A Guarda, setembro 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

A Guarda, setembro 2020

PUBLICADAS
A Cafetería-Restaurante da Estación Marítima da Guarda sae a licitación
A Guarda, 28 de setembro de 2020. Na sesión plenaria do pasado venres día 25 de setembro de 2020, aprobouse a proposta de alcaldía para os pregos de cláusulas técnicas e económico-administrativas da licitación da Cafetería-Restaurante da Estación Marítima da Pasaxe en Camposancos(A Guarda).
Na actualidade este espazo se atopa cedido ao Concello da Guarda por Portos de Galicia ata o 2029 e sairá a concurso público por un canon anual de 8.000 €, asumindo o mantemento, conservación e explotación do espazo.
Os criterios de adxudicación serán o incremento do canon anual e as maiores coberturas e contías da póliza do seguro das instalacións con cláusula de responsabilidade civil sobre o mínimo previsto no prego correspondente.
Deste xeito quedan aprobados os pregos de cláusulas técnicas e económico-administrativas que servirán como base para a adxudicación deste contrato de explotación, os mesmos serán publicados nos vindeiros días na sede electrónica municipal: https://aguarda.sedelectronica.gal/info.0
O prazo de presentación de ofertas queda aberto, dende a publicación dos pregos, durante un período de 20  días hábiles, cando se procederá a apertura de sobres e posterior adxudicación á oferta presentada mellor valorada.
   
O concello da Guarda por iniciativa do BNG esixe da Xunta de Galiza novas medidas nos centros de ensino diante do Covid19
A Guarda, 27 de setembro de 2020.- O pleno do Concello da Guarda súmase a reivindicación da comunidade educativa para esixir a Xunta de Galiza, que dote aos centros de ensino de suficiente profesorado e material  para garantir que  a actividade educativa se desenvolva con garantías sanitarias.
O Concelleiro nacionalista Xosé Manuel Méndez, calificou como un auténtico despropósito a posta en marcha  deste comezo de curso por parte da Xunta de Galicia. Na súa intervención diante do pleno manifestou “ A Xunta de Galiza tivo 6 meses para planificar o comezo do curso. Non escoitaron as ANPAS, nin aos representantes do profesorado. Presentaron un protocolo 6 días antes de comezar o curso que prima os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias. Non se respectan os criterios estabelecidos  para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal. Non se recollen medidas específicas  para o alumnado con necesidades educativas especiais. Outro tanto ocorre cos comedores escolares.Tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital, a formación do profesorado e alumnado”.
A proposta nacionalista aprobada polo pleno tamén reclama da Xunta de Galiza que se faga cargo dos traballos de desinfección e limpeza dos centros de primaria que recolle o protocolo e que son competencía do goberno galego.
 
Horario de inverno na rede de museos e na oficina municipal de Turismo da Guarda
A Guarda, 28 de setembro de 2020.- Dende o vindeiro xoves día 1 de outubro, entra en funcionamento o horario de inverno na rede de museos municipal e na oficina de turismo, co peche do Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz.
A Oficina de Turismo Municipal prestará servizo de luns a domingo en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:30h nas instalacións da Praza do Reló.
O Museo Arqueolóxico de Santa Trega(MASAT) abrirá as súas portas de martes a domingo en horario de 10:00h a 18:30h
O Museo do Mar, sito no final do paseo marítimo, estará aberto as fins de semana e festivos en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h.
Pola súa banda o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz pecha as súas portas ata a vindeira primavera, quedando aberto o espazo público deste recinto fortificado.
Máis información na Oficina de Turismo Municipal na Praza do Reló S/N ou chamando ao 986 61 4546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es
   
