26/11/12

     

    

Procesión de Sta Catalina

 

Percorrido procesional de Santa Catalina que levou a imaxe pola beira do mar

 

            Unhas cento cincuenta persoas congregáronse na Misa que en honor a Santa Catalina se celebrou no santuario de San Queitano, o domingo 25 de novembro, oficiada polo crego José Luis Blanco quen fixo unha breve semblanza da santa, unha das mulleres, dixo, máis veneradas da igrexa despois da Virxe María, e clarexou que non todo canto se conta dela é realidade, aínda que destacou a súa fidelidade para con Deus.

            Trala celebración litúrxica, nunha xornada climatoloxicamente favorable, saíu a procesión abrindo a comitiva a imaxe de Santa Catalina portada por diferentes devotas, cun percorrido que pasou polas rúas San Queitano, Inguieiros, Fernández Albor e parada, antes de continuar, na Fonte-Lavadeiro de Santa Catalina, onde Xamaraina bailou “Muxicas” e se estourou unha traca.

            Desde aquí, iniciouse a subida polo camiño paralelo á Canteira, un fermoso traxecto en pendente cunha parte enlousada, que posúe un encanto especial. Alguén ata se atreveu a dicir que “xa temos o noso sanmartiño”, e alusión ao percorrido que no Rosal, e tamén en novembro, realiza a procesión de San Martiño.

            Unha vez finalizada a procesión, subiron ao escenario o grupo Xamaraina que bailou dúas pezas para o público que se encontraba no recinto cuberto por unha carpa no adro de San Queitano.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Callos, fabada e Serán na I Romaría de Sta. Catalina

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com