Índice

www.galiciasuroeste.info

 

 

Xigantes e Cabezudos da Guarda

por José Antonio Uris Guisantes

 

seguinte

A tradición dos xigantes e cabezudos en Galicia data do século XVII. Na vila da Guarda vén de comezos do século XX. No arquivo municipal non existen datos ó respecto, soamente nunha das actas de 1929 aparece un acordo na sesión da Comisión Municipal Permanente presidida polo alcalde don Manuel Álvarez Vicente, cando se dan as grazas, 28 de  maio de 1929.[…] Sesión de la Comisión Permanente presidida por el Alcalde don Manuel Álvarez.

Gigantes.-  Se agradece en el acta a don Eloy Domínguez Veiga la donación de los nuevos Gigantes y Cabezudos. D. Eloy neses anos tiña varias industrias en Manises e Onda (Valencia)

Estes son os cabezudos doados por don Eloy Cruz Domínguez Veiga que chegaran de Valencia na Renfe en 1929 para ser estreados na Festa de Corpus deste ano, festa mais importante - oficialmente- do Municipio, patrocinada polo mesmo Concello e que desapareceu a finais dos anos cincuenta.

Eloy Cruz Domínguez Veiga foi un dos grandes empresarios españois na industria cerámica, con fábricas en Onda (Castellón), Manises (Valencia), Sant Vicent de Raspeig (Alicante) e Catoira. Faleceu en Catoira en 1959 a idade de 77 anos.

Nesta fotografía de 1930 podemos apreciar os cabezudos e a parella de xigantes mais coñecida como a parella inglesa, doados por don Eloy.

Normalmente os rapaces que portaban os cabezudos eran do Barrio da Marina, levaban na man uns vimbios cos que pegaban de verdade a os rapaces que atopaban a seu alcance. Causaban verdadeiro pánico aos rapaces de 15 anos para abaixo. Duraron ata 1958, ano no que por calquera motivo se mollaron e desfixeron totalmente. Fotografía de Mariano Jiménez Hueto.

Os xigantes e cabezudos baixan pola rúa de Hernán Cortés.Como eran da propiedade do Concello, os xigantes e cabezudos saían en Corpus, Festas do Monte e algunha outra festa mais do pobo, ou cando as distintas Comisións de eventos públicos o solicitaban aos alcaldes respectivos. Fotografía de Mariano Jiménez Hueto.

Por primeira vez na historia das Festas do Monte  figura unha referencia a  […] los Gigantes y Cabezudos acompañados de Gaitas del País y la Banda de Tabagón, anunciarán en comienzo de las Fiestas… do 25 ó 26 de agosto de 1934.

Volve unha referencia nas Festas do Monte dos días 16, 17 e 18 de agosto de 1946, […] El sábado día 17 a las 10 de la mañana los Gigantes y Cabezudos saldrán  seguidos de las Gaitas de Novás a esperar en la Alameda a las renombradas Bandas de Música de Alongos, Tabagón y a la Treboada de Estás…

Xigantes e cabezudos na Praza do Relo, posiblemente en 1946, con motivo da Festividade de Corpus Christi organizada pola Corporación Municipal durante moitos anos. Podemos ver que a porta principal da Casa Consistorial non era a actual. Fotografía de autor descoñecido.

E segue xa de maneira tradicional a referencia a xigantes e cabezudos nos programas, 1947 (sábado 10 de agosto), 1948 (sábado 21 de agosto),

Esta fotografía debe ser entre 1949 e 1950.

Esta tamén debe ser entre 1949 a 1950

Os xigantes dirixíndose desde a rúa Vicente Sobrino (Farmacia Barbi) a Praza do Relo de A Guarda o 18 de xullo de 1953. Fotografía de Luís Cadilla González.

Os xigantes e cabezudos pola rúa Joaquín Alonso (Praza Nova) de A Guarda, dirixíndose a Praza do Relo o 18 de xullo de 1953

Xigantes guardeses na Praza do Reló  en 1954 (aproximadamente). Fotografía de Daniel Lorenzo Villa.

 

Xigantes no Desfile Folclórico do sábado 7 de agosto das Festas do Monte de 1954 de A Guarda pola rúa José Antonio ( hoxe rúa Galicia)

Outra fotografía dos xigantes da Guarda  en 1954 pola rúa José Antonio (hoxe rúa Galicia)

 

Estas Festas tiveron lugar os días 6, 7 e 8 de agosto. Actuaron: Banda de Música de Lanhelas (Portugal), Banda de Música de Tabagón; Grupos de Gaitas; Exhibición de la Agrupación Coral Gallega De Ruada en el Teatro Cine Avenida; Balonmano entre los equipos de Alerta F.J de Vigo y Calvo Sotelo F.J. de Tuy; Tiro al Plato; Exhibición de Globos Aerostáticos.

