Agustín Ferreira - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Agustín Ferreira

Arquivo 2020
Uns mobles feitos por
FLORINDO RODRÍGUEZ ÁLVAREZ
(Florindo da Eléctrica)
Por Agustín Ferreira Lorenzo

 

   Taller de carpintería-ebanistería no que hoxe é farmacia Barbi, na rúa Vicente Sobrino. Os tres primeiros empezando  pola esquerda son: Valentín Puga; José Blanco e Florindo Rodríguez. (Fotografía facilitada por Teresa Rodríguez,
filla de Florindo Rodríguez).

Florindo naceu ás seis da mañá do día 7 de decembro de 1886 na rúa da Concepción, da Guarda. Era fillo de José Benito Rodríguez e de Josefa Álvarez, ámbolos dous de profesión xornaleiros. Os seus avós paternos foron Antonio Rodríguez e Herminia Cividanes e, por parte materna, Francisco Álvarez e Rosenda Vicente, todos eles naturais da Guarda. A inscrición no rexistro civil realizouna, diante do xuíz municipal Isidoro González Méndez e do Secretario suplente Juan Antonio Pacheco, o seu tío Roque Cividanes Portela, de profesión panadeiro, de 57 anos de idade. Florindo morreu, xa viúvo, o 24 de marzo de 1982 ás catro da tarde, contaba, pois,
 96 anos. A causa, segundo reza a súa partida de defunción, foi neumonía e tamén uremia, sendo soterrado no cemiterio guardés no día seguinte.
 
Juan Noya, histórico republicano guardés, autor do libro “Fuxidos”,
traballou no taller de Florindo. (Foto: Agustín Ferreira)
 
        Aínda que ao longo da súa vida foi un activo empresario que rexentou varios negocios, aquí imos achegarnos a súa faceta de ebanista, a través dalgúns mobles que son propiedade da familia do autor deste artigo, fabricados na carpintería de Florindo. A empresa creada por Florindo era unha sociedade en comandita (S. C., aquela na que os socios poñen capital ou capital e traballo). Entre os operarios que traballaron  na empresa podemos citar a Juan Noya (histórico e coñecido republicano guardés); aos irmáns  Delfín e Emilio Lorenzo Cividanes (da familia Taboletas, tíos do autor deste artigo), ao tío Ricardo (home da tía Lola “a Zampana”, traballaría moitos anos despois con Jaime “O Pendejo”, consagrado ebanista, que tiña a  carpintería na que hoxe é “La Casa de la Abuela”); ou Jesús González.  
 
O taller de carpintería de Florindo estivo inicialmente no que hoxe é a Farmacia Barbi, pasando posteriormente a unha nave detrás da eléctrica, esta última situada fronte á Alameda, esquina rúa Brasil, derrubada no ano 2006  para construír no seu lugar un novo edificio. A entrada á carpintería facíase pola mencionada rúa Brasil. Precisamente este lugar sigue sendo coñecido, entre a xente de certa idade, polo nome “da eléctrica” aínda que, dado que xa non queda rastro da mesma, este topónimo xa empeza a desaparecer.
 

Arsenio o da tenda e Fina (Taboleta), mercaran de segunda man
o xogo de habitación fabricado pola empresa de Florindo Rodríguez.
  
        Sinalemos que a moblería exposta neste traballo foi adquirida de segunda man por Arsenio (o da tenda ou o municipal) e a súa muller Fina (a Taboleta) nos primeiros anos da década dos sesenta do século pasado aos herdeiros de dona Antonina*. Esta, que era natural de Goián, falecera repentinamente a finais da década dos cincuenta. Os seus herdeiros, que estaban fóra da Guarda, tiñan previsto vender a vivenda e, por suposto, os mobles. A casa de dona Antonina era a que fai esquina (man dereita) coa subida ao Castillo, partindo da rúa Puerto Rico, fronte á antiga escola M. Rodríguez Sinde. Era habitual nalgunhas familias da localidade que exerceran de caseiros de certas familias guardesas que, por diversas circunstancias, non estaban a vivir aquí. Estas familias achegábanse a súa vila natal en determinados períodos, sobre todo no verán, polo que, os caseiros, ocupábanse do mantemento das vivendas. Os caseiros e os propietarios frecuentemente quedaban unidos por fortes lazos de amizade, moi profundos, case que familiares. Entre os labores que desempeñaban estas persoas achábanse o de ventilar de cando en vez a vivenda; mantela en perfecto estado (limpándoa, arranxando o xardín...) e, sobre todo, téndoa en condicións axeitadas para cando viñeran os seus propietarios, habitualmente xente acomodada e dun escalafón social medio alto. Temos que dicir tamén, que por realizar estes labores a maioría das persoas non recibían paga algunha, a non ser que estiveran contratadas, cousa que sucedía en moi contadas ocasións. Os caseiros facían isto pola amizade que lles unía aos propietarios (chamados coloquialmente, dependendo do lugar de residencia, como os americanos; os madrileños, etc) considerados en xeral como “ricos”, pois, o que máis ou o que menos, fixera fortuna no exterior ou tiñan unha boa posición social,  polo que era un orgullo e unha satisfacción sentirse próximos aos mesmos e, por suposto, estar vinculados a eles.
 

Félix O Casqueiro e Nati (Taboleta), moi vinculados á familia de dona Antonina.
Eles foron os intermediarios para que Arsenio e Fina adquirisen os mobles,
ademais, Félix, que era un “mañolas”, axudou a montalos de novo.
  
         Félix O Casqueiro e Nati (a Taboleta) caseiros de dona Antonina, coñecendo que os herdeiros desta, que estaban fóra da vila guardesa, desexaban vender algúns mobles —anos máis tarde venderían o edificio—, falaron con Arsenio (o da tenda) e Fina (a Taboleta), cuñados e irmá, respectivamente, sobre estes mobles, por si lles interesaba facerse con algúns. Seguramente estaban ben de prezo e eran –son– de excelente calidade. Os que había na casa de Arsenio e Fina eran escasos e máis ben, ruíns, así que, por primeira vez, tiñan intención de ter polo menos unha habitación en condicións. Ademais, facía poucos anos que a casa-tenda (adquirida a Pepe o Cerepe e que se conservaba practicamente igual que cando a adquiriran, alá polos anos corenta) sufrira unha grande reforma cambiando o interior de madeira por placa, mosaico, novas dependencias, etc., polo que, tras pecharse o trato de compra, un xogo completo de habitación de matrimonio mudou de domicilio, pasando da rúa Puerto Rico á do Calvario e dunha casa indiana, señorial, a unha vivenda normal e de moito traxín.

 
Estado actual da antiga casa de dona Antonina, na estrada Puerto Rico.
Á esquerda subida ao castelo de Santa Cruz. Lamentablemente, a
fachada está bastante cambiada con respecto á orixinal.
 
Cadanseu moble ten unha placa metálica co nome de Florindo Rodríguez, S. en C.
  
      Tal e como podemos ler nas plaquiñas que cada moble posúe, estes foron feitos na empresa do ebanista e empresario guardés Florindo Rodríguez. O xogo de habitación matrimonial, está formado por armario de tres portas (a central con espello exterior); cama; dúas mesiñas de noite; coqueta, e dúas cadeiras de brazos. Ao parecer estes mobles están construídos por dous tipos de madeira: cerdeira e posiblemente castaño. O estilo, como se pode apreciar nas fotografías, é clásico, onde ademais da fermosa feitura, destacan rechamantes adornos metálicos con diversos motivos.
 
        Florindo traballaba con madeiras nobres, ademais de cerdeira e castaño tamén chegaba ao seu taller a caoba. Posiblemente os mobles dos que aquí se fala non se fixeran na carpintería anexa a eléctrica, senón no primeiro taller que tivo antes desta e que, como xa dixemos anteriormente, estaba onde hoxe se atopa a farmacia Barbi. Un dos empregados, que ademais era xefe de carpintería, era un portugués chamado José Parente.
 
 



Cómoda con espello frontal de tres follas, as dúas laterais abatibles,
con detalles metálicos no remate central superior do espello intermedio,
nos tiradoiros dos caixóns e nos ángulos inferiores da zona central.

A moblería adquirida aos familiares de Dona Antonina [1] non cabe dúbida algunha, estaba feita para ocupar unha habitación de grande superficie, no que o espazo non resultara problema algún para situar cada peza onde lle correspondese. Nunha habitación ampla, cada peza luciría con esplendor propio. Nas casas indianas, como era a de dona Antonina, habitacións grandes non faltaban, pero dificilmente este tipo de mobiliario podía encaixar nunha vivenda corrente como a de Arsenio, que de señorial non tiña nada (podemos dicir non ten, pois aínda segue a estar como entón), así que na habitación do matrimonio (arredor duns 14  metros cadrados) a onde se destinaron os mobles, o espazo dispoñible era o xusto para permitir desprazarse pola mesma, o que daba certa sensación de achicamento do habitáculo. Por outra banda, este tipo de mobles precisan dun mimo especial, dun coidado exquisito, cousa que os novos propietarios, persoas que entendían de traballar pero non de mimar os mobles, non lles ían prestar, como así foi. Deste xeito, os mobles chegaron a un lugar que non era para o que estaban destinados. Durante anos, aínda que parcialmente pero de forma directa, a luz solar incidía por momentos nos mesmos, polo que a piques estiveron de quedar estragados irremediablemente. E é que este tipo de mobiliario, evidentemente, non estaba feito para xente que tiña que traballar diariamente e non podían deterse con miudezas nos mobles. A vida diaria da xeración anterior á nosa, era vida do axetreo, de traballo e de máis traballo. A sorte, máis a extraordinaria calidade da madeira empregada na construción, quixo que, co paso dos anos os mobles non quedaran estragados, así que unicamente foi preciso uns pequenos arranxos consistentes case que nun lacado e posterior encerado, así como lixeiros apaños nalgunha peza que, pola calor, abrira. Ás cadeiras de brazos houbo que lles cambiar o tapizado orixinal así como os molles, pero sen maiores consecuencias.


