PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

ENLACES

 
 
 

 

galiciasuroeste                                             Xan Lois Lomba Alonso

Xan Lois Lomba Alonso encabezará a candidatura do BNG nas eleccións municipais do 22 de maio

            Por terceira vez o portavoz nacionalista, Xan Lois Lomba Alonso, encabezará a lista do BNG ás eleccións municipais del domingo, 22 de maio.

            Na actualidade esta formación política conta cun único concelleiro na corporación da Guarda.

 

Cales foron, para o BNG, as actuacións máis negativas de grupo de Goberno socialista?

            Eu creo que o primeiro incuprimento que fai o grupo de goberno ten que ver cunhas declaracións do alcalde, pouco despois de ser investido como tal, dicindo que ía contar co Bloque Nacionalista Galego, e desde logo ao longo destes catro anos o que se evidenciou foi que o Partido Socialista, con Freitas á cabeza, non contou absolutamente para nada, agás para o preocupante tema das 21 vivendas. O BNG estaba disposto a colaborar, nalgunhas ocasións así o fixemos, cando nos deixaron, estou pensando no Plan de Igualdade. Esto para min foi negativo porque se fixo un discurso da liña que ía seguir na lexislatura, e xa se fallou desde o principio.

Houbo actuacións importantísimas nas que cremos que o goberno local debeu tender a man. Cito, por exemplo, a Senda Litoral, o ferri, a Alameda, obras nas que ao grupo de goberno lle faltou altura de miras. O grupo de goberno fixo oposición da oposición.

 

E, se os hai, que aspectos positivos destacaría da xestión socialista?

Non creo que responder a iso me corresponda. Sobra quen poida falar ben ou mal da xestión do Goberno municipal. A min, en todo caso, o que me toca e me tocará como alternativa do Goberno e mirar cara ao futuro. Ao fin e ao cabo as obras que se fixeron poden ser boas ou malas segundo quen chas conte. Eu lía unhas declaracións nas que parece que había agora máis estabilidade que antes, e hai que dicir que o anterior grupo de Goberno llelo deixou moi fácil nese aspecto.

 

Perdéronse oportunidades de goberno na Guarda?

            Si, desde logo. Creo que os grupos municipais que gobernaron ao longo destes últimos anos A Guarda, seguen a cometer un erro fundamental: pensar que as obras deben amortizarse en apenas catro anos. O BNG foi moi crítico coa urbanización de Concepción Arenal, no seu momento, porque diciamos que non era a forma correcta de realizalas; tamén o fomos coa ampliación do paseo marítimo a pesares de que estabamos de acordo en que había que facer algún tipo de actuación, e fomos críticos porque pensabamos que alí se podería haber tido a oportunidade de crear un aparcamento tan necesario para A Guarda. Eu creo que tamén, nesta lexislatura, se perdeu unha oportunidade importante na reforma que se fixo na Alameda de non ter acometido un proxecto moito máis ambicioso, claro que ao mellor non se podería amortizar en catro anos, non se podería vender para esta campaña electoral. Entón ese é o problema; non acometer actuacións que dean oportunidade de futuro ao pobo da Guarda.

 

Entón a relación goberno-oposición non foi a idónea?

            No eido persoal o portavoz do BNG non ten ningún tipo de problema con ningún concelleiro ou concelleira do arco corporativo. Nós fixemos unha oposición responsable, e o pobo será o que xulgue se a oposición do BNG foi a mellor. Cando o BNG tivo que pórse a dispor do Goberno local para sacar adiante aqueles proxectos que eran interesantes para A Guarda, o alcalde e o seu grupo preferiron ir eles sós dado que tiñan a maioría para facelo; pero ter maioría absoluta, é unha cousa; exercer de alcalde e de grupo de Goberno, é outra.

 

Falamos do PSOE. Pode valorar o papel político do Partido Popular e de TEGA?

            Non creo que sexa este o papel do Bloque Nacionalista Galego. O BNG ten unha liña de traballo por intentar mellorar na medida do posible os aspectos fundamentais da política local, pero non estamos para cualificar cal foi a oposición que fixeron os outros partidos políticos. A Guarda merece unha oposición constructiva, traballadora, e esa evidenciouna no seu momento o BNG, e nas próximas eleccións o BNG quere ser unha formación que deixe atrás a función de oposición para ser Goberno.

