A Guarda - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

A Guarda

COMARCA
Informática para nenas/os: formación de balde na Aula CeMIT da Guarda para este verán
A Guarda, 31 de maio de 2021. A Aula CeMIT da Guarda organiza unha nova formación en informática de balde dirixida a nenas e nenos (de 9 a 14 anos).
Dende un enfoque pedagóxico centrado na persoa, realizarase unha formación adaptada aos intereses e motivacións de cada asistente, contando con grupos reducidos e prazas limitadas.
As inscricións pódense realizar no Centro Cultural (1º andar), chamando ao 986 611850 ou no correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal (con autorización da nai, pai, titor/a legal)
Recordamos que tamén se están a realizar outros cursos dirixidos a persoas adultas que contan con prazas libres: procesador de textos, mecanografía, correo electrónico, iniciación á informática e curso básico de xestión de redes sociais para negocios.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CEMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia.
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
 
O concello da Guarda rexeita  o modelo  eólico da Xunta de Galiza
A Guarda, 31 de maio de 2021. O Concello da Guarda, aprobou por unanimidade a moción presentada polo BNG para rexeitar o modelo eólico da Xunta de Galiza. No texto da moción afírmase que a expansión eólica sen precedentes que se está levando a cabo,  faise   sen control público e sen respecto polo noso patrimonio e  medio natural. Incide  ademais que  en moitos casos lévase adiante  a través dunha fraudulenta fragmentación dos proxectos en proxectos máis pequenos para ocultar o seu verdadeiro impacto.
O Concelleiro nacionalista Xosé Manuel Méndez, encargado de defender a proposta, nun momento da súa intervención afirmou “ este modelo non está feito para beneficiar as comunidades de montes, nin aos Concellos, nin para industrializar este país, nin para baixarnos o recibo da luz aos galegos e galegas, está feito para que unha vez máis poñamos  o nos territorio ao servizo das grandes eléctricas, que ven na enerxía verde un grandísimo negocio para seguir sumando dividendos”.
O acordo plenario recolle que se debe aprobar un novo plan sectorial eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación e comunidades de montes).
Esixe tamén que as novas instalacións se vinculen a proxectos industrias que xeren riqueza e  emprego no país.  Defende asimesmo o incremento da vixilancia medioambiental para evitar as afectacións negativas ao patrimonio natural e a biodiversidade.
Destaca ademais a necesidade de impulsar as medidas que garantan a socialización dos beneficios apostando pola constitución dunha empresa pública galega de enerxía que fomente a participación da Xunta e dos  concellos galegos así como dos propietarios das terras e comunidades de montes para que a riqueza que produce reverta  no noso país.
 
Entra en vigor o rexistro galego de informes de avaliación dos edificios
A Guarda, 31 de maio de 2021. O pasado 20 de abril publicouse no DOG o decreto 61/2021, de 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o rexistro galego de informes de avaliación dos edificios, que entrou en vigor o 20 de maio. O informe de avaliación é un documento que acredita o estado de conservación do edificio, avalía a súa accesibilidade universal e informa sobre a súa eficiencia enerxética.
De acordo con este decreto as comunidades de propietarios ou as persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de 50 anos, teñen un ano para presentar o informe de avaliación no concello. Ademais, como órgano competente, deberá realizar a inscrición dos informes presentados, no rexistro de informes de avaliación dos edificios.
O IGVS elaborou unha ferramenta informática para a inscrición dos informes e para a súa xestión, REGIAE, que dispón dun módulo de exportación de datos para a xeración de informes e listados.
A aplicación estará dispoñible en https://regiae.xunta.gal
 
O Concello da Guarda realiza melloras de accesibilidade no Conservatorio de Música
A Guarda, 31 de maio de 2021. O Concello da Guarda ven de rematar as melloras na accesibilidade no edificio do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, consistentes na adaptación á normativa vixente do ascensor deste espazo e que dende hoxe mesmo poderán empregar os usuarios con problemas de mobilidade.
Deste xeito realizouse unha importante revisión no elevador existente para adaptalo ás novas normativas de seguridade vixentes e que permitirán o seu uso con todas as garantías.
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro delegado do Conservatorio de Música, Rafa Álvarez, realizaron unha visita ao Conservatorio para ver as novas actuacións de accesibilidade realizadas neste espazo xunto cos técnicos da empresa encargada destas tarefas.
 
A Aula CeMIT da Guarda informa da apertura do prazo para obter a certificación CODIX
A Guarda, 31 de maio de 2021. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten previsto abrir o XOVES 03 de XUÑO o prazo de inscrición no curso de  teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recollerá na convocatoria que ten previsto saír publicada o próximo mércores 02 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de novembro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame -ou xustificar a súa exención-, tendo preferencia as persoas que non se matricularan na edición inmediatamente anterior desta actividade formativa convocada no pasado mes de setembro.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Toda a información no seguinte enlace:
https://cemit.xunta.gal/gl/node/8069
 
A hostalaría guardesa pide evitar actitudes irresponsables que poñan en perigo a seguridade e saúde das persoas
A Guarda, 28 maio 2021. A Plataforma "Hostelaría Guardesa" presentou un escrito solicitando ao alcalde da Guarda que se tomen as medidas necesarias para evitar a relaxación e acumulacións puntuais de persoas que se están a realizar, sobre todo nas fins de semana.
A Plataforma "Hostalería Guardesa" agradece publicamente a actitude de responsabilidade tanto da mesma hostalaría como dos consumidores que demostraron en todo momento que, con responsabilidade, desmontaron a visión criminalizadora que se veu transmitindo ao longo destes meses, agradecemento extensivo ao Concello, Policía local, Garda Civil e GES, pola axuda dada.
Dende o colectivo de hostalería vese con preocupación certas actitudes que están aparecendo nas últimas datas como a acumulación de persoas sen as medidas necesarias establecidas. A flexibilización das restricións ten que vir acompañada da actitude responsábel por parte do conxunto da poboación, dado que o seu incumprimento pode supoñer un grave retroceso ás portas do verán.
Dende a plataforma "Hostalería Guardesa" ofrécese toda a súa colaboración para manter as medidas que sexan efectivas e así poder afrontar con garantías unha das épocas máis importantes para A Guarda.
 