  Para poder apreciar parte da obra de Florindo nada mellor que botar unha ollada
a algúns dos mobles construídos na súa empresa e dos que falamos neste artigo.
Cama de matrimonio. No frontal dos “pés” apreciase as diferentes madeiras utilizadas para a súa confección.

Detalle metálico representando motivos da Grecia Antiga.


A tapicería da cadeira de brazos non é a orixinal. A restauración respectou
na súa totalidade a forma que tiña orixinariamente este moble.


Detalle do repousa brazos. O traballo “ebanista” pode verse na madeira traballada na parte superior das patas. Estes mesmos detalles aparecen, ademais de nas cadeiras de brazos, nas mesiñas de noite e na cama.


Mesiña de noite. As diferentes pezas tamén están confeccionadas
con dous tipos de madeira.

Detalle metálico que aparece no centro de cada unha
das portas da mesiña de noite.

Coqueta formada por un espello central e dous espellos
laterais abatibles. A altura máxima é de 170  centímetros.


Detalle dun dos ángulos da coqueta.

1.- Segundo informacións, a tía Antonina casou en segundas nupcias cun tal Carrero. Do seu primeiro matrimonio tivo unha filla que lle foi sacada polos seus cuñados meténdoa primeiro nun convento e logo, ao parecer, concertando un matrimonio de conveniencia, segundo informacións, no Brasil. As monxas do convento tiñan orde de non deixar que a nai vise a súa filla, pero, semella que as monxas permitían dalgún xeito que a visita da nai. Do segundo matrimonio, dona Antonina tivo tres descendentes. Todos eles marcharon da Guarda, sendo estes os que venderon as súas propiedades. A casa na que viviron, foi adquirida de segunda man polo segundo home de Antonina, sendo seu primeiro propietario un indiano que pouco disfrutou dela. Dona Antonina, está soterrada no cemiterio de Goián, xunto co seu segundo marido.

Agustín Ferreira Lorenzo

   

     

Jose Álvarez Álvarez (Pepe) e as súas tellas
por Agustín Ferreira Lorenzo
 

Pepe amosando unha das tellas que, segundo me dixo, foran inventadas e feitas por el hai xa moitas décadas.
  
         Atopeime con Pepe o día 15 de novembro de 2007, cando regresaba dunha incursión que fixera pola Xunqueira (de Salcidos). Subía eu, en dirección á estrada polo camiño de acceso á mesma, case que fronte ás Cachadas. Pepe estaba na súa finca –situada á dereita do inicio do camiño, lindante coa estrada, na Gándara- e, logo dos pertinentes saúdos, iniciamos unha conversa que comezou coa pregunta de se estaba a ver os salgueiros pois, segundo me contou, a chuvia dese verán “debía ser ácida” porque lle queimou algunhas árbores e algunhas cepas das que tiña el na leira. De seguido pasou a falarme de como mataba o tempo na súa finca, segundo me dixo, de 8.000 metros cadrados. Invitoume a pasar ao interior da mesma e mostroume o que alí tiña, entre outras cousas, frutais. Tamén amosoume o seu chiringuito, que estaba  moi ben coidado, onde pasaba bastante tempo, sobre todo de verán. Pepe e eu xa  nos coñeciamos de anos atrás, non recordo exactamente dende cando, pero posiblemente de cando a loita contra un determinado complexo hostaleiro na marisma de Salcidos; non o sei. O feito é que a conversa dese día, por certo moi interesante e entretida, iniciouna el cando me viu chegar.
         Do que me contou, dou paso a continuación.  
         Pepe tivo unha telleira chamada “Telleira das Cachadas”, que estaba ao lado da “Telleira do pobo”, a primeira que houbo na zona e que contaba con 25.000 metros; a “Telleira das Cachadas” fora a segunda que houbera na zona e logo viría a de Lomba. Esa telleira herdáraa do seu bisavó, Amancio Álvarez, alcumado  “O Capitán”, que tivera tamén unha telleira en Redondela de 13.000 metros cadrados, así coma un terreo alugado en Nigrán. A “Telleira das Cachadas”, pasou de seo bisavó ao seu avó, Francisco Manuel Álvarez Portela ata que logo, chegou a Pepe.
 

As curiosas tellas de Pepe coas costelas lonxitudinais
 
         Pepe estivera ao fronte da telleira ata mediados da década dos 70 do século pasado. Díxome que na década dos 60 inventou a tella “con dúas costelas”,  que tiña a vantaxe de que asentaba perfectamente sen balancear e das que conserva tres exemplares, que mos mostrou e que gardaba no seu “garito”.
 
        Seguiu a contarme máis cousas, por exemplo, que a cerámica das Cachadas cocía inicialmente con leña, pero logo pasou ao carbón. Cando se empezou a utilizar este elemento, os resultados acadados non eran os esperados, pois non se conseguía que o material fabricado saíse co “vidrado” tan característico como era a cor castaña escura, que se conseguía botándolle sal, segundo me dixo.
        Un día Pepe, visitando a Ricardo, que era o propietario da fábrica, e que se atopaba enfermo, espetoulle:
-Eu sei por que non se produce o vidrado e ti tamén.
-Pois eu non o sei.
-Como que non o sabes? Parece mentira que unha persoa coma ti, no se dea conta. Ti o sabes!
-Pois non.
-Imos ver. O carbón produce máis temperatura que a leña. Se baixamos esa temperatura á mesma que a da leña o problema está resolto.
        Ricardo deulle ordes para que fose a fábrica e lle dixese ao encargado o que tiña que facer. Pero dado que Pepe non era "nadie" na fábrica, entroulle como mellor puido ao encargado para que non se sentise ofendido e, en efecto, levouse a cabo o proceso con total éxito.
        E seguiu contándome.
        Pepe dirixiu algunhas obras traballando con Serafín Sabariz, a pesares de que non era albanel. Tivo intervención directa na construción da capela do colexio novo das HH Carmelitas; coa construción dunha casa que hai en Mougás, pasando o restaurante o Peñasco cara ó monte; cunha casa en Malteses, próxima ao Gran Sol, logo de pasar a do Troski...
        Demos por rematada a nosa longa conversa dicíndome que en decembro dese ano, 2007, cumprirá 84 anos. E a mín dábame envexa coa memoria e o desparpallo co que explicaba as cousas. E cando estaba a piques de continuar o meu camiñar, aínda me dixo que na súa casa tiña un banco de carpinteiro que é unha marabilla, pois inventara todo un artiluxio para traballar a madeira, e que quere ensinarmo noutra ocasión que estemos xuntos. Díxenlle que estaría encantado, pero dende aquela non volvemos coincidir, polo que quedei sen ver e saber cousas dese banco de carpinteiro, cousa que hoxe, relembrando este artigo, dáme bastante noxo, pois de seguro que me contaría as súas interesantes experiencias.

Amosando como ían dispostas as tellas.

Disposición das tellas. Os “nervios” impiden o balanceo das mesmas

Pepe cunha das das tellas feitas por el.
   
Agústín Ferreira
2008



Tío Isidoro e tía Erundina
por Agustín Ferreira Lorenzo
 
ESTA SECCIÓN VAI DEDICADA
A TÓDAS AQUELAS PERSOAS
QUE RESIDEN OU RESIDIRON
NO BARRIO DE RIBADAVILA
CAPÍTULO I
A MODO DE PRESENTACIÓN:
  
Xentes de Ribadavila é unha sección que pretende achegarnos ó barrio de Ribadavila e, sobre todo, ás xentes que viven ou viviron nel. A primeira parte incluirá aos veciños deste barrio ata finais da década dos sesenta.
   Habitualmente, na historia dun pobo somentes quedan lembranzas daquelas persoas que, por algún motivo destacado, permanecen na memoria, nas publicacións ou nos documentos de certa importancia. Mais, aquelas que viviron e co seu traballo, alegrías e anécdotas cotidiás, foron facendo realidade a vida dun pobo ou dun barrio, acaban por desaparecer da memoria dos seus veciños. Os últimos recordos delas consérvanos as súas familias, amizades e coñecidos, e cando estes desaparecen, desaparece tamén a memoria dos que nos precederon, en consecuencia, ninguén sabe se fulano ou citano existiu algunha vez, qué aportou ó barrio, como era a súa vida ou o discurrir diario. Como nativo do barrio da Guía, hai anos que tiña gañas de facer algo para que, na medida do posible, se coñeceran as xentes que viviron (ou viven) neste barrio. Xentes que non sobresaíron, que non fixeron nada extraordinario, que non destacaron por riba dos seus veciños, pero que contribuíron a darlle vida a cada rúa, a cada praza, en definitiva, ó barrio. A maior parte dos veciños deste barrio, e que hoxe non están con nós (porque morreron, porque cambiaron de lugar de residencia ou porque emigraron) están no esquecimento dos que hoxe residen nesta parte da Guarda, quizais nin siquera souberon nunca deles; esoutros, antes que nós, contribuiron a facer o barrio de Ribadavila e a eles lles debemos o moito ou o pouco que ten este barrio, o noso barrio, o meu barrio.
 
A IMPORTANCIA DAS FOTOGRAFÍAS
 
   A idea básica desta sección terá como centro de interese as fotografías, agás excepcións que, polas razóns que sexa, non dispoñamos delas. As fotografías axudarannos a recordar a moitas das persoas hoxe esquecidas. A lembrar que houbo un día que elas tamén camiñaron polas mesmas rúas que hoxe nós andamos. Xentes de Ribadavila será, en certo modo, unha volta atrás no tempo, e á nostalxia do pasado co desexo de recordar; pero tamén é o presente dun barrio que nestes últimos anos cambiou moito e, como estamos a ver, vai cambiar moito máis en pouco tempo.
 
