José Marino González
de la Concepción
In Memoriam
Por José A. Uris Guisantes

José Marino González de la Concepción
Veño de enterarme do pasamento do amigo
e veciño “Pepe Santeiro”, nome polo que sempre foi coñecido. Pepe
era unha institución na Guarda en todo o relacionado ca música,
interpretación e adaptación de pezas musicais.
Lembro uns versos do poeta local
Francisco Álvarez “Koki” titulado “Lexanías”
que di,
“Lexanías, levaime lexos
a miña terra
atravesando veigas e montes,
montes e serras.
Donde me esperan
verdes campos
árbores do serán.
doces cantos
d-amañecidas mañáns.
Campanas de Salcidos
que me encheis de soedá.
agora que de lexos vos escribo
parece que vos oio soar….”
A familia de Pepe provén da ferigresía
de Albarais (Viana do Castelo-Portugal), seu pais eran Augusto
Gonzalez Malha e Teresa da Concepçao Miranda, naturais de
Deao (Viana do Castelo). Chegan ó barrio de Salcidos (A Cruz) en
1920, con sete fillos, Emilia, Isaura, Marina, Rosalina, Manuel, Ricarda
e María González da Concepçao.
Deseguido Augusto incorpórase como
músico na “Charanga do tío Remigio” na Guarda para tratar de
gañar uns cartiños.
Pepe nace un 18 de xullo de 1923 e
como coincide co día de Santa Marina, acordan poñer ao recén como
segundo nome “Marino” o que en 1930 recibe a 1ª comuñón. Fixo as
primeiras letras baixo a dirección do mestre autodidacta tío Manuel
de Buxán alcumado “O Carteiro” onde descubre que a súa
aficción vai ser a música.
No ano de 1933 comeza as clases de
solfexo co mestre Alfonso Ullóa Lorenzo no Rosal, debendo
percorrer varios quilómetros para chegar ao barrio da Lomba.
Ao igoal que fixeran seu pai Augusto e
seu irmán Manuel, incorpórase en 1935 a “Charanga do tío Remigio
Conde”
tocando o cornetín. Paralelamente aprende o oficio de zapateiro co
mestre Antonio Souto en Figueiró (Tomiño) onde debía parar na
pesión “Hotel Modesta”. Máis tarde pasa como aprendiz de facer
cordas na industria do tío Joaquin Martínez, no Barrio da
Cruzada, para exercer despois o oficio de “cerraxeiro” con
Andrés Estevez do barrio da Gándara.
Máis tarde pasarían a vivir na Vila
(rúa Antonio Alonso) e logo en Ribadavila (ou Cimadavila
como dicían nosos avós). Amante de todo o que siñificara música en 1941,
con 18 anos, comeza como músico na Banda de Música de San Juan de
Tabagón (O Rosal ) que durante moitos anos dirixíu Pablo Piedra
González, agrupación musical que desaparece en 1965 e que viña sendo
dirixida por Pepe dende 1964 o haber finado o vello director. Lembrar
que Pepe Santeiro sabía manexar varios instrumentos musicais, como o
bombardino, saxo alto ou requinto, órgano, acordeón etc.
En 1966 pasa a formar parte da Banda de
Música “Unión Popular de Mougás” (Oia) como “requinto”,
pasando a ser elexido Subdirector. En 1990, enferma o Director
Alsirio Fernández Rodríguez, asumindo o cargo de dirixir a Banda,
para finalmente nese mesmo ano deixala, facendo entrega do cargo a
Gabriel Rodríguez. Pepe Santeiro recibe das mans do novo Director unha
placa de agradecemento polo labor que desempeñara “De la Banda de
Música de Mougás a D. José Marino por su labor como músico, compañero y
director, Mougás 23 de noviembre de 1990”.
Pai de familia numerosa tivo que
buscarse o pan, e para elo forma parte da orquestra guardesa “La
Palomita”, outra chamada “Tino Jazz” dirixida por Faustino o
“Botabaixo” perruqueiro de profesión, as primeiras actuacions
tiveron lugar no salon do Cine Ideal. Seguido da “Orquesta
Dandy” e o conxunto “Los Témpores” para finalmente formar
parte do “Trío Marino” coa súa guitarra, composto por
Manuel Lomba Vicente “Lombita” (finado fai pouco) ao laúd
e Enrique Silva Peniza “Quique” (tamén finado) coa
armónica.
Nos anos noventa o “Trío Marino”
participa no Programa da TVG “Galicia Enteira” en Santiago de
Compostela, máis tarde participarían en todos cantos Festivais Benéfico
Sociais foron organizados no Teatro Cine Avenida e na Sala de
Festas Funchi-2.

