17/12/12

     

    

Presentación do libro sobre o Sporting Guardés

 

Máis de 200 persoas acudiron á presentación do libro “Sporting Guardés” onde se recolle a historia do club

 

            O sábado, 15 de decembro, presentouse no Centro Cultural da Guarda o libro Sporting Guardés, editado pola Deputación de Pontevedra, e no que tivo unha especial colaboración, polo traballo desenvolvido, Antolín Salinas.

            Cun salón de actos superando o aforo, unhas 250 persoas acudiron á presentación, sentáronse na mesa de oradores, o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o alcalde da Guarda, José M. Domínguez Freitas; o primeiro presidente e cofundador do club, Manuel Lomba Peña, e o actual presidente, Víctor M. Lomba.

            Entre o público, exdirectivos e directivos, adestradores e xogadores que pasaron polo equipo; afeccionados e un grupo de estafados polas preferentes, que mantiveron o comportamento respectuoso en todo momento, e só descubriron a camiseta reivindicativa no momento previo á toma da palabra por parte do presidente da Deputación, pero sen provocar ningún tipo de altercado en forma de xesto o manifestación, reuníndose, tras rematar o acto, nos corredores do Salón con Rafael Louzán ao que reclamaron a solución aos seus problemas.

            Presentou o acto Agustín Franco Lomba, que actuou de mestre de cerimonias e deu, en primeiro lugar, a palabra ao presidente da primeira xunta directiva, Manuel Lomba, coñecido no mundo futbolístico polo apelido “Peña”, quen na súa intervención cualificou de“excelente” a idea de publicar este libro, que lle pareceu un traballo “interesante e ameno – a pesar da enorme profusión de datos –, apoiado nun bo número de históricas fotografías, e moi coidado e agradable no seu aspecto tipográfico. Estou seguro de que ocupará un lugar destacado nas bibliotecas de todos aqueles que teñan a sorte de poder facerse cun exemplar”.

Lembrou que “ningún clube da nosa vila alcanzara xamais esa impresionante cota (de cincuenta nos). E aquí continúa, con vocación de chegar moito máis alá”.

Recordou a fundación do club creándose “porque un grupo de rapaces, amigos eles, querían xogar ao fútbol de forma organizada; simplemente, tal vez sen ningunha intención de trascendencia. Non o sei con certeza, porque nunca llelo preguntei, pero creo que na mente de ningún estaba o conseguir a gloria nin dar o gran salto a equipos de categorías superiores; tan só xogar ao fútbol. E tan ilusionados estaban coa idea, e tan en serio tomárono, que até se permitiron o luxo de elixir un presidente; un presidente… de quince anos de idade! Que marabilla!”

Desde aquela, seguiu dicindo "Peña", unha lexión de rapaces protagonizaron a historia do Sporting, sendo os principais elos dunha gran cadea que alcanza ao pobo enteiro. E xunto cos xogadores, mencionou aos preparadores, adestradores e instructores.

“Como non lembrar a aqueles grandes adestradores, esixentes, duros, que se empeñaban en facernos repetir series e series de flexións e abdominais, e carreiras, e voltas ao redor do campo, cando o que un quería era empezar dunha vez co partidiño (…). O noso recordo é hoxe de agradecemento e afecto para eles porque somos conscientes de que o rigor e a profesionalidade no ensino por parte do mestre son a forza que fai frutífera a aprendizaxe para o alumno. As dificultades esquécense, os logros permanecen”.

Tamén se referiu Manuel Lomba Peña a “ese público malhumorado, algunhas veces; vociferante outras; esixente sempre, que protesta iradamente por unha xogada errada, pero ao que en todo momento acharemos propicio a estalar nunha explosión de xúbilo por unha xogada ben trenzada ou un tanto memorable; que é capaz de vibrar de alegría cun floreo, e premiar, encantado, ao seu autor, cun ruidoso aplauso”.

