30 anos do pasamento de Antolín - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

30 anos do pasamento de Antolín

Arquivo 2020
Rúa “Marinero Antolín Lomba”
Por Antón Ferreira Lorenzo
 
 
           Na noite do 3 de marzo de 1990 finaba en Algeciras Antolín Lomba Vicente, patrón do pesqueiro guardés “Carmen Pilar”, nun accidente laboral mentres realizaba manobras de fondeo do devandito pesqueiro. Segundo as informacións do momento, Antolín caera ao mar ao enganchárselle nunha perna á corda da áncora e no arrastre recibiu un forte golpe na cabeza que lle produciu a morte. Pouco despois a tripulación do pesqueiro “Gardel” recuperou o corpo sen vida do mariñeiro da Guarda que formaba parte da tripulación xunto co seu pai, e armador do pesqueiro, Ignacio Lomba, e o seu irmán, Manuel.
           Naquelas datas este barco, xunto con outros 16 pesqueiros da Guarda, sete de Ribeira e un importante número de pesqueiros da flota andaluza e canaria, ata completar uns 140 barcos, mantiñan o bloqueo do porto “algecireño” como medida de presión para que a administración atendese as reivindicacións dos pescadores en protesta polos acordos en materia de pesca, entre Marrocos e a Comunidade Europea.
           As condicións do mar eran daquela moi malas, con forte temporal de chuvia e ventos que superaban os 130 quilómetros por hora, que ocasionaron tamén que un mecánico do peirao Isla Verde, fose lanzado ao mar dándose por desaparecido.
           Ao día seguinte, uns 2.000 pescadores e familias de mariñeiros, xunto co alcalde socialista daquela cidade, Ernesto Delgado, percorreron as rúas de Algeciras, entre o peirao e a Confraría de Pescadores, en sinal de dó e solidariedade con Antolín Lomba Vicente, de 30 anos de idade. Foi, en declaracións do rexidor, “a maior mostra de solidariedade da cidade co sector pesqueiro”.
           Mentres os distintos barcos, coas tripulacións a bordo, mantiñan o bloqueo portuario impedindo o tráfico comercial,  pesqueiro e de pasaxeiros e imposibilitando que máis dun milleiro de marroquís poidesen desprazarse ao seu país. O entón patrón maior da Confraría de Pescadores de aquel porto, solicitaba ao gobernador civil de Cádiz que autorizase o subministro de alimentos aos pescadores que permanecían a bordo das respectivas embarcacións, e que estaban sen alimentos ao prohibir o mencionado gobernador o abastecemento ás tripulacións.
           Tralo finamento de Antolín, e mentres se rexistraban escenas de dor, os portavoces alxecireños dos grupos municipais de IU e socialistas presentaron ao alcalde, Ernesto Delgado, o mesmo día 4 de marzo, unha dobre proposta “a aprobación de denominar ‘Mariñeiro Antolín Lomba’ a unha rúa alxecireña da barriada onde residen os traballadores do mar” e que no acto do descobremento da praca que perpetuase a memoria do mariñeiro finado “se xestione a presenza da súa viúva, pais e irmáns, alcalde da súa cidade natal, A Guarda, e unha representación da Confraría de Pescadores da citada localidade galega”, sendo aprobada esta proposta que xa dá o nome de “Marinero Antolín Lomba” a unha rúa de Algeciras.
           O 11 de marzo, tras levantarse o bloqueo do porto de Algeciras, os barcos dirixíronse primeiro a Gibraltar, para facer soar as bocinas como sinal de agradecemento pola axuda recibida durante o bloqueo; posteriormente regresaron ó porto andaluz onde depositaron, en memoria de Antolín, unha coroa de flores e un manoxo de caraveis.
           O 13 de marzo, interrompindo a manifestación e os cortes de tráfico en protesta polos acordos Marrocos-UE, os pescadores de Puerto de Santa María e os de Algeciras, achegáronse á igrexa do Carmo e San Marcos, para participar no funeral polo eterno descanso da alma de Antolín Lomba Vicente, e posteriormente depositaron sendas coroas de flores no mar, lanzadas desde o peirao unha, e desde unha embarcación a segunda, en homenaxe ao compañeiro finado.
           O corpo do mariñeiro guardés chegaba o 5 de marzo, ás 8.30 horas, ao seu domicilio na rúa Gerardo Fernández Albor, número 6, da Guarda, onde permaneceu ata as 16 horas cando saíu o féretro da casa familiar acompañado por preto dun milleiro de persoas, percorrendo distintas rúas ata a igrexa da Asunción de Santa María. Entre os acompañantes encontrábanse o conselleiro de Pesca, López Veiga; a alcaldesa da Guarda, Purificación Álvarez; parlamentarios e concelleiros da Corporación municipal, representantes da Confraría de Pescadores, e familiares do palangreiro guardés Velasco II que testemuñaron coa súa presenza a dor que sentían pola perda de Antolín. Trala misa de “corpore insepulto”, nun funeral concelebrado polos párrocos da Guarda, Jesús García Villadóniga; da Visitación de Camposancos, Ángel Soliño, e de San Lourenzo de Salcidos, Pascual Bermúdez Bermúdez, recibiu sepultura no cemiterio parroquial, arredor das17.30 horas.
           Antolín Lomba era o terceiro dunha familia de cinco irmáns, dedicados na meirande parte ó mar. Casara seis anos antes, e non tiña fillos. Estaba enrolado no pesqueiro da familia, o “Carmen Pilar”, de 37 toneladas, e daquela con licencia para faenar en Marruecos, dedicándose á captura da pescada.