O programa ‘Vive o Rio Minho’ pecha esta fin de semana con actividades en A Guarda e Caminha
A Guarda, 28 de setembro de 2020. O programa de actividades ecoturísticas da Deputación ‘Vive o Rio Minho’ vai ter o seu colofón esta fin de semana cun conxunto de propostas a realizar ao longo dos  concellos de A Guarda e Caminha.  Unha vez máis, a proposta –destinada a atraer público para dar a coñecer o territorio transfronteirizo do Miño- resultou todo un éxito de acollida, xa que as prazas esgotáronse en apenas minutos.
Nesta ocasión a actividade terá dous días de duración e localizarase na desembocadura do río Miño combinando rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.
O primeiro día –sábado- subirase ata o alto de Santa Trega para gozar dunha visita dramatizada ao Castro e despois comer no alto namentres se aprecian as vistas da desembocadura do Miño. Pola tarde o grupo viaxará en ferry ata Caminha onde fará unha visita guiada para rematar a xornada cunha actividade de observación astronómica dende a zona do Puntal, na desembocadura do Miño.
Ao día seguinte, máis tranquilo que o anterior, realizarase unha actividade de observación de aves pola mañá (cunha pequena ruta duns 6 quilómetros aproximadamente de dificultade baixa) e un pequeno paseo e visita ás cetáreas e ao núcleo histórico da Guarda, tamén de 6 quilómetros e de dificultade baixa.
Hai que lembrar que  ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado para coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19-  buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.
O pasado domingo, a proposta consistiu en facer caiac polo Miño e sendeirismo. Fíxose unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián para despois realizar o tramo inverso en caiac polo río. No caso do sábado 26 o eixo central foi o cicloturismo pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira xunto a un pequeno percorrido cunha visita guiada polas vilas históricas de Tui e Valença.
Todas as persoas participantes no programa ‘Vive o Rio Minho’, ademais de participar gratuitamente nos roteiros ecoturísticos, recibiron un paquete de material promocional co que publicitar a marca ‘Rio Miño’. En xeral a satisfacción foi máxima tanto na organización como nas persoas asistentes, polo que queda aberta a organización dunha próxima edición aínda que non se dispoña de fondos europeos.


O concheiro do castro de Sta. Trega (A Guarda) ábrese ao público tras meses de actuacións para a súa posta en valor
A Guarda, 25 de setembro de 2020.  O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dirixe o proxecto encamiñado á posta en valor do concheiro do castro de Sta. Trega (A Guarda), que dende estes días pódese visitar tras meses de actuacións que incluíron limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas, e que concluíron coa instalación dun panel informativo cuxo cometido é que os visitantes coñezan los principais resultados deste estudo.
O equipo de traballo está dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Socias (Madrid). Colabora a empresa Terra-Arqueos e os grupos de investigación Zooarqueoloxía (Universidade de León), con Carlos Fernández Rodríguez ao fronte, e Paleoeconomía e Subsistencia das Sociedades Preindustriais (CSIC) con Marta Moreno.
“O concheiro, que se atopa ao lado da porta de entrada ao castro do Monte Trega, constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro”, explica Brais X. Currás, quen engade que “o proxecto ten fin último constituír unha ferramenta coa que se promova un turismo de calidade”.
O proxecto foi financiado polo Concello da Guarda a través da convocatoria 2019 de Axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.
“A zona do concheiro do castro do Monte Trega fora xa obxecto de escavacións entre 1910 e 1930, realizadas pola Sociedade Pro-Monte, Ignacio Calvo e Cayetano de Mergelina, e dende entón permanecía abandonada. Os resultados que arestora temos obtido revelan a existencia dunha gandería na que predominan ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presencia de porcos e vacas, así coma un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, bígaros e percebes. Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de cangrexos”, explica Brais X. Currás, quen engade que “en canto á actividade pesqueira, se constatou que se practicou fundamentalmente con amocelo nas zonas máis preto da costa. Abunda a lubina, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros pescados”.
Os resultados do estudio do concheiro se dan a coñecer ao público xeral a través dun panel informativo, sito na porta sur. O panel aborda os seguintes aspectos:
1) Explicación da cronoloxía do poboado e o concheiro, así como das prácticas de consumo dos habitantes do castro.
2) Recreación gráfica das edificacións da porta sur.
3) Planimetría do castro e localización da porta sur.
4) Representación gráfica das principais especies presentes no concheiro.
5) Cartografía del entorno del Monte Tegra con la localización del poblado antiguo y de zonas de captación de recursos pesqueros y marisqueros identificados en el castro.
Nos próximos meses continuarase afondando no coñecemento do castro do Trega no  marco del proxecto LOKI: Economías locais, economía imperial: Occidente da Península Ibérica (século II a.C.-século II d.C.), financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, dirixido dende o CSIC por Inés Sastre.
“Se realizarán datacións de C14 que permitirán coñecer o momento de fundación da muralla do poboado, se estudiará a evolución ambiental a través do pole e se analizarán as sementes recollidas no concheiro. Mención especial merece a identificación dun dente humano, que será analizado na universidade alemá de Tübingen”, avanzan dende o CSIC.
Máis información.
 