Os socialistas volverán levar, por terceira vez, as deficiencias do Centro de Saúde da Guarda ao Parlamento
A Guarda, 1 de xuño de 2021. A deputada socialista no Parlamento Galego, Leticia Gallego; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e concelleiros do Grupo de Goberno, como Montserrat Magallanes e Miguel Español, achegáronse ao Centro de Saúde da Guarda, para entrevistarse con persoal médico e administrativo do centro, apoiarlles nas súas reivindicacións e esixir ao presidente da Xunta de Galicia unha inmediata resposta ás deficiencias que, profesionais do centro e usuarios, veñen reclamando desde hai moitos meses.
Antonio Lomba cualificou, unha vez máis, de deficiente o funcionamento do Centro de saúde, que, a pesar das iniciativas parlamentarias presentadas, as concentracións da poboación, as peticións formuladas, os encontros habidos con distintos responsables políticos do Partido Popular, non só non mellora, senón que a súa situación hai tempadas que empeora. Unha situación que afecta tamén aos médicos que sofren de stress, de insatisfacción profesional, e que afecta aos pacientes, que non poden ser atendidos debidamente, con falta de seguimento da súa enfermidade, cambios de médicos e esperas prolongadas.
Quéixase o alcalde que se envían ao Centro de Saúde da Guarda persoas contratadas durante un tempo ridículo, incapaces de facer un seguimento contiuado dos pacientes. “A atención primaria é fundamental para a atención das persoas, e sobre todo para a prevención e evitar que cheguen ao servizo de urxencia dos hospitais os pacientes”. Acusou Antonio Lomba á Xunta de Galicia de desatender á comarca do Baixo Miño.
Pola súa banda a deputada socialista, Leticia Gallego, manifestou que “reclamarán á Xunta de Galicia, unha vez máis, porque xa o fixemos noutras dúas ocasións, que se cubran as vacantes en Atención Primaria”.
Lembrou a deputada como o pasado mes de novembro ela mesma levou á Comisión 5ª a mesma demanda, co compromiso do director do Sergas de que á semana seguinte resolveríase este problema, seis meses despois estamos igual: non se cobren as vacantes de Atención Primaria na Guarda”, de modo que de novo reclamarán á Xunta de Galicia que se atendan as demandas e se corrixan as deficiencias do Centro de Saúde.
Preguntado polo sentir do Partido Popular local sobre este tema, Antonio Lomba sinalou que que o Grupo Municipal do Partido Popular apoiou as mocións que se levaron a pleno sobre esta cuestión, e “non podemos reprocharlles nada; pero gustaríame que trasladasen estas demandas aos responsables do seu partido en Santiago”.
Leticia Gallego e os representantes do Goberno local reuníronse posteriormente cos profesionais do centro nun encontro privado.
 

A Guarda cambia a led todos os puntos de luz do alumeado público
A Guarda, 2 de xuño de 2021. O concello da Guarda ven de iniciar fai unhas semanas a renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público coa substitución de todas as lámpadas do alumeado público municipal por unhas novas de tecnoloxía led, nun proceso que abrangue a todo o municipio.
O importe desta actuación ascende a 862.497,91 € dos cales o IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía) subvenciona un 80% e o concello un 20 %. Para financiar esta actuación o concello conseguiu acceder directamente a unha axuda europea. Trátase dunha concesión directa de subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
En total se actuará sobre 1881 puntos de luz, a renovación de 57 cadros eléctricos, cambios de cableado deteriorado, cambios de brazos e caixas de derivación en mal estado e mellora en tomas de terra para dar máis seguridade ao conxunto da instalación.
Os resultados agardados, dende o punto de vista económico e de aforro enerxético, son unha redución da potencia instalada en 158,53 kW (58,8 %), unha redución do consumo anual de enerxía eléctrica en 788.695 kWh/ano (67,72 %), unha redución do custo anual do consumo de enerxía de 67,7 % o que representa 86.746 € e unha redución no custo de mantemento valorada en 18.810 €.
Dende o punto de vista medioambiental prodúcese unha importante redución das emisións de CO2, estimada nun 67,72 % o que equivale a que se deixan de emitir 412,87 tCO2 eq/ano. A isto hai que engadir a posibilidade de diminuír a contaminación lumínica grazas a implantación dun sistema de telexestión punto a punto que permite un control da iluminación en función das necesidades.
O cambio das luminarias do concello da Guarda inflúe directamente sobre ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) ao actuar sobre o clima e a sustentabilidade da comunidade. A súa vez esta actuación é unha das medidas chave do PACES (Plan dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía Sostibles). Plan aprobado polo concello da Guarda o pasado mes de novembro de 2020 no que o concello se compromete, xunto con outros moitos gobernos locais do mundo, a cumprir cuns determinados obxectivos en materia de clima e enerxía.
 

O concello da Guarda asumirá unha redución do 25%  da taxa de lixo para o 2022
A Guarda, 3 de xuño de 2021. O goberno local  cumpre así o compromiso de rebaixar a taxa de lixo aos establecementos que se viron afectados pola pandemia do COVID, en concreto a aqueles que tiveron que pechar as portas dos seus establecementos polo  confinamento.
Durante este exercicio do 2021 solicitaron este desconto do 25% na taxa do lixo  82 establecementos  comerciais, de servizos e hostalería. Destas 82 peticións, 70 foron aceptadas e o recibo de lixo xa se emitiu con esa redución e  12 peticións foron rexeitadas debido fundamentalmente a presentarse fóra de prazo  ou non cumprir os requisitos requiridos.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, anuncia que no exercicio do 2022 tamén se vai aplicar esta medida para tratar de paliar, na medida das posibilidades do concello, os prexuízos que a pandemia ocasionou na economía local. Esta redución do 25% da taxa do lixo poden solicitala os titulares de actividades económicas, autónomos ou negocios afectados polo peche.
 
