04/03/2014

     

    

Exposición Fray Rosendo Salvado

Reportaxe: Beti Rey

 

A figura de Rosendo Salvado foi enxalzada en Tui co gallo do bicentenario do seu nacemento

O pasado sábado tiveron lugar en Tui os actos centrais conmemorativos do 200 anos do nacemento na cidade de Rosendo Salvado. A primeira cita estivo na Catedral de Tui onde o bispo da diocese de Tui-Vigo presidiu unha eucaristía na que o coro Vox Stellae interpretou a misa en Do M escrita polo propio Salvado.

Pola tarde, ás 18.30h, na casa natal do que fóra bispo de Nova Nursia, na rúa que leva o seu nome descubriuse unha placa conmemorativa. A continuación o Teatro Municipal acolle o acto institucional no que a pianista tudense, Andrea González,  interpretou tres pezas escritas no seu día polo homenaxeado.

Na quenda de intervencións o comisario da exposición sobre Salvado e membro do Consello da Cultura Galega explicou que aínda queda moito por facer xa que dicía “pouco se sabe en Galicia da súa obra culturizadora e moito menos da súa epopea, e das fondas dificultades que tivo que vencer para que os aborixes australianos se equipararan nos seus dereitos aos colonos occidentais”.  Dicía que “nesta terra descoñécese aínda moito dunha personalidade cun carácter singular  que tanto lle permitiu compartir os costumes e tradicións das tribos aborixes...como tratar e negociar con reis e papas”.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, apuntou na súa intervención que “Salvado foi un gran galego que levou a nosa cultura ás nosas antípodas”.

O bispo da diocese, Luís Quinteiro Fiuza, comezou dando lectura a un correo que o  bispo auxiliar de Perth, Australia, lle enviara esa mesma tarde. Engadiu que “en Salvado atopamos unha persoa excepcional cuxa escola foi a súa terra”.

O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez Abad, sinalou que “a pegada dun home inmenso como Rosendo Salvado expresa  o pulo xerado no seu berce, e Tui e Galicia poden sentirse orgullosos do que dende elas a través deste ser humano fascinante recibiu a humanidade”.

Posteriormente foi inaugurada na Sala Municipal da Área Panorámica a mostra sobre Rosendo Salvado, organizada polo Consello da Cultura Galega, que se pode visitar ata o 30 de marzo.

 

Exposición Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe

Por outra parte a Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica de Tui, acolle ata o 30 de marzo a exposición  Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe organizada polo Consello da Cultura Galega. Na mesma preséntanse vinte paneis con fotografías tomadas por Santos Salvado, irmán de Rosendo, e palabras aborixes,  xunto a outros unha colección de obxectos pertencentes ao Pai Salvado coma cartas, libros, cadros ou a súa cruz pectoral do Pai.

 

 

   

 

  

 

Música en homenaxe a F. Rosendo Salvado

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

O conselleiro de Industria visita Utingal

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com