O AECT e as eurocidades do Miño estudan medidas de
protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal
Baixo
Miño. Xoves, 21 de maio de 2020. O AECT Rio
Minho e as Eurocidades do Miño acordaron hoxe nun encontro adoptar medidas
contundentes de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira
con Portugal. Segundo explica o director da agrupación transfronteiriza e
deputado provincial Uxío Benítez, a situación estase volvendo “insostible”, xa
que o territorio do Miño está ‘afogado’ pola existencia dun único paso na
fronteira en Tui-Valença debido ás restricións de mobilidade impostas pola
COVID-19, o que imposibilita o mantemento das intensas relacións
socioeconómicas entre ambas marxes do río.
Na reunión estiveron presentes o director do AECT,
Uxío Benítez; o vicedirector, Fernando Brito Nogueira, así como alcaldes e
alcaldesas dos concellos de Tui (Enrique Cabaleiro), Tomiño (Sandra González) e
Salvaterra (Marta Valcárcel), así como o presidente da Câmara de Vila Nova de
Cerveira (Fernando Nogueira) e os vice-presidentes de Valença (Jose Temporão
Monte), e Monçao (João Oliveira). Todos os dixirixentes amosaron o seu fondo
malestar pola restrición e a existencia dun único paso na fronteira, o que
obriga a moitos traballadores e traballadoras transfronteirizos a dar
rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos seus postos, coas perdas
económicas e de tempo conseguintes.
Os mandatarios consideran que non é de recibo que a
situación siga igual a día de hoxe que dende o inicio do estado de alarma,
cando era preciso un confinamento estrito e unha restrición clara da
mobilidade. Agora, subliñan, a situación tense modificado en xeral para
alixeirar a mobilidade en ambos estados e tense demostrado a necesidade de máis
pasos entre ambos países polo seu dinamismo económico conxunto.
Como argumento desa actividade, na reunión
presentáronse os datos do último Observatorio Transfronteirizo España-Portugal
(OTEP) publicado polos gobernos español e luso a finais de 2019 sobre a
mobilidade na fronteira, que revelan que dos 60 pasos existentes entre España e
Portugal, os de Tui-Valença, Tomiño-Vila Nova, e Salvaterra Monçao están entre os
seis máis poboados e suman, entre os tres, máis do 50% do tránsito de vehículos
total.
Con este plantexamento, tanto o AECT como as
Eurocidades, adoptaron o acordo de pasar á acción e plantexar medidas de
protesta contundentes e visibles que chamen a atención sobre a situación
- ademais de seguir traballando na vía administrativa para conseguir abrir un
maior número de pasos e permeabilizar a fronteira-. Neste sentido, estanse a
estudiar fórmulas que, cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da
desescalada, poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto
das e dos dirixentes como da cidadanía afectada. De feito, nos vindeiros días
convocarase ao resto das cidades da ‘raia’ para consensuar as medidas de
presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior respaldo.
As e os dirixentes, subliñaron que a situación agrávase cada vez máis para
toda a cidadanía transfronteiriza producíndose colas de ata dúas horas para
realizar o paso entre ambos paíes, á vez que denunciaron que non hai
coordinación entre os corpos policiais, así como que os problemas no sector do
transporte son continuos. Lembran que non só están afectados polo peche da
fronteira os traballadores e traballadoras, senón que tamén a cidadanía xeral,
que habitualmente mantén relacións económicas e sociais estreitas que se ven
imposibilitadas.
Hai que lembrar que o AECT Rio Minho, personalizado no
seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co
propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura
de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter aínda unha resposta
frutífera. Tamén se realizou un encontro co secretario xeral da Asociación de
Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, quen confirmou o
traslado da protesta polo peche da fronteira á propia responsable da CE, Ursula
Von der Leyen
O AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos
formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por
parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno
central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de
buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica.