01/03/2013

     

    

Carreira pola Paz

 

Oitocentos nenos e nenas de Tomiño “correron” onte pola paz na Fortaleza de Goián

 

Case 800 nenos e nenas dos centros educativos de primaria e infantil de Tomiño, participaron o xoves, 28 de febreiro, unha carreira solidaria co fin de recadar fondos para o programa “Vacacións en Paz” , polo que cada verán veñen a Galicia e tamén a Tomiño nenos e nenas saharauis.

Os colexios tomiñeses (Barrantes, Pedro Caselles, Goián, Sobrada e Tebra) organizaron esta carreira pola paz, coa colaboración do Concello, da Asociación de Comerciantes (Adeto) e da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

A actividade estaba prevista inicialmente para o pasado 30 de xaneiro, pero tivo que suspenderse por mor da chuvia.

O circuíto preparado, duns 300 metros de lonxitude, transcorreu ao lado da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, habendo outro máis curto para o alumnado de infantil. Antes de cada carreira, o alumnado leu un texto ou poema a favor da paz.

Cada neno o nena fixo o maior número de voltas posible, co que sumou “metros de solidariedade”. En cada volta, os pequenos collían un garavanzo, que logo se sumaban á hora de entregarlles o diploma. Ademais, o alumnado buscou patrocinadores entre familiares,  amigos ou veciños, que se comprometeron a pagar un diñeiro por volta realizada, aínda que a cantidade de diñeiro recadado non se saberá ata o vindeiro 9 de marzo.

Cada participante tiña un carné, onde figuraba o patrocinador e o número de voltas efectuadas.

Ás dez e media da mañá, iniciouse o acto cunha breve presentación e ás 10.40 horas comezaron as carreiras seguindo unha orde preestablecida. Sobre as doce foi o peche do acto coa interpretación dunha canción conxunta (“Fuxan os ventos”, de Celso Emilio Ferreiro, nunha versión do grupo “Irmaus”).

Os pequenos tiveron tamén a oportunidade de coñecer unha “jaima” coma as do Sáhara, que se instalou nas inmediacións do Espazo Fortaleza, para a ocasión.

Os organizadores agradeceron a participación do alumnado e as súas familias, así coma o apoio do Concello de Tomiño, Adeto e demais colaboradores.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Andainas Saudables Eurocidade: presentación

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com