PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

ENLACES

 
 
 

 

galiciasuroeste                                                                     Teresa Fernández

Hoy, 6 de abril, Teresa Fernández, arroupada pola súa familia, pasa a ser centenaria

Teresa Estévez Fernández é, desde hoxe, centenaria. Foi a penúltima, de seis irmáns. Vive cos seus sobriños, Antonia Estévez Güisán e Juan Álvarez Sobrino moi preto en Ribadavila, na Praza de San Bernardo, desde hai uns vinte anos, cando decidiron acollela logo dun estourido dunha bombona que lanzou a Teresa fóra do cuarto de baño na casa que ten na rúa Vicente Sobrino. A súa vida está ligada á Confietería Estévez. Recorda a época tremenda da guerra e da represión e o temor de atopar ao seu home, Eduardo Pantaleón, que finaría no ano 58, tirado nunha cuneta. Gústalle a TV, menos as desgracias que se contan no mundo. E gústanlle os rapaces e xogar con eles, recordando que facía de cabaliño dos nenos na casa.

 

¿Cal é o segredo para chegar aos cen anos?

            Pois que me gustou traballar, sempre trabllar, eso é o primeiro; comer ben e durmir ben. Esta sempre foi a miña receita para os críos de casa.

 

En tan longa vida, terá vostede moitas cousas que contar

            ¡Cantas cousiñas! ¡Ai se souberas…! Tiven ao marido catro anos preso en San Simón, en Cesantes, ¡catro anos!, e eu andaba como unha escrava porque non quería que lle faltase comida, e tódolos sábados cargaba desde Arcade, ou desde Pontevedra, pois non había moito transporte.

 

Case naceu vostede coa Confitería Estévez…

Fomos seis irmáns, que quedamos orfos de rapaciños. E na casa traballabamos desde o máis pequeniño ata o máis grande. A don Pepe Sobrino, gústaballe e apreciaba moito á xente traballadora e, tódolos días, coa súa bicicleta, se achegaba aos enfermos, deixaba a bicicleta na rúa, alí na porta da dulcería, e alá entraba para mirarnos traballar. Nunca nos falaba nada; nada máis que nos observaba e gustáballe vernos traballar, porque éramos seis criaturas e os seis a traballar. Este foi un recordo moi bonito que me quedou.

 

E xa que fala da Confitería centenaria da Guarda, ¿ten vostede algún doce preferido?

            Mira, hai pasteleiros que non proban o doce, pero nós, na casa, sempre comemos doces, e nos gustaban todos, e os domingos ¡pasteis!

 

Pero cal é o seu pastel preferido

            ¡A min gustábanme todos!, pero ben, os de améndoa, que aínda hoxe é un postre que aprecio, sobretodo. E de hoxaldre me gustaban moito os pastelóns (que hoxe xa non se fan), recheos de crema. Facíanse moito para a casa dos Candeira, que era unha casa de ricos daquela, e incluso querían os pastelóns baleiros, porque eles os enchían de pichóns.

 

Vostede que coñeceu aquela Guarda de hai tantos anos e coñece a de agora, ¿con cal se quedaría? ¿Cal é A Guarda que lle gusta?

            A de antes era máis sana, como se suele decir; pero mira, aquela era outra vida, porque agora temos moitísimas cousas moi boas que non tiñamos antes, que había que traballar todo a brazo, e todo había que facer, e levantarse ás catro e ás seis da mañá, para ter todo listo á hora do despacho. Eu o que máis admiro, e doulle moitas grazas a Deus, é que fomos seis e os seis traballamos.

 

¿Era a única pastelería que había, ou xa na Guarda se coñecían outras?

            Eu creo que era a única que había. Os meus pais eran de Ponteareas onde elaboraban rosquillas que vendían a Mondariz, que xa era famosa polo seu balneario ao que acudían xente pudiente.

 

O xoves cumpre vostede 100 anos, ¿Qué significa para vostede celebrar tantos anos?

            ¡Home…! Pois gústame, o malo é que a cabeciña, a veces, xa me quere quedar atrás. E isto dáme pena, claro. Pero como e durmo admirablemente, e arránxome eu para todo. Eu non preciso axuda. A min póñenme o prato enriba da mesa.

 

¿E esto da idade se hereda?

            A miña avoa, que moreu con 63 ou 64 anos, a min parecíame moi velliña; e sen embargo hoxe, con 63 anos, son xoves. A miña nai finou con 93 anos, o mesmo que a miña irmá María, e recordo que mamá nos parecía moi vella, e hoxe, con 93 anos, andamos pola rúa (e rí), e miramos a tele, porque temos todos estes adiantos tan preciosos... Dicía a miña nai “¡Ai! Pois eu non tiña ganas de morrer aínda porque tódolos días saen unhas cousas novas”.

 

E a vostede gústalle a televisón

            Gústame, gústame. Porque aí se ve como a vida avanza.

 

¿E que lle parecen estas novas modas da xuventude actual?

            Ben, ben. Cada quen ten que adatarse aos seus tempos, porque se quedamos atrás… ¡Hai que vivir, hai que vivir! ¡hai que convivir!

 

E con quen pasará vostede o seu especial cumpreanos

            ¡Home!, vai vir moita familia, gracias a Deus, e quixera estar con todos. Imos ver… (Di que agora se emociona un pouco máis, “porque xa se acaba” e rí con alegría). Á unha, teremos una misa especial á  que acudirá á familia.

 

Pois Felicidades Teresa e que dentro dun ano celebremos o seu 101 aniversario

Abril, 2006