08/10/12

     

    

Trinidad Jiménez reuniuse na Guarda con militantes e simpatizantes socialistas

 

Mucha Gallego e Trinidad Jiménez

 

Máis de setenta persoas, militantes e simpatizantes do PSdeG-PSOE das comarcas do Baixo Miño e Louriña, reuníronse o domingo, 7 de outubro, no acto organizado pola Agrupación Socialista da Guarda no Restaurante Brisamar, que tiña como principal protagonista  á exministra de Sanidade e Servizos Sociais, Trinidad Jiménez, acompañada na mesa, pola exconselleira, Mucha Gallego, e o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas.

Foi este último o que abriu  a quenda de intervencións para dicir que a campaña electoral que arrincou hai uns días “nos ten que conducir irremediablemente ó Pazo de San Caetano ou ó Pazo de Raxoy” por varios razóns, “fundamentalmente por unha: a sociedade galega está hastiada destes tres anos e medio últimos de goberno de Feijoo”. Aludiu á reivindicación de Gibraltar, como un asunto do Goberno de Rajoy para desviar a atención.

Noutro momento, Freitas dixo que en Galicia non se presenta o Partido Popular “quen se presenta é Feijóo que fixo desaparecer ó Partido Popular, ás gaivotas e ata o nome de Rajoy”, e pediu, ás mulleres “en nome de todos os homes que hoxe estamos aquí, perdón, e dicirlles que non nos sentimos representados por ese especimen que un día destes dicía a máis grande barbaridade que eu escoitei dicir nunca a un político: o de que as leis, como as mulleres, están para violalas”.

Carmen Gallego

Mucha Gallego comezou a súa intervención referíndose precisamente ás últimas palabras de Domínguez Freitas. “Fainos falta a todas as mulleres, e tamén a todos os homes, as desculpas do Partido Popular, porque é certo que ese señor presentou a súa demisión, pero non nos conformamos con iso. Queremos que o Partido Popular, que Alberto Núñez Feijoo pida desculpas porque ese señor pertence ao PP, e que eu saiba, aínda non lle abriron un expedente de expulsión coma militante do Partido Popular”.

Mucha Gallego restou importancia ás inquisas que vaticinan os resultados do 21 de outubro “porque forman parte da estratexia electoral de quen ten o control sobre os medios de comunicación”, aínda así atendeu a un dos datos do CIS; aquel que anuncia que o 49 por cento dos cidadáns queren que haxa un cambio e Galicia.

Recordou a exconselleira que “temos no noso país 275.900 persoas desempregadas”, das que case 52.000 son mozos de menos de trinta anos, a metade, titulados universitarios. As mulleres están sendo expulsadas do mercado laboral, porque cada vez que se ataca a Lei de Dependencia, cada vez que se alongan os prazos para recoñecer aos dependentes e cada vez que se recortan as axudas á dependencia, vólvese a cargar a responsabilidade de coidar ás persoas dependentes sobre as mulleres.

“Anosa preocupación ten que ser, primeiro o emprego, despois o emprego e en último lugar o emprego, para darlle esperanza á xente que xan non a ten”.

Para facer fronte a eses retos, os socialistas, asegurou Gallego, temos un programa que non é un trámite electoral, senón un programa que indica de onde sacar o diñeiro e onde gastalo. “Non imos prometer miragres, como fixo Feijoo, que dixo que ía rematar co paro en 45 días e temos en Galicia, desde que goberna, 133.000 persoas máis no paro”.

Cifras contra o paro

            Mucha Gallego comprometeu un gasto de 60 millóns de euros nun plan de emprego para os mozos e mozas menores de 30 anos, para ter becas contrato durante un ano en sectores emerxentes. Sabemos o que custa e sabemos a cantos podemos ocupar: a 25.000; non temos para todos, pero é unha esperanza de futuro”.

            Eses recursos, explicou a exconselleira, sairán dun imposto que se aplicará á banca, como fixeron en Estremadura, en Canarias e en Andalucía, que permitirá recadar 52 millóns de euros o ano. Pero aínda faltan oito. Imos elaborar unha fiscalidade distinta e imos buscar o diñeiro onde o haxa para que a Comunidade Autónoma poda incrementar os ingresos; e o diñeiro está na banca, nas empresas que contaminan, nas grandes áreas comerciais, que a penas pagan impostos, e así tamén axudariamos ao pequeno comercio, e nas rendas anuais superiores aos 120.000 euros. Esto vai permitir recadar arredor de 400 millóns de euros ao ano, cartos que se van dedicar a eses 25.000 mozos e mozas, contribuír que a muller volva ao mercado laboral e axudar aos parados de longa duración, para que tamén teñan unha oportunidade de insertarse”

Mucha Gallego anunciou que cun goberno do PSOE blindarán a sanidade pública universal, gratuíta e de calidade; a educación pública e universal e de calidade, con becas; e a  dependencia. “Non hai para máis, non se van poder, desta vez, facer moitas estradas, nin moitas infraestructuras, porque a situación é difícil”, e engadiu que “na priorización das cousas que se poden facer está a diferencia entre nós e Alberto Núñez Feijoo”, quen decidiu facer pagar esta crise aos que menos teñen: aos pensionistas, aos parados, aos enfermos e aos mozos, porque decidiu recadar 33 millóns de euros cobrándolle “as medicinas aos pensionistas”, que non son só os oito euros que teñen que pagar polas medicinas, porque hai moitos medicamentos que están fóra do catálogo e hai que pagalos totalmente. Se o 21 de outubro Pachi Vázquez é presidente “o copago farmacéutico eliminarémolo”.

