14/10/2013

     

    

Romancha do Cabaqueiro

 

O Rosal inaugurou o Centro de Interpretación de Os Cabaqueiros coincidindo coa Romancha dos Cabaqueiros

 

            O Rosal celebrou o pasado sábado a Romancha dos Cabaqueiros, na súa XXVI edición. A xornada comezou ás 16.30 horas coa entrega de premios aos gañadores do torneo de Futbolín Os Cabaqueiros. Ás 17 horas o alcalde do Rosal, Jesús Fernández, e a concelleira de Cultura, Charo Tabales, inauguraron o Centro de Interpretación Os Cabaqueiros. Charo Tabales dixo que era unha débeda que o concello tiña co Rosal, pero tamén cos cabaqueiros, para deixar constancia ás xeracións futuras dun oficio xa desaparecido, e que agora é posible grazas aos propios protagonistas e a moitos veciños que colaboraron para que esta exposición permanente, que se poderá visitar os domingos de 11 a 13 horas, fose posible. Explicou que o espazo distribúese en tres salas. A recepción, na entrada; unha segunda na que se mostran útiles e se explícan, mediante paneis, a historia deste oficio, a súa orixe os desprazamentos e a diversificación do traballo, entre outros contidos, e unha terceira, que ten que ver con todo o relacionado co “verbo”; é dicir, a fala dos cabaqueiros que crearon unha linguaxe propia para non ser entendindos por estraños, e onde tamén se ofrecen vídeos de entrevistas cos protagonistas das telleiras.

            Para elaborar estes contidos, Charo Tabales explicou que se recorreron ás fontes documentais, pero tamén se falou cos mesmos cabaqueiros. E lembrou como desde o concello, en 1985, comezouse a divulgar este oficio creándose unha festa propia de homenaxe aos cabaqueiros, ademais de inaugurarse unha escultura, obra de José Antúnez Pousa, presente na sala.

            A continuación, xa na Praza do Calvario, inaugurouse a Romancha do Cabaqueiro, que comezou cunhas palabras de recordo para o desaparecido Manuel Rodríguez Martínez, máis coñecido como <O Trintiña>, que foi, dixo a concelleira de Servizos Sociais, un puntal importante nesta celebración, <un Mestre telleiro> que faleceu o 24 de xaneiro.

            Charo Rabales presentou ao pregoeiro, Javier Crespo, profesor de Xeografía e Historia no IES A Sangriña, que se referiu á romaría-homenaxe ao Cabaqueiro, asegurando que “xa forma parte do Patrimonio Etnográfico Galego”. Falou da microhistoria, recorrendo aos seus recordos de nenez para referirsr aos cavacos (con v), anacos de madeira na carpintaría do seu pai que recollía para “prender o lume na lareira do fogar”, e regresou á actualidade para mencionar os cabacos “agora con b”; ou sexa, tellas e ladrillos.

            No seu ilustrativo discurso, viaxou ás culturas fluviais, como a Mesopotámica, e ás clásicas, como a romana, para referirse á cerámica, pasando polo castro de Santa Trega, e chegando á actualidade.

            Montederramo, de onde é natural o profesor Javier Crespo, lembra aos cabaqueiros do Baixo Miño que traballaron neste termo municipal, con topónimos como “A Telleira”, manexando nombres propios que forma parte desa microhisttoria local de aquí e de alá.

            Recorreu á Voz da Tecla para ilustrar o que aquel semanario publicaba no ano 1911 cando se refería “ao desfile de fabricantes de tella, que foi inmenso, saíndo do Rosal o 70 por cento dos homes”, e insistindo ao ano seguinte no despoboamento de parroquias, como a guardesa de Salcidos que queda sen homes que se van ás telleiras.

            E tras estas inervencións, iniciouse, por cabaqueiros veteranos, sendo narrador dos feitos Xoán Martínez Tamuxe, a elaboración de tellas e ladrillos, seguindo os métodos dun oficio que desapareceu a comezos dos anos 60.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

A Garda Civil honrou á Patrona Virxe do Pilar

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com