A IDEA FEITA REALIDADE
 
   Con motivo da celebración das pasadas festas da Virxe da Guía, (setembro 2005), fíxose realidade aquilo que viña matinando dende tempo atrás pero que non atopaba a forma de facer realidade. Copiando un pouco do Casino de Camposancos, outro pouco do libro das festas de San Caetano, xurdín a primeira idea e, deste xeito, levouse a cabo a primeira exposición de fotografías que titulei Xentes de Ribadavila, logo de barallar outros posibles títulos: Xentes do barrio da Guía; Xentes do meu barrio; etc. O éxito acadado por esa exposición, e a desinteresada colaboración de varios veciños cedendo fotografías, creou no meu maxín unha nova necesidade: divulgar aquela primeira idea a través de internet, cousa que tamén algúns dos que cederon fotografías o pediron por non poder estar presentes durante os días nos que estivo aberta a citada exposición. O motivo de crear esta sección en galicia-suroeste, obedece, ademais do anteriormente exposto, a non deixar que a idea de Xentes de Ribadavila fose algo pasaxeiro, un acontecemento puntual, así que, consideramos que a divulgación da idea aproveitando as novas tecnoloxías podía ser interesante e positivo.
 
NECESIDADE DE COLABORACIÓN
 
   Para seguir facendo realidade esta sección, é necesario seguir contando coa colaboración de todos os que, directa ou indirectamente, están ou estiveron relacionados co barrio da Guía, co barrio de Ribadavila, coas súas xentes, por iso, desde xa, pedimos esa colaboración, solicitando fotografías (que se son orixinais devolveremos despois do seu escaneado), enviando colaboracións, contando anécdotas, historias, etc, dos seus veciños.
 
   Finalmente, sinalar que pretendemos, a partir do próximo ano, sacar anualmente unha publicación impresa que levará tamén o mesmo título que utilizamos para a exposición e para esta sección. Dita publicación verá a luz nos primeiros días de setembro, coincidindo coas Festas da Guía e coa segunda exposición fotográfica de Xentes de Ribadavila.
 
O BARRIO DE RIBADAVILA
 
   Este barrio, alomenos para o traballo que estamos a facer, queda limitado polas seguintes rúas: Rúa Puerto Rico, dende o entronque coa rúa República Dominicana (Esquina do antigo Colexio das HH Carmelitas) ata os Casás (Avda. Donantes de Sangre); rúa dos Irmáns Noia (baixada á Fedorento), ata o entronque coa rúa Rosal; Rúa Rosal, continuando pola rúa Calvario, Plazoleta de Ignacio Sobrino; Praza do Reló, subindo pola rúa Bernardo Alonso, para coller por detrás da Igrexa (Rúa de Agustín Nandín), e finalizar na rúa José Mª Andreini no seu entronque coa rúa Puerto Rico, na esquina do establecimento "O Galo". No interior deste espazo, atopamos tres prazas: A Guía, San Bernardo e Santo Tomás ademais da Laxe Grande; entre outras, as seguintes rúas: Calvario, Vicenta R. Cachada, Méndez Núñez; San Bernardo, Rodríguez Sinde ademais do Muño da Guía (Muño de Arriba)* e o Muño de Solanas (Muño de Abaixo)*.
 
   Moi relacionado co barrio de Ribadavila, atópabanse os de Fedorento e Mazaracos, o primeiro deles formado prácticamente polas denominadas "Casas Baratas", mentres que ao segundo se accedía por estreitos camiños e calellas, como a de "Maravillas", tendo a mellor comunicación pola denominada "Calle do Medio", isto é, Hernán Cortés.
 
*Utilizamos o vocablo Muño en vez do de muíño, por ser a forma local co que se denominaban nesta zona os antigos muíños de vento.
 
CAPÍTULO II
O Tío Isidoro e a Tía Erundina
  Un nove de novembro do ano 1862, nacía en Salcidos o tío Silverio Sobrino e, catro anos máis tarde, o 31 de outubro de 1866, vería a luz a que sería súa muller, a tía Concepción Rodríguez Portela. Deste matrimonio nacerían sete fillos: Juanito (que morreu moi novo),Olimpio, Serafina, María, Erundina, Palmira e Emilia. Olimpio emigrou a Puerto Rico desempeñando un papel moi destacado xa que foi un dos pioneiros do nacemento do fútbol naquel país, onde era coñecido como Chearoni Sobrino. A tía Erundina nacería case que co remate do século XIX, un 14 de setembro de 1899, na Praza da Guía, na casiña que tiñan os seus pais, á dereita da capela. Nela, xunto ós seus outros irmáns, pasaría a su nenez ata que casou co tío Isidoro Álvarez Cividanes, quen veo o mundo co inicio do ano 1885, isto é, o 1 de xaneiro. Ó casaren, abriron unha tenda-tasca na Plazoleta de San Bernardo, tenda de ultramarinos, na que se vendía de todo: comestibles, viño, alpargatas, escobas, insecticidas, productos de droguería..., e os homes ían botar a partida (rento, brisca, tute...) e tomar os famosos medios ou cuncas de viño. Os que sobrepasamos a cincuentena, aínda lembramos a tenda da tía Erundina e do tío Isidoro, á que tamén acudía eu a mercar tabaco para a tenda do Arsenio. Na plazuela, que entón era térrea, xogabamos o fúltbol e, máis dunha vez, as portas do establecemento recibía os balonazos ante a paciencia dos seus donos que, cansos dos mesmos, acababan por saír para, con toda razón, botarnos unha rifada. Os dous foron moi lonxevos, o tío Isidoro morreu con 92 anos, o 10 de abril de 1977, e a tía Erundina deixaría o seu barrio de toda vida o 29 de agosto de 1993, ós 94 anos de idade.
 

Tío Silverio e tía Concepción, pais da tía Erundina fotografos por Jiménez
 O tío Isidoro era mestre de obras, tendo unha pequena empresa con varios traballadores ás súas ordes. Como tantos e tantos homes da súa época, antes de poñerse a traballar por conta propria, foi varios anos a Castela acompañando ó seu pai, Generoso, quen tiña unha empresa dedicada á construcción: Ao finar o pai, continuou, Isidoro, ó fronte da mesma e seguiu indo a Castela, levando con el varios traballadores, entre eles, algúns portugueses. Logo de se casar, deixou de ir a aquela rexión, preferindo quedar na Guarda e traballar nos arredores. Problemas de saúde, padecía silicosis, obrigárono a abandoar a súa profesión desempre. As necesidades de entón, anos difíciles, ademais de ter que manter sete fillos, levárono a ocupar o posto de Conserxe no Casino da Guarda, ocupando daquela un edificio fronte ó Colexio das HH. Carmelitas, actualmente establecemento de venda de antiguedades. Mais, Isidoro, era unha persoa cun xenio as veces endiablado, polo que este destino non debía ser moi apropiado para el, de xeito que, pasado máis ou menos un ano como conserxe e vendo que o desempeño de tal función non lle era o máis axeitado, abandonou ese cargo, pasando a colaborar na tenda que rexentaba a súa muller Erundina. A súa capacidade de traballo e o seu bo facer debían estar plenamente recoñecidos pola veciñanza porque, a pesares da súa enfermidade, de estar retirado da construcción e logo daquel ano de Conserxe, foi chamado en máis dunha ocasión para dirixir diferentes obras, as tres últimas serían: un arranxo importante na que fora casa de Julián López Ríos. Esta casa é a que está xustamente no comezo da rúa República Dominicana, a carón do antigo Colexio das HH. Carmelitas; outra obra que dirixiu foi o arranxo do chalé de Florentino Carrera, en San Miguel de Tabagón, situado logo de pasar a ponte do Tamuxe, unha fermosa casa indiana que se atopa á esquerda da estrada, e, finalmente, outra das obras que dirixiu foi a construcción da casa de Ignacio Español, fronte á Alameda da Guarda.

 Pola súa banda, a tía Erundina estaba ó fronte da   tenda-tasca que tiña na Plazoleta de San Bernardo, chamada antigamente a Plaza dos porcos xa que, cada sábado, estes animais eran vendidos na   mesma. Esta muller tiña que ocuparse de sete fillos, un deles frecuentemente   enfermo; despachar, atender ós homes que ían tomar o medio e botar a partida   e, aínda, xa que preparaba comidas, atender a cociña, todo isto sen contar os   labores proprios do fogar. Diariamente tiña que madrugar e, ás sete da mañá,   xa tiña a tenda aberta porque a esa hora chegaban as panadeiras e, pouco   despois, os primeiros clientes que, antes de ir ao traballo, detíñanse na tenda para tomar os famosos "chatos" de xerez ou a copiña de   augardente branca. Na tenda había tres clases de viño, o de alta (viño bó) o   de baixa (ou de Castela) e o tinto, pero ademais tamén había do Rosal, que   viña en barrís ou “pipas", máis pequenos, pois era un viño máis caro que   os demáis e non se vendía tan axiña.

A tía Concepción   na porta da súa casa, na plazoleta da Guía
         
 Un barril deste viño podía durar tres ou catro meses, mentres que os outros, o de alta ou o de baixa, apenas duraba dúas ou tres semanas, no mellor dos casos.
  
 
  
CAPÍTULO III
Os outros fillos da tía
Concepción e do tío Silverio
Olimpio, emigrou, sendo aínda un rapaz, 13 anos, a Sudamérica, corría o ano 1914. Da residencia paterna, ubicada fronte á entrada da Guía, chegou a Leopoldina, no Estado de Minas Gerais, no Brasil, levado pola súa irmá Serafina, que casara cun comerciante brasileiro tres anos antes, no 1910. Estivo traballando co seu cuñado nun almacén, de contable. Posiblemente na Guarda xa se preparara para saltar o charco, aplicándose nas matemáticas na escola pública. Cando contaba 15 anos, perdeu a visión do seu ollo dereito.

  Pero o seu destino non estaba no Brasil, así que, despois de catro anos, decide probar fortuna na illa onde chegaban outros moitos guardeses: Puerto Rico, sería o 11 de maio de 1918. Alí, xunto con outros foráneos procedentes de España, introduce o fúltbol, fundando o Club España, a maior parte dos xogadores deste equipo eran galegos e se enfrentaban a outros clubes recén constituídos tamén, como o eterno rival, o Real San Juan, formado por asturianos, madrileños... Olimpio Sobrino xogaba de defensa. A súa carreira deportiva quedaría truncada cando nun partido, que comezara arbitrando e rematou como xogador, cmalia súa lesión, lle romperon a tibia e o peroné por tres partes. Tiña 24 anos.