 

Ser único concelleiro na Corporación limitou as súas posibilidades de traballo? Sentiuse só?

            Imos ver. Desde o punto de vista de representación, evidentemente un está só porque é o único concelleiro. Se falamos como organización, podo decir que non; síntome arroupado, temos un equipo valioso, de xente traballadora. Certo que a política municipal, sobre todo en aspectos de ir ao concello, consultar documentación, acceder a expedientes, está limitado porque un non ten dedicación nin parcial nin total, ten que dedicarse ao seu traballo, á súa vida laboral particular; os horarios non son compatibles e aí si hai unha dificultade cando un é concelleiro único. Aínda así, o BNG ten feito moitas veces de autofalante do pobo, cando non está de acordo coas políticas desenvolvidas polo grupo de Goberno.

 

Co que leva dito, cal é ese balance final da lexislatura que vai rematar?

            Para min, para o BNG, foi unha lexislatura un pouco decepcionante porque nos comezos o grupo de Goberno falaba dunha forma, anunciaba grandes logros, e a realidade que ten que ver con aspectos fundamentais para este pobo, non se solventaron. Un exemplo: o Plan Xeral de Urbanismo, un dos instrumentos fundamentais para definir que tipo de pobo queremos, absolutamente desaparecido. E esto non é responsabilidade da oposición, que pode preguntar continuamente polo Plan Xeral, pero quen ten responsabilidade de poñelo enriba da mesa e discutir, se quere, coa oposición ou darlle á oposición a posibilidade de colaborar, é do grupo de Goberno. A día de hoxe non existe o Plan Xeral sendo unha promesa electoral do señor Freitas e o seu grupo de Goberno.

 

É a terceira vez que se presentas encabezando a lista do BNG. Fálanos da xente que o acompaña?

            O BNG concíbese como un proxecto colectivo ao servizo, neste caso, do pobo da Guarda. Na nosa candidatura hai un equilibrio entre experiencia, con xente procedente de distintos sectores, e mocidade. Contamos con xente do ensino, da cultura, do mar, etc. Unha combinación de experiencia organizativa con xente que, neste momento, non pertence á organización, pero si cre no proxecto colectivo do BNG, e estas incorporacións vanlle dar un pulo á candidatura e espero que o pobo da Guarda así o vexa.

 

Tres grandes preocupación que hoxe ten A Guarda

            Uff !!! Aparcamento, e cando digo aparcamento falo de tráfico; creo que o Plan Xeral é outra preocupación e neste momento artellar unha saída sur é prioritario para A Guarda, e permíteme un par de cuestións máis: o polígono industrial é algo fundamental, esquecido totalmente pola Xunta, e o Plan de Vivenda Residencial que había para A Guarda, totalmente cercenado polo Partido Popular. Finalmente temos un sector pesqueiro ao que hai que coidar e, neste sentido, o porto merece uns arranxos serios e o dique sur é fundamental e determinante para que o porto siga a ser un xerador da economía local.

 

Cal podería ser a mensaxe que o BNG transmitiría aos guardeses para obter a confianza dos electores?

            Nunha situación tan difícil, estamos nun tempo de compromiso, e nós temos un compromiso coa Guarda; temos un compromiso con Galicia, e o BNG é unha alternativa para os momentos actuais nos que hai formacións políticas que dan mensaxes apocalípticos, onde hai outras formacións políticas, coma o PSOE, que dan mensaxes de resignación. Nós temos outra forma de entender a economía, outra forma de entender cales deben ser as medidas que se deben tomar para superar esta crise  económica, e desde logo que supeditarse aos mercados, non vale. A economía productiva debe ser a que nos axude a tirar para diante.

            O BNG preséntase contando co pobo e non coas grandes empresas.

 

Atrevereríase a dar uns resultados para o 22 de maio?

            Eu espero o mellor para A Guarda.

 

Marzo, 2011