03/06/2013

     

    

Traxe Galego

 

O Traxe Galego mellor coñecido trala charla coloquio de Antonio Sanjurjo e Teresa Astorgano

 

            Organizado pola Asociación para a Recuperación do Traxe Galego, da Guarda, o Centro Cultural ofrece ata o 7 de xuño, unha exposición de traxes, que se complementa con elementos do entroido propios de diferentes comarcas de Galicia, e que se pode visitar de 18 a 21 horas.

            Antes da inauguración desta exposición, que forma parte dos actos do VI Desfile do Traxe Galego, que se vai celebrar o 9 de xuño, tivo lugar unha charla-coloquio, impartida por Antonio Sanjurjo Yáñez, Ton, e Teresa Astorgano, Tere, do colectivo Traxandaina, sobre a “Recuperación do traxe vello e traxe de garda”.

            Preto dun cento de persoas acudiron á presentación, dando a benvida a todos, a presidenta da Asociación para a Recuperación do Traxe Galego, Carmen González que salientou a necesaria colaboración das institucións para facer posible actos como os que se estaban promovendo.

            Julia Sobrino, secretaria do colectivo guardés, presentou aos oradores que levan compilando todo aquelo relacionado co traxe galego; confeccionado vestidos seguindo modelos orixinais. Anos de estudo, que abarcan tamén os pintores costumbristas, a recopilación de gravados, e fotografías que axudan a coñecer mellor outros modos de vida, están no amplo curriculum de Ton e Tere, que acudindo aos seus coñecementos, foron descubrindo ao público asistente, as diferentes partes que compoñen a vestimenta feminina; as cores, as teas utilizadas, as denominacións e os esforzos que están a realizar para conseguir recoller e divulgar esta parte do noso patrimonio.

            Apoiándose na proxección de fotografías, e mesmo aportando pezas do traxe feminino galego, que ía vestindo Tere, os conferenciantes aproximaron ao público  esa pretendida “Recuperación do traxe vello e traxe de garda”.

            Finalizou este acto entregando a Asociación para a Recuperación do Traxe Galego un recordo aos conferenciantes que recibiron, de igual maneira, o agradecemento do público en forma de aplausos.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Traballando

nas alfombras

de flores

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com