17/01/2016

     

 

Paletada-Laconada de San Amaro

    Estas fotos poden mercarse en papel fotográfico enviado un correo electrónico a

galiciasuroeste@gmail.com

(Recóllense na Academia Ferreira, A Guarda

Telef 986 61 17 99)

 

A Paletada-Laconada de San Amaro abriu as citas gastronómicas da comarca en 2016

 

            Aproximadamente 175 comensais reuníronse o sábado, 16 de xaneiro, na Paletada-Laconada de San Amaro, cita gastronómica organizada polos comuneiros da parroquia de Camposancos que recuperan un encontro que antes se celebraba no Terreiro de Camposancos, con ocasión da romaría de Sanamaro, romaría xa desaparecida pero non o seu espírito de confraternidade grazas a esta iniciativa comunal cuxa primeira edición se celebrou no ano 1998.

            Once anos leva Manuel Alonso, da Pizzicata, na “cociña” de San Amaro preparando un prato exquisito e no seu punto, como afirman non só os comensais, senón os propios organizadores que contan co bo facer de Manolo, quen explica que nesta ocasión utilizou 70 kg de paleta, 60 de lacón, 25 de chourizos, outros 70 de patacas e 200 manoxos de grelos para que ninguén quedase con “ganas” para comer e puidesen repetir prato. Ademais houbo entrantes en forma de empanada, croquetas, empanadillas e fiambres, e como prostres rosca e rosquillas entre outros produtos, viño, refrescos, licores varios e café.

            Unha vez máis o antigo colexio das Xesuítas da Pasaxe, “berce” das universidades de Deusto e Comillas, centro de referencia cultural e educativa até mediados do século XX, onde se formaron importantes personalidades do mundo do coñecemento e da política; lugar onde se comezou a falar do Paleolítico galego, ou onde naceron obras de consulta obrigada aínda hoxe en día como as referidas á botánica, por citar só un exemplo; pero tamén cunha historia triste ao ser convertido en campo de concentración do franquismo chegando a acoller até a 5.000 prisioneiros algúns dos cales foron asasinados na Sangriña e repousan na Fosa Común de Sestás, foi o escenario deste encontro máis amable coa gastronomía.

            Álvaro Martínez Carrero, vogal da Comunidade de Montes e dalgunha maneira responsable desta cita, mostraba a súa satisfacción pola resposta dos veciños e a camaradería que se comparte nesta cita. Lembraba a algúns comuneiros que xa non compartirán mesa pola inexorable lei da vida terreal e facía votos pola continuidade deste encontro veciñal, organizado pola Comunidade de Montes en Man Común de Camposancos, presidida, en funcións, por Iris Ramírez Carrero, e que o próximo día 30 de xaneiro celebrará eleccións para elixir unha nova Xunta Directiva.

            Antes do xantar, a Treboada Camposina percorreu as rúas do pobo anunciando o encontro que, un pouco antes, fíxoo cunha tirada de bombas e que terminou con sesión discoteca e a actuación do grupo Xamaraina, dirixido por Elena Baz.

            En definitiva, a Paletada-Laconada de San Amaro abriu na Guarda e a comarca as citas gastronómicas que continuarán con distintos encontros culinarios até o final de 2016 honrando o padal a distintos produtos que fan desta terra baixomiñota unha despensa de viños e comidas máis que apetecibles, como pudo ser, ó seguinte día, 17 de xaneiro, en Oia, a Chourizada na contorna da Capela de San Sebastián.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer nas imaxes

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Reis Magos na Residencia Monte Tecla

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2014

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com