19/11/12

     

    

Polafía no Centro Cultural da Guarda

 

O patrimonio oral convocou a un cento de guardeses no Centro Cultural  na primeira Polafía organizada na comarca

 

            O Centro Cultural da Guarda acolleu o venres, 16 de novembro, unha Polafía (especie de revista falada), coa participación de distintos protagonistas e una afluencia de público que ocupou pouco máis da metade do aforo do salón de actos: algo máis dun cento de persoas que seguiron con verdadeiro interese canto se falou polos convidados.

            Conduciu este acto o director da Radio Municipal de Tui, José Font, e presentouno Antonio Reigosa, da Asociación de Escritores da Lingua, que xunto con Ponte nas Ondas, promoveron a Polafía. Antonio Reigosa referiuse á transmisión do patrimonio por vía oral “dos máis vellos aos máis novos e que logo, aínda que os tempos están mudando neste sentido bastante, debéramos transmitir aos que veñen detrás nosa”.

            O acto abriuno Tino Baz, que puxo voz e son musical a distintas interpretacións e que pecharía tamén este encontro coa transmisión oral. Sobre o escenario, estiveron tamén, en distintas ocasións, as pandereteiras de Xamaraina que arrincan sempre entusiasmados aplausos do público, e subiu tamén ao estrado o recitador lugués Isidro Novo con poemas do arcebispo Lago, Eliseo Alonso e Gómez Alfaro.

            Carmen Baz, redeira de 75 anos, foi a primeira entrevistada por José Font. Lembrou os tempos duros das atadeiras, que é o nome con que se coñece na Guarda ás mulleres que traballan armando e reparando redes. Cunha chispa de humor, “fago 76 anos o día da Lotería, pero nunca me tocou”, foi explicando algúns tipos de redes empregadas na Guarda e as capturas principais a que estaban dedicadas. Utilizou os termos propios do oficio, lembrou os lugares nos que traballaban as mulleres como eran as propias casas e as chabolas, o pouco que se pagaba por un oficio que era a única saída que tiñan as mozas, e fixo unha loubanza ás mulleres con funcións de esposas, nais, economistas e un longo etcétera non sempre –ou case nunca- ben recoñecido.

            Xosé Lois Vilar, subiu de seguido ao escenario para falar, máis que de Talasonimia, da toponimia con breves pinceladas, dado o limitado do tempo, dos nomes de lugares da Serra da Groba e da nosa costa. Coa retranca propia dos galegos, arrincou as gargalladas do público e os aplausos xa desde o comezo da súa intervención na que reclamou o uso do galego como medio de expresión e valorou a memoria dos nosos vellos que son o derradeiro arcás no que se conservan tantos nomes que van camiño de se perder. Os topónimos, dixo, son localizadores, pero tamén descritores da realidade da que recibiron o nome.

            José Benito Rodríguez González, Tito Chirro, foi o terceiro entrevistado por José Font para contarnos as dificultades da vida dos mariñeiros a bordo dos barcos. Corenta anos navegando polo noso mar, pero tamén “polo Pacífico, Índico, Atlántico Norte, Atlántico Sur, África; desde Irlanda do Norte ata Australia”. Mareas de ata catro meses e medio; a falla de vida social, estar alleos ao que sucedía no mundo, as relacións entre os tripulantes e o regreso ao fogar “que era como unha nova lúa de mel”, foron parte dos contidos relatados por Tito Chirro que tamén soubo valorar a enorme responsabilidade que tiñan as mulleres dos mariñeiros.

            Xerardo Santomé, do colectivo Xistra, adiantou que en breve presentará na Guarda o libro sobre as treboadas miñotas titulado  “Treboada Galega” do que é autor. Na súa comparecencia fronte ao público defendeu ao orixe baixomiñota do “bombo de treboada” diferenciándoo “do bombo de ghaiteiro, estreito, cuxa orixe está no século XI coas invasións turcas”. Estas bandas foron tamén as precursoras das bandas militares coa finalidade de amedrentar ao contrario. Explicou noutro momento que a asociación Xistra funciona na actualidade máis con proxectos que facendo música, que xa non é tanto o  obxectivo deste colectivo. Noutro momento explicou o que é, na parte portuguesa, o Zé Pereira “que é un bombo, non é certo que sexa o nome e apelido dunha persoa”.

            María Aurora Botao Pereira falou de “O nascimento da pesca en V.P. de Áncora e o contibuto da Guarda”, desvelando que foron mariñeiros da Guarda os que promoveron esta profesión en vila Praia de Áncora, xa que as comunidades ancorienses estaban vinculadas ao agro. Nun traballo documentado, deu a coñecer as afiliacións dos precursores de V.P. de Áncora, apelidos que foron recoñecidos polos guardeses presentes na sala. “Os habitantes de Vila Praia de Áncora non utilizaban o mar como recurso económico”. En 1825 chega o primeiro mariñeiro, natural da Guarda; Antonio Verde, que dos sete fillos que ten, os dous últimos naceron xa en V.P de Áncora. Outras familias paseniñamente, ata 61, fóronse desprazando cara a Vila Praia de Ácora sendo o maior número delas na década de 1869 a 1879.

            Nos datos aportados por María Aurora Botao Pereira, constátase que, fronte aos ancorenses, as familias da Guarda foron moi prolíficas: entre 1825 e 1924, naceron máis de dez mil descendentes desas familias, calificando a ponente de “cousa extraordinaria” esta natalidade.

            Beli Martínez, do Proxecto Socheo, pechou as comparecencias falando deste proxecto cuxo traballo pódese consultar nunha canle propia en Youtube. Animou a que "todos que teñen material (gravado) nas súas casas nolo acheguen para facer entre todos unha especie de álbum colectivo, un álbum do pobo”, Presentou algúns vídeos coa temática do mar, e proxectou imaxes dunha pelícua dirixida por Carlos Belo, que estaba desaparecida e se atopou hai uns dous anos na filmoteca de Moscú. Rodada nos anos 30 ten algunhas referencias á Guarda.

            O concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, que entregou uns recordos aos organizadores, agradeceulles que elixisen á Guarda para promover a primeira Polafía do Baixo Miño.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Guardeses

en la copa

 Coca-Cola

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com