29/04/2013

     

    

Actividades Anabam e Pena Trevinca

 

Ampla actividade de Anabam esta pasado fin de semana na comarca

 

 

 

            Unha intensa actividade medioambiental protagonizou, esta pasada fin de semana Anabam cuxo equipo de traballo desprazouse, o sábado, aos límites do municipio de Oia con Baiona, no Alto da serra da Groba, para salvar o maior número posible de cágados de sapo de esporóns, que quedaron sen auga ao secar unha das pozas que se forman neste espazo natural. Os membros de Anabam, procederon a recoller os exemplares para trasladalos a outra charca próxima que mantiña un bo nivel de auga. Ademais os naturalistas aproveitaron a fría xornada neste lugar, que nalgún momento se atopaba a 5 graos, para tomar datos doutras especies presentes como o tritón, o sapo corriqueiro, a salamandriña galega, ou aves como a collalba, entre outras especies rexistradas.

            O domingo, a xornada foi máis intensa. Ás dez da mañá, coa colaboración do Club Pena Trevinca, de Vigo, realizouse na praia de Camposancos unha xornada de limpeza para retirar plásticos, cabichas e cristal, dentro da campaña de Team-Minho de limpeza costeira. Posteriormente, os dous colectivos desprazáronse ao Monte Santa Trega, concretamente ao <bosque para unha bolboreta> onde se fixo unha nova plantación de érvedos e se continuou coa eliminación de acacias. En total plantáronse 30 árbores. E durante a tarde, realizouse unha visita guiada ao espazo natural da Valga (Oia), para observar os anfibios e réptiles, unha experiencia que resultou nova e gratificante para moitos dos nenos participantes que coñeceron o sapo común, o tritón ibérico e o jaspeado, a saramaganta común e outras especies que teñen o seu hábitat neste espazo natural. Mesmo algúns dos adultos vencendo as súas fobias e superando a mala fama que se lles atribúe a algunhas especies observadas, atrevéronse a tocalas por vez primeira e a converterse a partir de agora en <amigos> das mesmas .

            Por outra banda, e tras o éxito de visitantes rexistrados na mostra Exponatur, que se pode ver na Casa dos Alonso, Anabam decidiu prolongar unha semana máis, ata o domingo, 5 de maio, esta exposición visitada xa pola práctica totalidade dos colexios da Guarda e máis de 2.000 persoas que eloxiaron o didactismo, a variedade de contidos e a interactividade desta exposición que reproduce distintos hábitats e repasa a natureza da comarca do Baixo Miño.

 

Outra forma de ver as reportaxes: premer na foto

Limpeza na Praia do Muíño

 

No Bosque para unha Bolboreta

 

Na Valga

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Copa Diputación: Sporting Guardés-Gondomar

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com