Rematan as obras de mellora do entorno do Parque de Laxe Grande na Guarda
A Guarda, 25 de setembro de 2020. Fai uns días remataron as obras de mellora do entorno do Parque de Laxe Grande da Guarda, unhas obras que incluíron a reposición do firme e da area do parque infantil, reparación dos camiños interiores, reparación da fonte e do seu chafariz e substitución integral da balustrada de pedra. Tamén se reubicaron os contedores da recollida do lixo, saneando este espazo de lecer público.
Estas obras veñen a mellorar un dos espazos públicos do noso municipio, aportando tamén novas medidas de seguridade cunha nova balustrada en pedra, máis segura e firme que a que existía até o de agora.
Este venres o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español,  visitaron este parque para comprobar o remate destas obras, amosando a súa satisfacción ante o resultado final, que ven a cumprir coas demandas dos veciños para este espazo público.
  
Proceso extraordinario para cubrir prazas vacantes na Escola Infantil Municipal da Guarda

 
A Guarda, 25 de setembro de 2020. O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa que a Escola Infantil Municipal abre o próximo día 28 de setembro 2020 un proceso extraordinario para cubrir as varias prazas vacantes para o curso escolar 2020-2021:
           -Aula de 0-1 anos: 3 prazas a xornada completa e 2 prazas a xornada de tarde                                   
           - Aula de 1-2 anos: 1 praza a xornada de tarde
           - Aula 2-3 anos: 2 prazas a xornada de tarde
Os pais/nais ou titores dos nenos/as interesados deberán presentar a solicitude do luns día 28 de setembro ao venres día 2 de outubro.
Para maior información dirixirse ao punto de información na Casa dos Alonso en horario de 9.00 a 14.00 h.
    
Programación teatral de outono na Guarda
A Guarda, 25 de setembro de 2020.- O Concello da Guarda programa un total de cinco representacións teatrais nesta tempada de outono, tratase das obras “A nena que quería navegar”, “Invisibles”, “O mel non caduca”, “Rosa Caramelo” e “Running”, obras que se levarán a cabo entre o 26 de setembro e o 11 de decembro deste ano.
Esta programación arranca xa na xornada deste sábado día 26 de setembro ás 18:00h no Centro Cultural coa obra “A nena que quería navegar”, é unha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.
O sábado 3 de outubro é a quenda da obra “Invisibles” ás 20:00h no Centro Cultural, é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.
O venres día 16 de outubro continúa a programación de teatro coa obra “O mel non caduca” ás 21:00h no Centro Cultural, é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.
O sábado 24 de outubro ás 18:00h é a quenda da obra “Rosa Caramelo” ás 18:00h, é Un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Nesta montaxe composta de catro historias nas que combinamos a palabra e a música en directo, trataremos de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.
Xa para pechar este ciclo de teatro de outono, o venres 11 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural será o escenario para a representación teatral de “Running”, onde os 2 actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Nun total de 20 personaxes entre os 2. Trátase dunha vertixinosa peza cómica con mensaxe final… parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.
Para todas as representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade, o aforo é limitado.
       
A Guarda retoma o merdadillo semanal dos sábados ao completo
A Guarda, 25 de setembro de 2020.- Este sábado día 25 de setembro o entorno da Alameda da Guarda acolle o mercadillo semanal, incorporando novamente a totalidade dos postos habituais, unha vez levantadas as medidas de restrición ditadas por sanidade.
Deste xeito contarase cos postos de venda de roupa, complementos, alimentación, prantas e hortalizas.
Dende o consistorio local apélase á responsabilidade individual para que todo funcione de xeito adecuado e coas medidas de protección e prevención axeitadas.
    

Unidade Móbil de inspección técnica de turismos en novembro e decembro na Guarda
A Guarda, 24 de setembro de 2020. A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de A GUARDA nas seguintes datas e ubicacións:
·                     do 26/11/2020 ao 04/12/2020 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)
·                     do 09/12/2020 ao 09/12/2020 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)
Pode consultar os horarios a través do noso servizo de atención ao cliente, no 981 90 30 00.
Para solicitar cita previa:
·                     Por teléfono: 902 30 90 00
·                     A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.


Arrancan as obras de mellora da seguridade vial na Proba-Pintán
A Guarda, 22 de setembro de 2020. Esta semana iniciáronse os traballos de mellora da seguridade vial na estrada de Pintán, entre a rotonda da bisorca na VG-4.2 e o cruce coa estrada PO-353 na Proba.
Estas obras, cun orzamento total de 48.292,15€, realízanse con cargo ao Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 e mellorarase este vial cunha nova capa de rodadura, nova sinalización horizontal e mellora das canalizacións de augas pluviais e marxes da vía.
O Concello da Guarda continúa deste xeito mellorando diferentes viais municipais para favorecer a seguridade de vehículos e peóns.
 