A Guarda abre o 7 de xuño o prazo de inscricións para o campamento urbano 2021
A Guarda, 3 de xuño de 2021. Do 7 a o 18 de xuño estará aberto o prazo para solicitar praza no campamento urbano de verán 2021 no Concello da Guarda.
O campamento desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en horario de 9:00h a 14:00h  horas, para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
O campamento ten o principal obxectivo de conciliar vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre que representa o verán tras rematar o período lectivo.
Os rapaces e rapazas terán unha alternativa de ocio dinámico e educativo a través de talleres, xogos, actividades deportivas…  pero sobre todo compartirán un espazo de xogo diferente.
As bases e solicitude poderanse consultar na web www.aguarda.es
Para máis información as persoas interesadas poderán achegarse ata a OMIX ou chamar ao 986610000 ext. 7
 
Unha comisión organizadora prepara na Guarda unha Homenaxe a Eliseo Alonso
A Guarda, 3 de xuño de 2021. Atendendo ás propostas presentadas no Concello de A Guarda, subscritas por varias persoas vencelladas ao eido cultural, o Concello de A Guarda amosa toda súa disposición e compromiso para tributar unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, escritor, etnógrafo, poeta e xornalista.
Con ese propósito creouse a Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, que está formada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda; Marta Verde Rodríguez, tesoureira da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.); Antonio Martínez Vicente, membro da Asociación InfoMAXE e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.
En colaboración coa familia de Eliseo Alonso, proponse desenvolver varias actividades nas que se está xa traballando e cun programa no que tamén se ten coma obxectivo nomear a título póstumo a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo de A Guarda, agradecendo deste xeito todo canto fixo a prol de A Guarda, en xeral, e de xeito moi especial, pola súa contribución á posta en valor do seu patrimonio etnográfico mariñeiro.
Ao longo da súa vida, Eliseo Alonso visitou á vila guardesa en innumerables ocasións, un gran amigo de moitos pescadores, artistas e fotógrafos, foi un activo publicista dos singulares atractivos que posúe A Guarda, das súas festas, da súa gastronomía, do mar, do Río Miño, das súas tradicións e costumes populares.
Deste xeito e para dar dar inicio o cumprimento desa débeda que o pobo da Guarda ten coa figura de Eliseo Alonso, o pasado 30 de marzo reuníronse no salón de Plenos do concello da Guarda os portavoces de todos os grupos municipais e acordaron, de xeito unánime, iniciar a tramitación administrativa para que nun Pleno Extraordinario se recoñeza a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo da Guarda, máxima distinción que outorga o Regulamento de Honras e Distincións a unha persoa non nacida na localidade.
Os actos a realizar están previstos que coincidan co XXV aniversario do pasamento de Eliseo Alonso, e contarán coa participación das autoridades municipais e a cidadanía de A Guarda.


Nenos e nenas da Guarda participaron en “A flote en Igualdade”
A Guarda, 4 de xuño de 2021. O Centro de Información á Muller e a Concellería de Igualdade do Concello da Guarda organizou na tarde do pasado xoves unha acción que consistiu nun encontro de nenas e nenos ao redor do xogo para a realización dunha xincana onde descubrir con que elementos a igualdade nos permite estar a flote e de que xeito a desigualdade pode acabar fundíndonos.
Esta actividade na que participaron nenos e nenas de entre 5 e 10 anos realizouse na Praia da Ribeira no Porto da Guarda.
Presentouse o xogo dunha xincana cooperativa (non competitiva) onde o traballo conxunto de nenas e nenos axudou a descubrir que para que a sociedade consiga estar a flote necesita da igualdade.
Esta actividade estivo financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Obradoiro Enredados da man da OMIX e da psicóloga Andrea Iglesias en colaboración co IES A Sangriña
A Guarda, 4 de xuño de 2021. O alumnado de 2º da ESO do Instituto A Sangriña participou no OBRADOIRO ENREDADOS, un obradoiro que trata sobre o emprego das TICS, coa intención de previr comportamentos de risco e empregos inadecuados, centrándose nos beneficios e intereses que aportan aos adolescentes, aportando claves para unha navegación segura e sempre en positivo.
A actividade tivo lugar os días 26 de maio e 2 de xuño cos grupos de 2º da ESO do instituto A Sangriña sendo a psicóloga Andrea Iglesias a encargada de impartir e guiar a este grupo de mocidade para abordar esta temática.
 
A Guarda organizará unha Homenaxe a Eliseo Alonso
A Guarda, 4 de xuño de 2021. Atendendo ás propostas presentadas no Concello de A Guarda, subscritas por varias persoas vencelladas ao eido cultural, o Concello de A Guarda amosa toda súa disposición e compromiso para tributar unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, escritor, etnógrafo, poeta e xornalista.
Con ese propósito creouse a Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, que está formada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda; Marta Verde Rodríguez, tesoureira da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.); Antonio Martínez Vicente, membro da Asociación InfoMAXE e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.
En colaboración coa familia de Eliseo Alonso, proponse desenvolver varias actividades nas que se está xa traballando e cun programa no que tamén se ten coma obxectivo nomear a título póstumo a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo de A Guarda, agradecendo deste xeito todo canto fixo a prol de A Guarda, en xeral, e de xeito moi especial, pola súa contribución á posta en valor do seu patrimonio etnográfico mariñeiro.
Ao longo da súa vida, Eliseo Alonso visitou á vila guardesa en innumerables ocasións, un gran amigo de moitos pescadores, artistas e fotógrafos, foi un activo publicista dos singulares atractivos que posúe A Guarda, das súas festas, da súa gastronomía, do mar, do Río Miño, das súas tradicións e costumes populares.
Deste xeito e para dar dar inicio o cumprimento desa débeda que o pobo da Guarda ten coa figura de Eliseo Alonso, o pasado 30 de marzo reuníronse no salón de Plenos do concello da Guarda os portavoces de todos os grupos municipais e acordaron, de xeito unánime, iniciar a tramitación administrativa para que nun Pleno Extraordinario se recoñeza a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo da Guarda, máxima distinción que outorga o Regulamento de Honras e Distincións a unha persoa non nacida na localidade.
Os actos a realizar están previstos que coincidan co XXV aniversario do pasamento de Eliseo Alonso, e contarán coa participación das autoridades municipais e a cidadanía de A Guarda.
 

