22/07/2013

     

    

Salinas de Camposancos

 

O concello da Guarda inicia  a posta en valor das “salinas” de Camposancos

            O concello da Guarda leva a cabo a limpeza e sinalización das posibles “salinas” de Camposancos que se atopan nas proximidades da Residencia Monte Tecla, na Lagoa, unha actuación financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

            Anabam, que iniciara a catalogación destes elementos do Patrimonio que se estenden por distintos puntos ó longo da costa guardesa, visitou o lugar e o presidente deste colectivo, Agustín Ferreira, manifestou a súa satisfacción porque se ampare un patrimonio que aínda hai que investigar.

Antecedentes

            Polo ano 1982, Antonio Español Gil, xa finado, e Antón Ferreira Lorenzo, realizaron un percorrido costeiro, polo litoral da Guarda, que repetirían en varias xornadas, na procura das “salinas”. Froito daquelas indagacións foi un trítico publicado en 1984 pola Agrupación Cultural Guardesa, da que ámbolos dous formaban parte. Ademais dunha descrición rápida destes elementos, mencionaban naquel trítico de hai case trinta anos “que localizamos ata a data: seis (salinas), na zona de Punta Bazar; catro nas inmediacións da praia Area Grande, e cinco na desembocadura do Miño”.

            Daquela, Antón Ferreira escribira a varios museos aportando documentación gráfica buscando algunha explicación a estas “laxes-pileta” e “lousas-pileta”, sen obter resposta.

            Hoxe o número das localizadas supera amplamente o coñecido daquela, xa que desde Anabam se continuou na procura deste tipo de elementos que forman parte do patrimonio local, do que tamén existen algunha mostra en Vila Praia de Áncora, onde Antón Ferreira puido ver algúns exemplares hai uns vinte anos. Non obstante, a falla de medidas de protección motivou que algunha das “salinas” desaparecesen do seu lugar, como aconteceu nas proximidades do Puntal, en Camposancos, zona esta que presenta aínda un número importante destes elementos en rochas exentas.

            Cándido Verde Andrés, afeccionado á Arqueoloxía, atopou hai uns doce anos, un importante conxunto de “salinas” na zona próxima á Residencia Monte Tecla, onde agora se traballa para a súa sinalización, quedando parte delas soterradas baixo a estrada que dá acceso á Residencia, aínda así en superficie, na Lagoa, consérvanse máis dunha ducia, que se uniron, xunto con outros, localizados nos últimos anos a carón do río e nas rochas do Puntal, e mesmo a carón da estrada que pasa pola Lagoa, aos rexistros cos que xa contaba Anabam.

Nunha primeira catalogación, as “salinas” podemos clasificalas como fixas e exentas. As primeiras foron realizadas sobre as mesmas laxes; as segundas, en pedras e rochas de granito illadas, que nalgúns casos foron reutilizadas, con outras pedras, como divisións de propiedade, marcando o perímetro das leiras, como sucede, por exemplo, en Camposancos. A técnica, de realización, é semellante en todas elas. Trátase dun rebaixe duns dous centímetros realizados na superficie dando lugar a unha pileta cun borde perimetral, que se destinaría a recoller a auga salgada que unha vez evaporada, permite obter o sal.

 

Salina usada como delimitación dunha finca

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Festa do Avó

(Club da 3ª Idade

da Guarda)

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com