20/11/12

     

    

Homenaxe á Marea Branca

 

A Guarda homenaxea, cun sinxelo acto, aos voluntarios contra a marea negra

 

            Unhas setenta persoas participaron o luns, 19 de novembro, cando se cumpriu dez anos do desastre do Prestige, na inauguración do Monumento á Marea Branca, obra do escultor Xavi Garrido.

            Pouco despois das 12 do mediodía, o alcalde da Guarda, José M. Domínguez Freitas, fixo uso da palabra para, dirixíndose ao escultor, dicirlle “Xabi foi posible” polo esforzo de empresas particulares e institucións que colaboraron e “pola fe que tiveches sempre no proxecto”.

            Engadiu que “Aquela idea que naceu coa arribada ás terras de Oia dun fermoso tronco hai xa uns anos , toma forma definitiva hoxe aquí, en Fonte Quente, para homenaxear á Marea Branca” e “quixo o destino que o tronco caese en mans de Xavi Garrido e isto condicionou a súa obra”.

            En palabras do rexedor local, o monumento poderá gustar ou non, pero non deixará a ninguén indiferente porque está cargado de simboloxía. “É o noso pequeno gran agradecemento a todos cuantos participaron na limpeza das nosas costas; é o recordo perpetuo a cuantos nos libraron do chapapote”.

            Tras reafirmar que A Guarda é un pobo solidario e agradecido e que non esquece o ben que recibe, considerou Domínguez Freitas que esta localidade “é a mellor localización posible para o Monumento á Marea Branca”.

            Xabi Garrido agradeceu a empresas e particulares canta colaboración lle brindaron. Lembrou, unha vez máis, a chegada do tronco ás costas de Oia e como, coa axuda duns amigos, logrou retiralo da influencia da marea e como xurdiu a idea de homenaxear con el aos voluntarios que chegaron a Galicia para limpar esta costa. Foi, dixo, o cheiro que desprendía e que lle lembraba ao chapapote o que determinou o fin a que estaba destinado. Agradeceu á prensa a difusión da súa mensaxe para recibir pedras que lle chegaron de todas partes, e que continuará recibindo para colocalas, cada 19 de novembro, nun monumento que desexa Xabier Garrido, que sexa outro referente para A Guarda.

            Deu o escultor algúns datos do tronco, por exemplo que ten 17,30 metros de alto, xa que unha parte do total vai soterrada, A pedra ao seu carón pesa 5.700 kg.

            Tras as palabras do alcalde e do escultor, procedeuse a descubrir unha placa provisional que lembrará este acto inaugural no que tamén houbo unha representación de Nunca Máis.

Outras incidencias

            Un pequeno empresario da Guarda, con establecemento en Vigo repartiu octavillas denunciando a unha empresa colaboradora co monumento, que lle adebeda máis de 6.500 euros e que ao non abonalos “leva á nosa empresa a unha situación precaria”. Despois do reparto das octavillas o empresario guardés despregou unha bolsa cunha lenda alusiva á súa reclamación.

  

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Trilho de Mosteiró (Valença): última anadaina do ano

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com