12 tapices adornaron as principais prazas da Guarda no “Corpus Mariñeiro”
A Guarda, 6 de xuño de 2021. 12 prazas para outras tantas alfombras florais. Así decidiu a Asociación Cultural Alfombras da Guarda retomar as tradicionais alfombras guardesas que, por mor da pandemia, non puideron elaborarse en 2020 e este ano ían polo mesmo camiño. A alternativa ao percorrido procesional, que non puido celebrarse tampouco nesta ocasión, e que segue o “camiño das alfombras”, ou viceversa, foi realizar tapices polas principais prazas da localidade; unha elaboración que comezou ás 9 da mañá, con presenza maioritaria de mulleres, algúns nenos e tamén algún home, en grupos reducidos para respectar distancias e sempre mantendo a máscara, a pesar da incomodidade que provocan neste exercicio artístico.
Pétalos de diferentes flores como hortensias e margaridas, pampullo enteiro; arroces de distintas cores, ao natural ou tintados; pousos de café, palla seca trillada, “pionas” de eucalipto, pan rallado, “buxo” e fiúncho, entre outra materia prima, deron cor aos debuxos de “A Guarda, Camiño da Costa, Camiños das Flores”, previamente trazados sobre o chan ou sobre plantillas alí onde o firme era irregular ou composto por empedrado.
O Camiño de Santiago foi o principal tema que uniu o alfombrismo local, aínda que tamén se podía optar por “galegos” con traxe rexional. Maioritariamente a elección decantouse polo percorrido do Camiño da Costa con algúns galegos danzando para os peregrinos.
A alternativa gustou; ademais posibilitou manter estas efémeras obras de arte durante toda a xornada dominical e non interrompeu o acceso ao porto. A climatoloxía foi excepcional cunha sensación térmica de 25 graos, á hora de escribir esta crónica, e sen presenza do “nortón”, ese vento do norte que obriga a abrigarse un pouquiño máis e é capaz de esnaquizar as alfombras, algo que se impide regándoas cunha mestura de auga e cola.
Se nos atemos á crónica da época, as alfombras da Guarda remóntanse a 1974 coas precursoras: María Calana, Tarita, tía Isabel e Avelina Melenoura, segundo lemos nalgunha información de entón. Antes utilizábanse flores tamén, pero era flores que se arroxaban ao paso do Santísimo ou se puñan “sen orde nin concerto”, diante dos pequenos altares fronte aos que se detiña o Santísimo durante a procesión do Corpus Mariñeiro, popularmente Festas do Señor, que sempre se celebraron en domingo, como lembraba nunha entrevista realizada ao entón presidente da Comisión de Festas do Santísimo, Constante Baz Alonso, quen explicaba que este Corpus dominical tiña a súa orixe, perdido nos tempos, en que un temporal impediu aos barcos da Guarda regresar ao pobo para celebrar o xoves de Corpus Christie. A devoción e a fe non lles permitiu dispensar tal ausencia, polo que, o primeiro domingo, despois do Corpus, celebraron aquela festividade que desde entón se coñece como o “Corpus Mariñeiro”.
 
12 tapices adornaron as principais prazas da Guarda no “Corpus Mariñeiro”
Concello e comisión das Festas do Monte reúnense cos representantes das Bandas Mariñeiras
A Guarda, 5 de xuño de 2021. O pasado xoves, 3 de xuño, reuníronse no salón de plenos do concello da Guarda, o alcalde, a concelleira de cultura, o concelleiro de festas e festexos populares, representantes das comisións das Festas do Monte e representantes das Bandas Mariñeiras.
O obxecto da reunión era o de informar das conclusións das distintas reunións mantidas entre responsables municipais e a comisión de festas e valorar a opinión das bandas sobre as celebracións do sábado e domingo do Monte. Hai que ter en conta que as bandas representan directamente a máis de 2500 participantes directos no desfile e na romería e que, na actualidade, son a cara máis visible da festa.
O alcalde tomou a palabra para trasladarlle aos asistentes a dificultade de facer unha programación da festa a dous meses vista tendo en conta os cambios que se producen cada poucos días na situación sanitaria e as continuas modificacións da Xunta nas autorización de eventos,  medidas de seguridade e prevención. Antonio Lomba informou da decisión de non celebrar a tradicional tirada de fogos así como de realizar durante toda a semana eventos adaptados a situación sanitaria do momento.
A previsión nun principio é de ter polas mañás os clasicos pasarúas por todos os barrios e parroquias da localidade, organizar eventos deportivos e culturais polas tardes, e animación musical polas noites con pequenos grupos deslocalizados por distintas prazas para tentar, na medida do posible, dispersar e non centralizar a veciños e visitantes en lugares concretos.
En canto a celebración do desfile do sábado e romería do domingo os representantes das Bandas Mariñeiras presentes nesta reunión foron moi conscientes da actual situación e de que é moi complicado garantir as medidas sanitarias e a seguridade nestes tempos de pandemia. Dado que resulta imposible dar seguridade sanitaria a os participantes e público que asiste ao desfile do sábado así como as trouladas que participan na romería do domingo, tomouse a decisión de deixar en suspenso as actividades destes dous días.
A comisión de festas comezará a traballar dende o luns 7 de xuño nas colaboracións de publicidade do libro do monte para tentar publicalo a maior brevedade posible. Asimesmo o concello ofrece a súa colaboración a comisión para a organización dos eventos, tendo en conta, sobre todo, o pouco tempo dispoñible e a dificultade de organizalos nunha situación sanitaria tan cambiante.
 