Enrique Silva Peniza co Grupo Marino
na Sala de Festas FUNCHI-2 no ano
1979. Nesta actuación colaborou co
Grupo Marino José Luís Cabanelas
Mariscal (O Analista), á esquerda da
fotografía, segue José Marino González
de la Concepción “Santeiro”.
Manuel Lomba Vicente “Lombita”, e José Luís
González Melón.
------------------------------------------
A “Orquesta Dandy” xorde en 1949
da man de Pepe Santeiro, o que tivo o mérito de xuntar a varios
compañeiros da Banda de Música de Tabagón para formar unha orquestra que
finaría en 1965. Primeiro con sete membros e logo nove: Delfín,
Suso, Pío Souto, José Marino “Santeiro”,
Isidro González, Emilio Sánchez, Manuel González de la
Concepción (seu irmán) e Isaac Rivas. Actuaban en tódalas
festas populares dos anos cincoenta e logo unha vez se desfai a Banda de
Música tamén pasou a mellor vida a orquestra, coincidindo co nacemento
da orquestra “Los Bambinos” estreada un 22 de novembro de 1962.

Cartel da Orquestra Dandy en
1959. Compoñentes: Delfín, Suso Souto Rivas e Pío Souto Rivas, Emilio
Sánchez, José Rodríguez, Isidro González, Manuel González, Isaac Rivas e
Pepe Santeiro. Esta orquestra baixomiñota tivo unha existencia de 1949 a
1965.
------------------------------------------
En 1955 Pepe foi o protagonista
principal dunha Comparsa de Carnaval ( Fiestas de Primavera)
titulada “La Estudiantina” con trinta e cinco compoñentes (homes
e mulleres), sumándose tres compañeiros da Banda de Música de Tabagón,
sendo estes, Castelar Piedra Pérez (fillo do Director Pablo
Piedra González, un bo amigo é excelente músico colaborador na Banda de
Música da Guarda), José de Florencio e Pío Souto Rivas (a
quen hoxe día 29 de xullo de 2010 tiven a sorte é pracer de saudar
xunto a súa dona).
A raíz de desfacerse a orquestra “Dandy”
e debido a que os seus fillos José Luís e Antonio tiñan ido a traballar
a Castela de “temporeiros” (novembro a marzo), acorda crear un
conxunto musical “Los Témpores”, mellor dito un “pequeño
conxunto familiar” como el me referíu, era aló por 1965. José Luís a
guitarra, seu fillo Antonio a batería, Santeiro co acordeón (máis tarde
órgano electrico) e o seu irmán Manuel xunto a Pío Souto Rivas.
Se me esquecía que Pepe Santeiro
dirixira a parte musical dos Grandes Festivales Artísticos no
Teatro Cine Avenida os dias 11 e 13 de xuño de 1960 e 1961, organizados
pola Comisión de Fiestas del Monte. A de 1960 estaba presidida
por José Riego Lomba, sendo Alcalde, Agustín Pena Pacheco.
Festivais organizados para poder recadar cartos para as festas,
acompañaba a Pepe na dirección musical Teresa Silva Giestal. No
Festival de 1961 era presidente da Comisión das Festas do Monte,
Alfonso Martínez Peniza.
A idade de 54 anos (1977), dirixe e
forma parte do conxunto musical “Dominante” con catro músicos,
Luciano Durán “Tito”; Alsirio Fernández e el mesmo ca guitarra.
Tamén en 1979 ensaia o “Coro
Parroquial de Novás” (O Rosal) o que interpreta o “Canto ó Rosal”
do autor Manuel Álvarez Rivero “Manoel da Ventosela”, co motivo
do Iº Centenario do título real de “Villa” ao Rosal e co Iº
Centenario do nacemento do poeta rosaleiro Julio V. Sesto.
Pero José Marino nunca parou de
interpretar e dirixir. Así en 1984
dirixíu a Agrupación Coral Polifónica da Guarda, rematando en
1991. O 23 de novembro de 1991 a Agrupación Coral Polifónica en
colaboración co Concello da Guarda
organizan un Concerto-Homenaxe a José Marino González
“Santeiro” no Teatro Cine Avenida, onde actuaron as Bandas de
Música, Agrupación Musical do Rosal e Unión Popular de Mougás,
o Coro Arpegios e a propia Agrupación Coral Polifónica da
Guarda cun éxito de público. En 1994 funda a “Coral da Terceira
Idade” no seo do Club de Xubilados da Guarda.
Nestes derradeiros anos seguía con seus
fillos José Luís e Antonio no “Grupo Marino”. Lembro que ao longo
da súa vida recibiu varias homenaxes, unha dos máis grandes tivo lugar
no desaparecido Cine Avenida en 1995. Anteriormente no domingo 18 de
agosto de 1963, como compoñente da Banda de Música de Tabagón e co
motivo do Cincuenta Aniversario das Festas do Monte, recibiron
unha homenaxe e un agasallo dos Alcaldes de O Rosal, Manuel Suárez
Marquier e da Guarda José Luís García Pérez.
Fai uns catro anos “escoiten en
directo” o Grupo Marino na casa de Jesús Alonso Lomba “Suso
o Bambino”, cando este estaba recuperándose dunha enfermidade.

