07/05/2013

     

    

Logo Eurocidade

Reportaxe: Beti Rey

 

A Eurocidade Tui-Valença xa conta co seu logotipo

O equipo portugués formado por Fernando Lima e Marina Abreu foi o gañador do concurso convocado pola Eurocidade Tui-Valença para elixir o seu logotipo. Do total de 17 traballos presentados ao certame o xurado elixiu o realizado por estes dous deseñadores que recibirán coma premio 1.000 euros.

A presentación do logotipo tivo lugar onte ao mediodía na Biblioteca de Valença a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, e os propios deseñadores.

Fernando Lima explicou que na realización deste logotipo centráronse nos principios intrínsecos do proxecto de Eurocidade, tomando os dous territorios como punto de partida, coa unión e inserción que existe entre ambos. Quixeron amais plasmar os valores de cooperación, amizade, solidariedade... Tamén reflectiron o entrelazado da vella ponte internacional como elemento de unión e o río que une e non separa.  As cores – azul e verde – representan a paisaxe do río e do territorio e da Unión Europea.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, cualificou a imaxe elixida para representa a Eurocidade de dinámica, activa, viva...con elementos imprescindibles para a unión. E tamén resaltou as aplicacións da imaxe corporativa que foron presentadas esta mañá sobre elementos como camisetas, mochilas ou gorras. Agarda, o rexedor tudense, que este logotipo sexa tamén ben acollido pola poboación.

Por outra parte Moisés Rodríguez sinalou que o proxecto de Eurocidade ten proxectos en común que teñen que seguir defendendo para solucionar problemas da cidadanía como os transportes ou a telefonía.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, aludía tamén á construción que se vai realizado da Eurocidade, apuntando que “debe anticiparse as realidades que acontecen en Europa” ao tempo que debe “aproveitar as sinexías comúns das dúas cidades”. Afirma amais o presidente valenciano que “os resultados comezan a ser notables”, indicando que ten maior visibilidade a Eurocidade que Tui e Valença por separado. 

Avanzou amais Jorge Salgueiro Mendes que están preparando a creación dunha axencia da Eurocidade que traballará con funcionarios dos dous municipios e contará co seu propio orzamento. Indicaba que “hai que construír novas pontes para as poboacións de Tui e de Valença, novas esperanzas de futuro e maior calidade de vida”.

Concluía o presidente valenciano amosando a súa esperanza en que do cumio Hispano-Luso do próximo luns, 13 de maio, en Madrid, saian conclusións que sexan positivas para a Eurocidade en temas como o do transporte.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Andaina

á Illa de Ons

do 4 de maio

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com