Presentada no Centro Cultural a “II Mostra
das Tradicións Mariñeiras” que este fin de semana converten o porto en centro de
atracción

O Centro Cultural da Guarda acolleu a
presentación da II Mostra dás Tradicións Mariñeiras, que se celebrarán o sábado,
24, e o domingo, 25, no porto da Guarda.
O acto iniciouse coa proxección dun vídeo no que
mariñeiros da localidade explican algunhas das lendas e supersticións
relacionadas co medio mariño. Ocultar un símbolo relixioso nunha embarcación,
sen que ningún membro da tripulación o saiba; prohibición de mencionar
determinadas palabras a bordo, como “o cura”, traen mala sorte; ou atoparse coa
pluma dun paxaro, foron algunhas das referencias citadas.
A continuación o arqueólogo Xosé Lois Vilar,
referiuse á sabedoría acumulada polos mariñeiros para saír ou regresar a porto,
fiándose en “marcas” e sons, que tamén lles servían para saber cales era as
zonas de pesquería apetecibles. Considerou aos profesionais desta profesión como
sabios en distintas materias: tiñan que coñecer os peixes, os seus hábitas e
hábitos; os tipos de fondos mariños, os ventos. Eran pois, dixo, biólogos,
meteorólogos, xeólogos, e un longo etcétera. Pero tamén dixo que coa tecnoloxía
actual eses coñecementos acumulados e transmitidos durante séculos estanse
perdendo e hoxe un mariñeiro tería dificultades para regresar a porto se se lle
averiase o gps.
Tocou a continuación a quenda dun novo vídeo,
neste caso dedicado ao remo, e máis concretamente ás traíñas, modalidade
deportiva na que este ano comezou a competir o Club de Remo Robaleira. Foi,
precisamente, ao finalizar esta proxección cando o alcalde da Guarda, José
Manuel Domínguez Freitas entregou ao presidente do Robaleira a Bandeira que se
disputará na I Regata de Traíñas Concello da Guarda que se celebrará este fin de
semana no porto guardés.
Tras agradecer esta entrega, Hemelindo Martínez,
directivo do Club de Remo, explicou a decisión de directivos e remeiros por
competir nas traíñas, e coa colaboración doutros clubs de remo, a disposición do
concello e contando co patrocinio de distintas casas comerciais, o club de Remo
Robaleira comezou a competir na Liga Galega, un espectáculo que o sábado e o
domingo estará na Guarda.
O alcalde, Domínguez Freitas, clausurou a
presentación da II Mostra das Tradicións Mariñeiras recordando o éxito da
primeira edición, e animando a estar presentes na segunda Mostra na que, grazas
ao traballo dos concelleiros de Patrimonio, Javier Crespo; de Cultura, Antonio
Lomba, e de Turismo, xunto con colectivos e asociacións da localidade, se
intentará igualar, ou superar a I Mostra, con novas achegas que formaron parte,
nalgúns casos aínda subsisten, da vida local, coma a conserva do peixe,
mantemento das redes e outras novidades que dixo non coñecer porque “eu quero
tamén sorprenderme ao velas”.
Un amplo programa
O paseo marítimo e a nave das atadeiras, serán
algúns dos escenarios das exposicións de embarcacións tradicionais, redes,
maquetas, cabacos, cestería e taxes mariñeiros, que se amplía coa visita ao
Museo do Mar.
Nos obradoiros haberá actividades clásicas, coma
reciclado e macramé, cestería, fabricación de cordas, e outras alternativas,
destacando, como novidades, o cascado da cortiza do salgueiro e o secado de
congro.
Un mercado mariñeiro e unha taberna mariñeira;
música tradicional e de coral, a regata de traíñas, gastronomía e outras
propostas, converterán o porto da Guarda nun espectáculo múltiple e para todos
os gustos este sábado e o domingo.











