09/12/2013

     

    

Inauguración do Parque Castelo de Santa Cruz

 

A Guarda xa ofrece o seu novo parque: o Castelo de Santa Cruz que abriu o venres as súas portas

 

            Guardeses, pero tamén os visitantes, contan desde o 6 de decembro cun novo parque que culmina un proceso que supón a “devolución” aos guardeses dun espazo único e singular: o Castelo de Santa Cruz, de 22.000 metros cadrados de extensión, e preto dun km de perímetro.

            Ás 12 do mediodía, nun acto conducido por Manuel Santos, que actuou como presentador, iniciábase a apertura pública do Castelo, despois das obras realizadas para a súa rehabilitación, aínda que a inauguración oficial se reserva, como apuntou o rexedor, José Manuel Domínguez Freitas, a que a axenda da ministra de Fomento o permita.

            José Manuel González González, en representación da administración, sinalou que o Castelo de Santa Cruz forma parte das construcións que se realizaron no Baixo Miño, e na raia seca, con ocasión da guerra de Restauración portuguesa, tendo como elemento diferencial, o ser o único recinto directamente relacionado coa fachada atlántica.

Este espazo, dixo noutro momento, cobra unha especial relevancia polo seu uso social e lúdico, pero é tamén un valor de cara ó turismo.

Precisou que os esforzos para a súa recuperación centráronse en controlar o desenvolvemento vexetal, e en realizar actuacións para protexer a fortaleza con actuacións nos catro baluartes, especialmente no da Guía.

Considerou tres elementos fundamentais na apertura pública deste recinto: ser reclamo como elemento par atraer visitantes; gozar deste espazo como parque botánico e converterse proximamente no centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas.

José Manuel Domínguez Freitas, alcalde da Guarda, fixo unha breve reseña da historia deste castelo e lembrou que “durante moitos anos foi algo totalmente descoñecido para os guardeses”. Referiuse ao PXOU de 1993 que posibilitou a construción en parte da parcela exterior, a cambio das cesións sendo a máis importante o propio castelo.

Tamén dixo que no ano 2011 o Goberno local acudiu ao “1 por cento cultural” do Ministerio de Fomento, que consiste en que este organismo destina o 1 por cento do montante das súas contratacións á restauración de Bens de Interese Cultural, recibindo A Guarda aproximadamente un millón de euros, así como outra colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio. En abril de 2012 adxudícanse as obras e o 6 de decembro de 2013 é posible xa abrir a porta deste espació ao público.

José Manuel Domínguez Freitas quixo, entre outras moitas persoas que participaron nesta realidade, mencionar a “tres familias que posibilitaron a reconstrución da muralla situada á esquerda de Pórta da Vila, que estaba totalmente desaparecida e que cederon altruistamente os seus terreos”.

A especialista en fortalezas, Rebeca Blanco Rotea. explicou en percorrido guiado, algúns dos elementos do Castelo, e apuntou algúns datos históricos deste espazo. Antes o grupo de gaitas A Boalleira, e o de baile, Xamaraina, ofreceron tres pezas ao público asistente, quedando oficialmente aberto este histórico recinto, declarado Ben de Interese Cultural, que abrirá as súas portas, en horario de inverno, de 10 a 18 horas e que, no mes de decembro, contempla visitas guiadas as fins de semana ás 12 do mediodía.

  

Outra forma de ver a reportaxe; premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Ignacia Cadilla Alonso cumpriu 104 anos

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com