21/08/12

     

    

Campionato de España de Maratón

de Piragüismo

Reportaxe: Beti Rey

 

Cinco padeeiros do Club Kaiak competirán no Mundial de Roma

 

Magnífico espectáculo deportivo o que se puido disfrutar en Tui o 18 e 19 de agosto co Campionato de España de Maratón de piragüismo. A organización por parte do Club Kayak Tudense, co apoio do Concello de Tui, foi excelente demostrando que están a alto nivel non só en competición senón tamén en organización.

A competición comezaba o sábado ás nove da mañá na categoría de veteranos que foron os primeiros en completar o circuíto establecido entre a vella ponte internacional e a desembocadura do río Louro. Con eles puidemos comprobar xa a espectacularidade e dureza do porteo de case 200 metros. Entre os participantes estaba o medallista olímpico tudense Enrique Míguez que sumou unha nova medalla de ouro ao seu longo currículo.

A partir das 11.30 foi a quenda para as embarcacións k1 e c1 nas categorías senior e sub 23. Impresionante a saída coa ponte internacional coma telón de fondo, e os padeeiros imprimindo xa velocidade nas primeiras paladas. En función da categoría tiñan que dar entre 5 e 7 volta ao circuíto. O público moi numeroso tanto nas gradas como na zona do porteo viviu con emoción o desenvolvemento da proba e a actuación dos padeeiros tudenses cada vez que se achegaban ata terra.

Impresionante foi a actuación de Iván Alonso do Kayak Tudense en k1 senior nunha regata de 30,1 km que dominou de principio a fin con gran comodidade. A súa actuación foi espectacular tanto na auga coma nos porteos e fíxose cunha máis que merecida victoria e por tanto Campionato de España. Amais isto dalle o pasaporte para estar o próximo mes de setembro competindo no Campionato do Mundo en Roma, que era o seu gran obxectivo.

Porén o día deixou un sabor agridoce, porque o seu compañeiro de club Manuel Garrido en k1 senior non poido conseguir o pase a Roma e quedouse coa medalla de bronce no Campionato de España.  Manu estivo aguantando o tirón regata ata o cuarto porteo cando un pequeno resbalón permitiu aos seus rivais Tono Campos e David Mosquera, os dous do club Ría de Betanzos, coller certa vantaxe. Pese ao seu esforzo e ao animo que recibiu do público Manu Garrido xa non foi quen de volver situarse en cabeza e viu como se escapou a posibilidade de ir ao Mundial, que era o seu gran obxectivo para esta temporada logo de ser tres veces Campión do Mundo en c1 sub23. É moi novo e ten por diante aínda unha longa carreira.

Pola tarde o campionato continuou nas categorías inferiores.

Xa o domingo a competición volvía comezar ás nove da mañá esta vez para embarcacións dobres.  O máis espectacular chegou de novo a partir das 11.30h. En k2 senior Iván Alonso volveu a competir xunto a Emilio Merchan que sufría unha lesión no xemelgo. A potencia destes deportistas de k2 se poido ver dende o xuíz árbitro deu a saída. No primeiro porteo chegaron aínda todas as embarcacións moi xuntas, e aí se puido ver xa a Emilio Merchán coxeando de forma importante, polo que se abría a incógnita de como ía a aguantar seis porteos máis. A súa capacidade de sufrimento foi impresionante e xunto Iván Alonso conseguiron estar sempre en postos de cabeza, chegando ao último porteo xa só dúas embarcacións á cabeza, a deles e a Walter Bouzán e Álvaro Fernández Fiuza. Aquí a carreira do porteo de Iván e Emilio foi incrible xa que chegaron a sacar máis de dous metros aos seus competidores, pero ao baixar a rampa do porteo Merchán non aguantou máis o pé e case voou un par de metros ata caer  no barro, volveron a subir a embarcación, e disputaron os últimos metros con sprint incluído ata a meta. Finalmente foron segundos, medalla de prata no Campionato de España, e por tanto praza para o Mundial de Roma, o seu gran obxectivo.

O espectáculo continuaba na auga co k2 dama senior na que as tudenses Ana Varela e Carla Pérez foron nas primeiras voltas clasificadas en terceira posición, unha lesión dunha das palistas da segunda embarcación, permitiulles remontar un posto nunha dura regata. Elas foron tamén medalla de prata e por tanto estarán tamén en Roma en setembro.

No c2 senior a regata foi comandada por Manuel Antonio Campos e Jose Manuel Sánchez do Ría de Betanzos e Óscar Graña e Ramón Ferro do Kayak Tudense. Nun primeiro momento outra embarcación local a dos xemelgos Daniel e David Costa Bouzada loito por estar neses postos de cabeza, pero foron arrinconados primeiro contra os k2 dama e logo contra terra o que lles impediu poder seguir o ritmo dos dous primeiros. Aínda así mantiveron o terceiro posto levándose a medalla de bronce, aínda que non conseguiron o seu obxectivo de estar no Mundial en Roma. Por diante teñen tamén unha longa carreira.

O balance total é de cinco membros do Kayak Tudense que estarán presente no Mundial de Roma o 22 e 23 de setembro.

O bo desenvolvemento do Campionato de España en Tui demostrou que o río Miño conta aquí coas condicións idóneas para unha competición deste nivel, e tamén que hai a capacidade organizativa para levala a cabo. Por iso quizais no futuro se loite por ter en Tui un Campionato de Europa ou un Mundial.

 

Outra forma de ver a reportaxe; premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

III Trofeo Festas de San Roque: Guardés, Miño, Bogavante

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com