  As súas inquedanzas deportivas non se deteñen e no ano 1939 funda a Asociación de Fútbol Aficionado de Puerto Rico ocupando o posto de tesoureiro. No ano 1937 casa cunha puertorriqueña, Carmen Sara Negroni coa que ten dous fillos, Olimpio e Carmen Milagros. Olimpio –fillo– trasládase no ano 1971 ós Estados Unidos, a Nueva Jersey, casado cunha puertorriqueña, Myrna, ten dous fillos Eduardo e Maureen. Carmen Milagros, que continúa a residir na illa, ten cinco fillos: Gretchen, Osvaldo, Manuel, Alberto e Enrique1.

 De Olimpio coñecemos dúas anécdotas, a primeira corresponde ó momento no que regresou ó seu pobo natal, A Guarda, despois de varios anos no outro lado do charco. Os seus pais, Silverio e Concepción, xa con certa idade, recibiron a visita do seu querido fillo sentados nun daqueles grandes arcóns, e, coma se de dous muciños se tratase, non paraban de chorar da emoción que lles embargaba ó ver convertido nun home aquel fillo que marchara con 13 anos ó Brasil. Outra das anécdotas deste home é a seguinte: nunha das súas viaxes á terriña, xa bastante maior, Olimpio, que paraba no Hostal Bruselas, ía vistar a súa irmá Erundina, onde esta lle obsequiaba cun café. Nunha destas visitas, Erundina púxolle unha copiña de licor. Olimpio colleu con suavidade a copiña, mirouna, acercouna ós beizos e deu un pequeno sorbo, saboreou o líquido, colleu a botella e observouna un bo rato, sen dicir nada, lendo ó mesmo tempo a etiqueta. O día seguinte, nunha nova visita, subindo as escaleiras, que tiñan pouco máis dunha ducia de escalóns, iniciou a conta dos mesmos, peldaño a peldaño, e cando estaba chegando arriba espetou cunha voz imperiosa, nítida e ben clara 40, 41, 42 e ¡43!. Todos os que estaban presentes na casa sabían a que se refería: era o nome do licor que probara o día anterior "Licor 43". Como dice o seu sobriño Juan, Olimpio saltaba así, con esa chispa que lle caracterizaba, con esa retranca de galego.

  Finou Olimpio xa centenario, o ano 2001, un 8 de setembro ¡casualidades da vida, ou da morte! xustamente o día que se celebra a festividade da patrona do seu barrio de Ribadavila: o Día de Virxe da Guía. Contaba 100 anos.

 Emilia, solteira, era a máis nova de tódolos irmáns. Sempre viviu na plazoleta da Guía, na casiña dos seus pais, mentres a idade e a saúde llo permitiron. Dedicouse ós labores do campo, tamén cosía, encargos que lle facían veciños e coñecidos; facía palmitos, para o día de Ramos, frores de papel, e vendía verduras na plaza de Abastos. Na plazoleta da Guía, terrea como tantas e tantas da Guarda, xogaban ó fúltbol os rapaces do barrio e, cando se xoga ó fútbol, xorden os conflictos entre a rapazada e os adultos que teñen as súas casas a carón do "campo de fútbol", así que, ás veces, algunha pelota escapaba e ía bater contra os cristais das fiestras próximas. As ventás da casa de Emilia non eran excepción e esta mullerciña saía con noxo e deixaba ben claro a súa protesta, así que, entre os rapaces, como non podía ser doutro xeito, tiña sona de ser mala pois, naquela, tempos de carestía, romper un cristal era algo serio. Logo, pasaría  a vivir coa súa sobriña,

  Emilia, tamén, filla da tía Erundina e do tío Isidoro. Permanecería con esta sobriña, na Plazoleta de San Bernardo, ata que finou, un 13 de maio de 1996.
CAPÍTULO IV
Os fillos da tía Erundina e do tío Isidoro
Os sete fillos da tía Erundina e do tío Isidoro, de esquerda á dereita: Isidoro, Juan, Silverio, Serafín,
Concepción, Gumersindo e Emilia, nunha das xuntanzas que teñen anualmente no mes de agosto
  
Do matrimonio formado por Isidoro e Erundina, naceron sete fillos: Serafín (22-11-1921), que casou con Catalina, reside na Coruña, cidade onde desempeñou a súa profesión como oficinista de Moreira e Cía, ten cinco fillos. Concepción (22-12-1923), vive en Vigo, viúva, casara cun militar –Benjamín– e dese matrimonio naceron cinco fillos. Gumersindo, coñecido por Sindo (15-11-1926), con residencia na Guarda onde rexentou unha tenda-tasca-estanco, enviudou en dúas ocasións, primeiro de Hortensia e despois de Teresa, do primeiro matrimonio tivo catro fillos que, agás un deles –José Manuel que reside na República Dominicana– os demais viven na Guarda, no barrio de Ribadavila. Isidoro (23-08-28) con residencia en Ourense, onde traballou como oficinista de Moreira e Cia. Casado con Mª Victoria, deste matrimonio naceron tres fillas. Emilia (27-09-1929), solteira, persoa de grande corazón, adica parte do seu tempo libre a actividades relacionadas coa Igrexa, o catecismo, e visitas ós enfermos. Juan (17-02-1931), casado con Antonia, empresario guardés, copropietario da centenaria Confitería Estévez, do seu matrimonio naceron catro fillos, e Silverio (10-11-1935), casado con Milagros, copropietario, xunto co seu irmán Juan, da Confitería Estévez, do seu matrimonio naceron catro fillos.
.
Aínda que, como se sinala máis arriba, parte dos irmáns non viven na Guarda, tódolos anos, polo verán, manteñen unha xuntanza reuníndose os sete nun fraternal -e nunca mellor dito- xantar.
 
 
CAPÍTULO V
Juan e Silverio, os da Confitería Estévez
      Como deixamos constancia no capítulo precedente, dos sete fillos da tía Erundina e do tío Isidoro, catro viven permanentemente na Guarda, son Sindo, Emilia, Juan e Silverio. Imos dedicar este capítulo ós dous máis xoves: Juan e Silverio, unidos polo negocio que durante moitos anos rexentaron, a afamada Confitería Estévez, onde se creou a exquisita Rosca de Xema da Guarda.
      Ós sete anos, Juan empeza na escola co mestre D. Braulio, tendo que abandoar esta, dous anos despois, obrigado por unha longa enfermidade, continua e dolorosa, que lle afectaba ás extremidades e que o mantería en precarias condicións ata os 18 anos, en que empezou a mellorar, gracias á intervención do médico D. Pepe Sobrino e, sobre todo, ó uso da penicilina que, por aquel entón, iniciaba a súa andaina por estes lares. Foi un rapaz de débil saúde. A enfermidade, que calificaron como osteomielitis, aínda que Juan considera que non era tal xa que esta afecta aos ósos e, en cambio, o seu problema non era de ósos senón da masa muscular, fixo que moitos días os pasara postrado na cama, con grandes dores e nunha situación tal que a piques estiveron de amputarlle unha perna por prescrición médica. Así que, esa enfermidade lle impediu ir á  escola, xogar na rúa, incluso traballar. A debilidade apoderouse del, de tal xeito que non lle permitía realizar esforzo algún, tendo que permanecer longas tempadas na cama. Os seus irmáns foron os mestres que lle ensinaron as catro regras. Pero, como di o refrán, non hai ben que por mal non veña, eses anos que pasou en "inferioridade de condicións" reportáronlle, co paso do tempo, interesantes habilidades e aficións. En primeiro lugar, Juan tivo un mestre especial, adicado exclusivamente a el: D. Cándido, sacerdote, capellán do Colexio das HH. Carmelitas e, despois, párroco da Guarda. Vivía o crego a poucos metros da tenda, na mesma rúa, nunha casa alugada a Ermelindo Portela, pai do médico de grato recordo.

Juan e Silverio na escola
Don Cándido ensinoulle a escribir a máquina, a redactar, motivouno a que escribise canto escoitaba na tenda da súa nai, decíndolle que ía escribir unha novela "que nin a de Troya". Deste xeito, Juan foi adquirindo habilidades e converteuse nun especialista en debuxos, realizando artísticas copas de cartón que logo disputaba a rapazada do barrio, cando ía xogar ó fútbol á Plaza dos Porcos, como se lle chamaba, popularmente, á Praza de San Bernardo. Juan, debido a súa débil saúde, tiña que se conformar en participar deste xeito. Don Cándido chegou suxerir ao pai de Juan de meter a este no Seminario, xa que vía nel un rapaz intelixente e de proveito. Pero, lembra o propio Juan, o seu pai respondeu "...pero a onde vai ir esta calamidade" facendo alusión á enfermidade que durante tantos anos acompañou á infancia e adolescencia do fillo.
  

Mentres isto sucedía, Silverio, o irmán máis xove -na casa era "Verito"– con dez anos acompañaba ao seu pai, Isidoro, ao Casino, onde era conserxe e Silverio era o coime, ou sexa o "botones", o que se encargaba dos recados. Naquela era obrigatorio que as sociedades deste tipo tivesen conserxe e coime. No curso 1941-42, empezou na escola de D. Braulio, pasando directamente ao terceiro curso. Lembra Silverio que el estaba na mesma mesa de D. Braulio e que non tivo que pasar polos mestres que daban primeiro e segundo curso. Aos 13 anos, xa D. Braulio marchara destinado a Pontevedra, ía ás clases que impartía Dona Aurora González Neira, que a sazón substituíra a aquel. Lembra Silverio que as clases eran moi numerosas, cincuenta-sesenta rapaces e rapazas, unha clase mixta xa entón. Como el non podía acudir ás clases na xornada de horario nornal, pois tiña que estar no Casino, víase obrigado a ter que asistir ás clases despois da xornada laboral, ou sexa, entre as cinco e as sete da tarde. Unha vez a súa instrucción básica deu por finalizada "non había moito que estudiar: a Aritmética Razonada, a Historia de España e pouco máis, cando se acababa o libro non había máis que enseñar" preparouse en Contabilidade con Marcelino, alcumado Déjate querer, sobriño de Dona Aurora, que rexentaba unha ferretería fronte ao Hostal Marti Rey. A estas clases, un par de horas ao día e unha duración duns seis meses, asistían unhas seis persoas, "aprendíamos o básico: Debe, Haber; Entradas-Salidas... Cando Marcelino non podía impartir as clases entón era o seu irmán Darío quen o substituía. Non eran mestres, pero dominaban esta materia. Cando se requerían maiores coñecementos de Contabilidade, os interesados acudían a D. Benedicto, no Coruto.
 

