23/01/2013

     

    

Solidariedade con Marta en Goián

Reportaxe fotográfica: Jesús Pazo

Informa: concello de Tomiño

  

A solidariedade por Marta desborda o auditorio de Goián

 

O Auditorio de Goián quedouse pequeno para albergar aos centos de persoas que acudiron ao festival de fin de campaña de Marta, a nena de 10 anos, veciña de Goián e con parálise cerebral, que grazas á solidariedade de moita xente de dentro e fora de Tomiño, acadou a axuda necesaria para mercar un andador que lle permite estar de pé e ter unha mellor calidade de vida.

A cita tivo lugar no Auditorio de Goián o domingo, 20 de xaneiro, ás seis da tarde e contou con diversas actuacións. O grupo de música tradicional “Zurrumalla”; Eva Carrera (participante en Operación Triunfo 2006) e José Pérez (participante no concurso Recantos da TVG), foron os encargados de amenizar a tarde de festa, e en calidade de presentadores, os humoristas do grupo rosaleiro “Os Campelos”.

As máis de 350 butacas do auditorio, non foron suficientes para acomodar ao numeroso público, que non quixo perderse o espectáculo de ver a Marta, dominando con facilidade o seu andador sobre o escenario, e entregando os premios correspondentes ás rifas vendidas: as dúas esculturas dos artistas Carlos Fierro e Carlos Fernández, tamén presentes no acto.

O cariño e a admiración espertada por Marta entre os seus veciños e amigos, quedou patente unha vez máis. Entre o público estaban tamén a concelleira de Cultura do Concello de Tomiño, Cristina Martínez; as familias doutros nenos con enfermidades raras e dexenerativas, coma a de Alma, de Vigo, e a propia familia de Marta ao completo.

Emilio Lomba e Flori Fernández, pais de Marta, agradeceron a inmensa colaboración prestada, tanto por particulares coma por institucións, e cualificaron o acto coma “moi bonito, cheo de emoción e bo humor”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

BTT-Chourizada

de San Sebastián

en Oia

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com