26/10/12

     

    

Homenaxe en Sestás aos fusilados

 

Emotivo acto de homenaxe ante a Fosa común de Sestás na Guarda organizado por CC.OO.

 

            Máis de sesenta persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, sobre todo de Vigo e o Baixo Miño, participaron o 25 de outubro nun acto de homenaxe anual ante a Fosa Común de Sestás, onde descansan os restos dos fusilados polo franquismo.

            Celso Alonso, que abriu a quenda de intervencións en nome da Federación de Pensionistas e Xubilados de Vigo-Baixo Miño, dixo que <é lamentable que esta barbaridade ocorrese en xentes civilizadas”. Transmitiu o saúdo do secretario da Unión Comarcal de CC.OO., José Cameselle, que nesta ocasión estivo ausente por enfermidade, e cedeu a continuación a palabra a Benjamín Rocha, en representación da sección de Vigo que lembrou que é o colectivo que ano tras ano <organiza este acto tan entrañable e de xustiza> con quen están aquí enterrados e que foron asasinados, “por reclamar xusticia, igualdade, paz, pan e traballo para todos”. Lembrou que o goberno da República fose elixido democraticamente pero tombado polos antidemócratas, e recuperou as palabras de Millán Astray, fundador da Lexión e amigo íntimo do ditador Franco, “cando reclamaba: abaixo a cultura, viva a morte”. Destacou a dura realidade vivida pola xente que “como esta reclamaba xustiza e liberdade, valores dos que somos herdeiros e polos que temos que loitar día a día. Porque os tempos non son propicios”. Benjamín Rocha asegurou que “hai un interese grande por recortar dereitos laborais, que xa están recortados e aínda queren recortar máis; dereitos no ensino, na sanidade, en prestacións sociais, dereitos que levaron tantos anos en se conquistar pola sociedade, e resulta que os están cernando” e nos últimos nove meses estes logros están a retroceder dunha maneira sorprendente, dando marcha atrás a ese estado de benestar que merecemos.

            Cualificou o campo de concentración de Camposancos como o Mauthausen español, segundo denominación dada por algúns, onde se ateigaban miles de persoas; onde houbo fusilamentos sen xuízo e onde se aplicou unha lei inhumana, como a lei de fugas. Cualificou de asasinatos viles os realizados nas cunetas de Oia, A Guarda, San Simón ou Figueirido. E non quixo esquecer a solidariedade do pobo da Guarda, especialmente de Camposancos, cos prisioneiros de campo de concentración “cos que se envorcaron axudándoos e solidarizándose”.

            Pechou a quenda de intervencións o alcalde da Guarda, o socialista José Manuel Domínguez Freitas, quen dixo que máis que un deber estar presente era “unha honra para o alcalde da Guarda estar neste acto” agradecendo que cada ano “convidedes ao alcalde estar aquí neste acto tan emotivo, e agradecer a Comisións que cada ano siga convocando este acto en honra destas persoas que loitaron pola xustiza, pola igualdade, por uns ideais que, ao final, leváronos a perder o ben máis prezado: a súa propia vida”.

            Tivo un recordo especial para José Cameselle, ao que desexou a recuperación da saúde “para seguir a loita sindical nestes tempos tan duros e tan difíciles”. Cualificou de acto de xustiza homenaxear a estas persoas que loitaron por defender uns dereitos e que lles custou a vida. “E hai que sacar unha ensinanza diso”, dixo en referencia a estes tempos difíciles, “e é que continuemos a loita pola liberdade, pola xustiza, polos dereitos sociais, e non decaiamos a pesar de que seguramente aínda veñen meses, ou quizais uns cantos anos malos”.

            “É unha honra ser alcalde deste pobo polo que fixeron aqueles guardeses no ano 36, 37, 38 e 39 en favor de quen estaban no campo de concentración dos xesuítas; por todo o ben que lles fixeron, e porque cando neste país aínda non se falaba de memoria histórica, os guardeses e as guardesas fomos capaces de erixir este monumento para honrar a memoria desta xente”, e lembrou que nalgún caso esa solidariedade terminou formando parella entre dalgún dos confinados no campo de concentración con veciños da localidade.

            O emotivo acto diante a Fosa Común de Sestás finalizou cantándose a Internacional. Pola tarde guardeses como José Antonio Uris Guisantes e Rafael Rodríguez Ribero, ofrecéronse voluntarios para continuar o labor de limpeza da Fosa Común, sobre todo das pedras que configuran este recinto.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Certame de

Fotografía

VIAXANDO

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com