Opcións de goberno: Feijóo ou Pachi Vázquez

En Galicia só hai dous nomes para gobernar: ou Feijoo ou Pachi Vázquez; non hai ningunha outra alternativa, O Partido Socialista non vai ofrecer cousas que non se poden cumplir, “e preferimos perder un voto antes que enganar a ninguén”, como acontece con Rajoy desde que goberna e é o que lle pasa a Feijoo desde hai tres anos e medio

Calificou de “politicamente miserable” a Núñez Feijoo “por xogar coa esperanza dos traballadores do naval contándolle á xente que asinou uns contratos con Pemex que en realidade non son contratos. “Pero non é este o único exemplo de mentiras. Temos o hospital de Vigo. Cando nós deixamos o Goberno no 2009 habían un plan funcional para facer un novo hospital en Vigo, acordado con todos os sindicatos e con todo o sector sanitario galego: un hospital público con 1.400 camas, cunha financiación de 350 millóns de euros, con diñeiro do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia”. Feijoo, abundou Mucha Gallego, tirou ese plan para dicir que se faría con financiación público-privada otorgando unha concesión a unha Unión Temporal de Empreto, cunha concesión administrativa de 20 anos, pagando os galegos 70 millóns de euros cada ano (1400 millóns de euros, fronte a aqueles 350 millóns).

Pero tampouco se construíron os centros de saúde de Tui, Salceda de Caselas, nin hai unha ambulacia medicalizada para o Baixo Miño, non se dotou de radioloxía o Centro de Saúde da Guarda, como estaba previsto, nin supliron á matrona que se xubilou no Rosal. Referiuse tamén a exconselleira a auditoría das caixas, pagada por todos os galegos, que custou un millón de euros, e non coñecemos os seus contidos, “eso si: temos 43.000 persoas atrapadas nunha estafa, que é a das preferentes, cunha comercialización fraudalenta e que tanto Mariano Rajoy como Alberto Núñez Feijoo miran para outro lado á hora de solucionar este problema”.

Intervención de Trinidad Jiménez

Fronte á presumible actitude de Alberto Núñez Feijoo de considerarse un bo xestor, dixo Trinidad Jiménez, en Galicia hai un maior déficit público, máis desempregados menos promesas cumplidas en sanidade, educación e dependencia, con milleiros de persoas agardando polas axudas. “De calquera cousa que nós falemos, o señor Feijoo fíxoo infinitamente peor, de modo que os galegos estades agora peor que antes”.

Cando Núñez Feijoo di que non tivo que pedir cartos ao Fondo de Liquidez, minte, porque ten as facturas gardadas nun caixón.

Non só para Galicia, tamén é importante para o resto de España que haxa un goberno socialista en Galicia para dicirlle “non” a Rajoy, cuxa política non está servindo para que o país vaia mellor. “De que serve tanto sacrificio e sofrimento; tanta dor, se a situación cada día en España vai pior”.

Trinidad Jiménez fixouse nas políticas dos gobernos socialistas doutras comunidades para poñelos como exemplo: Asturias, País Vasco ou Andalucía, “e en Andalucia hai moito paro, e seguramente sexa unha terra menos rica que esta, pois Galicia brinda moitas posibilidades e moitas oportunidades, pero teñen que estar ben xestionadas”.

En España “en só oito meses do Partido Popular”, dixo Jiménez, “temos medio millón de parados máis”, e se están cargando o sistema público de saúde; pechan centros de día polas tardes, eliminan camas nos hospitais e, “para despois das eleccións nos din que algúns outros servizos sanitarios van estar sometidos ao copago”, e eso afectará, de forma especial en Galicia, co transporte, dada dispersión da poboación, polo que terán que aboar unha parte do servizo; e abonarase polas cadeiras de rodas, as próteses, os colaríns, e quen sabe que virá despois.

Cárganse a educación despedindo aos profesores e aumentando o número de alumnos por aula, deteriórase a calidade da ensinanza cando “a educación e chave do futuro dun país”.

As melloras logradas nos últimos trinta anos estanas cargando, dixo Trinidad Jiménez, para engadir que xa non podemos seguir soportando máis recurtes nin axustes. Non fala Rajoy da actualización das pensións, aínda que o esixa a lei, porque iso suporían cinco mil millóns de euros que non está disposto a dar aos pensionistas.