Varias notas da Comunidade de Montes de Camposancos
A Guarda, 6 de xuño de 2021. Traballando en positivo
A Comunidade de Montes de Camposancos quere agradecer ao Concello da Guarda a súa colaboración na mellora do espazo exterior do edificio da Casa de Montes. Esta colaboración consistiu na doazón de plantas ornamentais, así como a man de obra necesaria para crear un pequeno xardín nunha parcela contigua á entrada da Casa de Montes que mellora notablemente o contorno.  
Seguindo con melloras
Vense de recuperar e repoñer as escadas de madeira que foran queimadas, de acceso da senda de Areses, Outeiro Furado ao estacionamento de buses do Tegra.
Retomando as convocatorias culturais coas medidas preventivas necesarias
O vindeiro venres 11 de xuño, ás 20:30 horas terá lugar a presentación da novela La mística de un grano de arena, do autor camposino Denis Maza (1983) na editorial Letrame Grupo Editorial. Acompañarán o acto José Antonio Vázquez (Pépix) e María Álvarez.
 

O Concello da Guarda realiza melloras en diversos camiños do rural
A Guarda, 7 de xuño de 2021. Dende a Concellería de Vías e Obras do Concello da Guarda estase a levar a cabo diversas obras de mellora do firme en distintos camiños de barrios do rural guardés.
Destacan as actuacións na Costa dos Soldados, Camiño do Campamento e Camiño do Sollás en Camposancos, o asfaltado do Camiño central de Salcidos e do 1º Transversal Coruto Vello, así como o Camiño de Netos, Laxes, Barreira e Castiñeira no barrio de Cividáns.
Dentro destas actuacións tamén se contempla a renovación do pavimento na Rúa Julia Vaquero e Praza de San Benito(xa executado), así como a Rúa do Moniño na Gándara
No caso da renovación do firme en Costa dos Soldados, a capa de rodadura existente atopábase xa moi deteriorada, polo que se realizou a súa reposición por unha nova, enlazando coas obras realizadas o ano pasado de mellora de accesibilidade á Praia do Muíño.
O Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora da seguridade vial nos camiños rurais que vertebran as distintas parroquias do concello, garantindo un espazo que reúna as condicións máis axeitadas para o tránsito de vehículos e peóns e os accesos ás vivendas.
Estes traballos contan cun presuposto de preto de  170.000€.
 
A Guarda pon a punto praias e sendeiros de cara á inminente tempada estival
A Guarda, 7 de xuño de 2021. O Concello da Guarda prepárase para a tempada estival coa posta a punto, limpeza e acondicionamento de diferentes espazos públicos do municipio coma as principais praias marítimas e fluviais, así coma os diferentes sendeiros e camiños de titularidade municipal de máis tránsito no verán.
Operarios municipais levan preto dun mes traballando na limpeza manual dos areais das Praias do Muíño, A Lamiña e Codesal, despois de distintas marusías invernais que as deixaron nun estado deplorable. De cara ao inminente arranque da tempada estival, realizouse esta posta a punto dunhas das praias de maior afluencia da comarca e que conta, coma é o caso da Praia do Muíño, co distintivo de Bandeira Azul e “Ecoplaya”, este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias xa que non se emprega maquinaria que remova a area,  respectando o delicado ecosistema dunar.
Tamén se están a realizar labores nos areais marítimos de Area Grande, Fedorento e do Carreiro, á praia de Area Grande tamén foille outorgado un ano máis o distintivo de Bandeira Azul.
No caso de camiños e sendeiros, dende fai unhas semanas operarios municipais e unha empresa externa encargáronse do desbroce e acondicionamento da Senda Litoral que comunica o Porto da Guarda coa Praia do Muíño, substituíndo tamén algunhas táboas que se atopaban danadas.
A Guarda foi galardoada tamén este ano o distintivo de Sendeiro Azul para a senda que comunica as Praias de O Muíño e Area Grande.
 
Aberto o prazo para solicitar as axudas para actividades económicas que se leven a cabo no Concello da Guarda e que se viran afectadas pola Orde de 26 de xaneiro de 2021  
A Guarda, 7 de xuño de 2021. O obxecto destas axudas é paliar o impacto económico que sufriron aquelas empresas ou autónomos que tiveron que cesar a súa actividade como consecuencia da ORDE de 26 de xaneiro de 2021, e na que  se establecían medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderán solicitar estas axudas, sempre que cumpran os requisitos especificados nas bases, aquelas persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas que leven a cabo actividades empresariais que foron afectadas polos efectos da ORDE de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecían medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os gastos que poderán ser compensados a través destas axudas incluirán servizos de asesoría ou xestoría, gastos de arrendamento de bens inmobles, de electricidade, de comunicacións, pólizas de seguros ou cotas de autónomos e Seguridade Social. Poderán xustificarse todos aqueles que se teñan realizado entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 25 de xuño, data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.  
Cada beneficiario/a poderá recibir ata un máximo de 700 euros en función da contía xustificada.
 Nas próximas semanas o Concello ten previsión de publicar as bases doutra liña de axudas, nas que os beneficiarios serán tamén os negocios locais, a través das que se podan cubrir gastos realizados en material de protección fronte á COVID-19, así como outras inversións dirixidas a adaptar ou desenvolver o negocio dentro da situación de pandemia.
 