Abertas as inscricións para o Trail do Treg
A Guarda, 22 de setembro de 2020. O Trail do Trega, que terá lugar na Guarda o día 11 de outubro, é unha das probas máis importantes polo desafío que afrontarán os participantes nos 14 quilómetros de percorrido. As inscricións xa están abertas na web traildotrega.com e tamén para a ruta de sendeirismo.
Os organizadores xa adoptaron todas las medidas de seguridade para os deportistas. Así, se estableceu que as inscricións non poden superar as 300 persoas. As saídas serán escalonadas e por quendas. Ademais, a cada participante se lle tomará a temperatura.
Serán 14 quilómetros de percorrido, cun desnivel de 800 metros. Esas son as dificultades que se deben de superar. Cada un ao seu ritmo. O aspecto deportivo é importante, pero tamén o turístico. A ruta na que se realiza este acontecemento deportivo é espectacular, unha das mellores vistas que se poden ofertar en Galicia e tamén no resto de España.
Ademais da proba atlética, tamén se levará a cabo unha ruta de sendeirismo de 10 quilómetros de largo. Unha actividade menos esixente para aqueles que desexen desfrutar a un ritmo máis lento da aventura.
As inscricións para as dúas actividades se poden realizar xa na web traildotrega.com

Curso gratuíto para a Mocidade “Aprende a Comunicarte con Éxito: Comunicación Efectiva para o entorno Familiar, Social e Laboral”
A Guarda, 22 de sete,bro de 2020.- A Asociación Érguete Baixo Miño informa que para o vindeiro mes de outubro comeza un Curso gratuíto para a Mocidade, entre 16-35 anos, sobre a Comunicación Efectiva para o entorno Familiar, Social e Laboral “Aprende a Comunicarte con Éxito”. De xeito inmediato comezaremos este curso que se impartirá os martes en horario de tarde -de 16:00 a 20:00 h.- (en total serán 16 horas) no local da Asociación Érguete Baixo Miño e seguindo estritamente o protocolo Covid-19. As prazas son moi limitadas a un máximo de 10 persoas.
Esta actividade atópase dentro do Programa de Iniciativa Xove e está financiado pola Consellería de Política Social -Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- da Xunta de Galicia.
Os mozos e mozas descubrirán habilidades de comunicación tan efectivas como a asertividade, a defensa de opinións, o respecto da posición do/a contrario/a e sobre diferentes técnicas de resolución de conflitos para poñer en práctica na vida relacional, tanto familiar, social coma laboral. Se trata de mellorar habilidades que resultan primordiais como por exemplo para conseguir e manter un emprego, para facilitar a convivencia familiar, para detectar e manexar abusos emocionais , é dicir, os/as participantes aumentarán as competencias de comunicación interpersoal, de traballo con persoas e de cara ao público.
Para máis información e inscricións, invitamos a achegarse ás instalacións de Érguete na rúa Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda, tamén a través do correo electrónico info@erguete.org ou ben nos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76.


Pleno ordinario o 25 de setembro
A Guarda, 21 de setembro de 2020.-
1.     Aprobación das actas da sesión ordinaria do 31.07.2020 e extraordinaria do 26.08.2020.
2.     Expediente 1992/2020. DAR CONTA DOS DECRETOS AO PLENO.
3.     Expediente 1524/2020. DAR CONTA DOS REPAROS DE INTERVENCIÓN.
4.     Expediente 2336/2017. DAR CONTA DO INFORME DE PMP E MOROSIDADE DO SEGUNDO TRIMESTRE DE 2020.
5.     Expediente 1235/2020. Proposta Alcaldía desestimación alegacións e aprobación definitiva modificación anexo subvencións nominativas.
6.     Expediente 2659/2019. PROPOSTA ALCALDÍA APROBACIÓN PREGOS LICITACIÓN CAFETERÍA ESTACIÓN MARÍTIMA.
7.     Expediente 1576/2020. PROPOSTA ALCALDÍA ENCOMENDA XESTIÓN SERVIZOS RETIRADA VEHÍCULOS ABANDONADOS.
8.     Expediente 1259/2020. PROPOSTA ALCALDÍA APROBACIÓN INICIAL REGULAMENTO REXISTRO DE ASOCIACIÓNS.
9.     Expediente 1984/2020. PROPOSTA DO GMS, PP E CONVERXENCIA GALEGA SOBRE FESTAS DAS MERCEDES.
10. Expediente 1591/2020. MOCIÓN ASUMIDA POR CONVERXENCIA GALEGA DA ASOCIACIÓN DE CANTEIROS DE POIO.
11. Expediente 1989/2020. MOCIÓN PRESENTADA POLO BNG SOBRE O PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID19 NOS CENTROS DE ENSINO PARA O CURSO ESCOLAR 2020-21.
12. Expediente 2008/2020. MOCIÓN PRESENTADA POR CONVERXENCIA GALEGA SOBRE O APOIO DAS CORPORACIÓNS LOCAIS AO SECTOR MAR INDUSTRIA ALIMENTARIO LOCAL E COMARCAL.
13. Expediente 1914/2020.TOMA DE COÑECEMENTO DA RENUNCIA AO CARGO DE CONCELLEIRA PRESENTADA POR DONA MARÍA ELENA BAZ RODRÍGUEZ.
14. ROGOS E PREGUNTAS.


