24/09/12

     

    

Romaría de Santa Trega (23 de setembro)

  

As témporas que auguran un outono de auga, non impediron a presenza de centos de romeus en Santa Trega

 

            Xornada de chuvieiros e tímidos claros competindo con voluminosas nubes cargadas de humidade foi a que se viviu o 23 de setembro, día grande na Guarda que celebraba a festividade de Santa Trega, no Monte ao que dá nome a protomártir de Iconio e que, a pesar das inclemencias meteorolóxicas, congregou por centos aos romeus que acudiron aos distintos oficios relixiosos que tiveron lugar durante a mañá, sobre todo á Misa solemne das once, cooficiada por tres sacerdotes, e no que tamén participaron, en representación dos seus respectivos concellos, os alcaldes do Rosal, Jesús María Fernández Portela, e da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas. Tamén concelleiros, como o de Patrimonio, Javier Crespo; o patrón maior da Confraría de Pescadores, Francisco Rodríguez, e unha representación da Garda Civil.

            Coa ermida ateigada de fieis, e aínda no exterior, onde foi necesario abrir os paraugas aguantando estoicamente os chaparróns que motivaron expresións como <Dios mío la que está a caer>, do principal oficiante, trancurriu a misa solemne. Non puido saír a procesión e os fieis bicaron as reliquias que se gardan neste santuario: un fragmento de óso dun dos brazos de Santa Trega, e unha fragmento do Lignum Crucis, o madeiro no que crucificaron a Cristo.

            Os devotos pasaron estampas e panos polo manto de Santa Trega, ou o bicaron, enxugándose tamén con el. Deixaron os seus exvotos co forma de brazos, pernas, cabezas, corazóns, peitos ou torsos, aos pés da protomártir reclamando curación ás súas doenzas, á que se ten como avogada da cabeza e do corazón E no interior do Hotel Pazo o grupo de gaitas Os Pelouros, que dirixe José Peniza, deixou os sons que non puideron darlle ao vento.

            Noutro escenaro, este ano foi o alpendre para evitar a posible choiva, tivo lugar a poxa dos produtos ofrecidos a Santa Trega: cebolas, patacas, mariscos, encaixes, lambetadas, animais, sobremesas e outras dádivas que se subastaron apresa e sen o encanto que leva este acto que habitualmente ten lugar na chaira do Púlpito, pero as condicións meteorolóxicas mandaban neste 23 de setembro.

            Aínda que algún se armou de valor e até abriu algún toldo baixo o que aguantar os chuvascos e comer no monte como manda a tradición, os piñeiros, nesta ocasión. non ampararon a ninguén e o xantar celebrouse na casa, coa final resignacion de “outro ano será”.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Ruta da Desembocadura

PR-G160

 

Outras reportaxes

 

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com