras Galegas 2020’. Un deseño en cor vermello coa cara da poeta e escritora galega Rosalía de Castro, rodeada dos nomes das parroquias de Tomiño, e co lema ‘Únete á resistencia’, en alusión á loita pola supervivencia do idioma galego, fíxose co galardón.
No Concello de Oia a subvención e 5.000 euros destinouse á edición do libro "Historia da banda de música Unión Musical de Mougás”, proxecto que buscaba recompilar toda a historia da banda de música e recuperar e impedir que se perda o patrimonio inmaterial oral e, deste xeito o recordo dos e das máis maiores, transmisores importantes da cultura, coñecementos, historias, e anécdotas  quede gravado.
Para a concesión das subvencións a cada un dos 23 concellos beneficiarios, dende a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.
   

O BNG do Baixo Miño leva as reivindicacións sanitarias da comarca ao Parlamento Galego
Baixo Miño, 18 de decembro de 2020.- A Atención Primaria na comarca do Baixo Miño segue sendo un problema de actualidade e os habitantes da comarca continúan denunciando a situación na que se atopa. Por este motivo, as alcaldesas de Tomiño e o Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, xunto co concelleiro do BNG na Guarda, Anxo Baz, viaxaron a Santiago de Compostela para trasladarlle directamente á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as eivas que está padecendo a veciñanza baixomiñota en materia sanitaria.
No Rosal existe unha ratio de pacientes por facultativo que se achega a preto das dúas mil persoas, o que fai que o persoal médico estea sobrecargado de consultas diarias. A alcaldesa Ánxela Fernández subliña que no concello ademais está pechado o consultorio de Tabagón, derivando os pacientes ao centro de saúde, o que se traduce nunha maior concentración da atención nun só punto.
Por Tomiño, a alcaldesa Sandra González reivindicou a imperiosa necesidade de cubrir as ausencias do persoal sanitario, que están sendo asumidas polo resto do persoal. Tamén puxo de manifesto o feito de que estea pechado o Consultorio de Goián, que produce o mesmo efecto de concentración ca no concello do Rosal, ademais de reivindicar a necesidade de atender presencialmente á xente.
Anxo Baz, concelleiro do BNG na Guarda, tamén puxo de manifesto as carencias de persoal médico do seu concello, onde reiteradamente a cidadanía se ten manifestado esixindo unha mellora nas condicións da atención sanitaria. “O que expresa a xente é que a están forzando a buscar atención na sanidade privada”, salienta o concelleiro.
A portavoz nacional, Ana Pontón, e Manuel Lourenzo, deputado do BNG no Parlamento Galego, recolleron estas demandas co fin de trasladalas á Consellería de Sanidade por vía parlamentar, para frear esa continuada desatención que desde fai tempo se está sofrendo na comarca.
Desde BNG afirman que traballarán para que a cidadanía teña unha sanidade pública de calidade, un servizo que cómpre coidar máis ca nunca nestes momentos tan delicados, esixindo a debida dotación de recursos humanos e materiais. Destacan que O Baixo Miño é unha comarca que se atopa lonxe do Centro Hospitalario de referencia, polo que precisa unha Atención Primaria que satisfaga as necesidades da veciñanza.
Do mesmo xeito, os nacionalistas rexeitan as maniobras de desmantelamento que está levando paulatinamente o goberno de Feijóo para desviar a Atención Primaria cara empresas privadas, ante o que non descartan mobilizacións.
O vídeo da xuntanza pode ser visualizado na páxina de Facebook do Grupo Parlamentar do BNG na seguinte ligazón:
https://www.facebook.com/bngparlamento/videos/401071087886536
 

Máis de medio cento de atractivos naturais do río Miño transfronteirizo, a golpe de clic
Baixo Miño, 18 de decembro de 2020. As persoas que queren visitar os concellos á beira do Miño contan agora cun mapa dixital que lles facilita a localización dos principais puntos de interese do territorio tranfronteirizo.  A través desta ferramenta, creada polo AECT Rio Miño, pódense elixir diferentes posicións e acceder a unha breve interpretación dalgún dos elementos do patrimonio natural dos concellos galegos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente e dos portugueses de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço. Picando en cada unha das iconas do mapa aparece a posición dos elementos e a opción de ‘como chegar’.