As obras no albergue municipal da Guarda avanzan a bo ritmo
A Guarda, 8 de xuño de 2021. Na xornada do venres día 4 de xuño o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, trasladáronse ata o Albergue Municipal para supervisar as obras que se están a acometer neste espazo coa reforma e ampliación dos baños.
Estas obras realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos no Albergue Municipal da Guarda, onde os aseos existentes resultaban reducidos para a capacidade do albergue.
Deste xeito optouse por realizar unha ampliación dos mesmos, contando tamén cun baño accesible, durante o transcurso das obras retiraranse todos os elementos eléctricos, carpinterías, pavimentos e alicatados para realizar a súa total renovación.
As obras inclúen tamén un sistema de extracción e renovación do aire deste recinto.
Esta actuación está subvencionada a través do Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 Liña 1 da Deputación de Pontevedra.
O Camiño de Santiago, cun forte incremento de peregrinos nos anos previos á pandemia da Covid19, propiciou que moitas persoas optasen pos pernoctar na Guarda coma primeiro lugar de entrada do Camiño en Galicia. Deste xeito no verán de 2019 o albergue chegou a estar no seu máximo de ocupación, cunha afluencia constante de peregrinos ao longo do verán. Destaca o incremento nun 70% dos peregrinos aloxados no albergue dende a oficialización en 2016 do Camiño Portugués da Costa ata o 2019.
 

Conmemórase o Centenario da Biblioteca Circulante da Promonte
A Guarda, 10 de xuño de 2021. En xuño de 1921, nove anos despois da súa fundación, a Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1912-1979) creará a primeira biblioteca pública da Guarda, con sede no local do museo arqueolóxico que inaugurara en 1917 no centro da vila. A Pro-Monte prestaba así un servizo máis á sociedade guardesa da época poñendo ao alcance do público en xeral a lectura de diferentes obras, moitas delas de difícil acceso para a inmensa maioría da xente.
Cen anos despois daquela iniciativa, compre lembrar este feito, dándoo a coñecer entre os veciños e salientando o firme propósito da Sociedade Promonte pola divulgación da cultura na vila da Guarda. Será da man do historiador J. Miguel Villa que poderemos coñecer o vindeiro venres 18 de xuño, ás 20,30h. no Centro Cultural, un pouco mais desta institución, cun relatorio que afondará no nacemento e traxectoria  desta institución ata que no 1939 cesou o seu funcionamento.
Como en todos os eventos culturais, a actividade ten aforo limitado polo que é preciso anotarse previamente no Centro Cultural indicando nome completo, teléfono de contacto e acompañantes: centrocultural@aguarda.es
 

Presentación da Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás
A Guarda, 11 de xuño de 2021. Esta tarde tivo lugar, na Escola da Poza de Camposancos, a presentación pública da “Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás”.
Domínguez Freitas destacou na súa intervención que a asociación nace con raices, as que puxeron hai anos persoas como Xoán Noia, Manuel Domínguez (Taxota), e todos aqueles que compuxeron a Comisión Cidadá dos anos 80 que deron dignidade á Fosa Común de Sestás. Destacou que é preciso documentar e dar a coñecer o que pasou no Colexio dos Xesuitas (Campo de Concentración de Camposancos) porque a tradición oral é laxa e cambia os feitos co paso do tempo. Por iso, dixo, imos recoller todos os documentos e materiais que teñan relación co Campo de Concentración e Fosa Común, e publicar canto teña interés e nos sexa posible. “ Xa temos ultimada unha Unidade Didáctica que faremos chegar ós centros de ensino” para que o coñecemento dos feitos empece en idade escolar. Rematou dicindo que o fin último é moi ambicioso: Crear en Camposancos un centro de interpretación dos campos de concentración franquistas.
Uris Guisantes, gran coñecedor da historia do Campo, destacou que a partir do 28 de outubro de 1937 comezaron a chegar centos de presos do Fronte Norte e de outros frontes da guerra. A chegada e saída de presos para outras prisións, máis as saída para ser fusilados ou “paseados” era constante, e segundo os nosos datos podemos falar de que por este Campo pasaron preto de 6000 presos. Seguiu afirmando que a Xunta Clasificadora de Presos era a encargada de ir fichando a todos os que entraban ata maio de 1938 e que chegou o Tribunal Militar Permanente N.º 1 de Xixón para axilizar os Consellos de Guerra Sumarísimos que se deron de xuño a setembro dese ano. Nese meses celebráronse 30 Consellos de Guerra e foron xulgados 513 presos. As penas impostas foron: 195 penas de morte, co resultado ce 155 fusilados e 40 pena de morte conmutadas; 83 penas de reclusión perpetua; 115 penas de 20 anos de reclusión; 50 penas de 15 anos; 8 penas de 12 anos; unha pena de 9 anos; 2 penas de 6 anos e 36 absolucións. E citou a Castelao, “ Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tan sequera son capaces de concivir...e na miña terra cumprirase a vontade dos mártires…”.
 