A centenaria Confetería Estévez, na rúa Vicente Sobrino
Silverio, aínda sendo un rapaz, xa tiña unha grande resposabilidade, disto deuse conta enseguida Eduardo Pantaleón Saúl, que era, xunto coa súa dona, propietario da Confitería Estévez. Eduardo animou a Silverio a estudar Contabilidade "de verdade" e foi cando empezou con Don Benedicto.
Cando contaba quince anos, e xa o tío Isidoro deixara a Conserxería do Casino, foi chamado por Eduardo para traballar na Confitería, pasando, ós 18 anos, a ser socio da mesma e, pouco despois da morte de Eduardo, Silverio, con 23 anos, convérsese en copropietario do negocio, xunto con Teresa.
Aos 18 anos, Juan, que ata entón traballaba coa súa nai na tenda, atopándose moito mellor da súa doenza, foi chamado polo seu irmán Silverio, pasando tamén a traballar na Confitería. Juan casaría con Antonia, sobriña de Teresa*, filla dos fundadores da confitería e que vive, dende os anos oitenta do século pasado, co matrimonio. Antonia recibiu da súa tía a parte que lle correspondía a esta do negocio, pasando Juan, deste xeito, no ano 1971, a ser copropietario, xunto ó seu irmán Silverio, da Confitería Estévez. Xubilados os dous irmáns, dende o ano 2000 este emblemático establecemento guardés pasou a mans dun dos fillos de Silverio, Juan José Álvarez Franco.
Os que temos medio século no lombo, lembramos con agarimo aqueles anos nos que, aínda nenos, os domingos nos achegabamos ata a Confitería Estévez para mercar as famosas milhojas acompañadas dunha cuchariña plana de madeira. Era, por aquel entón, estamos a falar dos anos sesenta, o doce máis asequible á nosa modesta economía, disfrutabamos con ledicia, nuns tempos nos que, ó contrario de hoxe, os doces non estaban ó alcance dos cativos, non había a cantidade de productos que na actualidade ten acceso calquera rapaz e, por suposto, tampouco tiñamos moita facilidade monetaria. As milhojas seguen vendéndose nesta confitería, aínda que o encanto que tiñan naquela época non é o mesmo que o que parece existir agora, entre outras cousas porque hoxe a rapazada ten moito onde elexir, merca en abundancia produtos industriais e... a cuchariña xa non é de madeira.
Unha das grandes afeccións, diriamos que paixóns, de Juan é a Filatelia. Forma parte da Sociedade Filatélica Guardesa, da que é o seu Presidente, e ten participado en multitude de exposicións colectivas e individuais, e merecido o recoñecemento dos fililatelistas con premios premios e distincións diversas. Parte da colección filatélica que posúe está adornada con debuxos que o propio Juan facía nos seus ratos de ocio.
Agustín FERREIRA
 

  
O tío Casimiro (panadeiro) e a tía Amparo
por Agustín Ferreira
 

Casimiro José Pereira Rodrigues, naceu na freguesía portuguesa de San  Xulián de Freixo, Ponte de Lima, o 23 de novembro de 1897. Era fillo de Francisco José Pereira e de Luiza Rodrigues Magalhães. Morreu na Guarda, lugar da súa residencia dende os anos trinta do século pasado, un 25 de agosto de 1978. Sabemos que no ano 1929, isto é, cando contaba 32 anos, residía en Vila Nova de Cerveira, onde, ao parecer, vivía dende os 14 anos, idade na que axudou a abrir a estrada de Ponteareas a Mondariz, alí se trasladaba, xunto con outros operarios portugueses, para tal cometido. Alomenos, no último trimestre do ano 1925, cando contaba 28 anos, residiu en Braga (Portugal), desempeñando o oficio de “cocheiro” (algo semellante a taxista) onde estaba habilitado para traballar con dous cabalos, tal e como se pode ver nun documento que lle permitía  desempeñar ese oficio, así como pola licencia concedida pola Cámara Municipal daquela capital con validez para o citado ano. Logo regresaría a Vila Nova de Cerveira traballando  de panadeiro, profesión que exerceu ata a súa xubilación, xa na vila guardesa.  
 
     A súa muller, a tía Amparo Portela Fajar, naceu o 4 de marzo de 1894. Era filla de Rafael Portela (xornaleiro) e María del Carmen Fajar, que tiveron ademais outros cinco fillos: Consuelo casada con Alfonso “O Canexa“; Candelaria casada con Emilio, “Cabeza de Ferro”;  Avelino “de Barrias“, solteiro; Rafael, casado con Mª Rosa Braga, e Julio, solteiro, que foi carteiro. Amparo morrería o 2 de xullo de 1961, aos 65 anos de idade, logo de permanecer moitos anos inválida.
 
     Casimiro e Amparo casaron o 8 de xuño de 1929 na Igrexa parroquial da Guarda, oficiando o Presbítero D. Manuel Álvarez Rodríguez. Contaba Casimiro 31 anos e estaba empadroado en Vila Nova de Cerveira. A súa muller, Amparo, tiña a idade de 36 anos. No primeiro ano de casados residiron naquela vila, pasando pouco despois á Guarda onde fixaron a súa residencia definitiva. Do matrimonio naceron dous fillos: Rosa, (que aparece inscrita como Rosa Portela Pereira, obsérvese que o primeiro apelido é o da nai) probablemente nacida en Vila Nova de Cerveira (tiña nacionalidade portuguesa), morrería na rúa Calvario, por causa dunha bronco-pneumonía cando contaba dous anos (16 xaneiro 1932), e Antonio, máis coñecido como Toniño.
 
  Un ano despois de casar, como dixemos anterioremente, Casimiro e Amparo trasládanse á Guarda, establecendo o seu domicilio nunha casiña da rúa Largo, no barrio de Ribadavila, pouco despois pasarían a vivir  na rúa Calvario, a carón da panadería. Cando Casimiro chegou a esta localidade, comezou traballando na panadería de Recaredo, no Coruto, alí  estaba outro irmán del, Cándido, que vivía no Castro (pai de Manolo o Caballero). Hacia o ano 1931 establécese pola súa conta, montando a panadería na rúa Calvario, pois nun documento  do Sindicato General de Trabajadores de La Guardia y sus contornos, aparece como data de inscrición no mesmo a do 1 de xuño de 1931, polo que se desprende que nese ano xa levaba o seu propio negocio. Por estar afiliado a este sindicato pagaba unha mensualidade de 50 céntimos.
 

Fotografía do día da voda
 
     A panadería e a vivenda familiar eran de aluguer. A primeira, pertencente á familia “dos Brocas”, en tanto que a segunda pertencía o tío Martinillo. Da panadería e da antiga vivenda, hoxe non queda nada. No sitio da primeira se levantou unha vivenda unifamiliar propiedade de José “O Teso” e da súa muller, xa falecidos, e da segunda se construíu un edificio constituido por baixo e dous pisos.
 
     Como en moitas casas do barrio, na do tío Casimiro e tía Amparo, tamén se criaban animais para consumo propio. Entre estes estaban os porcos. Cando chegaba o día da matanza, era obrigatorio solicitar o correspondente permiso no Concello guardés e pagar os arbitrios correspondentes, así, no mes de abril do ano 1937, tiveron que pagar 2 pesetas polo arbitrio de inspección e 5 pesetas polo “degüello de un cerdo“, total 7 pesetas, máis un 10 % de recargo. Eran malos tempos para o matrimonio e, en moitas ocasións, como sucedeu neste caso, non poideron facer fronte ao mencionado pago polo que a Agencia Ejecutiva de Arbitrios do Concello de A Guarda procedeu a ingresar a Consuelo (nome que figuraba como titular) na relación de morosos, dándolle un prazo de 48 horas para liquidar a deuda ou, no caso contrario, procederían ó embargo dos bens. Asinaba o escrito o Agente ejecutivo, Gerardo Trigo.
 
     A panadería ocupaba un baixo que, rememorando as miñas lembranzas, antoxáseme hoxe en día “penumbroso”, cunha fiestra enfronte da cal había unha mesa escura e, ao seu carón, sentada nunha cadeira, a tía Amparo, impedida para camiñar, que era a encargada de cobrar aos clientes. Á esquerda da fiestra estaba a porta de entrada. O forno, que era de leña, situábase fronte a esta porta, no fondo do local. A panadería desprendía un agradable recendo a pan quente.
 
     As pás para o forno eran fabricadas polos carpinteiros da zona, especialmente polo popular Remigio Vicente Conde (co que traballaba tamén o seu fillo Jesús), que se adicaba a Carpintería y Mueblería ou Carpinteria y Ebanistería, que así figuraba nos membretes das facturas. Conservamos algunha destas facturas. Así nunha delas, do ano 1945, o tío Casimiro tivo que lle pagar un total de 26 pesetas polos seguintes servizos:
 
            un mango, pala y mangarla (6 pesetas).
           una pala con su mango 15 pesetas,
           tapizar cochecito (o carriño que utilizaba Toniño), 5 pesetas.
 
     Parte da fariña que recibía a panadería procedía de Vigo. Era traída ata A Guarda pola empresa Transportes Lomba (Servicio de transportes de La Guardia a Vigo y viceversa), sita na rúa Puerto Rico nº 4, como podemos ver nunha factura desta empresa correspondente ao mes de xullo do ano 1939.
 
     Nos anos corenta, os panadeiros non podían utilizar calquera tipo de fariña para fabricar o pan. Estabamos na época do “racionamento”, “na época da fame”. Unha das cousas que tiñan prohibido era fabricar sen permiso o chamado “pan de reservista“. Éste era un pan especial, de máis calidade que o que se vendía normalmente, feito con pan de trigo polo que, comparativamente co de elaboración habitual, de centeo, era moi branquiño. A fabricación e venta deste pan, sen permiso previo, estaba penada e supuña unha multa para quen incumprise a prohibición, chegando incluso ao peche do establecemento. As veces a necesidade empuxaba a arriscarse e máis dun panadeiro, o tío Casimiro non foi unha excepción, foron denunciados por esta práctica.