Manuel Angel Lomba Vicente “Lombita”,
amigo e compañeiro de Pepe Santeiro que faleceu fai apenas un mes.
Fotografía de Joaquin Fernández Gómez.
Casado con Adelaida Melón Fernández,
un 4 de marzo de 1944.
Coñecera a súa muller na pensión familiar “La Orensana”, sita na
rúa Antonio Alonso nº 2, onde Pepe Santeiro dispuxo logo a súa “Academia
de Música” . Do matrimonio naceron, José Luís, Antonio, María
Teresa, Sergio, Delfín, Mª del Carmen e Miguel González Melón.

José Marino González de la Concepción
e o seu veciño e amigo Narciso Alfonso Rebollar o 10 de abril de 2009
------------------------------------
Personalmente tratei durante moitos
anos a Santeiro, tanto como veciño cuanto como cliente na Botica, tamén
á súas irmás Marina e Ricarda que eran veciñas miñas, a
primeira casada con Benito Mauri (alcumado O Pisotes) e a segunda Manuel
Iglesias (Bar Capri), tratei algo a Rosalina cando estivo unha tempada
na casa de Ricarda. Nos últimos anos e ata que puideron valerse por se
mesmos, nos domingos reuníanse os irmáns para xantar na casa de Ricarda,
sendo o cociñeiro Pepe. Paréceme que ainda estou vendo a Ricarda e
Rosalina vendo embobadas ao seu irmán co mandilón de cociña con flores…
falándome mentres se facía o cocido no inverno, mentres eu acodía a
inxectar a Manolo doente na cama…
Pepe nunca alteraba a voz, sempre
discreto, educado e comedido, caracteres que tivo de sempre, era
estricto na responsabilidade dos fillos, esixente, pero bo pai.
Atopo un poema de Celso Emilio
Ferreiro, escrito en Caracas no ano 1967 que dedico á memoria de
Pepe Santeiro, músico de profesión e vocación:
SPIRITUAL
Cicais mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.
Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estou isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.
Beberei a paisaxe
nun amencer de lirios.
As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.
Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.
Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.
Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.
Vivirei coma o lume
alcendido na noite.
Terei cumios de estrelas,
cantarei para os homes.
Estou comigo mesmo.
O corazón é quen manda,
i eu obedezo.
Fontes: Enrique Silva Peniza
“Quique”
Semblanza Biográfica de José Marino de
1995. Autor: Xoan Martínez Tamuxe
Charlas con Pepe Santeiro na Botica
Vázquez
______________________________