13/11/2013

     

    

Guía turística da Eurocidade

Reportaxe: Beti Rey

 

 

O libro  da Eurocidade é un novo paso no camiño conxunto iniciado por Tui e Valença

A Eurocidade Tui-Valença conta coa primeira publicación conxunta baixo o título de “Dúas cidades, tres linguas e dous pobos, unidos por un río, unha emoción e unha vontade”. Ao longo de 90 páxinas, nas que as fotografías teñen gran protagonismo, recóllese o marco xeográfico, histórico, rutas de arte e patrimonio, o camiño de Santiago, a cultura popular, a natureza e a axenda da Eurocidade. Complétase cos mensaxes institucionais. Os textos están en galego e portugués, e ao final do libro pódense consultar tamén en castelán e inglés. Tamén aparece unha relación completa das fotografías coas coordenadas GPS onde se tomaron.

A presentación do libro tivo lugar na Pousada de San Teotonio en Valença coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, e do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez. No acto déronse cita amais numerosas autoridades da Eurorexión.

Para comezar o acto, e tras as palabras do autor das fotografias, Gus Abreu, proxectouse un vídeo no que se recollen 62 das 85 fotografías que aparecen no libro.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, salientou que o libro “retrata a realidade da Eurocidade e pretende abrir novas oportunidades”. Engadía o presidente valenciano que “esta é unha valiosa contribución para darnos a coñecer mellor ao mundo”. Salientaba así que este libro É “un marco no camiño da construción deste ambicioso proxecto” en relación a Eurocidade.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou que coa presentación desta publicación “hoxe completamos outra etapa”. Reflexionaba o mandatario sobre factor estratéxico que é o turismo no progreso da Eurocidade. Nese senso explicou que Tui-Valença conforman “un destino turístico de primeira dimensión, cunha oferta patrimonial, comercial e de paisaxe natural certamente de grande atractivo”. Engadía que o libro “é unha auténtica carta de presentación da nosa oferta turística, das posibilidades que ofrece o noso legado cultural e natural… pero é tamén un acicate para o noso traballo, pois cómpre avanzar na posta en valor destes recursos, nun labor colectivo no que precisamos a implicación de todos os axentes sociais, tanto públicos como privados”. Concluía indicando que esta publicación é “un novo fito do camiño de construción da Eurocidade e especialmente na súa proxección exterior na procura de novos visitantes, de novos investimentos, que redunden no desenvolvemento harmónico dos nosos municipios”.

Por último o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que “a Eurocidade Tui-Valença é un exemplo de cooperación que permite racionalizar os investimentos e priorizar o gasto, o que redunda nunha xestión máis cohesionada e racional do territorio e nunha oferta de servizos de maior calidade para os máis de 30.000 cidadáns que residen nesta zona”. Aludiu tamén na súa intervención ao novo marco orzamentario da UE 2014-2020 no que candidaturas conxuntas de programas e proxectos europeos, abren  novas oportunidades.

O acto rematou coa interpretación da Suite Compostelana de Mompou por parte do músico tudense Samuel Diz.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Magosto socialista na Alameda da Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com