AYUNTAMIENTO
De
LA GUARDIA
(Pontevedra)
   ——
ALCALDIA
     “El Excmo. Señor Gobernador Civil de la Provincia, en escrito nº 1281, fecha 30 del pasado mes de octubre, me comunica lo siguiente:
     “En uso de las atribuciones que me están conferidas he acordado imponer a Casimiro Pereira, vecino de La Guardia, la multa de VEINTICINCO PESETAS por venta de pan a precio abusivo y elaboración clandestina del mismo, según expediente inhibido de la Fiscalía de Tasas, que deberá hacer efectiva en papel de Pagos al Estado , en término de ocho días a partir de su notificación, pudiendo recurrir en alzada, en igual plazo, ante el Excmo. Señor Ministro de la Gobernación, previo ingreso de la cantidad en la Caja de Depósitos de la Delegación de Hacienda de esta Provincia.-Lo que comunico a V. Para su conocimiento y efectos de notificación en forma reglamentaria al interesado, remitiéndome las diligencias en que así conste.-”
     Lo que traslado a V. Para su conocimiento y notificación, sirviéndose devolverme firmado el adjunto duplicado.
     Dios guarde a V. Mechos años.
     La Guardia 2 de noviembre de 1944.
 
     Asina o escrito o Alcalde Agustín Lomba.
 
     Temos que lembrar que os funcionarios de Tasas eran bastante temidos polos industriais, tendeiros, panadeiros..., porque “as súas visitas de inspección”, por norma, supoñían sempre algún desembolso. De xeito que, cando se barruntaba a presencia destas persoas no pobo, a voz corría de tenda en tenda, de tasca en tasca, de comercio en comercio, e dilixentemente, cada quen trataba de que estes inspectores non atoparan nada que poidese  dar motivo para que os sancionasen, escondendo certos productos que non podían ser vendidos libremente, aparentando unha normalidade absoluta, etc.
 
     Pero “cousas raras” na época da fame producíanse en todas partes e en tódalas familias e clases sociais, como tamén entre os membros da Garda Civil. Así, un destes gardas chamado Manolo, enviou ao tío Casimiro a seguinte nota:
     Sr. Panadero, sírvase V. darle a esta chiquilla la ración del carabinero Víctor que me la cede a mi, le da V. la ración sin que se entere la chiquilla de quien es, que no quiere Víctor que se sepa
El Carabinero
Manolo
Me apunte V. las raciones que le devo (sic)
     Temos recollido unha anécdota, certamente curiosa, dun feito que aconteceo na panadería. En certa ocasión un touro que era conducido ao matadeiro –situado nas proximidades do Muño de Abaixo (Muño de Solanas), onde hoxe se atopan as instalacións do Clube de Remo Robaleira—, por algunha circunstancia, conseguiu liberarse emprendendo a fuxida polos estreitos camiños que na zona de Solanas había. No seu percorrido, desbocado, subiu pola Laxe Grande ata chegar á rúa Calvario tomando a fatal decisión de coller á dereita, ata chegar, xustamente á panadería do tío Casimiro. A porta desta debía estar entreaberta  e o touro non tivo mellor idea que entrar no establecemento. Tan asustado estaba que turrou contra todo canto había diante empezando pola porta do forno, onde quedarían permanentemente as marcas dos cornos. No interior da panadería atopabáse a tía Amparo, a súa nai e dúas das Cambonas, Orsina e, ao parecer Fina, que, diante do espectáculo que estaban presenciando, debeulles dar tal pulo o corazón que o susto que apañaron debeu durarlles toda a vida.  Por sorte para elas, a ningunha lles pasou nada.
 
     O tío Casimiro era un apaixoado da caza. Dispuña de Licenza -portuguesa nun principio, española despois-. No ano 1933, cando xa levaba como mínimo dous anos residindo na Guarda, seguía tendo a correspondente licenza portuguesa. Co paso do tempo, tal vez porque a súa afición de cazador diminuíra, ou por verse obrigado a elo,  o certo é que o 13 de xaneiro de 1953, vende a escopeta marca Dumenieux, calibre 16, nº 11414 aos señores Español y Pérez pola cantidade de 621’55 pesetas.
        

    
Un feito que merece a pena    salientar é que o tío Casimiro permaneceu toda a súa vida como súbdito   portugués, non querendo nunca nacionalizarse español, así que cada ano tiña   que pasar polo Consulado de Portugal, na Guarda, para ter os papeis en regra.   Aos 81 anos, pouco antes de morrer –cando xa levaba cincuenta na Guarda-   aínda seguía obrigado a solicitar a renovación de residencia en España, como   podemos ver por un impreso asinado por D. Luis Losada Sánchez, sargento   1º, Comandante del puesto de la Guardia Civil de La Guardia, no que   certifica que vén “observando buena conducta en todos los   órdenes“.  A Cédula Consular que era obrigado   poseela (na Guarda imprimíase na Imprenta Guardesa) era o documento de identidade   que outorgaba o citado Consulado aos cidadáns portugueses. Este   documento,  a modo de libriño  do tamaño dun cuarto de cuartilla,   contiña unha fotografía do interesado, o nome e apelidos do mesmo, nome dos   pais, lugar e data de nacemento, profesión e estado civil. Ademais figuraba anualmente a autorización para residir en España polo plazo dun ano, razón   pola que, anualmente, tiña a obriga de renovar o citado permiso
  
     Sempre foi un fumador empedernido, e aínda me lembro co pitillo na boca e   unha lixeira tos coa que anunciaba a súa presenza cando entraba na tenda do   Arsenio (meu pai). Na época do racionamento, podía permitirse o luxo de fumar   algo máis da conta, grazas a un sobriño, Lucho, que como non fumaba,   pasáballe ao seu tío unha especie de impreso, onde quedaba constancia da   entrega de tabaco a cada  “fumador“.
  

Esta é a cédula consular de Casimiro expedida polo Consulado portugués na Guarda. Lembramos este consulado que se atopaba na esquina da rúa Vicente Sobrino coa que hoxe é Avenida de Galicia
 
     No ano 1944, créase o DNI pero este documento non empezaría a ser obrigatorio ata o ano 1951, ata entón, era obrigado ter a chamada cédula persoal, un documento  identificatorio que, de non levalo enriba, podía ser obxecto dunha multa. Este documento contiña o nome e apelido do interesado, idade, enderezo, estado civil e profesión. Como carecía de fotografía –nos últimos anos da súa existencia parece que empezou a poñerse esta– acontecía que, en caso de necesidade, se prodigase certa picaresca ata o punto de que o titular cedíao a un amigo ou a un parente. A cédula persoal había que renovala anualmente, así que, aínda que o tío Casimiro non estaba nacionalizado, tiña tamén obrigación de te-la súa, ao igual que a muller deste, a tía Amparo, natural da Guarda. Con este documento,  permitíase circular libremente polo territorio e, aínda, cruzar a fronteira, como podemos ver no reverso da cédula da tía Amparo correspondente ao ano 1935, na que aparece un “Visto bom para seguir para Portugal”, asinado polo responsable do Consulado de Portugal en Vigo o 15 de abril de 1935. Tamén aparecen estampados varios cuños da Policía Internacional Portuguesa, en Vila Nova de Cerveira. No que respecta á cédula do tío Casimiro, do ano 1939, polo reverso observamos a autorización “para circular por el territorio de la provincia” , asinada polo Alcalde da Guarda, Agustín Lomba, o 15 de xaneiro de 1940. Esta cédula estaba timbrada cun selo por valor de 1 peseta, na que figura o escudo de España á esquerda e a súa dereita o parágrafo “subsidio de combatiente”, mentres que na diagonal a palabra salvoconducto; en cada lateral  aparece tres veces a palabra Franco;  na parte superior “¡Arriba España!” e na inferior Pontevedra. Está tamén estampada a impresión dun dos seus dedos.
 

Recibo do Gremio Local de Panificación, que se cobraba mensualmente e cuxo importe, no ano 1950 era, como podemos ver, de 6 pesetas ao mes, unha cantidade realmente excesiva para uns tempos moi difíciles. Como se pode apreciar, o recibo leva o símbolo da Falanxe

Unha das empresas guardesas máis activas e con grande negocio era a de Florindo Rodríguez (Florindo da Eléctrica), con fábrica de mobles, serrería mecánica, muíños para moer o gran, almacén de mobles e material eléctrico. Nesta factura, emitida en outubro de 1940, Casimiro tivo que pagar sete pesetas con sesenta céntimos por catro metros de tubo flexible

    No ano 1941 ingresa, non había outro remedio, na  C.N.S. (Central Nacional Sindical, que era o único sindicato existente na época da ditadura de Franco) na sección do Gremio Local de Panificación da Guarda. Dende o ano 1938 ata 1971, este sindicato estivo dominado por cargos da Falanxe. O Secretario Sindical Local era Rafael Salcidos, que viviu na rúa Calvario e que ocupou a Alcaldía por espazo dun ano. Polos recibos que aínda se conservan, sabemos que tiña que pagar mensualmente unha certa cantidade –seis pesetas por mes, que non era pouco naquel tempo- como aportación á C.N.S. Como panadeiro, tiña que pagar tamén a Contribución Industrial, que, como podemos observar por un recibo do ano 1957, cobrábase trimestralmente. A “Contribución” de Casimiro, polo exercicio correspondente ao primeiro trimestre do mencionado ano foi de 43 pesetas con 16 céntimos, sobre un total anual de 172,64 pesetas.
 
Na década dos setenta, o tío Casimiro e o seu fillo Antonio, trasladaríanse da vella casa alugada a outra da súa propiedade construída  grazas á colaboración de varios amigos. Casiña modesta pero acolledora e na que segue a vivir Toniño (1).

