30/07/12

     

    

Manifestación a prol do San Xerome

 

“Se a Xunta non paga, San Xerome pecha!”, chamamento do centro de discapacitados da Guarda na manifestación do sábado

 

            Máis de trescentos guardeses, e tamén algúns asiduos visitantes á Guarda que coñecen o labor que desenvolve o Centro San Xerome, que acolle a discapacitados psíquicos, participaron o sábado, 28 de xullo, na manifestación, que ás once da mañá, saíu deste colexio para percorrer un curto traxecto até a Alameda da Guarda, apenas, 300 metros, que se percorreron en algo máis de media hora debido a que os manifestantes ían realizando paradas cada poucos metros.

            A megafonía convidaba a participar neste percorrido para reclamar á Xunta de Galicia o pago da débeda que ten contraída co San Xerome abocado ao peche se non se reciben eses cartos. “Se a Xunta non paga, San Xerome pecha!”, era a principal mensaxe que saía dos altofalantes. E é que o ente autonómico debe 130.250 euros que, explican desde este colectivo. “afogan o día a día de 120 persoas con discapacidade e ás súas familias”.

            Unha pancarta coa lenda “Nós non temos que pagar a crise”, encabezaba a manifestación. Detrás, usuarios do San Xerome, pais e directivos e máis pancartas. Entre os manifestantes atopábase o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, e concelleiros do grupo de Goberno e do BNG. Precedendo a todos, un vehículo do centro de discapacitados conducido por un dos pais dos nenos acollidos no San Xerome.

            “Se isto non se amaña, leña, leña, leña” e “Se isto non arránxase, guerra, guerra, guerra”, foron as principais consignas coreadas nun discorrer pacífico que contou coa solidariedade dos que, aínda sen sumarse, vían pasar desde as beirarrúas e xanelas a manifestación. Unha nai manifestaba a súa preocupación se pechaba o colexio “porque aquí teñen esa oportunidade que nós non podemos, nin sabemos, darlles”. E é que o centro atende a usuarios de diferentes idades, pero tambíen, a través de empresas, coma a de xardinaría, lograron traballo para un colectivo que aínda ten difícil a integración e atopar un posto laboral, a pesar do moito que desde este centro leva andado, nunha sociedade onde a escaleira da igualdade de oportunidades, aínda ten moitos chanzos.

            Na Alameda da Guarda, Martínez Tato, membro da Xunta Directiva, agradeceu o apoio dos guardeses ás reivindicacións do San Xerome, e lembrou que o centro leva 30 anos de funcionamento, sendo un referente en Galicia. Asegurou que é moi duro que, se pecha o centro, un neno teña que irse para casa, porque sufirá el e a súa familia as consecuencias da falta de pagamento da Xunta á que criticou que “non nos chamase ninguén desta institución”, para arremeter noutro momento que para pagar “a Feijoo ou ao rei si hai diñeiros”. E finalizou dicindo que é unha vergoña que teñan que andar pedindo para comer ou facer os pagos que deben asumir a Xunta.

            Os manifestantes, aínda en número maior, regresaron ao Centro San Xerome, onde os participantes disolvéronse coa dúbida de que pasará a partir de agora.

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Travesía

a nado do porto

da Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com