04/02/2013

     

"O Trega e a súa contorna na Guerra Civil"

 

José Antonio Uris Guisantes lembrou os tráxicos acontecementos do franquismo na Guarda onde se fusilaron a 49 presos do Campos de Concentración de Camposancos

            A taberna O Galo, da Guarda, foi, o 1 de febreiro escenario dunha nova barferencia, proposta polo Padroado Municipal Monte Santa Trega e o concello da Guarda dentro das actividades programadas pola Comisión do Centenario da Sociedade Pro Monte.

            Nesta ocasión o relator foi o estudoso local José Antonio Uris Guisantes quen falou de “O Trega e a súa contorna na Guerra Civil”. Victoriano Rodríguez, que presentou ao conferenciante, referiuse a ampla actividade cultural desenvolvida polo relator como a coordinación e colaboracións que ten nos libros das Festas do Monte, nas biografías escritas de guardeses co gallo do Día das Letras Galegas; falou da ampla actividade social de Uris, como se coñece entre os amigos a José Antonio, e cualificouno como “un dos maiores coñecedores da realidade social guardesa” indagando, entre outros, no Arquivo Municipal da Guarda, o que motivou que por esa ampla visión dos feitos acontecidos “eu”, dixo Victoriano Rodríguez, “sempre o denominei unha biblioteca vivente e ambulante, pero me chocou unha curiosa denominación no Facebook un día destes, no que lle dicían que era a Guardapedia”.

            Recordou o presentador os moitos artigos escritos por Uris, con amplitude de fotografías e documentos de cada momento, gran parte deles publicados en galiciasuroeste.info, e citou algúns dos títulos que teñen que ver con persoas, acontecementos e feitos relacionados coa vila da Guarda. Deu unhas pinceladas da relación de José Antonio Uris Guisantes coas facetas solidarias, (fundando Érguete Baixo Miño), políticas (como concelleiro, cofundador do PSdeG-PSOE na Guarda), educación (formando parte de APA´s), deportivas (entre outros xogou no Sporting Guardés), e un amplo etcétera de vida activa.

            Respecto á conferencia que ía impartir, “O Trega e a súa contorna na Guerra Civil”, cualificou de “elección acertada invitar a Uris para que nos relate as testemuñas relacionadas” con estes acontecementos.

            Uris, na súa intervención, destacou que as consecuencias da Guerra Civil na Guarda, e no Baixo Miño, tradúcense na obrigación de moitos republicanos de ir a combater á fronte, e nas represións, nos paseos, e nos fusilamentos, sen esquecerse que as mulleres soportaron moito sufrimento.

            O 27 de xullo do 36 é cando chegan en camións as tropas procedentes de Tui, sendo A Guarda, o último concello en ser tomado polas tropas sublevadas, converténdose os primeiros meses nunha época “de terror”, auspiciado polos militares e un brigada da Garda Civil. E salientou o papel dun home que malia ser de dereitas, Alcides, salvou a vida de Juan Noya, dándolle refuxio na súa casa, mentres que un irmán deste, máis tarde “fuxido”, denunciado por unhas mulleres, sería masacrado.

            O colexio dos xesuítas acolleu aos primeiros presos da localidade, un grupo de republicanos, mentres que os máis destacados como Brasilino Álvarez, destituido como alcalde; Camilo Carrrero, Basilio Carrero e outros, foron trasladados a Tui.

            No Restaurante Jurado, actual Museo de Santa Trega, houbo unha reunión na que participaron, obrigados, determinados comerciantes da localidade, e entre as persoas presentes estaba unha figura cualificada polo conferenciante coma sádico: o capitán Joaquín Pomares Teresa, “responsable de asesinatos” que recibiu unha lista de 35 nomes de veciños “para seren matados o 9 de agosto de 1936”. O capitán Teresa xunto con outro militar, Buhígas Novo, trasladan nunha furgoneta decomisada a Isaac Costal “aos cinco primeiros republicanos (os irmáns Ángel e Antonio Domínguez Pacheco, Herminio Domínguez Pérez, José Alonso Portela “Mero” e Julio Saavedra Galiñanes) que asasinan en Paraños, Sextas, a carón do hoxe IES A Sangriña, sen xuízo de ningunha clase” e os responsables da masacre celébrano nun hotel que existía preto do Hostal Marti Rey, o Hotel del Tecla. Falou dun “señor boísimo”, o tío Piñeiro, enterrador, que morrería pouco tempo despois, da impresión que lle produciron aqueles corpos, incapaz de soportar un espectáculo que non desexaba.

            O 26 de outubro de 1937 rehabilítase o Campo de Concentración de Camposancos, que estaría operativo ata 1942, cando se pecha, cunha capacidade de 868 presos, aínda que chegou a albergar ata 1.500. Noutro momento falou da solidariedade das mulleres de Camposancos cos presos, aos que lavaban a roupa e, incluso, chegou a casar algunha camposina con algúns deles.

            Referiuse aos consellos de guerra sumarísimos no Campo de Concentración de Camposancos ditando, entre xuño e  primeiros días de agosto de 1938, ata 225 penas de morte dos que 171 foron fusilados e 54 condenas conmutadas. Ademais ditáronse 84 cadeas perpetuas, 118 condenas a 20 anos, 51 a 15, 9 a 12 e 37 absolucións. E, o 2 de xullo, comeza a matanza “oficial” de presos de Camposancos; a primeira, de 31 condenados a morte e fusilados en Sestás,  ás seis da mañá e, posteriormente, e o día 19, outros 18, ata que, polas presións dos guardeses, incapaces de seguir soportando esta traxedia, as autoridades trasladanaos condenados, para seres fusilados,  a outras localidades: Figueirido, illa de San Simón e O Castro, en Vigo.

            Desvelou que, fronte aos rumores, a documentación manexada revela que os fusilados non foron tirados uns enriba de  outros, senón soterrados en cadansúa caixa, introducindo a identificación  de cada un nunhas botellas de cristal.

            Rematou o acto entregando, o alcalde da Guarda, sendos recordos ao conferenciante, ao presentador a taberna O Galo, pola xentileza de facilitar o local para impartir esta barferencia.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Subindo o Arco de San Xoán de Tabagón... con chuvia

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com