Emocionouse “Peña” ao lembrar a moitos que tamén puxeron o seu graniño de area na vida do Sporting Guardés, pero que xa non están con nós. “Quixese que a nosa voz agradecida chegase tamén a eles, dondequeira que estean; que mesmo cruzase o noso mar Atlántico para alcanzar aos amigos e compañeiros de República Dominicana.

E aos que xa non son deste mundo, o noso recordo cariñoso porque permanecen nos nosos corazóns”.

Tralas palabras do primeiro presidente do Club, foi o actual presidente, Victor M. Lomba quen se dirixiu ao público, para agradecer, publicamente, a colaboración prestada por aqueles que fixeron posible esta publicación cedendo fotografías, recordos ou aportando ideas.

“Aquí está resumida en 190 páxinas, da mellor maneira que puidemos, conscientes de que haberá erros e que nos quedaron moitísimas cousas no tinteiro, a historia do Sporting Guardés. Historia que comeza cun grupo de amigos que reunidos moi preto de onde agora nos atopamos, un 2 de marzo do ano 1958, deciden formar un club de fútbol”. Desexo que para todos os que formaron parte do club, sexa un orgullo o libro e que o club do que un día formaron parte, continúe cada domingo, lucindo as cores amarela e negra.

Destacou o esforzo dos xogadores que “poden presumir de levar 13 vitorias de 13 partidos disputados, que non as ten nin o Barcelona”.

De seguido por parte da Corporación da Guarda, representada polo rexedor local, José M. Domínguez Freitas; o concelleiro de Deportes, Javier Crespo; a edil portavoz do Partido Popular, Fani Iglesias, e do concelleiro portavoz do BNG, Xan Lois Lomba Alonso, entregáronse os diplomas aos fundadores e presidentes que pasaron polo Sporting Guardés, ea s colaboradores destacados, como Antolín Salinas Pérez, pola súa contribución para que o libro fose posible, e a Jesús Santiago, conservador do campo de fútbol, que cos seus 95 anos quixo estar presente neste acto.

            Fixeron, para rematar, uso da palabra o presidente da Deputación e o alcalde da Guarda.

Rafael Louzán referiuse á publicación do libro “iniciando este este camiño fai algúns anos para poder presentar hoxe e entregar esta publicación” Este documento, engadiu, queda para a historia da Guarda recolléndose nel caras de moitas persoas que, por desgracia, xa non estan con nós. Por eso supón tamén unha homenxe a todas as persoas que formaron parte da historia deste club

            Salientou o traballo realizado coa base do club que con 55 anos, que fará no mes de marzo, “é un club histórico que agora mesmo está na segunda categoría autonómica e ten que volver a esa senda na que estivo e que chegou incluso, con José Luis Alonso Riego como presidente, á 3ª división, e creo que sería unha aposta decidida volver recuperar o esplendor daquel entón. En todo caso o importante é que siga coidando a base, e Víctor me decía que hai unha base extraordinaria de cativos practicando este deporte”.

Cualificou de grande avance dotar o Estadio da Sangriña, hai xa cinco anos, de céspede artificial “porque A Guarda merecía unha instalación deste tipo”, e tivo tamén o presidente de Deputación palabras para a afición guardesa, da que dixo que “era extraordinaria, unha afición entregada” e asegurou que hai poucas na provincia de Pontecedra que acuda de maneira maioritaria a ver e apoiar ao seu equipo.

            Pechou o acto José Manuel Domínguez Freitas cun recoñecemento persoal, da Corporación e de todo o pobo a “todos aqueles que fixeron posible os 55 anos do Sporting Guardés”.  Recoñecemento extensible “a todas esas persoas que fixeron posble o ata aquí andado e o reto que iso supón, porque deixáchedes o listón tan alto que os que veñan detrás terán que facer o posible para engrandecer, e para facer máis importante, se cabe aínda, ó Sporting Guardés”.

            Agustín Franco, ao concluír o acto, invitou aos presentes a recoller un exemplar do libro editado pola Deputación.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Conferencia

sobre flora

 ornamental

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com