O concello da Guarda informa da situación na localidade en relación ao COVID-19
A Guarda, 2 de agosto de 2020. A día de hoxe, 2 de setembro de 2020, na Guarda hai rexistrados 12 positivos por COVID-19 asociados a dous brotes familiares. Sanidade, por tratarse de infeccións relacionadas con brotes, tomou medidas de prevención para evitar posibles consecuencias en grupos de risco, a vez que se realiza un rastrexo e os test necesarios para controlar a súa propagación.
Con motivo desta situación, Sanidade comunícalle a residencia de maiores Monte Tecla a restrición de saídas ao exterior e visitas, xa limitadas pola dirección dende o pasado 11 de agosto. A súa vez a residencia manterá pechado o centro de día. Neste centro realizarase a proba PCR a todos os residentes e traballadores.
A medidas preventivas tamén afectan a outros centros socionanitarios. San Xerome pechará durante 15 días o centro de día, así como as seccións educativa e ocupacional. Avelaíña suspenderá, durante a próxima quincena, a atención grupal, mantendo o servizo de citas previas, a atención telefónica e teleatención. A súa vez tomará as medidas de prevención necesarias no piso protexido que xestiona.
O club da 3ª idade, que tiña previsto reabrir as súas portas o día 1 de setembro, retrasa esta reapertura 15 días.
A súa vez, un centro privado afectado por un positivo, a ludoteca DivierTT, activou o protocolo recomendado polo servizo de epidemioloxía da Xunta para facerlle a proba PCR a todas as persoas puideron ter contacto directo con este positivo, os nenos e a monitora do grupo.
Dende o concello tamén queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral indicando que se está facendo o necesario para rastrexar e controlar os brotes. Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da mascarilla.


Unidade Móbil de inspección técnica de ciclomotores en outubro na Guarda
A Guarda, 1 de setembro de 2020. A Unidade Móbil 9 de inspección técnica de CICLOMOTORES desplazarase ao Concello de A GUARDA do 01/10/2020 ao 02/10/2020 na Estación de Servicio San Roque (A Guarda).
Pode consultar os horarios a través do noso servizo de atención ao cliente, no 981 90 30 00.
Para solicitar cita previa pódese chamar ao teléfono: 902 30 90 00 ou a  través da páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Inscricións abertas para unha xornada de escalada no monte Santa Trega
A Guarda, 1 de setembro de 2020.A concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza para o día 19 de setembro  unha xornada de escalada no monte Santa Trega.
A actividade levarase a cabo en dous grupos, dependendo da idade das persoas participantes. As persoas de 10 a 15 anos acudirán de 11 a 14 horas e para as maiores de 16 anos a actividade será de 17 a 20 horas. Unha vez se confirme a praza por parte do concello cada participante terá que facer efectivo o prezo da praza que neste caso será de 10€.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte formulario online https://forms.gle/eUsjdz15DV41iJaf6
Máis información na OMIX, no mail informacion@aguarda.es ou no teléfono 676 347 890.
 
A Guarda, 1 de setembro de 2020.O CIM da Guarda programa dúas sesións de teatro en setembro
O Centro de Información á Muller da Guarda programa neste mes de setembro dúas funcións teatrais, coa representación de “A nena que quería navegar” e “Invisibles”.
O domingo día 13 de setembro ás 18:00h o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral de “A nena que quería navegar” ás 18:00h, unha obra dirixida ao público infantil, e o venres 18 de setembro ás 21:00h terá lugar a representación teatral de Invisibles”, unha obra dirixida ao público adulto.
“A nena que quería navegar” é unha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.
“Invisibles” é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.
Para ámbalas dúas representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse previamente chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural con anterioridade, o aforo é limitado.
Esta actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Pacto de Estado.
Regreso al contenido