Tanto no territorio galego como no portugués, dende a súa parte máis alta ata a desembocadura do río, veciñanza e visitantes poden identificar numerosos espazos que este mapa dixital vai sinalizando e describindo. Reservas naturais como o Parque Nacional da Peneda-Gerês ou a reserva fluvial do Río Troncoso, observatorios ornitolóxicos como O Forno do Duque ou o de Salcidos no Baixo Miño, paisaxes tradicionais ou puntos de observación astronómica son tan só algúns dos atractivos naturais que se atopan á beira do río, aínda que tamén se inclúen espazos moi singulares como puntos de observación de libeliñas, xardíns, árbores senlleiras, formacións xeolóxicas ou outros elementos de interese ata os 55 totais.
Segundo lembra o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez , o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000’. Subliña que é preciso poñer en valor e dar a coñecer o territorio e o seu patrimonio natural, e aproveitar a súa potencialidade, agora tamén a través deste mapa que permitirá ás persoas visitantes localizar os puntos máis singulares e tamén descoñecidos, así como elaborar rutas. “Temos un espazo de grande valor identitario, cunha protección máxima pola súa singularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna, que podemos desenvolver co ecoturismo. O río é estratéxico para o desenvolvemento de toda a área transfronteiriza”, subliñou.
O mapa interactivo, que se pode consultar en https://cutt.ly/5hZUl9T, é unha iniciativa do proxecto VISIT RIO MINHO, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg España-Portugal (POCTEP) 2014-2020', que nace coa intención de poñer en valor o potencial turístico e natural do territorio transfronteirizo.
  

O AECT Río Miño priorizará as actuacións canceladas pola Covid-19 no seu plan de actividades para 2021
Baixo Miño, 15 de decembro de 2020. A asemblea xeral da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Río Miño, celebrou este martes a súa asemblea xeral na que aprobou o plano de actividades e orzamento para 2021, cun investimento global de 377.700 euros cofinanciado en parte polo Programa Interreg V A.
No 2021, o AECT Río Miño priorizará a execución de actividades non realizadas no pasado exercicio pola crise da Covid-19 que obrigou ao cancelamento ou adiamento de diversas acción relacionadas coa execución dos proxectos Smart  Minho e Visit Río Minho cofinanciados polo programa Interreg V A.
Destacan, como actividades máis relevantes a realizar nos vindeiros meses, avanzar  na implantación do proxecto piloto de mobilizade Bike Sharing Río Minho, xa en marcha, que ten como obxectivo aplicar un sistema de xestión compartido de bicicletas eléctricas entre seis núcleos urbanos de elevada mobilidade e ligados á rede transfronteiriza de sendeiros verdes do Río Miño.
Tamén no ámbito do Smart Minho, a realización de accións de promoción do patrimonio cultural como o II Foro Cultural Culturminho, que contempla a organización de sesións de capacitación, formación e animación de asociacións transfronteirizas co obxectivo de mobilizar os axentes culturais do territorio para a xeración de proxectos transfronteirizos.
Valorarase ademais a posta en marcha de diferentes accións que promovan o desenvolvemento sustentable e a cohesión do territorio a través de diversas actividades de valorización do patrimonio cultural inmaterial, promovido e recoñecido pola UNESCO, neste caso enmarcadas dentro do programa Interreg SUDOE da candidatura Livhes, da cal forma parte o AECT Río Minho.
Outros dos proxectos a valorar será o acompañamento no proceso da candidatura ‘A pesca nas pesqueiras do Río Miño’ que pretende reforzar a conciencia de que o patrimonio asociado a esta tradición é un dos máis ricos representantes da herdanza patrimonial que relaciona a cultural material á cultura inmaterial e natural do Río Miño.
Na asamblea xeral de hoxe –que finalmente se celebrou en formato telemático- estiveron presentes o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector da entidade Uxío Benítez, o director Fernando Nogueira, así como o alcalde do Concello Tui, Enrique Cabaleiro González; o do Concello da Garda, Antonio Lomba Baz; de  As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; de A Cañiza , Luis Gómez Piña; así como as alcaldesas Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra e Tomiño: Eva García de la Torre, Ánxela Fernández Callís, María Dolores Castiñeira Alén, Marta Valcárcel Gómez, e Sandra González Álvarez, respectivamente.
O AECT Río Miño é un instrumento de cooperación con personalidade xurídica propia constituído en febreiro de 2018 pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e pola Deputación Provincial de Pontevedra, con vistas a promover a cooperación territorial transfronteiriza.
