26/02/2013

     

    

Andainas Saudables en Tui

Reportaxe: Beti Rey

 

A Eurocidade Tui-Valença organiza 17 andainas para 2003 nas que agarda que participen máis de 2.500 persoas

 

Un total de dezasete andainas configuran o programa de Andainas Saudables que promove para este ano a Eurocidade Tui-Valença. A presentación desta actividade tivo lugar onte no antigo convento de Santo Domingo de Tui a cargo do alcalde de Tui e do presidente da Cámara de Valença, o secretario Xeral para o Deporte, o director Xeral de Relacións coa Unión Europea, e os concelleiros de deportes de Tui e Valença. Tamén participaron os representantes de Celtas do Minho e Verdeazul que serán os responsables de guiar estes percorridos.

Son un total de 17 andainas as previstas para este ano entre o 9 de marzo e o 14 de decembro. Haberá dúas que se van celebrar fóra do territorio da Eurocidade e outra andaina será nocturna.En 2012 nas 13 andainas realizadas participaron 1000 persoas e percorreron 167 quilómetros. Este ano agardan chegar aos 2.500 participantes xa que se incrementa o número de actividades a realizar e os quilómetros a percorrer serán 172.

Marina Carvalho de Montañeiros Celtas do Minho explica que as andainas serán en Valença o segundo sábado de mes e en Tui o último domingo de mes. Entre as novidades deste ano está a publicación dun pasaporte onde figuran o programa completo previsto e que será selado en cada andaina. Tamén convocarán un concurso fotográfico entre outras iniciativas a realizar para incentivar a participación.

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, abriu a súa intervención salientando que este circuíto de andainas saudables é “un bo exemplo do futuro desta Eurocidade, e do cómo un bo traballo conxunto pode dar os seus froitos, de cómo aunando esforzo se poden optimizar recursos e se pode facer máis con menos”. Esta actividades explicaba o edil que forma parte dun proxecto deportivo que este ano estará conformado por 13 eventos: torneo de fútbol 7 benxamín e alevín, campionato ibérico de Kung-Fu, torneo de pesca deportiva, proba de bicicleta de montaña, carreira atlética de 10 quilómetros, cuadriatlón, trofeo de balonmán, liga de fútbol sala, campionatos de tenis e de baile deportivo e un festival aéreo.  Algunhas destas probas se celebraron xa o ano pasado “colocando á Eurocidade no mapa deportivo galego do norte de Portuga” segundo Nicolás Lorenzo. Amais o concelleiro salientaba que “un dos nosos obxectivo prioritarios é ter unha poboación físicamente activa” e por tanto “máis sa e máis feliz e con maior benestar e calidade de vida”.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, manifestou que a súa presenza neste acto interprétase como un símbolo de apoia da súa Dirección Xeral a esta Eurocidade, a que explicaba “lle temos especial cariño porque é unha iniciativa que nace da  propia demanda social”. Engadía que esta é unha Eurocidade xa coñecida en Bruxelas apuntando que contou e vai contar con distintas iniciativas da Unión Europea.  Avanzaba amais Jesús Gallamo que están a ultimar a publicación dunha Guía de Recursos da Eurocidade que vai recoller non só os recursos patrimoniais das dúas cidades senón tamén os gastronómicos, de lecer...

O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, sinalou que “hoxe vense posibilidades, fiestras de colaboración entre fronteiras. O río é un elemento común e a Eurocidade é a oportunidade para dar resposta aos desafíos que temos”. Avanzou amais que no prazo dun mes, aproximadamenteo, abrirá en Tui unha Unidade de Promoción do exercicio que terá a súa sede no Centro Interfederado de Remo e Piragüismo en Tui, na que se prestará asesoramento á poboación da Eurocidade sobre a práctica de actividade física para mellorar a calidade de vida. Ao fronte desta unidade estará un licenciado/a en Ciencias da Actividade Física.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, expuxo que “a Eurocidade non é un proxecto que se teña quedado no papel senón que está a ter o seu desenvolvemento na sociedade tudense e valenciana a favor do seu futuro, neste caso en favor da mellora da súa actividade deportiva”. Aludiu amais a proxección como destino turístico  tanto no Norte de Portugal como en Galicia.

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, afirmaba que “a Eurocidade está viva e ten moito futuro” engadía que agora as dúas cidades traballan na mesma dirección e se van coñecemento pouco a pouco. Explicaba que “temos moito máis que ofrecer pero queremos ir dando os pasos pouco a pouco”. Por último animaba o rexedor tudense a participar nas andainas programadas para este ano 2013.

A presentación desta Andainas contou coa protesta sonora dos afectados polas participacións preferentes que no exterior do antigo convento de Santo Domingo fixeron soar as súas bocinas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Copa de la Reina: semifinalis con el Mec. Atlético Guardés

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com