Era alcalde, don Ermelindo Portela Gómez. Nótese na estrada principal chamada de José Antonio os adoquins que foran postos en 1928, na etapa do alcalde don Manuel Álvarez Vicente en plena ditadura Primo Riverista. Fotografía de Luís Cadilla González.

A Guarda ano de 1963, panorámica dende a Avda. Calvo Sotelo (hoxe rúa do Porto) no Día do Desfile Folclórico Tradicional das Festas do Monte. Fotografía de Luís Cadilla González (q.e.p.d.).

Pode apreciarse a armazón de madeira que sostiña os xigantes e a mirilla pola que se orientaba o portador. Estes xigantes xa non existen, foran estreados no ano 1963 a raíz das Fiestas de Primavera[1] na que as almas mater foron, Manuel Díaz González Ligero e o asentador de peixe local, Rufino Martínez.

Creo lembrar que foron devoltos por Luís Cadilla González a seu lugar de orixe (uns tres ou catro anos mais tarde) porque non había fondos para mercar os xigantes, polo cal él era o propietario. Luís Cadilla era fotógrafo profesional e o mesmo tempo dono do Bazar Cadilla e artífice e animador nas Fiestas de Primavera e no Desfile Folclórico das Festas do Monte. Tamén fora durante uns anos Interventor de Fondos no Concello da Guarda.

Este ano coincidían as Festas do Monte co Cincuenta Aniversario do comezo da Romaría Enxebre no Trega, era presidente da Comisión, Alfonso Martínez Peniza e Alcalde, José Luís  García Pérez. Actuaron: Los Bambinos; Orquesta Dandy; Banda de Música de Tabagón; Banda de Música de Mougás e varios Grupos de Gaitas, xunto a Treboada de Estás. Fútbol Internacional: Varzim Sporting Clube de Portugal contra o Turista Sporting Club de Vigo. Grandes Concursos de Tiro Pichón, Tiro al Plato no Estadio do Trega.  

Desfile Folclórico Tradicional das Festas do Monte de 1963, en A Guarda. Os xigantes e cabezudos pola rúa Oliveira Salazar, hoxe rúa Galicia. Fotografía de Luís Cadilla González.

Tres xigantes na rúa Pontevedra (hoxe rúa Galicia) de A Guarda  en 1963.Fotografía de Luís Cadilla González.

Xigantes e cabezudos en 1964 na rúa Puerto Rico de A Guarda nas Fiestas de Primavera .

Xigantes e Cabezudos nas Fiestas de Primavera de 1964 de A Guarda, descansando fronte a Parada dos Autobuses de ATSA en 1964. Fotografía de Luís Cadilla González.

Aquí estivo durante moitos anos a Parada de coches de Servizo Público (hoxe taxis) e a dos Autobuses de ATSA (popularmente de Coches de Saracho) mais a Administración dos mesmos.

A dereita a Taberna O Galo de Florindo Rodríguez e de fronte o Comercio Los Muchachos, dos irmáns Salvador (Vador) e Agustín Lomba Gómez (Alcalde desde 1939 a 1945). Fotografía de Luís Cadilla González.

A Guarda, ano de 1964. Catro xigantes  e oito ou dez cabezudos (non me lembro ben) tamén de Luís Cadilla González, que luciron nas Fiestas de Primavera, e nas Festas do Monte de 1964 con desfile de carrozas, entre elas a da Comisión de Festas que viña sendo a reprodución a grande escala dunha gaita.

Obsérvese que os cabezudos usan sandalias de plástico de moda neses anos, mercadas no Bazar Cadilla a 6 pesetas. Fotografía  tirada por Luís Cadilla González.

Esta era a Carroza da Comisión de Festas do Monte de 1964 que se presentou nas Fiestas de Primavera de 1964 e logo no propio desfile do sábado das Festas dese mesmo ano.

De momento aínda non foron superadas na Vila da Guarda  as Fiestas de Primavera dos anos 1963/64, foi algo  digno de lembrar para os que asistimos e cooperamos neses eventos. Fotografía de Luís Cadilla González.

_____________

[1] Estaban prohibidos os Carnavais ou Entroido dende  o 5 de febreiro de 1937, continuando durante toda a etapa do franquismo.

  

seguinte