Mostras de condolencia na prensa
 
           A Comisión de Goberno do concello da Guarda, en sesión celebrada o 28 de abril, presidida pola alcaldesa Purificación Álvarez Álvarez, e da que formaban parte Antonio Cividanes Gómez, Manuel Álvarez Alonso, Aurelio Pereira Gándara e Bento Martínez, dan conta “dunha nova aparecida no diario Sur de Málaga o día 8 de marzo dos correntes, pola que os grupos políticos do citado concello de IU e PSOE, presentaron á Alcaldía de Algeciras, unha proposta para que unha das rúas alxecireñas, onde viven traballadores do mar, leve o nome do mariñeiro da Guarda recentemente finado, D. Antolín Lomba Vicente.
           “A Comisión de Goberno Municipal acorda por unanimidade agradecer a mencionada proposta aos grupos políticos do concello de Algeciras que a presentaron e en todo caso interesar aos mesmo, se a mesma prosperou.”
        En sesión plenaria do concello da Guarda, celebrada o 6 de agosto de 1990, tamén presidida pola alcaldesa Purificación Álvarez Álvarez, e coa asistencia dos concelleiros Antonio Cividanes Gómez, Aurelio Pereira Gándara, Manuel Álvarez Alonso, Bento Martínez, Goyás Portela, Francisco Ferreira González, Estrella Camba Pardo, Rolán Fernández, Pedro Borrajo Rivas, José Manuel Domínguez Freitas, Julia Sobrino González, Miguel Ángel Español Otero e Antonino Torrón Fernández, trátase, no punto 9 da Orde do Día, unha proposta da Alcaldía de “Agradecemento ao municipio de Algeciras por outorgar a unha rúa o nome do mariñeiro guardés finado don Antolín Lomba”:
        “É obxecto da presente proposta, agradecer publicamente aos veciños e ao concello de Algeciras, o acordo deste último e que a continuación se le, polo que se dá o nome do mariñeiro guardés, Antolín Lomba, finado nas mobilizacións do pasado marzo, a una rúa da barriada mariñeira da citada localidade.”
        “Esta Alcaldía considera que son moitos os nexos de unión entre os municipios de Algeciras e A Guarda, nexos que se basean na dedicación de grande parte da poboación de ambos, ás tarefas do mar.”
        “Igualmente todo o mundo coñece a relación que moitos mariñeiros guardeses teñen co pobo de Algeciras, lugar onde teñen a súa base moitos pesqueiros de traballadores guardeses e onde residen estes, grandes tempadas ao ano, por motivos de traballo.”
        “Por todo elo propoño:
        1.- Agradecer ao pobo e concello de Algeciras, a sensibilidade mostrada ante a pena e a dor da familia, e pobo da Guarda, polo pasamento do mariñeiro Antolín Lomba, agradecendo igualmente que unha rúa da citada poboación leve o seu nome.
        “2.- Igoalmente por esta Alcaldía proponse iniciar os trámites para dar a unha rúa do municipio da Guarda o nome de rúa de Algeciras, e poñerse en contacto con aquel concello, por se fose do seu interese iniciar os trámites para un posible irmanamento entre ambos pobos, dados os intereses comúns que os mesmos teñen.
        “A continuación iníciase o debate, tomando a palabra o portavoz do GMS, quen afirma que este grupo considera que debe separarse o agradecemento do concello polo xesto do concello de Algeciras co mariñeiro guardés finado, coa oportunidade de que se inician desde a mesma moción , para o irmanamento. A xuízo do GMS, non é oportuno facelo así porque non cren que sexa o momento nin vén a oportunidade de aproveitarse dun feito tan luctuoso para iniciar os trámites aos que a segunda parte da proposición  fae referencia. É dicir, consideran que un irmanamento con outra poboación non pode ter coma punto de partida un pasamento senón outras causas; logo consideran que o oportuno sería deixar enriba da mesa este segundo aspecto, limitando o acordo ao agradecemento e a iniciar os trámites para outorgar o nome de Algeciras a unha rúa do concello da Guarda. Lembra o portavoz do GMS , que existe a posibilidade xa comentada anteriormente de iniciar os trámites de irmanamento coa veciña Caminha.
        “Segue afirmando o portavoz do GMS, que o irmanamento ten que estudarse en profundidade e xustificalo en intereses comúns e outras causas, considerando oportuno que antes de iniciar trámite algún con Algeciras, e sen que elo signifique que o irmanamento con este pobo non sexa oportuno, deberían estudarse polo concello outras posibilidades, e a posibilidade de irmanarse con outras localidades. Responde o 1º tenente alcalde dicindo que o único que pretende a moción é iniciar uns trámites sen que hoxe se poda afirmar que o irmanamento con Algeciras sexa posible, porque quizais o citado concello non lle interese ou porque as condicións no que este feito se produciría non interesarían a A Guarda ou por outras causas; pero o certo é que se non se inician estes trámites mal se poderá saber se o irmanamento é ou non é posible, logo hai que partir de algo. Afirma a alcaldesa que a moción vaise a manter tal e como está.

Antón Ferreira
PD: En recordo do amigo Tolín, D.E.P., con quen compartín sábados de fútbol no Campo da Canosa con outros amigos (Argentino, Carlos de Tabagón, O Rubio, Carioca, Javier o Carniceiro, Martinelli, Chirro, Tante...) algúns dos cales cofundarían o equipo de veteranos Os Verdes.
Regreso al contenido