20/03/2015

     

    

Ruta do Pincho da Lamprea

 

Ruta do Pincho da Lamprea do Miño 2015 do sábado 28 de marzo ó domingo 5 de abril na Guarda

 

Organizada polos viveiristas e pescadores do Miño da Guarda, co patrocinio do concello e a participación de 19 restaurantes e bares, A Guarda celebrará do 28 de marzo ao 5 de abril a “Ruta do Pincho da Lamprea do Miño”, unha iniciativa presentada a carón do Miño, na Pasaxe, e que xurdiu en 2014 da inquietude dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar a lamprea do Miño entre o público como un pincho a un prezo alcanzable.

En 2014 servíronse máis de 2.500 pinchos, escollendo a maioría dos establecementos a elaboración tradicional da lamprea, a bordalesa, é dicir, cociñada no seu sangue e servida con arroz branco e pan tostado. Aínda que houbo novas receitas que sorprenderon polo sabor e presentación.

Durante nove días, e coincidindo coa celebración da Semana Santa, poderase degustar o pincho da lamprea do Miño de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas, a un prezo único de 2 euros.

Cada restaurador ten liberdade na creación da súa proposta, e para fomentar a súa calidade organízase o Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño que será escollido polos participantes puntuando cada pincho nunha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta e que lles dará opción o 8 de abril, a participar nun sorteo, entregándose os premios o día 11: primeiro premio unha caixa de 6 botellas de viño Albariño e cinco premios dunha caixa de 6 botellas de viño do Ribeiro. Tamén o venres 11 o establecemento co mellor pincho recibirá o seu diploma como recoñecemento a súa achega o bo facer na ruta organizada. Ademais de coñecer as valoracións dos restaurantes, as papeletas permitirán saber que número aproximado de pinchos se serviron.

            No acto de presentación, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, cualificou a lamprea de producto de excelencia, e lembrou os dous ríos lampreeiros: o Ulla e o Miño, e recoñeceu que a restauración guardesa puxo en moi alto valor gastronómico este producto logo de celebrar en 2014 a primeira edición da Ruta do Pincho da Lamprea do Miño.

O alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, salientou que se se fai unha segunda edición, e polo éxito acadado na primeira. Referiuse a que o pincho posibilita que moitos máis poidan degustar a lamprea, pois non a todos os membros dunha familia lles gusta, de modo que en ocasións non era posible degustala ao servirse en ración completa.

            Ramón Verde Rodríguez, do establecemento “Marbella”, explicou a preparación que levou ao acto de presentación en dúas modalidades: a bordalesa e en empanada. Considerou que hai que promocionar máis o seu consumo, e valorou positivamente o compromiso dos restaurantes, vivieristas e concello para promover a Ruta.

            Dous viveiristas acompañaron o acto de presentación: “Lampreas del Miño, Chiño” e “Casa Mercedes”, falando en nome deles Ana Karina Rodríguez que  valorou  a colaboración do concello e dos restaurantes, así como a pretensión da ruta: “dar a coñecer a preparación da lamprea de distintas formas”.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer nas imaxes

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Antorcha na Residencia San Termol de Tui

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2015

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com