 

A planta ornamental e a flor cortada do Baixo Miño xa ten o selo que identifica a súa calidade e sustentabilidade  
Baixo Miño, 7 de decemb ro de 2020. A planta ornamental e a flor cortada cultivadas no Baixo Miño contan xa cun selo identificativo que garante a súa calidade e sustentabilidade grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación acuBam. Esta distinción é parte da nova campaña lanzada para animar á cidadanía a mercar este produto de proximidade que constitúe un dos principais sectores na actividade económica nesta comarca e que este ano estivo marcado por unha profunda crise con motivo da pandemia da Covid-19.
O Viveiro O Piñeiro foi o escenario escollido hoxe para a presentación, na que a presidenta, Carmela Silva, fixo fincapé no feito de que este sector “é de futuro” porque “está moi vinculado ao que se está a demandar: a necesidade dunha economía diferente, na que pasemos de destruír a coidar o planeta”. Incidiu na importancia deste novo selo de calidade, cuxa imaxe fusiona unha planta e unha flor en varias cores, “que permite que a xente saiba que aí está o mellor”. Tamén destacou que o vídeo, no que se pon de releve á importancia de agasallar flores da man dunha parella de persoas maiores e das traballadoras, “chega ás emocións”. “Animo á xente a que saiba que este é un sector potentísimo, de proximidade, sostible, que temos que coidar porque xera moita actividade e emprego, por certo emprego de mulleres, que son as protagonistas tamén do vídeo”.
A presidenta recoñeceu así mesmo a labor de acuBam á hora de ter unido a este sector no Baixo Miño, “porque hai que agrupar sinerxías para ser máis fortes”, e recoñeceu a labor neste senso da anterior presidenta do colectivo, Patricia Rodríguez, así como da actual, Mariví Álvarez. E subliñou que o apoio da Deputación ao sector “é unha obriga; para iso xestionamos o público, para que a xente da terra viva mellor”. Neste senso, congratulouse do feito de que sector comeza a recuperarse da crise da Covid.  “Non hai nada que encha máis ao ser humano que o contacto coa terra. Somos terra, aínda que vivamos en cidades. Así que temos que apostar polo noso, e mercar planta ornamental, é unha marabilla poder plantala na túa casa ou no teu balcón, que queda o cheiro á terra e a vista marabillada de cores e vai permitir rachar co sedentarismo. E temos que regalar flor –apuntou Carmela Silva-. E o temos que facer ao longo de todo o ano. Porque quen compra flor é feliz cando a compra pero cando o regala é dobremente feliz. Merquemos as nosas plantas e flores, que agora amais teñen un selo de calidade e non hai flor nin planta mellor ca nosa”.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destacou que o novo selo “é mais que un paso ao recoñecemento ao traballo das persoas Baixo Miño que fan posible esta actividade e con el queremos que todas as persoas que queiran desfrutar dela nos coñezan e recoñezan nos puntos de venta habituais”. “Queremos engadir un elemento máis de mimo e cariño ás plantas e flores que compartimos e que desexamos desfrutar”, sinalou. Subliñou así mesmo o concepto de sustentabilidade que marca estes cultivos da planta ornamental e flor cortada, “a fonte principal de ingresos do territorio”, como un recoñecemento “ao valor da terra, a terra que nos permite desenvolver a actividade profesional, baseada no cultivo e o mimo dos nosos produtos”. “E por isto que nos debemos a ela, asegurando o respecto a través das nosas técnicas e produtos de cultivo respectuosos impacto no solo e a xestión de recursos hídricos –dixo-. E máis alá, comprometémonos coas persoas que confían en nós e buscan nas nosas plantas un espazo de desfrute, de descanso e reencontro co noso espazo natural”.
No acto participaron tamén as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández e Sandra González. A primeira destacou que o sector da planta e a flor “danos agora máis vida se cabe” e subliñou o papel estratéxico que teñen as mulleres nestes cultivos “e que se ve neste vídeo”. O novo selo de calidade responde, “dálle máis valor engadido a este sector”. “Son moitas as traballadoras do noso pobo que están nese sector e temos que sumar para que espazo coma este se convertan  nunha realidade máis alá da vida que compartimos todas”. Pola súa banda, Sandra González, referiuse ao crítico momento que pasou o sector en Tomiño, “o epicentro da flor e planta ornamental en Galicia”, coa pandemia. “É  un orgullo apostar por unha economía verde, pegada ao chan e sostible, e diso fala este selo de orixe –apuntou-. Fala de que a planta que os consumidores van a mercar é unha planta case quilómetro cero; é unha planta galega, feita aquí que non ven doutros países. Queremos que as persoas consumidoras saiban que alá onde estea a planta do Baixo Miño vai estar identificada con ese selo de orixe de planta galega, sostible, cultivada e criada con amor por esta mans femininas que é o 90% da nosa man de obra e afortunadamente tamén agora cunha porcentaxe moi alta de empresarias. Tamén destacou que a actual campaña de valorización do produto e de consumo responsable “vaise repetir ao longo dos anos”.