A respecto das declaracións do conselleiro de Sanidade sobre o centro de saúde da Guarda
A Guarda, 11 de xuño de 2021. A CIG-Saúde de Vigo, ante as declaracións do conselleiro de Sanidade sobre a situación do centro de saúde da Guarda, manifesta:
1. As condicións dos contratos de continuidade ofertados pola Consellaría non son como as dos que se fan para traballar nun centro de saúde, están asociados a unha zona de traballo, nun ou máis concellos, e con gardas obrigatorias ligadas a este contrato. Este contrato foi rexeitado polo colectivo das Especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria desde a súa creación, pois empeora as condicións de traballo e provoca falta de continuidade asistencial.
Co contrato que se oferta podes estar en varios centros e atendendo distintos cupos cada 15 días, non hai vínculo a un centro e cupo concreto. Ademais este tipo de contrato abre a porta á creación de postos de traballo con esta modalidade de non estar vinculado a un centro e cupo.
2. A contía económica que percibe un médico/a recén incorporado/a por realizar a súa xornada ordinaria pódese consultar na Orde de Confección de nóminas: Orde do 8 de febreiro de 2021, publicada no DOG do 15 de febreiro de 2021, e está en torno aos 42.000€ brutos, con 14 pagas.
3. O feito de que o centro de saúde da Guarda sexa definido polo propio conselleiro Julio Comesaña como “destino pouco valorado” ven dado polas condicións de traballo que se arrastran desde hai anos na Atención Primaria, e que empeoraron durante a pandemia. Esta precariedade nas condicións acentúase aínda máis en centros de ámbito máis rural.
4. No caso concreto da Guarda partiamos dunhas condicións nas que se viña reclamando a falta de cobertura de persoal nos períodos de permisos e de vacacións e o segundo equipo no PAC. A dispersión xeográfica, a longa distancia ao hospital de referencia que obriga a ausentarse do centro en torno a 2 horas, tendo que retomar de novo a consulta á volta, e a carga existente hai dous anos xustificaban e xustifican estas demandas.
5. Á situación inherente ao propio centro hai que sumarlle a falta de cobertura estrutural que se ven arrastrando desde algo máis dun ano, onde existen cupos que levan sen unha continuidade na atención durante este período. Esta situación, e a do propio centro, condicionan a incorporación de novo persoal ao centro. Isto tamén fai que os propios médicos/as do centro condicionen a súa permanencia a que se cubran as ausencias.
6. A falta de profesionais médicos fai que, podendo elixir, se decanten por ámbitos de menos penosidade, ben en urxencias de hospital ou en outros ámbitos da atención primaria. Proba disto é o éxodo este ano de MIR formados na Área de Vigo. Sería polo tanto necesario incentivar o traballo nos ámbitos máis penosos.
7. Celebramos a contratación realizada para este centro, na que se prevé a incorporación de 3 facultativos nos vindeiros días, mais tamén sendo conscientes de que non supón o 100% dos efectivos e que as presenzas vanse ver condicionadas polos permisos de vacacións.
8. No período de verán a poboación na Guarda vese aumentada de forma importante, este ano aínda non coñecemos se van reforzar con enfermaría como se viña facendo os últimos anos e seguiremos cun único equipo no PAC asumindo o aumento de demanda e quedando sen asistencia a zona en caso de traslado ao centro hospitalario.
 
Iníciase o prazo de solicitude da 2ª liña de axudas do Concello da Guarda para paliar o impacto económico da COVID 19
A Guarda, 11 de xuño de 2021. Desde o inicio da pandemia o Concello leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos desta crise. Ademais da última liña de axudas da que se iniciou este mesmo luns o período de solicitude, tamén se atopan moitas outras medidas que tiveron como obxectivo axudar a paliar os efectos da COVID nas actividades económicas da vila.
O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila. Porque hai que ser conscientes de que as empresas que máis traballadores/as contratan son as tendas, restaurantes, bares e pequenos negocios, que paralelamente sofren con maior crueza as crises.
Por iso, unha vez máis o Concello aposta por utilizar os recursos municipais a través destas dúas últimas liñas de axuda, como forma de contribuír na recuperación e reactivación económica dos negocios locais.
O rango de gastos subvencionables nesta segunda convocatoria é amplo, e incluiría:
1.- A adquisición de material funxible ou a adopción de medidas hixiénico sanitarias tendentes a combater a propagación ou o contaxio polo COVID-19 (mascarillas, protección ocular anti-salpicaduras, batas resistentes a líquidos, guantes desbotables, pantallas protectoras, xel, mamparas, medidores de CO2, etc).
2.- A asistencia externa para labores de desinfección dos equipos, instalacións e persoas exclusivamente na resposta a situación provocada polo COVID-19.
3.- A asistencia dun servizo de prevención alleo para a avaliación dos postos de traballo que poidan ser poboación de risco fronte ó COVID-19, e/ou plan de continxencias.
4.- Gastos por licencias de uso de ferramentas ou aplicativos informáticos para o impulso ou desenvolvemento do teletraballo ou o comercio electrónico por internet vinculados a actividade empresarial, ou derivadas de medidas obrigatorias a implementar pola situación sanitaria.
5.- Gastos de arrendamento de bens inmobles (locais, establecementos e terreos).
6.- Gastos de cotas de autónomos e Seguridade Social.
As axudas poderán ser de ata 300€ por negocio e deberán solicitarse a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
As solicitudes presentaranse ben de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello da Guarda, ben de forma telemática a través da sede electrónica www.aguarda.sedelectronica.gal
   
O Monte Trega inicia as visitas regulares guiadas
A Guarda, 11 de xuño de 2021. O vindeiro xoves día 17 de xuño arrancan na Guarda as visitas regulares guiadas ao Monte Santa Trega, unhas visitas que terán lugar os xoves, venres, sábados e domingos ata o 12 de setembro.
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega contan este ano con tres espazos emblemáticos, como son o entorno da ermida, o Castro de Calvo e o Castro do barrio de Mergelina, onde se teñen realizado importantes tarefas de re-escavación e consolidación para a súa posta en valor.
O obxectivo destas visitas é poder realizar unha visita completa das marabillas que  contén o Trega, xa que contar cun guía oficial permitirá unha interpretación do xacemento e do patrimonio relixioso.
Para participar nas visitas guiadas é preciso unha inscrición previa no teléfono 690017038.  A organización das visitas en grupos reducidos permite unha maior comprensión  e desfrute por parte dos participantes nas mesmas. O punto de encontro e de saída destas visitas será no aparcamento da antiga Casa Forestal (http://ow.ly/b5qb50F8iA0).
Durante a fase de escavación do barrio Mergelina constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV a.C. Tamén sacouse á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas, que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización.
Destaca tamén a recente intervención no concheiro, que se atopa ao lado da porta Sur de entrada ao castro do Monte Trega, e que constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro.
Ademais A Guarda traballa no proxecto “Trega 2020+5” para desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro  do Trega a través dunha actuación integral.  Así este proxecto  desenvólvese  en torno a tres eixos, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930,  manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro  coa  finalidade de  crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.


