14/01/2013

     

    

Paletada-laconada de San Amaro

 

Máis de 200 comuneiros citáronse na Paletada-Laconada de San Amaro en Camposancos

 

            Os comuneiros de Camposancos reuníronse, por décimo sexto ano consecutivo, ao redor da mesa na cita anual que lembra a tradición da parroquia con San Amaro, organizada pola Comunidade de Montes da parroquia o 12 de xaneiro

            Preto de 200 comensais participaron na Paletada-Laconada, que xa é unha cita no calendario gastronómico da Guarda, aínda que, como aclara o presidente dos comuneiros, José Luís Savariz Bento (Li) <non é unha festa gastronómica ó uso, senón un agasallo aos comuneiros e un agasallo ós amigos, parentes e afíns aos comuneiros>.

            Entre fogóns, Manuel Alonso Lea de <La Pizzicata>, que leva nove anos ininterrompidos responsabilizándose das exquisiteces deste particular xantar, explica que se empregaron 80 kg de paleta, outros tantos de lacón, 35 kg de chourizos, 300 manoxos de grelos e 80 kg de patacas para preparar o xantar. Quen degustaron estes produtos atoparon primeiro un variado de entrantes: embutidos, croquetas, empanadillas e empanadas e terminaron a cita con rosquillas tradicionais e de hoxaldre, biscoito e roscas, viño doce, café con augardentes e licor café.

            Despois do xantar, e para combater as calorías, houbo sesión discoteca, actuou a treboada <O Tebón dos Xidos> e, ben tarde, pechou este encontro o grupo de pandereteiras Xamaraina, dirixido por Elena Baz.

            A Paletada-Laconada de Sa Amaro tivo a súa primeira cita no ano 1998 no Terreiro de Camposancos. Outro dos seus escenarios foi a antiga fábrica <A Camposina>, ata que se trasladou a un patio exterior do que fose colexio das Xesuítas da Pasaxe e, máis tarde, a unha das dependencias interiores, onde continúa celebrándose.

            Savariz Bento mostrábase satisfeito da resposta dos comuneiros, que tamén manifestaron o seu agrado con este encontro que serve, dicían, <para unir aínda máis os lazos entre os camposinos>. E animaba o presidente aos comuneiros a participar nas asembleas para mellorar o patrimonio da parroquia.

            Aínda que a maioría dos comensais eran de mediana idade, non faltaron os nenos nin os mozos coas súas parellas, demostrando que a Paletada-Laconada é, ademais dunha cita gastronómica, tamén un encontro interxeneracional.

  

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Cena pro Festas de San Roque (octubre 2012)

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com