  

A Deputación achegará máis de 4 millóns de euros aos municipios do Baixo Miño co Plan Concellos 2021
Baixo Miño, 4 de decembro de 2020. Os concellos do Baixo Miño recibirán o próximo ano 2021 máis de 4 millóns de euros, (4.085.511€), do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que en toda a provincia ascende ata os 42,5 millóns o que se traduce na maior transferencia de recursos da historia da institución. Os números do Plan foron presentados esta mañá pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, e responden como en anos anteriores a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade.
Así, no Baixo Miño, os investimentos do Plan provincial serán para Tomiño de 1.275.963 euros; Tui 1.066.189 euros; A Guarda 690.522 euros; O Rosal 586.478 euros; e Oia 466.357 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 24 millóns de euros (24.275.597€). Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan “a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos”.
“Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos” asegurou Silva na presentación. Este ano, “todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior e temos moito orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, “volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios”.
En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 20.250.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 14.300.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 7.950.000 €. “Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar  a este grupo preto dos 35 millóns de €”. Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.
O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30% da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidades derivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20% da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.
O vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo da Deputación na axuda aos concellos da provincia salientando que sumado o Plan Concellos (42,5 M€) e as liñas de actuación (Revitaliza, Ágora, actuacións en vías provinciais…), invístense 75 millóns de euros anuais nos municipios, o que supón o 64% dos recursos provinciais unha vez descontado o capítulo de persoal. “Máis é imposible. Estamos a facer un esforzo máximo e non debe haber deputación que faga algo parecido”, subliñou.
Mosquera fixo fincapé no seu afán de cohesión territorial, xa que destina proporcionalmente moitos máis cartos por habitante aos concellos de menor poboación. “Hoxe fálase da España vaciada, pero a Deputación leva facendo isto dende o ano 2015, dende antes de que se falara disto”, lembrou. Neste sentido, subliñou que para os municipios de menos de 10.000 habitantes só o Plan Concellos  representa máis dunha cuarta parte do seu orzamento. “O normal é que dispoñan de entre 400 e 500 euros por habitante, e a Deputación achega 117 euros. Nalgúns casos pasa do 30% do orzamento, polo que con eses fondos poden actuar razonablemente” achegando servizos á súa cidadanía, subliñou.  
Balance 2016-2021 : 252 millóns de euros
“Ningunha administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia” asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos. Deste xeito, desde o 2016 achegáronse máis de 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales case 117 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns e medio de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 52 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. “Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos”, remarcou Carmela Silva.
En liñas xerais, dende o 2016 e ata o 2020 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.151 actuacións no marco da liña 1, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Pola súa banda, en canto a liña 2 realizáronse ata 1.132 pagamentos de gasto corrente e actividades municipais e a través da liña 3  de emprego puidéronse financiar a creación de 5.199 postos de traballo nos concellos.
  

Nace “In-Red”, a primeira patronal galega da discapacidade intelectual
Baixo Miño, 03 de decembro de 2020. Constituíuse formalmente “IN-RED: Asociación Profesional e Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego e Entidades do Ámbito da Discapacidade Intelectual e afíns”. Trátase da primeira patronal do sector da discapacidade intelectual e ámbitos afíns en Galicia.
Os promotores da nova entidade son centros especiais de emprego e asociacións que prestan servizos educativos, asistenciais e ocupacionais para persoas con discapacidade intelectual. A Xunta Directiva está composta polos representantes de ASPABER (https://www.aspaber.com/) de Carballo (A Coruña), EVD Galicia (https://www.evdgalicia.com/) de Mos e Crecente (Pontevedra), ACEESCA (https://aceesca.com/) de Porriño (Pontevedra), CENTRO JUAN MARÍA (http://www.centrojuanmaria.org/) de Nigrán (Pontevedra) e SAN XEROME EMILIANI (https://sanxerome.com/) de A Guarda (Pontevedra). Lola Fernández García, representante de ASPABER, é a presidenta electa da nova entidade.