Isidro Parada era un dos máis populares empresarios autónomos locais. Tiña taller mecánico para reparar reloxos e gramófonos. Aquí vemos un recibo entregado por Isidro ao tío Casimiro como proba de que deixara un reloxo espertador a arranxar.  Obsérvese a nota do final, onde demostraba Isidro que garantía por dous anos, e con hora exacta, as reparacións dos reloxos, e isto xa nos anos corenta
  
Cabanón propiedade do tío Casimiro. O seu interior servía como ximnasio a varios deportistas, afeccionados locais ao boxeo, entre eles Esteban Doiro, Manolo o de Marti Rey, Félix o de Natividad e outros.

    Varios amigos de Toniño, o fillo do tío Casimiro e da tía Amparo, a través dunha colecta, transformarían ese vello cabanón nunha vivenda, na que residiron o tío Casimiro e o seu fillo e onde segue a residir este último (1). Ao lado, á dereita, estaba a casa da tía Adelaida (Delaida, tía Delaidiña) e o seu irmán, o tío Antonio, adquirida por Dirse, filla de Lola e Andrés, e o seu home, xa finado, Antonio, modificando substancialmente a mesma para transformala nunha nova vivenda. Á esquerda da Casa de Toniño había unha leira, hoxe casa de Anselmo Ferreira (fillo de Arsenio, "o municipal" e Fina "Taboleta") e da súa muller Socorro.
 

A empedrada rúa do Calvario nunha foto familiar do autor deste traballo a finais dos anos cincuenta do século pasado

    A empedrada rúa do Calvario, unha das máis vellas da Guarda, recibiu un agresivo impacto por parte do que fora alcalde guardés, Manuel Díaz “Ligero” na súa etapa ao fronte da Alcaldía, cubrindo de asfalto o enlousado de pedra, a pesares das firmas recollidas por un dos veciños, Antón Ferreira, para manter dito empedrado.



1) Este artigo foi publicado en 2013, daquela aínda vivía Toniño, hoxe finado
Agustín Ferreira Lorenzo







Juan "O Piñeiro"
por Agustín Ferreira Lorenzo
 
ESTA SECCIÓN VAI DEDICADA
A TODAS AQUELAS PERSOAS
QUE RESIDEN OU RESIDIRON
NO BARRIO DE RIBADAVILA
 

 
Ten 78 anos, casou con María, filla de Alfonso “O Canexa” e de Consuelo. Deixou o barrio hai algúns anos para trasladarse a vivir co seu fillo, no Castro. Personaxe moi popular na Guía, foi sancristán e, xa na xubilación, podiamos velo no cabanón ao lado da súa última vivenda, arranxar os paraugas que lle levaban os veciños. De cando en vez, renqueante, asoma pola rúa Calvario, a arteria principal do barrio, e non deixa de mirar á que fora a súa “casiña”, con nostalxia, con pena, deténdose a saudar aos seus antigos veciños cando os atopa na rúa.
 
Cada vez que vén ao barrio, que lle leva hora e media en chegar segundo me conta, non deixa de facerme unha visita e charlamos un rato. Logo pasa a visitar ao seu primo, Toniño.
 

 
Cando contaba 21 anos, (1954), foi a “mili”, como todo fillo de veciño por aquel entón, onde estivo no Campamento de Regulares nº 2, en Villa Nador (Melilla). Alí pasou 16 meses, cobrando 1,50 pesetas por día. Disme que nos regulares era onde mellor pagaban. Desa época data a fotografía que acompaña este artigo, case que un cadro, onde aparece Juan pousando co traxe de gala.

Juan na rúa Calvario, o mércores 15 de xuño deste ano 2011
Fotografía da década dos setenta, xunto ao seu primo Toniño e a súa muller María.
Agustín FERREIRA
Publicado en 2011




As bicicletas  na  Guarda
por Agustín Ferreira Lorenzo

O rexistro municipal de bicicletas debeu deixar de ser efectivo hacia 1979, pois é neste ano cando aparece o último dato, que corresponde ó ano anterior, das bicicletas existentes no concello da Guarda. Cremos, no obstante, que xa nos últimos anos, antes do 79, moitas persoas non daban conta da tenencia das mesmas, polo que o número de bicicletas existentes naquelas datas sería sensiblemente maior.
 
Revisando o arquivo municipal, atopamos a seguinte relación que aparece co epígrafe de "resumo do parque de bicicletas":
 
Nº DE BICICLETAS DATA
 
319———–——————–——–31-12-75
337———————–———–—–31-12-74
356———————–———–—–31-12-73
363———————–———–—–31-12-72
405———————–———–—–31-12-71
435———————–———–—–31-12-70
452————————–——–—–31-12-69
481————————–——–—–31-12-68
524————————–——–—–31-12-67
561———————–———–—–31-12-66
Doutra banda, atopamos estoutra relación en diferentes follas :
Nº DE BICICLETAS DATA
Sen pago de matrícula............350———————1 de xullo de 1978

Sen pago de matrícula............350———————1 de xullo de 1977

Con pago de matrícula............287———————1 de xullo de 1976
Sen pago de matrícula............150

Con pago de matrícula............368———————1 de xullo de 1975
Sen pago de matrícula............150

Con pago de matrícula............385———————1 de xullo de 1974
Sen pago de matrícula............150

Con pago de matrícula............401———————1 de xullo de 1973
Sen pago de matrícula............150

Con pago de matrícula............441——————––1 de xullo de 1972
Sen pago de matrícula............200

Con pago de matrícula............471——————— 1 de xullo de 1971
Sen pago de matrícula............200

Finalmente, no Arquivo Municipal encontramos varios escritos, correspondentes ós anos   1971, 72 e 73, que fan referencia ás placas das bicicletas que non foron   utilizadas e que pasaban a empaquetarse e conservarse en tanto non se procedese a súa destrucción. Para tal efecto, tiña lugar nas oficinas da   Depositaría Municipal unha reunión na que asistían tres persoas: o Alcalde-Presidente do Concello (nestes anos foron José Luis García Pérez e, posteriormente nos dous seguintes, Raimundo Lomba González), o Interventor de Fondos, Rafael Torres Diz (o ano 71 fora Ramón Vicente González, Auxiliar Administrativo, en substitución do Interventor) e o Depositario de Fondos, Guillermo García Iglesias. Así sabemos que nestes anos se produciron as seguintes placas sobrantes e o importe que representaba cada unha:
       
501 placas a 7 ptas cada unha (nºs 500 a 1.000).....................3.507 ptas.
159 placas a 12 ptas cada unha (nºs 442 a 600)......................1.908 ptas.
159 placas a 15 ptas cada unha (nºs 402 a 600)......................2.985 ptas.
 
Observando os tres listados, vemos a non coincidencia dos datos correspondentes ós anos nos que aparecen os dous rexistros primeiramente citados: entre 1971 e 1975. Si hai coincidencia na diminución progresiva do número delas. Dos datos anteriores tamén podemos sacar a conclusión que se deixou de matricular as bicicletas a partir do ano 1976 e de rexistralas, como dixemos anteriormente, a partir do ano 1979. Un repaso histórico a estas datas, lévano a recordar que os cambios producidos son parellos co cambio político que sufría o país: a finais do 75, produciase a morte de Franco e entrabamos nunha nova etapa, monarquía, democracia, eleccións, onde escomezaban quedar atrás aspectos tan cotiás ata entón como a obrigatoriedade de matrícular as bicicletas, utensilio en moitos casos necesarios para o desplazamento dos traballadores que, paulatinamente, se foron substituíndo por ciclomotores, motocicletas e un aumento progresivo dos automóbiles. A bicicleta, agás contadas ocasións, pasou de ser un vehículo necesario a ter un uso de lecer.
A marca da bicicleta debía ser moi importante hai sesenta anos, pois un escrito enviado pola ZONA DE RECLUTAMENTO Y MOVILIACIÓN Nº 47 (10 nov.1942), asinado polo Coronel Xefe, decía textualmente: "Pongo en su conocimiento que al confeccionar ese Ayuntamiento el Censo de 1942 de las bicicletas de ese término municipal ha omitido el importantísimo dato de marca de fábrica así como el del número de la matrícula de esa clase de vehículo".
Agustín Ferreira Lorenzo
2012
 
 
 
Pola Ruta das Cetáreas
Por Agustín Ferreira
 
 

Fotografía superior obtida no ano 1980. Se observamos con detemento as demais fotografías que acompañan a esta reportaxe, podemos ver que a pesares dos anos transcorridos, máis de 30, a cetaria atópase practicamente igual que o ano citado, e iso que sufre constantemente a forza das ondas que, unhas veces máis e outras menos, baten con intensidade nas paredes de pedra que conforman a súa estrutura
 

A cetaria está ubicada nun pequeno cabo granítico de forma triangular, que se atopa no barrio de Solanas, entre a praia de Fedorento e o porto guardés, no tramo central da costa guardesa.
 

Coñecida como a Cetaria do Portiño, os rapaces do barrio da Guía, na nosa época infantil, alá polos anos sesenta do século pasado, chamabámola “Cetaria Vella”, porque moi próximo a ela había outra cetaria, que era a “Nova” e da que non queda nada dende, aproximadamente, finais da citada década. Neses anos, a cetaria vella xa non estaba operativa.

Ten un perímetro de 41 metros e unha superficie de 104 metros cadrados. Esta cetaria ten forma pentagonal, cunha das caras lixeiramente curvada en tanto que as outras son rectas. As dúas caras contiguas que dan cara ao oeste asemellan forma de arco, mentres que dúas das caras xúntanse formando un ángulo agudo en dirección á terra
 

O seu interior está dividido por unha parede vertical, que, supoñemos, serviría como soporte do teito, xunto coas paredes laterais, presentando unha especie de entrada por onde circulaba a auga interiormente. Así mesmo, tamén interiormente, poden verse varias divisións, que seguramente serían empregadas para clasificar o marisco.

Nos muros exteriores existen varias “ventás” que servían para que a auga circulase. Tamén, no muro exterior que da cara ao oeste, pode verse unha especie de porta.
 

