24/02/2014

     

    

Libro Pontifical restaurado

Reportaxe: Beti Rey

 

O libro pontifical da Catedral de Tui volveu ao seu arquivo tras a súa completa restauración. O conselleiro de Cultura, o alcalde de Tui, e o bispo da diocese estiveron na entrega do códice no templo tudense

Dende o 23 de xaneiro volve estar no Arquivo da Catedral de Tui o libro Pontifical deste templo logo da restauración do mesmo realizada no Arquivo do Antigo Reino de Galicia na Coruña. O propio conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez Abad, achegábase a Tui para facer a entrega simbólica do libro ao bispo da diocese Luís Quinteiro Fiuza. No acto estivo presente o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, así coma o deán da Catedral, o secretario Xeral de Cultura, e os xefes territoriais de Cultura e Educación, entre outras personalidades.

O deán da Catedral, Don José Dieguez Diepa, explicou que o libro Pontifical está datado no século XIV, estimándose que a súa orixe poida estar en Italia segundo os investigadores. Este libro litúrxico, que consta de 269 folios, está dedicado ás celebracións do bispo.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou que entre os elementos patrimonais importantes da cidade está a Catedral, a única da provincial pondo de relevo a importancia de que este códice volva á cidade restaurado. Amosou o seu convencemento en que o investimento en cultura é rendible e en patrimonio é fundamental. Salientou amais as obras que se están a acometer para conservar este patrimonio como as que se realizan na propia Catedral. Avanzaba amais que o PECH, o Plan Especial do Conxunto Histórico, está na súa fase final, e a súa entrada en vigor dicía que “axudará a pór en valor a zona”.

O conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez Abad, destacou en primeiro lugar coma este códice foi un dos doce libros expostos por vez primeira ao público a finais de 2012 na Cidade da Cultura, nunha mostra que foi visitada por máis de 23 mil persoas. Logo explicaba que o libro foi restaurado polos especialistas do arquivo do Reino de Galicia volvendo a enlazar no corpo do libro un par de páxinas soltas que tiña, pulindo o peche que presentaba oxido, a cuberta foi unida de novo, os nervios do tomo recreáronse con cordel de bramante, a totalidade da obra foi limpada e hidratada, e creouse un estoxo específico que favorecerá a súa conservación. 

Facía tamén Jesús Vázquez referencia a que as vinte letras capitais decoradas que posúe nos remite na escola europea. Puntualizaba que é un caso único que configura un códice excepcional.

Deixou constancia o conselleiro do seu compromiso do Catedral de Tui que dicía “asumimos e asumiremos nos vindeiros anos”.

            Pechou  a quenda de intervencións o bispo da diocese Tui-Vigo, Monseñor Luís Quinteiro Fiuza, quen agradeceu ao conselleiro a súa presenza en Tui. Destacou que o libro Pontifical ten un valor extraordinario, engadindo que é unha riqueza que temos, que nos legaron, e que temos que conservar, transmitir e ensinar.

Salientaba o bispo que “o camiño que se está a percorre ren Tui é exemplar porque non dependen só dos medios materiais senón tamén dunha conxunción de empeño” en alusión á colaboración das distintas institucións.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Xuntaza do Pavo en Oia do Ciclismo Oiense

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com