IN-RED proponse dar voz aos intereses económicos e socio-laborais comúns das entidades que prestan servizos a persoas con discapacidade intelectual e afíns. Co crecemento los últimos anos, a xestión destas entidades volveuse cada vez máis complexa. Por iso, aínda que teñan un carácter non lucrativo, é indispensable dar una resposta ás súas novas necesidades dende a perspectiva da xestión empresarial e da profesionalización. IN-RED ten a ambición de facelo cunha mirada nova, en liña co seu su lema “mirar onde os outros non miran, para encontrar o que os outros non encontran”.
A asociación avoga pola busca de solucións concretas e áxiles, polo aprendizaxe mutuo e a cooperación continua entre os seus membros. Consciente de  que a mellor solución pode atoparse só axuntando esforzos.
Na axenda de IN-RED están temáticas como a negociación do Convenio colectivo do sector; o impulso aos Programas de Formación Dual como instrumento para mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual; a futura evolución dos centros especiais de emprego. A entidade prestará tamén servizos de apoio para promover a profesionalización dos xestores das entidades socias.
Con este obxectivo, a Xunta Directiva xa mantivo reunións coa Consellería de Emprego e a de Política Social da Xunta de Galicia. E estableceu contactos con outras entidades da economía social, como FOROESGAL – Foro Pola Economía Social Galega.
  

A Xunta adxudica por 17 millóns de euros a execución das obras da vía de alta prestacións Tui-A Guarda, entre a a-55 e o enlace de Areas
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por máis de 16.9 millóns de euros a execución das obras da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, entre o enlace coa A-55 e o polígono de Areas.
As obras nesta infraestrutura, que permiten avanzar na nova autovía autonómica AG-42, foron adxudicadas á Unión Temporal de Empresas Copasa-Covsa. Os traballos empezarán despois das festas do Nadal.
Trátase da construción do treito de autovía que se desenvolverá integramente no termo municipal de Tui, iniciándose coa conexión coa A-55 mediante unha glorieta elevada sobre esa autovía, que vai servir de canalizador dos tráficos que se xeren neste enlace.
Desde esa glorieta partirá unha recta que se dispón totalmente en viaduto sobre a A-55 ata o punto quilométrico 0+113,43, onde enlaza cunha rampla e finaliza no semienlace de conexión co polígono de Areas no punto quilométrico 0+630.
O trazado tamén inclúe un ramal de conexión de 540 metros de lonxitude, desde a A-55 ata a N-551 onde se deseña unha glorieta a nivel.
A autovía contará con dúas calzadas separadas por sentidos de circulación, de dous carrís cada unha de 3,5 metros de ancho, e beiravías exterior e interior de 2,5 metros e 1,5, respectivamente. A glorieta elevada sobre a A-55 terá dous carrís de 4 m de ancho cada un.
A intervención inclúe dous enlaces, un coa A-55 -glorieta a distinto nivel- e co polígono de Areas, no punto quilométrico 0+630. Construiranse 5 pasos superiores, nos puntos quilométricos 0+000, 0+348, 0+640, 1+100 da estrada A-55, e 0+300 no ramal de conexión coa N-551. Tamén se executarán 2 pasos inferiores, un destinado ampliar o que existe no punto quilométrico 0+700 da A-55 e outro no 0+400 do ramal de conexión da PO-552.
Este proxecto suporá unha significativa mellora na accesibilidade do polígono de Areas, así como o reforzo da seguridade viaria do actual enlace das estradas PO-552 e N-551 coa A-55, e tamén da propa N-551.
Na actualidade está en servizo o treito da VAC Tui–A Guarda, entre Goián e A Guarda, cunha lonxitude de 10,15 km, que percorre os concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal, e que entrou en funcionamento en 2014.
Para facer viables os treitos pendentes, a Xunta planificou unha execución por fases que dialogou cos principais axentes institucionais e económicos implicados e que estableceu a priorización deste treito inicial de Tui, incluíndo o enlace de Areas.
De forma paralela a estas actuacións, a Axencia Galega de Infraestruturas segue progresando na tramitación dos seguintes treitos ata Goián.
  
A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo mañá (hoxe, día 3) ao mediodía na Mariña lucense e no noroeste e oeste da provincia de A Coruña, que pola tarde se estenderá á costa de Pontevedra e ao suroeste do litoral coruñés con ventos do oeste ou do noroeste de forza 7 ou 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Regreso al contenido