Había máis de 30 anos que non me achegaba a este vello “castelo” da miña nenez. Este entorno formaba parte das nosas andanzas, das andanzas dos rapaces da Guía, de Fedorento e de Mazaracos, polo que, cando visitei este monumento do patrimonio etnográfico guardés o pasado 9 de febreiro, aproveitando as mareas vivas, extraordinariamente baixas, viñéronme a mente aqueles amigos da infancia e dos xogos, sobre todo indios e vaqueiros, que formaban parte da nosa aprendizaxe da vida, cando nin sequera, remotamente, podiamos imaxinar que anos despois, os nenos xa non xogarían a estes xogos, nin outros que practicábamos por entón a cotío (o “juá”, o currillo, os mortiños…).


Pasei uns bos mometos observando a vella estrutura, vendo o seu interior, sacando fotografías.
Neste senso, hai que agradecer e felicitar o interese posto pola Confraría de Pescadores da Guarda na tarefa de, como se di agora, poñer en valor non só esta senón tódalas cetarias da Guarda, creando a Ruta das Cetarias, un patrimonio etnográfico que é preciso conservar e divulgar. Ese día, aproveitamos para percorrer os catro quilómetros, aproximadamente, que ten de lonxitude a mencionada ruta, algo así como dúas horas de andaina, se temos en conta as paradas que, forzosamente, deberemos facer se queremos ter unha visión completa de cada unha delas. Iso sí, para visitalas deberemos escoller cando son mareas baixas e, moito mellor, se estas son mareas vivas.
 

A solicitude de construción desta cetaria, a Cetaria do Portiño, data do ano 1897, polo que debeu estar en funcionamento a partir dos primeiros anos do século XX, permanecendo activa probablemente ata a década dos cincuenta, polo que a súa vida foi, máis ou menos, de medio século.
Dous graves problemas tiñan as cetarias, o primeiro é que soamente podía accederse a elas durante a marea baixa e, o segundo, que cando había mal tempo e o mar estaba embravecido, era imposible o acceso ás mesmas. Isto supoñía un grave contratempo porque significaba ter que deixar de vender. A partir de finais dos sesenta, comezaron a facerse os viveiros de marisco no interior das vivendas, aproveitando os baixos, o que supuxo un cambio radical para os que tiñan este medio de vida. Tamén supuxo o abandono paulatino destas vellas estruturas cuxos restos perduran aínda hoxe.

Nas visitas ás cetarias, non debemos deixar pasar por alto outras observacións que podemos facer neste entorno natural. Así, descubriremos interesantes formas de vida que hai enriba das rochas. Algunhas delas de sobra coñecidas, outras probablemente nos deixen un tanto abraiados. Por pouco curiosos que sexamos, non han de pasar desapercibidas unha boa morea de animais ou restos mariños que poderemos ver nas pozas, nas fendeduras ou nos pequenos recunchos entre as pedras: ourizos de mar, mexillóns, lapas (=lamparóns), caramuxas, diversas algas. Curiosas estruturas feitas de area, obra de certos vermes mariños, tubícolas, chamados Sabelarias que lles serven de habitáculos para se agochar dos posibles depredadores, da influencia da auga do mar, etc. As pedras aparecen profusamente cubertas dunha especie de pequenas cunchas, son os arneiróns que, por miles, tapizan totalmente a superficie.

Agustín Ferreira Lorenzo
Ano 2011





Estudantes guardeses en Tui na década 60-70
O Fútbol
por Agustín Ferreira Lorenzo
 
 
Algúns dos rapaces guardeses, rosaleiros e tomiñeses que a mediados dos anos sesenta tivemos a sorte de empezar a estudar o Bacharelato, vímonos na obriga de ter que facelo en Tui, pois era o único concello do Baixo Miño no que tiña instituto, Instituto “San Pelayo”, (edificio que foi un antigo hospital antes de ser reconvertido en centro de ensino e, actualmente, Área Panorámica).
 
            Pois ben a “colonia guardesa” era relativamente importante polo seu número, a maior parte da cal hospedábase na Residencia de Estudiantes Virgen de los Dolores”, dos Padres Siervos de María, por iso nos chamaban “os servitas”, residencia que estaba, aínda segue a estar o edificio, na rúa Avenida de Portugal nº 3, isto é, a pouco máis de 100 metros da gasolineira que hai na entrada de Tui vindo pola estrada da Guarda. Nesa residencia pasabamos os nove meses do curso agás o período de vacacións de Nadal, Semana Santa e Verán.
 
           Os sábados pola tarde, a iso das catro, iamos co inesquecible Padre Luis a xogar ao fútbol no campo do Chau Chau, hoxe inexistente, situado detrás da actual Área Panorámica. Noutras ocasións iamos ao da Macoca, na subida ao Monte Aloia, por aquel entón non existía, nin por asomo, a denominación de Parque Natural. O fútbol, e nisto os tempos non cambiaron, era o deporte rei, ao igual que hoxe, e tódolos días, a máis mínima posibilidade, os rapaces aproveitabamos para xogar, ben nalgún dos patios da Residencia ou ben no Instituto, con aquel recordado profesor que foi Miguel Bugarín que, agás algunha excepción, nos permitía xogar ao fútbol durante a hora da materia de ximnasia, onde el tamén se sumaba con entusiasmo. Como o campo de fútbol quedaba xustamente detrás do Instituto, simplemente cruzando a parcela pertencente aos terreos deste centro de ensino, que había entremedio, chegabamos a el, mesmo había unha porta de acceso secundaria que daba directamente á citada parcela –hoxe esta parcela  e o campo de fútbol forman parte do aparcadoiro municipal-. Nin que dicir ten que logo dunha hora de práctica intensiva co balón, regresabamos as clases e, aínda que nós non o notabamos, de seguro que debía haber un cheiro a humanidade que tiraba para tras, pois no ximnasio, aínda que polo xeral auga había, que non sempre, a ninguén lle apetecía ducharse en pleno inverno con auga fría, conxelada, así que “o tufo” debía ser impresionante. Iso si, nunca oín queixarse a ningún profesor nin profesora por este motivo.
  

    Foto1: obtida no mes de febreiro do ano 1969, é da autoría de Antón Ferreira, que era o único que tiña cámara fotográfica na Residencia, amosa un dos equipos formados polos internos deste centro nun deses sábados nos que iamos xogar ao Chau Chau. O 50% do equipo estaba composto por rapaces da Guarda e o outro 50 % eran antigos residentes do famoso “Hogar” Fray Rosendo Salvado, alcumados os “Coreanos”, que, cando empezaban o bacharelato en Tui, pasaban dese centro á citada Residencia. Uns e outros convivimos durante sete anos na mesma.
          Xogadores: Nº 1: Javier Martínez Lomba, da Guarda, solía xogar de porteiro realizando magníficas paradas; nº 2: Francisco Riveiro Gesto; nº 3: Guillermo Casal Ferro; nº 4: Novoa; nº 5: Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda; nº 6: Fajar, da Guarda; nº 7: Julio Morais Matos, da Guarda e nº 8: García Pernas. Pode apreciarse que o pantalón, “a pantaloneta” como se dicía por aquela, era bastante axustada, e as botas de fútbol eran os “tenis” que servían tanto para practicar deporte como logo para utilizalo como calzado de uso diario.


Foto 2: un grupo de “servitas” no campo da Macoca nun dos partidos de fútbol que se organizaban na Residencia os sábados pola tarde entre a rapazada da mesma.
  
Nº 1: Baltasar Piñeiro Pico; nº 2: Ramón Álvarez Soto, que viviu en Tabagón xa que era sobriño do párroco; nº 3: Guillermo Casal Ferro; nº 4: Santiago Luis Piñón Rei; nº 5: Federico García Guerrero, de Valencia; nº 6: Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda; nº 7: Severo Alonso Míguez, de Setados-As Neves; nº 8: Fernando Garrido Rico, de Pontevedra; nº 9: Luis Pintos Frieiro; nº 10: Fernando Álvarez, de Tui; nº 11: Antón Ferreira Lorenzo, da Guarda e nº 12: Manuel Loureiro Tato. Non me lembro do “masaxista”.
 
   O estudiantado masculino en Tui estaba formado por tres centros que acollían a un numeroso grupo de adolescentes provenientes dos máis variados puntos da xeografía galega e mesmo do exterior desta comunidade. Estes centros eran o Seminario Menor de Tui, o Colexio dos Maristas e o Instituto “San Pelayo”, a estes, aínda que con outras características, obxectivos e finalidade, habería que engadir o “Hogar Padre Salvado” e a Residencia de Estudantes dos PP. Siervos de María, ya mencionada.
   Pois ben, no primeiro trimestre do ano 1973, organizaríase un torneo de fútbol entre varios equipos formados por estudantes dos Maristas, do Seminario e da Residencia, non recordo se participaba algún equipo máis. Os finalistas foron o equipo dos Maristas e o equipo da Residencia de Estudiantes. Lembro que o partido que xogamos contra os Maristas foi impresionante..., pola goleada que nos meteron, non sei cantos foron, pero eran bastantes e o xogo deles era “de profesionais”. Daquel torneo son as fotografías seguintes:


Equipo dos Maristas no antigo campo do Chau Chau. O sorriso dalgúns deles parece predicir o que ía vir no terreo de xogo.


Equipo dos “servitas” (Residencia de Estudantes) que se enfrentou aos Maristas, cun reforzo procedente destes últimos (o segundo pola esquerda dos que están agochados). Neste equipo estaban catro guardeses, todos eles internos na citada Residencia. O equipo estaba formado por estudantes de 6º de Bacharelato e de COU (Curso de Orientación Universitaria). Case que o 50 % eramos guardeses. Estes son os xogadores:
Arriba, de esquerda á dereita: Justo ( de Ourense, 6º Curso); Florián  do Rosal estudante de COU; Julio Morais Matos, da Guarda; Guisantes da Guarda, estudante de 6º Curso; Manolo (COU); Javier Martínez Lomba da Guarda, estudante de COU e coma sempre, xogando de porteiro.
Agochados: Rego (6º Curso); reforzo dos Maristas (?); Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda, estudante de COU; Sela II (6º Curso); Calzada (de 6º). Todos cursábamos estudos no Instituto San Pelayo.

Agustín Ferreira Lorenzo
2011
Regreso al contenido