06/07/2013

     

    

XXIII Festa da Lagosta

 

Co pregón en clave de humor de “Fulano, Citano e Mengano” A Guarda inaugurou a XXIII Festa da Lagosta

 

            A Guarda inaugurou o venres, 5 de xullo, nunha xornada de excepcionais temperaturas que rondaban os 30 graos, a XXIII Festa da Lagosta, cun acto celebrado na Praza do Reló, precedido pola actuación, magnífica actuación, do “Quinteto Son Real” de música cubana.

            Presentado por Manuel Santos, os pregoeiros, “Fulano, Citano e Mengano”, elaboraron unha intervención vinculada á Guarda e á comarca, na que valorizando os intereses que concitan esta festa gastronómica, con referencias tamén as parroquias, o Miño, os concello veciños e as xentes, en clave de humor, e recurrindo tamén á historia desta localidade en versión “sui generis”.

            Non defraudaron se facemos caso dos aplausos que se prodigaron e as gargalladas que en determinadas intervencións soaron na Praza do Reló.

            Antes de que o trío de comediantes-humoristas saísen ó balcón da Consistorial, foi o alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, o que deu a benvida ao público, entre o que se atopaban os concelleiros de todos os partidos con representación municipal, membros de distintos colectivos da localidade, e alcaldes dos concellos do Rosal e Oia.

            “A festa”, dixo o rexedor, “non sería posible sen a suma dos esforzos de varios axentes”, mencionando á concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, o persoal de obras, servizos e Policía Local, para engadir entre os que fan posible este encontro “ós restauradores que aportarán os trinta pratos distintos que se van ofertar; unha confetería e unha adega” e con eles “os milleiros de persoas das mái variada precedencia que estarán con nós estes tres días”.

            Recurriu á paisaxe, ó Trega, as praias e a prehistoria,  entre outros valores que ofrece a Guarda, que ten tamén unha exquisita gastronomía froito dos peixes e mariscos “tan ben cociñados polos nosos restauradores”. “Esta festa”, dixo noutro momento, “pretende ser un escaparate dese bo quefacer, un agasallo ós nosos pescadores e restauradores”.

            Recordou a presentación da Festa da Lagosta en Braga, cidade que dispensou unha excelente acollida á delegación guardesa.

            E lembrou tamén algunhas das distincións das que fai gala esta loclaidade como as bandeiras azuis das praias de Area Grande e O Muíño “ou a nova distinción outorgada por ADEAC: o Sendeiro Azul, que une as praias citadas”.

            As Festas, como a próxima celebración das Tradicións Mariñeiras ou as do Monte, que chega ó seu Centenario, tamén estiveron no discurso de Domínguez Freitas.

            Rematou o acto na Praza do Reló impoñendo o alcalde a Lagosta de ouro, en formato ‘pin’, á compañía “Fulano, Citano e Mengano”.

            A comitiva oficial desprazouse a continuación ó porto, onde os representantes e convidados visitaron os distintos stands baixo a carpa que acolle esta festa gastronómica e onde, formando parte da programación da xornada inaugural, “Fulano, Citano e Mengano” ofreceron un espectáculo teatral.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Presentación

da Ruta Máxica

de Oia

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com