10/06/2013

     

    

Acordeóns no Centro Cultural da Guarda

 

Fernando Vivero, acordeonista argentino, apadriñou ao Grupo Infantil Mascarenhas nun concerto celebrado no Centro Cultural da Guarda

 

            Presentado por Mercedes Martínez, o Centro Cultural da Guarda foi o  marco no que se desenvolveu o concerto de acordeóns, organizado pola Asociación Cultural Mascarenhas que convidou ao acordeonista arxentino, Fernando Vivero, a ser protagonista deste evento, aproveitando a estadía do músico na Guarda para apadriñar ao Grupo Infantil Mascarenhas, formado por Mirian, de Tomiño; Iván, de Redondela, Desiré, de Tomiño, e Andrea, de Torroso, Mos, que ofreceron dúas obras compostas por José Luis Lorenzo Rodríguez, director do Grupo de Acordeóns Mascarenhas: “O Pescador” e “A Troita”, e finalizaron coa popular “O Galo”.

            Daniel Vilanova González foi o seguinte en subir ó escenario. Ten 16 anos, estudante de 1º de Bacharelato e 5º curso de Acordeón, ten actuado en diversos acontecementos de carácter benéfico como solista. Forma parte do Grupo Mascarenhas desde 2010 e, no concerto interpretou “España cañí”, de Pascual Marquina; “Tico Tico no Fubá”, de Zequiña de Abreu, e “Glorias de Torero”, de Mario Mascarenhas.

            E para pechar o concerto, tomou o relevo Fernando Vivero, arxentino da provincia de Misiones, que xa estivo na Guarda en 2008, actuando con gran éxito na sociedade Casino de Camposancos e prometendo dar outro concerto cando se desplazase de novo a esta localidade, onde reside Gabriel, un dos fillos do acordeonista.

            Entre outros achegados, estivo acompañado, ademais de por Gabriel, pola súa dona, Marcela Abregú e un público que, practicamente ocupou a totalidade das bancadas: unhas 180 persoas.

            No seu repertorio, que se iniciou cunha polca,  pasou por tangos, valses e pasadobres “visitando” musicalmente, pses como Portugal, Argentina, Brasil, España e Colombia. “Lisboa antiga”, “Rojo cielo de París”, “Comparsita”, “Gotas de lluvia”, foron algunhas das obras que tomaron forma de son “Esculpidas” polos dedos do mestre Fernando Vivero, quen agradeceu ao público o acollemento que lle ofreceu.

            Antes de retirarse o público, os integrantes do Grupo Infantil Mascarenhas foron obsequiados polos mestres de acordeón, o mesmo que Daniel Vilanova, entregando tamén o concelleiro de Cultura, Antonio Lomba, un recordo institucional ao acordeonista argentino lembrando que tivo ocasión de escoitalo na súa anterior visita á Guarda, quedando encantado do bo facer do mestre, que se despediu do auditorio recibindo as felicitacións do público.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

O Chancarello: concerto de Diana Tarín

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com