20/01/14

     

    

Paletada-Laconada de San Amaro

  

O lacón e a paleta reinaron nas mesas na primeira festa gastronómica da Guarda organizada polos comuneiros de Camposancos

 

            Uns 230 comensais acudiron, o sábado 18 de xaneiro, á cita anual da Comunidade de Montes de Camposancos que celebrou a Paletada-Laconada de San Amaro, que alcanza a súa dezasete edición, un encontro gastronómico co que, ademais de reunir aos comuneiros nesta cita veciñal, tamén é unha forma de recuperar a tradición da parroquia con motivo da festividade de San Mauro, cando as familias se reunían arredor da mesa e degustaban os saborosos produtos porcinos que se reservaban para esta ocasión. Non foi obstáculo a choiva para que a Treboada Camposina realizase o seu habitual pasarrúas recodando aos veciños esta festa gastronómica coa que se abre o ano culinario da Guarda.

            José Luís Savariz, presidente da Comunidade de Montes de Camposancos, manifestaba unha vez máis a súa satisfacción pola resposta dos comuneiros e polo magnífico ambiente vivido compartido por veciños de todas as idades, desde os máis pequenos até os maiores da parroquia.

            A degustación estivo servida, por noveno ano, pola Pizzicata, restaurante da Guarda rexido por Manuel Alonso Leal, quen explicaba que na degustación ademais de entrantes a base de empanada de atún e carne, embutidos, mexillóns á vinagreta, empanadillas e croquetas, entre outros produtos, precisáronse 70 kg de patacas, 200 feixes de verzas, 35 kg de chourizos, 75 kg de paleta e 60 de lacón.

            Rosca, rosquillas e boleardos, licores e cafés ou infusións, completaron un saboroso e abundante menú que fixo, unha vez máis, as delicias dos padais. A “xuntanza” dos comuneiros finalizou co serán do grupo Xamaraina, dirixido por Elena Baz que, un ano máis, puxo broche final a este encontro singular.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer nas imaxes

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Conferencia  traballos arqueolóxicos en Santa Cruz

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2013

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com