27/05/2013

     

    

Manuel Ángel Pombal Diego, Peque, homenaxeado

 

Manuel Ángel Pombal, Peque, recibiu o recoñecemento ó seu amplo labor cultural e social

 

            Cun salón de actos cheo, aproximadamente 230 persoas nun aforo de pouco máis de 180, aproximadamente delas o 70 por cento, oienses, celebrouse o venres, 24 de maio, a clausura dos actos do Día das Letras Galegas, organizados pola Agrupación Cultural Guardesa, que preside Julia Sobrino.

            Neste ano o personaxe da comarca elixido foi o oiense Manuel Ángel Pombal Diego, máis coñecido como Peque.

            Presentou o acto, como vén sendo habitual, Manuel Santos que foi avanzando en cada momento o programa  proposto, que comezou coa actuación das pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, dirixidas por Berta Castro, grupo no que tamén se integran algúns compoñentes masculinos.

            De seguido tomou o relevo o Grupo Antorcha, baixo a dirección de María José Baz, formación sempre disposta a colaborar poñendo voz e acordes a calquera acontecemento nos que son convidados.

            Os membros de Anabam depararon unha sorpresa a Manuel Ángel Pombal Diego, Peque, e ao público asistente, ofrecendo unha proxección de fotografías, con algún fragmento de vídeo, seleccionando, en imaxes, distintos momentos e acontecementos como resume do amplo labor que desenvolve o homenaxeado. E tras a proxección, coa presidenta da ACG, Julia Sobrino, e Antón Ferreira, que falaría da vida de Pombal Diego, detrás da mesa, comezou a quenda da palabra.

            Julia Sobrino, comezou a súa intervención coas palabras de Roberto Vidal Bolaño “Non existe un pobo con alma / sin poetas que o canten”, e engadiu que “nin existirían tampouco pobos nos que non haxa persoas que eliminando o que significa o ‘eu’, por riba de calquera cousa, se dediquen ó ‘nós’ “. Salientou os coñecementos dos que se nutre o saber de Peque en distintos campos, e destacou, tamén, “o seu canto de amor a prol da natureza e ó seu pobo é un ‘canto distinto’; é un canto poético porque escoitándoo, de pronto algo que por coñecido é case obviado, escomeza ó instante a coller cor, sentido”.

            A intervención de Antón Ferreira, comezou cunha chispa de humor, para dar un carácter distendido ao acto facendo referencia a recollida de obxectos que Manuel Ángel Pombal recupera nas súas andainas pola costa: “máis de 800 cortizas, máis de 300 boias, uns 3 quilos de chumbo e varios centos de metros de cordas, esperando a ser reutilizados por quen precise estes útiles. Por non citar os máis de 200 pares de chancletas recollidas o pasado ano”.

Acudiu a persoas que o coñecen ben para definir a Peque, como o fan Mariana Landín, Emilio Rolán-Álvarez e Pedro Pablo Gallego, profesores das Universidades de Santiago e de Vigo e amigos de Peque nos tempos de universidade, que din del que é “Falador, sociable, e por riba de todo e ante todo, alegre, sempre tan alegre. É activo en todos os aspectos: Se había festa, alí estaba o Peque, se se planificaba unha viaxe, apuntábase o Peque; se se organizaba unha comida, Peque, e si había que traballar, sempre Peque”.

         Foi repasando as orixes de Manuel Ángel Pombal Diego, nado no barrio de Vilar da parroquia de Pedornes (Oia), sendo os seus pais, Ángel Pombal Alonso (Lito do Eirado) e Delmar Diego Costas (Delmar a do Sobreiro), e o seu irmán, Francisco. Os primeros anos de escola e os centros polos que pasou para formarse academicamente, estiveron presentes na síntese biográfica, feita para a ocasión. Acudiu o presentador da biografía ás referencias de familiares e amigos, para ilustrar distintos acontecementos e anécdotas do homenaxeado, así como recordou as palabras que responsables de distintos colectivos lle dedicaron a Peque valorando o seu compromiso, lealdade, honradez e capacidade de traballo que se concitan en Manuel Ángel.

Calificado como “un activista da cultura; un activista do deporte, das festas no Burgo. Un activista disposto a aportar e a tirar do carro, sen costa que se resistise e animando aos outros a actuar”, fan de Peque, un home especial, querido e respectado; alonxado dunha imaxe estereotipada de profesor universitario alleo ó cotidiá e popular.

       E logo de recordar aqueles colectivos dos que Manuel Ángel Pombal Diego formou, ou forma, parte, rematou Antón Ferreira cunha anécdota máis, contada por Mariana, Emilio e Pedro Pablo quen recordan que “... co seu amigo “O Canario” (Esteban Plata González), foise un día polas aforas de Santiago coa intención de complementar con setas o menú dunha comida. Saltaron o muro dunha leira, e aos poucos minutos os encañonou un paisano cunha escopeta, cargada de sabe Deus que. Pois, nin con esas recuou o Peque, púxose a falar co home, explicándolle quen eran, que facían, e toda a situación pola que decidiran saltar o muro... e claro, ao final o paisano ata lles deixou levarse as setas. E sen un só disparo!”.

            A última actuación musical foi responsabilidade da Banda da Escola de Música de Mougás, baixo a dirección de Luis Giráldez, e da que tamén forman parte Marta e Marcos, fillos do distinguido oiense.

            Rematou o acto entregando distintos recordos aos participantes neste acto, e unha placa conmemorativa a Manuel Ángel Pombal Diego, Peque, cuya entrega cedeu a presidenta da Agrupación Cultural Guardesa ao alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez. Manoli Martínez, esposa de Peque, recibiu, non menos emocionada que Manuel Ángel, un ramo de flores.

            A cada asistente se lle entregou un libriño que recolle a biografía do homenaxeado que asinou exemplares a cantos quixeron ter unha dedicatoria especial de Manuel Ángel.

 

Outra forma de ver as reportaxes: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Proposta gastronómica Enxebre San Telmo

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com