15/07/2013

     

    

Exposición Xoán Piñeiro

 

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle ata o 1 de setembro a mostra “Xoán Piñeiro. Taller e artista”

 

            Ata o 1 de setembro, de 11 a 14 horas e de 20 a 22 horas, de martes a sábado, e os domingos no horario de mañá, pódese visitar na Casa dos Alonsos, futura sé do concello da Guarda, a mostra antolóxica da obra do escultor afincado en Goián, e finado o 20 de decembro de 1980, en accidente de tráfico, Xoán Piñeiro que se inaugurou o sábado, 13 de xullo, coa participación do Grupo de Clarinetes “Kla-Son” que abriu e pechou os actos.

Antonio Lomba, concelleiro de Cultura que abriu a quenda de intervencións, xustificou a demora dun ano para ofrecer esta retrospectiva, “porque a Cultura tamén sofre os axustes da inestable economía” Recordou experiencias propias coma, en tempos de estudante, “convivín en Vigo cunha obra de Xoán Piñeiro sen sabelo, porque pasaba todos os días por diante da impresionante fachada da igrexa de San Xosé Obreiro, que se atopa detrás da Residencia, do Pirulí”. E agradeceu aos que fixeron posible que durante mes e medio poidamos disfrutar desta exposición: “á familia Piñeiro, que son os herdeiros do legado  de Xoán Piñeiro e a maioría das obras que se espoñen pertecen á familia; á Fundación Xoán Piñeiro, que é responsable de que este legado chegue ata nós; á comisaria da exposición, Cuqui Piñeiro; aos compañeiros do equipo de Goberno, porque o ano pasado esta proposta plantexou moitas dúbidas por cuestións económicas, e foron eles, co alcalde á cabeza, os que máis me animaron para que tirase para diante”.

E rematou Antonio Lomba lendo unhas palabras do recordado escritor Eliseo Alonso, amigo persoal de Xoán Piñeiro, que tralo pasamento do escultor dedicoulle unhas verbas nos que cualificaba ao amigo como “un dos mellores intérpretes da alma galega”.

O alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, comezou dicindo que descoñecía o que ía ofrecer esta mostra “porque Cuqui e a súa xente se empeñaron en rematar esto o máis tarde posible para que non soubésemos que se agochaba aquí. E a min me sorprendeu moi gratamente. Gústame e gústame moito”.

Non quixo repetir os agradecementos das persoas xa citadas polo edil de Cultura, pero mencionou a Antonio Lomba e a xente que con colaborou “porque sen eles esto tampouco sería posible”.

Fixo referencia ás casas grandes das vilas, “que na Guarda podía ter sido hai uns 130 anos, a Casa dos Alonsos, e hoxe volve a ser grande grazas a actos como este que son a continuidade doutros que xa se deron no pasado porque por aquí pasaron Antonio Fernández, Alicia Alonso, Xavier Pousa e agora, Xoán Piñeiro”.

“Non coñecín a Xoán Piñeiro”, dixo despois, “pero si a súa obra porque polos anos 78-79 ao colexio no que impartía docencia chegaron dúas obras: unhas gaivotas e u neno nunha fonte que no colexio lle chamamos ‘o neno mexón’ “ E rematou afirmando que “é unha honra para A Guarda, é unha honra para a Casa dos Alonsos, albergar unha mostra como a que hoxe podemos inaugurar”.

Cuqui Piñeiro expresou a súa “satisfacción por realizar esta mostra: primeiro, polo espazo, que é moi atractivo, o cal tamén me obrigou que pola proximidade xeográfica con Goián, é dicir, co taller do escultor, tratase de facer unha exposición diferente a todas as exposicións, sobre todo as últimas que se fixeron de Xoán Piñeiro, de tipo antolóxico.

“É un pouco pretencioso”, continuou dicindo a filla do escultor, “facer unha exposición de taller e artista e trasladar ese concepto a un espazo expositivo; non creo que o conseguise pero si polo menos intentar de que a alma do escultor, para a xente que non tivo oportunidade de coñecelo persoalmente no seu taller, poida agora dalgunha maneira disfrutalo”.

Tamén asegurou, Cuqui Piñeiro que “foi un verdadeiro pracer traballar co equipo do concello da Guarda”, mencionando, entre outros a Teresa Espejo e a Manuel.

E pechou a quenda de intervencións Camilo Franco, crítico de arte, quen explicou que a mostra está organizada en tres ámbitos que poderíamos definir como de carácter máis privado, pezas cun carácter máis público, e as que teñen unha connotación máis íntima.

Respecto a parte máis pública, Camilo Franco considerou que coloca ao escultor na la da escultura importante do século XX, para engadir noutro momento que o esquematismo que presenta a obra de Xoán Piñeiro noutra das súas etapas, era a forma de preguntarse o artista ‘que é o esencial de nós’, e esto é o que levou a Xoán Piñeiro a facer a figura humana máis sinxela, e as figuras abstractas máis complicadas, supondo a explicación do que sucedeu no século XX” E animou Camilo Franco a visitar esta exposición para repensala e revivila con posterioridade.

  

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Mercado

do Reló celebrado

o 13 de xullo

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com