Últimas prazas para os Cursos náuticos de recreo en A Guarda
A Guarda, 14 de xuño de 2021. O Concello da Guarda vai a promover este verán a formación para obter os títulos de Patrón de Navegación Básica (PNB) e de Patrón de Embarcacións de Recreo (PER).
As inscricións están xa abertas e aínda quedan prazas vacantes a través do teléfono 986 226 105 ou do correo electrónico info@cenfornautica.com
Esta formación realizarase en instalacións municipais a través dunha academia autorizada.
Dende o Concello da Guarda convidamos a que se aproveite esta oportunidade para obter estas titulacións con clases teóricas na Guarda e clases prácticas en Vigo.
 
Concentración silenciosa fronte ao Concello da Guarda contra as violencias machistas
A Guarda, 14 de xuño de 2021. O Concello da Guarda únese hoxe luns días 14 de xuño á convocatoria lanzada dende A FEMP pola consternación ante o fatídico desenlace das pequenas Anna y Olivia.
Dende que se comezamos a coñecer os resultados da investigación que confirmaban que  sucedera o que se temía, todos sen excepción sentímonos atacados e todos sen excepción puxémonos no lugar de Beatriz, a nai, e no da súa familia e amizades.
Desgraciadamente, o terrible suceso das nenas en Tenerife no foi o único nas últimas horas co mesmo denominador común: a violencia machista. Ademais de Anna e Olivia, Rocío, en Estepa, Sevilla, 17 anos. E uns días atrás, non fai nin un mes, cinco mulleres asasinadas, unha delas embarazada, e un neno asasinado tamén en apenas unha semana.  
Por todas elas, reunámonos en silencio fronte ao Concello este luns 14 de xuño as 13:00h.
 
Ioga no castelo – celebración do Día Internacional do Ioga
A Guarda, 14 de xuño de 2021. O domingo 20 de xuño no Castelo de Santa Cruz ás 10.30 h. da mañá o Centro Awen Yoga celebrará o Día internacional do Ioga coa colaboración do Concello, esta sería a súa terceira edición neste fermoso enclave natural. O obxectivo desta actividade é celebrar este día e que as persoas se acheguen ao mundo do Ioga e coñezan os seus beneficios.
En sánscrito Ioga significa unión entre corpo, mente e espírito.
O Día Internacional do Ioga recoñece tanto a orixe do ioga como a súa práctica. A iniciativa de celebrar este día a nivel internacional foi presentada ante as Nacións Unidas polo Primeiro Ministro da India, Narendra Modi, en setembro de 2014 con estas palabras:
“El yoga es una inestimable contribución de la antigua tradición de la India. Encarna la unidad de la mente y el cuerpo, el pensamiento y la acción, la moderación y la satisfacción plena, la armonía entre el hombre y la naturaleza, y un enfoque holístico de la salud y el bienestar”.
Trala súa proposta, a ONU aprobou a resolución, cuxa iniciativa foi apoiada por 175 países, o máis elevado número de países solidarios na historia da organización.
Esta actividade vai a estar dirixida polos profesionais do Centro Awen: Elvira, Pablo e Carmiña, profesora de ioga para nenas/os e adolescentes.
Se podes respirar, podes practicar Ioga. Anímate a coñecelo aínda que nunca o practicases!
Prazas limitadas. Actividade gratuíta.
Recoméndase aos participantes traer una esterilla ou toalla, unha manta e roupa cómoda.
Teléfonos de información
Teléfonos a través dos cales podes contactar para pedir máis información:  
Awen Yoga: 986 611 871  / centroawenyoga@gmail.com
Concello: 986 610 000 (ext.7)
 

O Ciclo “Sostendo o Futuro” remata este sábado coa representación de “Plancton” na Praia do Muíño
A Guarda, 15 de xuño de 2021. O Concello da Guarda pecha este sábado o ciclo “Sostendo o Futuro”, actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin escolléronse actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes aparentemente.
Xa para pechar este ciclo e ás portas do verán, chega unha proposta infantil coa compañía “Títeres Entucasa” sobre a contaminación das nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas.
Unha divertida aventura onde os máis pequenos descubrirán que é o plancton e como axudar a salvalo, unha obra con afán divulgativo  e mensaxe ecoloxista na que rir, asustarse e cantar coa canción de Planky e Tonky.
A representación de “Plancton” será o sábado 19 de xuño na Praia do Muíño, ás 18:00h. Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es e en caso de choiva o evento terá lugar no Centro Cultural.
 
O concello da Guarda licita as obras de reforma e adecuación das dependencias da policía local
A Guarda, 15 de xuño de 2021. O Concello da Guarda ven de recibir a aceptación, por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, dunha axuda por importe de 39.813,19€ para a Reforma e adecuación á norma das  dependencias da Policía Local.
Producirase a execución simultánea das obras en convivencia co uso alternativo das instalacións e das distintas dependencias que iran renovándose alternativamente conforme a o plan deseñado para permitir o mantemento da actividade policial, cas menores inxerencias posibles, tanto para traballadores coma para os cidadáns.
Con esta reforma nas dependencias pretendese habilitar, a maiores da renovación das mesmas, mellorar a zona de atención o público, cun espazo para oficinas e un espazo para sala de Xuntas que, xunto cos vestiarios, conforman unhas instalacións desta categoría.
En total pretendese ampliar as infraestruturas existentes ata os 183m2, con dúas oficinas, vestiarios diferenciados para homes e mulleres, almacén e sala de xuntas, empregando parte das vellas instalacións de Servizos Sociais.
Para o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, esta é unha actuación moi importante, posto que ven a mellorar as condicións de traballo dos membros da Policia Local, nunhas instalacións que precisaban unha urxente rehabilitación e adaptación aos tempos que corren, o que permitirá prestar un mellor servizo a toda a cidadanía guardesa.
O orzamento desta licitación é de 47.00,94 € sen IVE (o orzamento con IVE é de 56.875.98 €). O prazo de execución das obras é de 45 días hábiles. Os pregos administrativos que rexen esta licitación así como o proxecto están a disposición dos interesados no Perfil do contratante da Sede Electrónica do Concello da Guarda e na Plataforma de Contratación do Sector Público. Finalmente, o prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro día 25 de xuño.
 

Regreso al contenido