“Os axustes sempre recaen nas mesmas persoas, sobre os mesmos grupos. Pero hai alternativas. Queremos unha fiscalidade diferente, de xeito que os que máis gañan, os que máis teñen, os que máis herdan, sexan os que paguen nestes momentos de dificultade”.

O 21 de outubro os galegos teñen que ter claro que a dereita non sabe xestionar a economía, pero tamén que as políticas sociais non son a súa prioridade.

Fixo alusión a exministra á publicidade política que emprega Feijoo na que non utiliza os símbolos do partido. “Como nos imos fiar dun presidente que decide ocultar, ao presidente do seu partido, ao presidente do seu goberno, incluso ás súas propias siglas”.

Insistiu nos recortes que dicía Rajoy que non faría, e si fixo: sanidade, educación e dependencia.  Dixo que non subiría impostos, e primeiro subiu o IRPF e despois o IVE. Non vai tocar as pensións, pero “están esperando a que pasen as eleccións, e tocará as pensións porque non soubo xestionar en Bruxelas a defensa dos intereses do noso país”.

Sanidade para os inmigrantes

Respondeu Trinidad Jiménez a unha pregunta dunha persoa na sala que se interesaba pola situación de atención sanitaria aos inmigrantes sen papeis aos que se lles retira esa atención. Para a exministra de Sanidade, os inmigrantes que están nunha situación irregular son poucos e, ademais, son persoas mozas, sas, que non teñen un uso tan frecuente da sanidade pública, e polo tanto o custe de tratar e atender a estas persoas representa moi pouco no custe global da sanidade. Cando a actual ministra de Sanidade lle ppide a Trinidad Jiménez  sentarse na mesa para asinar un pacto pola Sanidade, para mellorar a financiación  e a atención, a única condición que lle puxo, -dixo-,  é que aceptasen atender ao colectivo de inmigrantes en situación irregular. Pero negouse. E clarexou que a proposta  que lles ofrece o Ministerio de Sanidade aos inmigrantes de subscribir un convenio coa Seguridade Social, sáelles máis caro que subscribindo un seguro privado.

            O Partido Socialista, cando goberne, asegurou Trinidad Jiménez, garantirá a todos os cidadáns que vivan neste país a atención sanitaria igual que a educación.

 

Outros momentos da visita de Trinidad Jiménez (premer na fotografía)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

As frases

José M. Domínguez Freitas

quen se presenta é Feijóo que fixo desaparecer ó Partido Popular, ás gaivotas e ata o nome de Rajoy”

Pido ás mulleres, en nome de todos os homes que hoxe estamos aquí, perdón, e dicirlles que non nos sentimos representados por ese especimen que un día destes dicía a máis grande barbaridade que eu escoitei dicir nunca a un político: o de que as leis, como as mulleres, están para violalas”

 

Mucha Gallego

As mulleres están sendo expulsadas do mercado laboral, porque cada vez que se ataca a Lei de Dependencia vólvese a cargar a responsabilidade de coidar ás persoas dependentes sobre as mulleres

Imos elaborar unha fiscalidade distinta e imos buscar o diñeiro onde o haxa; e o diñeiro está na banca, nas empresas que contaminan, nas grandes áreas comerciais, que a penas pagan impostos, e así tamén axudariamos ao pequeno comercio, e nas rendas anuais superiores aos 120.000 euros. Esto vai permitir recadar arredor de 400 millóns de euros ao ano, que se van dedicar a eses 25.000 mozos e mozas, contribuír que a muller volva ao mercado laboral e axudar aos parados de longa duración, para que tamén teñan unha oportunidade de insertarse

Se o 21 de otubro Pachi Vázquez é presidente “o copago farmacéutico eliminarémolo”.

Da auditoría das caixas, pagada por todos os galegos, que custou un millón de euros, non coñecemos os seus contidos, “eso si: temos 43.000 persoas atrapadas nunha estafa, que é a das preferentes, cunha comercialización fraudalenta e que tanto Mariano Rajoy como Alberto Núñez Feijoo miran para outro lado á hora de solucionar este problema”

 

Trinidad Jiménez

Cando Núñez Feijoo di que non tivo que pedir cartos ao Fondo de Liquidez, minte, porque ten as facturas gardadas nun caixón

En só oito meses do Partido Popular temos medio millón de parados máis”, e se están cargando o sistema público de saúde; pechan centros de día polas tardes, eliminan camas nos hospitais e, “para despois das eleccións nos din que algúns outros servizos sanitarios van estar sometidos ao copago”

“Os axustes sempre recaen nas mesmas persoas, sobre os mesmos grupos. Pero hai alternativas. Queremos unha fiscalidade diferente, de xeito que os que máis gañan, os que máis teñen, os que máis herdan, sexan os que paguen nestes momentos de dificultade”.

(Respecto á prestación sanitaria aos inmigrantes sen papeis) O Partido Socialista, cando goberne garantirá a todos os cidadáns que vivan neste país a atención sanitaria igual que a educación